xoves, 27 de marzo de 2014

Banda deseñada: Engurras, de Paco Roca

Hoxe abrimos unha nova fiestra dedicada á Banda deseñada, na que os creadores galegos actuais están a ter unha relevancia importante.

ENGURRAS, de Paco Roca.
Engurras narra a historia de Emilio, ex-director dun banco, un ancián enviado a unha residencia pola súa familia. Nela, terá que botar unha loita contra a vellez, que finalmente non consegue gañar.

Francisco Martínez Roca, maís coñecido como Paco Roca, é un historietista valencián, autor de obras coma O inverno do debuxante e a novela que nos ocupa, Engurras. Esta última foi a súa aventura máis exitosa, chegando a ser adaptada ao cine e conseguindo o Premio Goia 2011 ao Mellor guión adaptado e ao Mellor filme de animación. A propia novela posúe numerosos premios, coma o Premio Nacional do Cómic 2008 ou o Premio Dolmen á mellor obra española.
En Engurras amósasenos a adaptación de Emilio á vida dun xeriátrico, xunto co seu compañeiro de cuarto, un egoísta cleptómano chamado Miguel, quen disfruta da vida na residencia, aproveitándose dos outros vellos.
Aparenta que cada vello representa un cliché da ancianidade ou unha enfermidade mental: Xoán só repite o que óe; Sol olvídase do que está a facer; Rosario cre que ten vinte anos e que está nun tren a Istambul... O autor xoga con estas historias, xerando situacións graciosas, coma con Carmiña, que evita quedarse soa porque cree que lle atacarían os marciáns.
Sen embargo, o verdadeiro punto de inflexión da historia é cando Emilio descobre que padece Alzheimer. A partir dese momento, os seus amigos téimanse en frear a acción da enfermidade. Miguel acompañará a Emilio á biblioteca para que practique a súa memoria, debuxará tarxetas para que recorde os nomes.... Estas accións cambian, pouco a pouco a Miguel, que abandoa a súa anterior actitude e convértese nunha persoa moito máis empática.
Engurras é, na miña opinión, unha novela non só limitada a persoas interesadas no Alzheimer. O seu encanto radica en que trata algo tan duro como é esta enfermidade con humor, sen fatalismos. Pese a este ton humorístico, hai espazo para as escenas máis emotivas, relacionadas co avance da enfermidade
Noutros aspectos non se queda atrás; as personaxes están estupendamente caracterizadas, mais destaca Miguel entre todos eles: sen darnos a coñecer a súa vida, o autor consegue que o comprendamos axiña, o que fai aínda máis sorprendente o seu cambio de actitude cara ó final. Pola parte gráfica, salienta a expresividade dos rostros e o ben que trasmiten os ambientes a sensación predominante nos distintos escenarios.
En resumo, éste resultou ser un cómic ben pensado e levado a cabo, cunha intrigante historia acerca dun dos temas máis preocupantes na actualidade como é o Alzheimer. Tamén da un novo punto de vista sobre esta realidade, dende a mira dos que a sufren.
Antón Tembrás López, 1º Bacharelato
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

1 comentario:

  1. Esta moi ben o traballo Antón, felicidades. Un dia farei un oco para ver esta pelicula, xa que non se ven todos os dias peliculas de debuxos animados feitas por galegos!
    Un saúdo.

    ResponderEliminar