VISITANDO
MADRID
(Balconada da Residencia de Estudantes. Foto de Charo Soto)
Pasamos a
derradeira fin de semana de xullo en Madrid, onde temos un fillo traballando. O
tempo foi bo compañeiro, non fixo unha calor desas insufribles. Paseábase ben. Na
mañá do sábado quixemos visitar a Residencia de Estudantes, a residencia que
nace ao abeiro ideolóxico da Institución Libre de Enseñanza –fundada en 1876- e
onde estiveran vivindo aqueles grandes poetas, cineastas, artistas da pintura,
artistas no sentido completo, pleno da palabra.
A Residencia, que celebrou o seu centenario no 2010, está situada na que
se chamou (non sei se se segue chamando)
Colina de los chopos (miña nai
diría dos choplos: en calquera caso é
un microtopónimo delicioso, trae consigo un airiño tradicional, moi do gusto do
neopopulismo de Lorca e Alberti, De los
álamos vengo, maadre...). Con tan boa sorte que había unha exposición sobre
a presenza de Federico García Lorca nesa institución. Non se podían facer
fotos, pero puiden tomar algún apuntamento. Moi mínimo e moi fragmentario. Pero
évos o que hai.
Había por exemplo, moitos autógrafos do poeta
granadino. Un era un poemiña oriental canto á forma (un hai-kai) dedicado á súa nai, asinado en 1921.
Sea para
ti / mi corazón / la luna sobre el agua / y el cerezo /
en flor
Leo que Buñuel
funda unha orde da que el se autoproclama Comendador, a Orde de Toledo, no ano 23, e di nunha carta que entre os
membros está Ernestina González, di dela que é muy exaltada e que fora discípula de Unamuno en Salamanca.
Salta á vista que o
grupo no que se movía Federico era unha cuadrilla divertida, polifacética, á
busca e procura de actividades culturais de todo tipo, moi unidos, unha desas
efemérides do destino, xuntarse así nunha amizade certa e fonda tanta boa xente
(a min este pensamento faime relembrar as palabras da miña amiga María José a
propósito do grupo coruñés de amigos onde están tanto o seu fillo como o meu: Dáste de conta do privilexiados que son
mantendo unha relación de amizade que naceu xa no Instituto?). Eran tamén
iconoclastas, irrespectuosos, rexoubeiros: mirade este escrito: Suntuosa Leonarda... Concha y loto a la vez
viene tu culo / católico, apostólico
y romano.
(Fotos, todas agás a primeira, tomadas de Internet)
Cielo de
Claudio Lorena... Visiten a la Macarena (carta de Lorca a José Bello, no epígrafe
figura Tardecilla del Jueves Santo
subliñado, ano 1924).
En xullo do 25 aparece
datado un bosquexo dunha pequena obra teatral titulada El paseo de Buster Keaton. Está claro que amaban o cine...
(O título da exposición, "Una habitación propia", está tomado do título do famoso ensaio - A Room of Ones' Own- de Virxinia Woolf, cando fora convidada a dar unhas conferencias sobre a muller na literatura inglesa nun colexio feminino pioneiro na Universidade de Cambridge, no ano 1928)
Dalí escríbelle á
nai no 25, acompañan as letras un debuxo, unha escena de rejoneo –cabalo con xinete e touro - con bandeira española á marxe.
Despídese dicindo: Con toda la ternura de
su hijito Dalí (vedes que hai nais afortunadas). En carta tamén de Dalí a
Federico nese mesmo mes de Santiago do 25 aparecen frases algo enigmáticas,
mais dun indiscutible engado: en la pared
blanqueada ha florecido este año la Divina Pastora de Cadaqués [será unha
planta, unha flor?]. Máis adiante dille: me
preocupa mucho la construcción y arquitectura del paisaje.
Vemos un recibo de
305 pesetas pola venda de 30 libros de Libro
de Poemas de Lorca, datado en outubro do 31. Hai palabras eloxiosas de
Lorca para o editor, León Sánchez Cuesta, a quen denomina el gran librero español.
Vemos unha foto de La Argentinita, Encarna López Júlvez,
dedicada a Federico.
Somos conscientes
do seu clasicismo, tamén, como unha importante faceta máis da súa riquísima
personalidade. Representaban con luxo de escenografía a Calderón, representaron
entremeses de Cervantes...
Pechamos esta breve
nota de agosto con algunhas das mulleres que participaron no proxecto de La Barraca: entre parénteses algúns dos
comentarios lorquianos sobre elas:
Carmen Teller
Carmen Merino
María Fernández de
Santos (apta para papel cómico de
pizpireta)
Mª Teresa de
Azcárate
Margarita de Miguel
(voz infantil ingenua)
Pilar Nadal (voz deliciosa de niña).
Xa seguiremos outro
día con máis mulleres da Residencia de
Señoritas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario