COLMEIRO
(Manuel Colmeiro, un dos grandes renovadores da pintura galega; foto tomada de Internet)
("Lavandeiras". As fotos da obra do pintor dezao están tomadas de Internet)
Como vos prometera, un par de breves pinceladas
sobre a vinculación do pintor Manuel Colmeiro á terra de Trasdeza.
(San Fiz de Margaride: Torre baixo medieval, coñecida como Torre da Costela. Nela dáse un dos moitos paradoxos que salfiren as páxinas do libro de Galicia. Aos paisanos das casas particulares esíxenlles, por seren precisamente veciños da Torre, cumprir a lei para seren respectuosos co Patrimonio do país, pero aos propietarios desta xoia gótica permitíronlles mostras dun feísmo incualificable)
Aí atrás, un
domingo de agosto, con sol, collimos o coche e fomos ata Margaride (é este un
topónimo que sempre nos pareceu atractivo: en tempos incluso pensamos na
posibilidade de termos aí unha raíz emparentada coa de Madrid, quizais atraídos
pola presenza do fonema gutural, /g/, que
tanto aparece nas variantes árabes do topónimo, e que tamén seducira a Menéndez
Pidal [Mag-, en *Magetorito]; á parte
do Margaride dezao, hai outro en Lugo, en Quintá do Lor. Nicandro Ares Vázquez remite hipoteticamente
ao xinecónimo Margarita, mentres que Piel opta polo antropónimo Margaritus,
tamén menta N. Ares o portugués Margariti,
en documentos do 1021, Margaridi,
1059, Margaride, 1258; en: Estudos de toponimia galega). O nome
completo do Margaride pontevedrés é San Fiz de Margaride. O lugar non pode ser
máis fermoso, fértil, ricaz en verdes. Visitamos primeiro a torre medieval e
logo camiñamos ao chou, na procura de alguén que nos soubese indicar cal era a
casa de Colmeiro.
(Colmeiro sempre estivo unido a Galicia e ao galeguismo: aquí vemos unha pequena homenaxe que lle fai Isaac Díaz Pardo, ao integralo, xunto con outros grandes galegos, na árbore das lembranzas; R. Dieste escribiu textos para libros coa súa obra; a editorial 'Botella al mar' que fundara en América Seoane edita parte da súa obra pictórica etc.)
Sempre hai que contar coa man amiga dalgunha persoa ben
disposta. Neste caso quixo a boa fada que topásemos con Lucía Iglesias. Fixémolos,
a ela e mais ao seu pai, José, erguerse da mesa en que parolaban facendo tempo
para o xantar, na cómoda eira diante da casa. Lucía díxonos que Colmeiro
pintara, entre outros veciños da aldea, a súa nai cando estaban na malla. Do millo?, preguntei eu facendo patente
unha certa confusión (entre malla e sega). Do pan. Do centeo, atallou rápido o señor Iglesias. Pero non era a túa nai, engadiu. Entón era a avoa? Aí discreparon uns
intres, inda que Lucía tiña claro que unha muller da familia foi pintada polo
insigne artista. E onde estará ese cadro
agora? Preguntei. Queimouno Colmeiro,
dixo o pai. E a filla replicou: Que ía
queimar! Conservouno, sabe Deus en que museo estará. Case que lle damos
creto a Lucía. Ora ben: o pai era fiable cando nos asegurou que a casa chamada
de Colmeiro era a casa onde o pintor viviu grande parte da súa vida, pero que
non é a casa onde el se criou. Esoutra casa tamén nola indicaron e fómola ver. Criouse durante uns anos coa señora Jovita,
creo que se chamaba. Buscando a posteriori datos biográficos de Colmeiro,
comprobamos que o que José Iglesias contaba é verosímil: os pais do pintor
estaban en Buenos Aires, se non erra a memoria do lido, e logo chamaron polo
neno, que estaba aí, en Margaride.
(San Fiz de Margaride: a chamada Casa de Colmeiro, propiedade do pintor, espazo amado onde pasou moito tempo a partir dos anos 50 do século pasado; agora está á venda)
(Casa onde -se damos creto aos nosos informantes- o pequeno Manuel se criaría coa señora Jovita. Serían tres anos da súa vida, calculamos nós lendo a súa biografía: con trece anos xa foi chamado polos pais e viaxa a Buenos Aires. Colmeiro non naceu en Margaride, senón en Chapa, o histórico lugar de Trasdeza. Esta casa agora é de turismo rural)
Xa nos despediamos
dos nosos amables informantes, cando Lucía nos dixo que podiamos ir ver o seu
sartego, na igrexa da parroquia e que era doado de identificar pola frase que o
adorna: Pinté y amé a mi pueblo. Non
está mal como epitafio! Pintei e amei o
meu pobo... Nada mal. Pouco máis se pode dicir. Si, se me permitides un
comentario persoal: unha das miñas mellores amigas, Leonides, pintora non
profesional, tamén ama a Colmeiro. Desde
sempre (des que os nosos fillos trabaran amizade no Colexio ‘Eusebio da Guarda’)
téñolle oído palabras de admiración por el.
(Igrexa parroquial de San Fiz de Margaride, diócese de Lugo; administrativamente, Margaride pertence ao Concello de Silleda, Pontevedra)
Ningún comentario:
Publicar un comentario