BUSCANDO PALABRAS
(Foto tomada de Internet)
Iniciamos o mes de
setembro, un mes doce e se cadra algo saudadoso, de final de verán. Volvemos
unha vez máis ás palabras sedutoras, que entrañan enigmas ou que resultan
curiosas á hora de ver étimo e interrelacións. Para non abusar, limitamos xa agora
o número. Trataremos tres casos.
1ª. DARLLE FERRO A FONDO.
Esta frase oímoslla
ao noso curmán valdeorrés. Entraña poucas dificultades á hora de explicar a súa
orixe e emporiso ten a súa forza expresiva. Acha a súa correspondencia no
castelán: darle caña ou darle zapatilla. Referido a un coche
equivalería a pisarlle ben o acelerador.
Unha frase sinónima en galego é darlle
lume. No CORGA (corpus en liña, de libre acceso), atopamos na obra do
escritor Xabier Quiroga darlle ferro ata
as entrañas (“E se ves que se cala, dálle ferro ata as entrañas. Sen
reparo, eh, que lle gusta”, en Atuado na
braña).
A imaxe que subxace
na xénese desta frase é a do vello arado de ferro: hai ou había que darlle ferro para que afonde ou afondase
máis na terra: a presión sempre é cara a abaixo, como cando pisamos o pedal do
acelerador.
2ª. O VERO.
Esta voz, nunca
antes oída, escoitámola de boca da nosa curmá política, Adela, en San Xurdo de
Cristimil, en terras de Deza (famoso polo seu couto medieval, hai fermosísimo
diploma-documento do Couto de Cristimil, unha copia do cal tivo Gonzalo Navaza
a xentileza de enviarnos, sabendo como sabe a relación familiar que une aquela
parroquia con esta familia).
A palabra (escrita
así, vero) figura só unha vez no DdD,
aboada por Aníbal Otero no Irixo. Escríbea con uve porque a integra na familia
de virar. Xa nós o pensamos en canto
vimos a cousa e como funcionaba o conto, antes evidentemente de chegar á casa e
buscala do dicionario. Aníbal Otero dálle o valor de ‘manivela’, pero Adela, en
San Xurdo, claramente chamaba vero ao
pau, un pau viradoiro, que se enganchaba (ou se unía) a unha manivela e facía
virar a pedra de afiar (logo procúrovos unha foto). Se temos razón e pertence á
familia de virar, velaquí unha
pequena nova proba da fertilidade, da riqueza inesgotable desa familia de
palabras. Dicía o mestre catalán, a quen Deus descanse, Joan Coromines, que se houbera
que escoller entre A e B como linguas
matrices ou lingua-orixe dunha palabra, se esa palabra ten máis familia nunha
delas, digamos en A, aí é onde debe estar a orixe (conste en acta que non
pretendemos asegurar nada sobre a orixe no territorio hispano –dominio central
ou no noroeste?- desta familia, pero si aconsellariamos aos autores do
dicionario académico un pouco de digamos tacto: ao postular o étimo da voz virar citan o celto-latín cun prudente
asterisco e piden que se confronte o galés!, e o galego, máis próximo á hora de
confrontar e enriquecer as posibilidades, onde queda, esquecérono?).
(Foto feita dentro do "cuberto" -noutros lugares din "cabanote" ou "alpendre"- da casa de San Xurdo de Cristimil, de Adela. Vemos a roda de afiar sen o vero; agora está conectada a un motorciño, antes o movemento lográbase de forma manual)
(A mesma roda de afiar pero xa ten o vero enganchado, é esa especie de pau: servía para agarrar coa man e darlle para que a roda virase; as dúas fotos foron feitas por Charo Soto)
Tamén é certo que temos
un pequeno problema á hora de integrar vero
na familia de virar . O paso do i ao e,
e ademais xurariamos que oímos un e
aberto, xa sabedes os que estudastes comigo algo de fonoloxía, un /Ɛ/. Hai casos en que unha vogal tónica “salta” dous graos (subo /VS/ sobes), pero inda así, fica unha dúbida filolóxica mínima...
Quizais haxa influencia da propia manivela, tamén con /Ɛ/, ou da voz veo, ‘manivela’,
que ten e pechado ( pensemos, doutra
banda, que ben puidemos trabucarnos na audición do que Adela dixo).
Sexa como for, ídesme
permitir estendernos sobre os membros da familia de virar que logramos documentar –polo de agora- en Galicia: Virar, revirar, reviravolta, virote, virolo ‘trompo’,
viradoiro, viravolta, viraxe, viras ‘coiro
que rodea o zapato’, virasol, viravento,
viraleubas, virabales (no DdD); viruleira
‘golpe no xogo da billarda ou estornela’ (TILG); andavira ‘muíño eólico’, así lle chaman por ex. en Camelle; vira ‘rincón; bordo da empanada’,
informante de Carballo de Hospital, Quiroga (a acepción vira ‘bordo’ enténdese ben porque vira, rodea, dá a volta a toda a
empanada); virola ‘pau para dar a
volta ás tripas’ (Non había picho (cano),
iban ao regueiro e non podía virar co dedo as tripas, e levaban a virola,
facíanse cun pau de vimbio, e co coitelo esfolabann ben esfoladiño para que non
rompesen as tripas porque había que facer chourizos e morcillas, había que
fregalas na pedra, saíalle aquilo, pegañento, e logo chegar a casa e metelas en
baños de limón (informante de Sta. Cruz de Rivadulla; quizais de aquí veña
a palabra viroque ‘tripa’: “facíase o guiso de viroques”, a nosa informante
e amiga, María Lema, dinos que así se dicía en San Mamede de Rivadulla). Temos
tamén un par de refráns: Á porta do
xastre todo son tiras. Á do zapateiro, tombas e viras, refrán no DdD, recollido por Eligio Rivas; Na casa do virote todos van ó dote (vid.
NOTA). E temos, naturalmente –sendo esta unha familia tan ricaz- fraseoloxía: coto virolo ou pedra virola ‘canto ou pedra que rola’, os callaos erosionados
polas augas do río, por exemplo (en Valdeorras, pedras rearengas); nun
viravira ‘rapidamente’; dar unha
viravolta (cast. ‘dar un vuelco’); san coma un virote 'moi san'; teso coma un virote 'moi teso -uso recto e uso figurado-' etc.
3ª. UN DÍA DE ESPETO.
A frase aparece en Donosiña, de Xaime Quintanilla, na edición
de Laura Tato: “A escena ás escuras,
porque aínda que é de día, e un día de espeto, as fenestras atópanse pechadas”.
Tato di en nota: “Día d’espeto, ‘día
de sol forte’. Esta loc. adv. , que non rexistran os dicionarios e que X.
Quintanilla utiliza con relativa frecuencia, podería ser o resultado dun
proceso metonímico, ao modo de ‘sol de xustiza’, en que o substantivo ‘espeto’
asumise o significado de toda a frase” (p. 65, ed. UDC, 1997).
A primeira idea que
nos veu á mente tomaba como modelo Día de
garabullo. Pero a semántica sen dúbida é a que indica Tato, malia ter as
dúas frases idéntica estrutura sintáctica, e compartiren semas espeto e garabullo (poden compartir o sema ‘+ PAU’). Cal é o semántica en xogo
para que a voz espeto cobre ese valor
dentro da unidade fraseolóxica nova? Espeto
‘(pau) que pica, pincha’ pola impresión ferinte do sol intenso, ou espeto ‘(pau) en que se asa carne’, pola
impresión de abafo, de asarse, que experimentamos en tales días de sol
inclemente? Non o podemos precisar con exactitude: recordemos que a ciencia da
linguaxe non é unha ciencia exacta. Con respecto á antigüidade desta frase,
haberá que estudar a fondo a súa concorrencia nos diarios de navegación de C.
Colón: no TILG hai unha referencia ao tema, publicada no xornal A Nosa Terra,
mais non tivemos aínda ocasión de ir á fonte: “O que se atopan [nos diarios de
Colon] son galeguismos, como aquelo de decir que o sol americano tiña espeto-
verba unicamente da nosa fala” (A Nosa
Terra, TILG).
(Foto atirada de Internet)
Igualmente interesante
é reflexionar sobre a rica familia léxico-fraseolóxico-paremiolóxica desa
palabra (espeto, espetar, espetarse, espetoar,
espetoada, espeteira, espeteiro, espetada (subs.), espetado ‘teso, vaidoso’, espetón
‘peixe’, espetona ‘lousa chantada na
parede’/ ‘estaca para construír cercados’, espetuada
‘pinchazo’, espetadeiro, espetadela, espetadura,
espetapau, espetoferruxento, herba de espeto, quedar coma un espeto ‘paralizado polo
medo’, parecer/ser un espeto ‘estar
moi delgado’, sementar ao espeto, berrar coma se lle metesen un espeto, cravar
a lingua nun espeto –“Heiche cravar a lingua nun espeto”, valor de ameaza
aos maldicentes-, día de espeto, bailar ata no peteiro dun
espeto –esta última en Almas Mortas,
de A. Vilar Ponte-; e tamén documentamos o refrán Na casa do ferreiro espeto de pau). Canto á orixe da familia, raíz
xermánica.
:::::::::::::::
NOTA:
No refrán Na casa do virote todos van ó dote, a voz virote
conmuta por ‘necio’ (tras unha serie de pasos semánticos que necesariamente
deben incluír a idea de ‘pau viradoiro’ –o virote ‘saeta’-, pau teso, “teso
coma un virote”, e de teso a fachendoso, orgulloso, necio). Cfr. “Mais non
falemos desto cada virote ca súa necia idea aló se escorne” (TILG, texto de
1861 de A. Fernández).
Ningún comentario:
Publicar un comentario