A
CORUÑA
SALVADOR
DE MADARIAGA: UN CORUÑÉS UNIVERSAL
(Acto do día 21 de setembro, de esquerda a dereita, Director do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, Alcalde da Coruña, o autor do libro. Foto tomada de Internet)
Este día,
exactamente o día 21 deste mes, asistimos no salón de plenos do Concello da
Coruña á presentación dun libro sobre a traxectoria vital do coruñés universal
Salvador de Madariaga. Alí estaba o señor Rexedor da cidade, o Director do
Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e o autor do libro, o prof. Emilio
Grandío Seoane, tamén coruñés, docente da USC. Do que se dixo a título de
prolegómenos e como colofón, dúas cousas nos chamaron especialmente a atención:
unha, a chamada á conciliación, ao diálogo –un trazo esencial da idiosincrasia
do personaxe e unha necesidade esencial en todos os tempos, neste tamén desde
logo...- e dúas, a importancia que naquel momento histórico –primeiras décadas
do século XX- tivo o noso Instituto: lugar e ámbito cultural onde se forma a
burguesía con ansia rexeneradora que logo xogará un papel importante en España
e en Europa: Casares Quiroga, Novoa Santos, Madariaga... Unha burguesía ben
pensante, con posibles, si, pero preocupada polo poder social dos máis, capaz
de mirar alén da propia clase, do clan.
(Casa onde naceu S. Madariaga y Rojo, nº 16 da rúa do Orzán, xa desaparecida. Esta e as fotos seguintes están tomadas do libro do prof. Grandío)
(M. na época de París, ano 1910; ela no ano 1905. Ela é Constance Archibald, a primeira esposa de Madariaga)
Lemos o libro dun
tirón, dun pulo. A medida que liamos subliñabamos determinadas frases ou
parágrafos. Recupero agora algunas para vós.
Era a e expresión personalizada da loita interna do
rexeneracionismo cultural por intentar insertarse nunha Europa que se afastaba [...]. Demándase especialmente
máis cultura, máis educación, mellor formación da sociedade en todos os
ámbitos: unha renovación total que permitiría saír da esclerose progresiva en
que se entontraba instalada a política do Estado de principios de século
[...] [O sistema aparece] repleto de
prexuízos culturais propios da evolución histórica das relacións entre a
sociedade e o Estado en España. Iso non sucede onde el se formou [Francia]. A mestura de intelectualidade e política
sera algo consubstancial e natural en Madariaga
(na primeira etapa, arredor de 1915). En 1926 publica un escrito titulado Ingleses, Franceses, Españoles, onde
verque estas ideas:
Ninguén que
coñeza España deixaría de observar a impoñente suma de esforzos individuais que
se perden en actividades sen cohesión ou, o que quizais é peor, no baleiro.
Caso típico, que merece mención á marxe, é o da chamada minoría intelectual.
España parece incapaz de proporcionar aos seus intelectuais un cadro axeitado á
súa actividade. A maioría deles non atopa no seu país a resistencia necesaria
na masa para aborber os seus esforzos e facerlles render traballo útil, de tal
xeito que, ao traballar no baleiro, numerosos intelectuais van perdendo de modo
gradual o seu equilibrio interno e se decantan por un individualismo extremo,
cada vez menos útil á colectividade e a eles mesmos.
Relevante é o impacto da I Guerra Mundial [...]. O pacifismo revélase xa
aquí como unha necesidade para Madariaga. É curioso observar como neses
momentos tan complicados os compañeiros da Coruña do Eusebio da Guarda se encontran
tamén do lado do bando aliadófilo. A algúns deles, como Casares Quiroga, cómpre
recoñecerlles a súa participación neste conflito coa Lexión de Honor francesa.
En organizacións vinculadas á paz. Tamén a Madariaga.
(En Paris, en 1932)
Pouco a pouco
Salvador vai ascendendo no escalafón da acabada de crear Sociedade de Nacións
en Suíza: en 1922 é nomeado Subsecretario de Desarme; mantén excelentes
relacións co Goberno británico; en Xenebra faise amigo dun alto responsable da
intelixencia dos EEUU. E cultiva tamén o xornalismo: publica en El Sol baixo
pseudónimos; o seu favorito é Sancho
Quijano. Ofrécenlle e desempeñá un tempo unha cátedra en Oxford e na súa
prestixiosa editorial universitaria publica varios libros. En 1930 publica un
dos seus textos máis tanscendentes: España.
Ensayo de Historia Contemporánea. Dinos o prof. Grandío que Gregorio
Marañón consideraba que España...
fora fundamental para captar a certas elites a favor da República. Madariaga é
elixido deputado a Cortes pola Coruña nos comicios do 28 de xuño do 31. Casares
integrárao nas listas da Federación Republicana Galega.
A súa actividade nas Cortes será recoñecida por unha
postura centrada e defensora do parlamentarismo liberal:
Como liberal que son, dou unha importancia mínima ao
económico, unha mediana ao político, e unha máxima ao humano.
Cando é nomeado
nesta lexislatura constituínte Vicepresidente Cuarto das Cortes, nos debates da
Constitución empéñase en colocar dentro da Carta Magna de 1931 unha cláusula
expresa de renuncia á guerra como instrumento político.
O un de xaneiro de 1932 é nomeado Embaixador en París e
Delegado de España na Sociedade de Nacións. Madariaga amósase, ademais, coma un
excelente enlace entre a Sociedade e os países latinoamericanos. O papel de
España como ponte con América consolídase con Madariaga [...]. E especialmente relevante
o seu protagonismo para formar unha ampla fronte de rexeitamento contra a
invasión de Manchuria por parte de Xapón. De aí o seu alcume Don Quijote de Manchuria.
Madariaga tamén
tivo as súas tentacións: algunha vez foi tentado pola dereita máis
reaccionaria. En 1935 reúnese por única
vez co Xeneral Franco, Xefe do Estado Maior do Exército nomeado polo Ministro
de Guerra Gil Robles, no hotel Nacional de Madrid. E entrégalle o seu libro [“Anarquía
y Jerarquía”]. En comentarios posteriores
Madariaga non tivo un especial nin positivo recordo deste encontro, pero Franco
soubo aproveitalo. Nos tempos en que Madariaga se converteu nun dos homes a
difamar polo réxime franquista, a propaganda da Ditadura difundiu esta obra
coma un anticipo da democracia orgánica que desenvolvía o réxime.
Tras fuxir de
España no 36, Madariaga formula un plan de paz baixo a dirección dun comite de
tres potencias: un plan de intervención humanitaria e un goberno de
personalidades que non estean comprometidas nin coa Monarquía, nin coa
República nin coa Xunta sublevada. Para
garantir este plan de paz entrarían en España forzas armadas ás ordes de
oficiais británicos, mexicanos e arxentinos. Á parte do trauma brutal do
enfrontamento entre irmáns no seu país, Madariaga ten que asumir fracasos, como
todo ser humano, pero fracasos –como ese plan de paz, ou como a loita fallida
para que a España de Franco non entre na ONU, cousa que sucede o 4 nov. 1950,
coa abstención de Gran Bretaña e Francia- que nunca o frean. En xullo do 37
envíalle unha carta a Franco: “liquide
esta guerra canto antes. Achégase unha negociación”.
(Homenaxe en París
en 1956, cando cumpre 70 anos. Xunto aos líderes do europeísmo e Xefes de
Estado, Camus, Bertrand Rusell, Marcel Bataillon, André Maurois, Gregorio
Marañón, Paul Casals, María Casares... Velaquí algunhas das cousas fermosas que
dixo precisamente a dama coruñesa da escena francesa: “Apreciamos en el Señor de Madariaga sus virtudes ejemplares de hombre
libre y entero que no inclinó jamás la cabeza, ni humilló su inteligencia ante
ninguna tiranía triunfante, ni en su patria ni en el extranjero, ni de oriente
ni de occidente”)
(No xardín da casa en Oxford, ano 1966)
En 1947 é nomeado
primeiro Presidente da Internacional Liberal, viaxa a EEUU, alí coñece e
conversa con Einstein e é proclamado Doutor Honoris Causa pola Universidade de
Princeton.
Volve a España
morto o ditador. O 3 de maio de 1976, por
fin, Madariaga leu o seu discurso de ingreso na Real Academia de la Lengua,
ante máis de 800 persoas. Cun enorme simbolismo de reconciliación [...], ao seu discurso [...] contestoulle Julián Marías.
Tamén no 76 chega á
Coruña. O Instituto Cornide de Estudos Coruñeses e mais o Concello prepáranlle
unha sentida e merecida homenaxe. No citado Instituto deixou este noso coruñés
universal un importante fondo documental e fotográfico. As súas cinzas foron
esparexidas no mar da Coruña.
Foi un grande
conversador, unha persoa que valorou o amor, un home leal ás orixes, un ser
pragmático. Un perfil complexo no que o
pensamento político se compón basicamente de dúas pezas: antitotalitarismo de
calquera tendencia e democracia liberal. Pero tamén o proxecto europeo
federal...
(Esta foto e mais as seguintes foron feitas por Charo Soto no expediente escolar de Salvador de Madariaga que custodia o Instituto histórico coruñés que leva o seu nome. Madariaga estudou no noso Instituto -o Instituto da Guarda- pero os expedientes académicos dos alumnos varóns foron trasladados na década dos 40 ao novo edificio, o situado na chamada Cidade Escolar. Agradecemos á Dirección do IES 'Salvador de Madariaga' a súa total dispoñibilidade á hora de permitirnos acceder aos seus arquivos)
:::::::::::::::::
(NOTA:
Todos os textos, en
cursiva, atirados do libro do prof. Grandío Seoane, foron traducidos por nós ao
galego).
Ningún comentario:
Publicar un comentario