LUZ DE
GALICIA
(A poeta Luz Pozo representa a Real Academia Galega no ano 2012 na celebración no salón de actos do noso Instituto do 150 aniversario do primeiro Instituto provincial na cidade da Coruña. Día 13 de novembro).
(Acto do 150 aniversario de Instituto Provincial na Coruña. Salón de actos do Eusebio da Guarda. Luz Pozo Garza aparece na compaña de distintas autoridades civís e académicas. Ela representa a Real Academia Galega)
Celebra este ano a poeta Luz Pozo Garza
noventa e cinco anos de vida. Con ese gallo organizou a Real Academia Galega
–unha das casas que gozosamente habita Luz- unha homenaxe. Nós sumámonos a esa
celebración na medida das nosas posibilidades. Relembraremos os vínculos que
nos unen con ela, ás persoas que amamos e participamos do labor do Instituto
Eusebio da Guarda. Pequenos mais poderosos fíos: Luz impartiu clases de galego
no Salón de Actos do Instituto antes de que a aprendizaxe do noso idioma se
impartise no currículo; Luz acolleu no seu seo amantiño a algunhas das nosas
mellores docentes (vid. Nota) e esa amizade perpetúase ata hoxe a través
incluso dos seus fillos; Luz representou á Academia en actos importantes do
centro e importantes para a cidade; Luz, en fin, acolle sempre hospitalaria e
rica en virtudes, os nosos máis prezados ex alumnos na súa casa coruñesa.
Faremos esta grata relembranza por medio dunha serie de fotos.
(O grupo Gelría, integrado por Elena Tarrats, Mario G. Cortizo e Federico Mosquera -Mario e Federico son ex alumnos nosos- publican o seu traballo discográfico "Cantos de Poeta" no ano 2016. Entre os poetas galegos escollidos nese traballo figura Luz Pozo. Na foto vémolos na casa coruñesa de Luz, quen os recibe amorosa. Vemos tamén a Olga Patiño, outra das grandes voces poéticas de Galicia. Olga foi a persoa que preparou o encontro entre Luz e os membros de Gelría, un labor digno de agradecemento, así nolo fan saber os nosos ex alumnos)
(Na casa coruñesa de Luz. Fala Gelría: "Luz tratounos moi ben... E descubrimos unha faceta dela para nós descoñecida, que é a súa vocación musical. Agasallámoslle unha partitura da canción que fixemos súa, que ela mesma leu tocándoa no piano. E amosounos algunha melodía súa. Unha caixa de sorpresas...")
En segundo lugar, presentarémosvos tres poemas
dos dez da autora seleccionados por outros tantos insignes poetas galegos e que aparecen no
libriño Un Pozo de Luz editado pola
RAG con data 21 de xullo de 2017. Mil primaveras máis para a poesía de Galicia!
ILLAS CÍES
Chamóuselles tamén illas das Pombas
R. Otero Pedrayo
Nas Cíes descubrimos a pericia das aves
e a medida celeste onde reside a luz
Bañámonos nas ondas
a compartir sulagos con dóciles palmípedas
e
cunchiñas de nácara
Era o verán
Chegaban ventos fríos do primeiro cuadrante
os
ventos tersos do Nordés
Con labios exaltados bicábasme nas tempas
E querías que fora a raíña dos mares
ou deslizabas verbas secretas nos oídos
Nos xogos inocentes
debuxei no teu
peito os signos da alegría
Despois grabei na area os símbolos da patria:
espirais
caracolas
esvásticas
solares
Cousas do paraíso...
Naquelas latitudes oceánicas azul
azul
delirio
tracei como remate un labirinto tácito
para salvar o amor
“Demanda do Grial”. Prometo a flor
de loto (1992)
ANXOS CON PATÍNS BRANCOS
NA PRAZA DE O GROVE
Xaneiro,
1992
Andei as rúas doutros anos na vila mariñeira
Os vieiros que cirnunvalan espacios misteriosos
Meditei na ponte veneciana
No camiño iniciático
Que leva á illa do tesouro
Inda por descubrir
Por debaixo pasaban as ondas coma a vida
musitaban
as aves as puras letanías
dunha
levitación non aprendida
En procura de ti
xurdía a cegadora presencia da Lanzada
en liñas sinuosas que se ofrecen intactas
coma unha arpa
que fire o corazón de emoción sideral
Mística
Soaban as palabras de amor e mais a morte
Non aprendín aínda a escoitalas sen pranto...
...pero ninguén me viu chorar
agás dúas meniñas na praza do concello
cando lía eu a prensa
na apoiatura dun bloque de granito tallado:
Viñeron
xunta mín
Con
patíns brancos
Con
palabras purísimas de rula
Con
ollos de solsticio
Con
esguince de arcanxo
Con
azas a porfía...
Un anxo iniciativo. Outro moderador
Preguntáronme o nome
Preguntáronme a tabla de multiplicar
Os ríos de España
As fontes de enerxía
(Non sei se me aprobaron)
Dixéronme que viñan onda min porque me vían igual ca
rula solitaria: “si no es la tortolica que está
viuda y con dolor”
Non sabían os anxos
que estou aprendendo a vivir...
“A praia da Lanzada”. Prometo a flor de loto (1992)
SUBIDA Ó PÍA PAXARO
Cuanto más alto subía
San Juan de la Cruz
Chegabamos á luz collidos polo van
en
procura de nós
En procura dos cumios para apreixar a terra
na
ascese da ascensión
Para abrazar a vida
a
Galicia en silencio
Para beber amor un grolo de luz viva en presente purísimo
Esquecidos anceios e arelanzas
As aves dominaban os espacios gloriosos
onde
fuxen as sombras
Aspiramos un hálito de xestas e de laxes
un
recendo de espiños
o
sobresalto dos insectos
o
frío delgadísimo da saudade absoluta
que
fire e cega silenciosamente
Recolle todo na túa alma –dicías-
Este
é o meu agasallo
Xúntanse as mans nunha pregaria
e os labios fuxidíos respiran o misterio da luz
A súa potestade sobrehumana
“Demanda do Grial”. Prometo a flor de loto (1992)
(Luz Pozo con amigas: xantar de xubilación da súa amiga Mª Teresa Rodríguez Taboada, catedrática do noso Instituto, o 27 de xuño do 2002)
(Acto xubilación no ano 2002. Luz Pozo aparece no medio da imaxe. Salón de Actos do noso Instituto)
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
(Nota:
“Somos amigas e Luz veu coas súas
fillas ao Hotel Atlántico á miña xubilación. Tiven moito trato con ela a través
dunha amiga común, Maruxa Olavide, tamén poetisa e pintora. Eu continúo a
relación co seu fillo Gonzalo, quen exercera de profesor de inglés un tempo no
Instituto, ao igual que a súa filla Luz... Cando eu cheguei destinada á Coruña,
Luz acolleume con grande cariño e levoume á súa casa. Daquela estaba ela en
Monelos... Eu sempre a admirei e sempre a quixen moito. Temos compartido disfrazármonos
xuntas polos Carnavais e temos viaxado xuntas á casa doutra gran amiga e gran
muller, Conchita Teijeiro, de Lugo, creadora de As Nais. Outra gran galega e
moi amiga de Maruxa Olavide... “ Estas palabras foron pronunciadas para nós
pola Catedrática xubilada do noso Instituto, Mª Teresa Rodríguez Taboada, a
quen moito llas agradecemos)
Ningún comentario:
Publicar un comentario