ENTREVISTAS DE VERÁN
ENTREVISTA A XULIA PISÓN, EX ALUMNA
DO EUSEBIO DA GUARDA
Mª R. Soto:
-Moitas grazas, Xulia, por concedernos a entrevista. Imos empezar polo
Instituto: durante que período fuches alumna do Eusebio? Recordas
algunha anécdota que nos queiras contar? Gardas
lembranzas especiais dalgún profe?
Estiven
no Eusebio desde 1º da ESO ata 1º de Bacharelato. Non foi precisamente a miña
mellor experiencia académica, así que non gardo demasiadas anécdotas
agradables. Despois marchei a Adormideras e cambiou bastante o conto.
O
profesor do que mellores recordos teño é Adelino (non recordo o apelido), o
profesor de Historia, era unha gran persoa.
Agora tócanos
darche parabéns... Se se admite a metáfora, vas vento
en popa, e a verdade é que dá gusto ver a nosa
mocidade triunfar ou ir ben encarreirada polo camiño que
leva a aquelas metas autopropostas, que un mesmo se marcara. Corríxeme se me
equivoco: levas publicados tres cómics, tes xa a experiencia dunha
exposición colectiva, contas cun premio (“Xuventude crea”, concedido pola
Xunta no 2015) e este verán arrasas co teu cartel sobre as festas
coruñesas. Estarás, canto menos,
medianamente satisfeita... Custouche chegar ata aquí?
Si,
mantívenme bastante ocupada estes anos, dá un pouco de vertixe pensar o rápido
que pasou todo. Porque a miña é unha historia atípica, non empecei a traballar
en serio no mundo da ilustración e o cómic ata fai 3 anos.
Eu
tiña outra profesión e outro futuro por diante, non o que quixera, pero
totalmente respectable e acomodado. Pero ás veces, por circunstancias,
preséntasenos unha oportunidade, un instante no que atreverse a vivir a outra
vida… e se es o suficientemente valente (ou estúpido) para saltar ó vacío…
podes chegar a vivir do que realmente che fai feliz.
Creo
que foi Spielberg que dixo que os soños non veñen de fronte, non berran “este é
o teu soño deberías facer isto para sempre”,
son un susurro que vén desde atrás… os soños non berran, susúrranche na
orella. E hai que esforzarse cada día para oílos. Eu tardei un pouco, pero ó
final conseguín escoitalos.
Se
me custou chegar ata aquí? Pois despois de dar moitas voltas na vida, agora
síntome por fin no meu camiño… nunca traballei tanto como nos últimos tres anos
de tinta, suor e falta de sono, pero tamén foron os máis felices da miña vida.
-Centrémonos no
cartel que anuncia as festas de María Pita 2017. A idea é estupenda,
brillante diría eu,
orixinal. De novo déixame que te
felicitemos. María Maior
Fernández da
Cámara
Pita, coñecida como María Pita, baixa
do seu pedestal para liderar de novo o pobo coruñés, pero
esta vez por motivos non guerreiros, senón
festivos. Unha María P.
que, inda persistindo unha certa dose de idealización
decimonónica -sabemos que desde un punto
de vista real e histórico ela non era nin xove nin delgadiña de
cintura coma a palla de centeo-, convértese
nunha figura actual, unha María Pita rockeira case... E un pobo
moderno: con presenza de varias xeracións
asemade, con indicadores tecnolóxicos de vivirmos xa no século
XXI, con presenza de xentes de varias orixes . A excepción é o
soldado rubio con casco: é Drake? Que
nos podes dicir da recepción do teu cartel, gustoulles aos coruñeses,
non si? Percibíchelo
ben?
Si,
o cartaz tivo unha recepción estupenda por parte do público. Estiven a seguir a
actividade en RRSS e a gran maioría das impresión foron positivas.
Foi
un traballo moi difícil, sentin moita presión pola responsabilidade que era
para min facer a imaxe das festas da Coruña, así que ó final optei por ser fiel
ó meu estilo e á miña perspectiva feminina, vitalista, desenfadada e un pouco
rockeira… e que fora o que tivera que ser. E xa ves, saiu ben!
E
o soldado é o pobre inglés morto que se representa ós pés de María Pita na
estatua pa praza do Concello, dábame pena e quixen darlle a oportunidade de
unirse á festa igual que a Maria… Aínda que parece un pouco despistado.
Formas
xa parte da pléiade de ilustradores e cartelistas coruñeses:
José Gómez Naya, Álvaro Cebreiro, Mª Dolores Díaz Baliño,
Urbano Lugrís,
Carmela Correa-Barceló, Miguelanxo Prado, Xosé Cobas,
Carlos Arrojo, Lucía
Cobo ... Incluso podía eu citar o noso ex alumno que traballa agora en
Barcelona, Cristian Diamante. Fálanos, por favor, dos teus modelos,
referentes, influencias...
En
canto a referentes de cómic temos en Galicia dous grandes debuxantes de Comics
que son parte esencial dos meus referentes, Emma Ríos e David Rubín.
Internacionais temos a Blutch, Craig Thompson, Tony Moore etc. Referentes moi dispares
que me axudan a construír e pulir o meu propio estilo.
Pero
os cómics son unha influencia relativamente recente do meu traballo. A
literatura e o cine son a base da miña actividade creadora.
Xulia: que estás lendo arestora?
Pois en comic estou a ler Jazz Maynard de Raule e
Roger Ibáñez. E en literatura teño na mesa Las amargas
lágrimas de Petra Von Kant, de R.W. Fassbinder.
Proxectos a medio e longo prazo, por favor.
Agora
mesmo ando combinando pequenos traballos e encargos de ilustración cun cómic
longo, que intentarei mover por editoriais. E ata aquí podo ler…
Moitas
grazas de novo por atendernos. Unha aperta grande, outra para teu pai, a quen
leo e aprecio. Os mellores desexos para ti, para o teu longo e prometedor
futuro!
Grazas a ti!
::::::::::::::::::
(NOTA:
O prof. Adelino García Brión, docente de Xeografía e Historia durante moitos anos no noso Instituto, pasou xa a mellor vida. Compartimos con Xulia o aprecio por el. Que a terra lle sexa leve!)
Ningún comentario:
Publicar un comentario