A
NOSA CASA
AS
GRANDES DAMAS DO ENSINO
Mª
José Martínez Girón.
(María José Martínez Girón, segunda directora na historia do Instituto Eusebio da Guarda, catedrática de francés)
Imos coa segunda
entrega desta serie dedicada ás grandes damas do ensino que pasaron pola nosa
casa. Hai moitas, esa é a verdade. Sabede que neste fermoso capítulo podemos
falar en termos semellantes a aqueles que recitabamos a propósito da multiplicación:
a orde de factores non altera o produto. A oportunidade de falarmos hoxe de
María José Martínez Girón vén dada pola recente lectura da súa tese de
doutoramento. Logo toma ela a palabra a ese respecto. Primeiro ídesme permitir
que vos relembre un par de datos sobre a súa vida en relación co noso
Instituto. No que nós sabemos, só houbo en 125 anos de historia do Instituto da
Guarda tres directoras. María José Martínez Girón foi a segunda. Primeiramente
xa fora Vicedirectora, sendo Elisardo López Varela, catedrático de Lingua
Galega e Literatura, o Director. Este período de vicedirección comprendeu desde
o curso 2002-03 ata o curso 2005-06, en que inicia o novo período como Directora.
Exercerá o cargo ata o curso 2008-09. Cando se publica o libro O Instituto da Guarda da Coruña. 125 anos de
historia (editado pola Deputación Provincial da Coruña, no ano 2016), Mª
José M. G. elabora un artigo titulado precisamente “Os directores do Instituto Eusebio da Guarda”.
(Foto que ilustra o artigo citado da autoría de Mª J. Martínez Girón: como ela investigou, sabemos que no equipo directivo de Díaz Grande, quen fora director nos anos 20 do século pasado, e dirixía o centro no curso 1935-36, había personaxes de grande altura intelectual como Gonzalo Brañas ou Fermín Bescansa)
Grazas á súa
iniciativa empezaron a celebrarse a principios dos anos noventa os actos de
graduación dos alumnos que rematan a etapa da educación secundaria: estes
actos, con discurso dun profesor que representa o claustro, durante décadas viñan
tendo lugar no salón de actos do centro, ata que o número do alumnado obrigou á
Dirección, por razóns de espazo, a procurar fóra do edificio un auditorio de
maior capacidade. María José Martínez Girón foi tamén a organizadora do Maratón
de Lectura Solidario que se celebra no Instituto durante todo un día: alumnos,
pais e profesores lemos ininterrompidamente ao longo da xornada e contribuímos
cunha dádiva que se entregará, unha vez xuntadas todas, á Cociña Económica
coruñesa. O primeiro Maratón, como relembraredes os que seguides o blog, tivo
lugar o 24 de febreiro do 2014.
(María José M. G. no centro da imaxe. Foto oficial, nas escaleiras principais do Instituto, da promoción do curso 2003-2004, promoción na que se graduaron algúns dos nosos fillos)
Tras xubilarse
ao cumprir sesenta anos, María José puido, por fin, dar remate á súa tese.
Dámoslle o noso parabén. Longos anos e moitas publicacións, velaquí o noso
desexo. Vexamos agora as súas palabras:
(María José aparece aquí rodeada de colegas: celebrábase o 150 aniversario de Instituto provincial coruñés)
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Lectura
e defensa da miña tese de doutoramento
María
José Martínez Girón
O pasado
día 7 de setembro foi unha data moi sinalada pra min, foi o día no que despois
de varios anos vin cumprido un soño que comezara cando rematei a miña carreira
de licenciada en Filoloxía Románica, especialidade de Francés: facer a miña
tese de doutoramento.
É
curioso pero todos os nervios que sentín os días anteriores desapareceron cando
me atopei no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da
Coruña. A miña familia e moitísimos amigos dábanme ánimos coa súa presenza e
cando chegou o tribunal e comezou un dos actos más solemnes da vida académica
puiden desfrutar verdadeiramente a pesares de que cando comecei a miña voz non
era moi forte, pero de seguido collín confianza e pasei a falar do que foi o
meu traballo dos oito últimos anos: un estudio da obra dun frade beneditino do
mosteiro de Montserrat chamado Fray Antonio Castell, obra editada no ano 1592 e
titulada “Theórica y práctica de boticarios”.
Poderíaseme
preguntar que fai unha profesora de francés cun texto na meirande parte
farmacolóxico e do século XVI con todas as dificultades que iso implica, e a
resposta é que o mérito é do meu director de tese o profesor José Ignacio Pérez
Pascual, que me brindou a posibilidade de ampliar os meus coñecementos sobre
lexicografía ao mesmo tempo que me adentraba nun mundo case totalmente
descoñecido pra min.
Canto
máis me implicaba mellor vía que o traballo resultaba verdadeiramente
fascinante: o autor resulta practicamente descoñecido, o único que sabemos del
é que foi boticario dos mosteiros de Montserrat e de san Bieito o Real de
Valladolid e que acadou a incrible idade (inclusive pra nós) dos 104 anos;
chegaban peregrinos a Montserrat coa única finalidade de tocalo e comprobar que
realmente estaba vivo.
En
canto á obra, somentes existen seis exemplares coñecidos en todo o mundo e esta
rareza xustificaba por ela mesma o meu traballo.
O
autor deixa patente no transcurso da Theórica
unha fina e sutil ironía, cando di, por exemplo que tal receita é tan doada de
facer que “Hasta una mujer podría hacerla, cuanto más los boticarios.”, ou cando
reprende aos boticarios as súas malas artes botando menos cantidade do que
teñen que facer, por avaros, ou
empregando materiais de menor calidade.
Existen
receitas moi suxerentes como a da “Theríaca” atribuída ao rei Mitrídates do Ponto,
que como tiña medo de ser envelenado ía tomando ano tras ano pequenas cantidades
de velenos co cal resultou inmune a
todos, e cando un rei inimigo conquistou o seu reino quixo morrer antes de
acabar nas súas mans e, non podendo facer uso dos velenos -ninguén podía matalo-,
tivo que mandar que un escravo o apuñalase pra obter unha morte digna.
Avanzando
no estudo da obra descubrín, aquí foi importantísima a axuda do meu director,
que existían excesivos paralelismos coa obra dun médico francés contemporáneo
de Castell e que fora moi recoñecido na súa época: Brice Bauderon, quen
escribira unha obra “Paraphrase sur la Pharmacopée” , editada en 1588 e que foi
coñecida sen dúbida ningunha por Fray Antonio Castell. Os dous estudaron na
Universidade de Montpellier e cando analicei máis en profundidade a obra de
Bauderon puiden concluír sen dúbida que a Theórica
era en realidade unha tradución moi fiel da obra francesa. Chegados a este
punto axudáronme moito os meus coñecementos da lingua francesa pra detectar
galicismos tanto no léxico como na sintaxe.
Case
resultou unha novela de detectives: achar que unha obra de prestixio e moi
recoñecida na súa época pola comunidade científica era en realidade o resultado
dun plaxio. Mais no honor da verdade, Castell ten peculiaridades na súa obra
das que carece Bauderon, como eses ditos irónicos e as citas á sabedoría
popular e o achegar a España unha obra de tan grande importancia.
Rematada
a miña lectura e defensa e os comentarios que sobre a tese fixeron os membros
do tribunal: non teño máis que palabras de agradecemento pra eles, saímos para
fóra agardando pola súa deliberación. Bicos de todos! Canta emoción neses
intres! Voltamos a entrar e postos en pé escoitamos a cualificación outorgada
polo tribunal: Sobresaínte cum laude. Remata deste xeito o que fora o traballo
de moitos anos da miña vida e a palabra que vén á miña mente é unha soa:
agradecemento; teño tanto que agradecer!
Ningún comentario:
Publicar un comentario