VISITANDO O BIERZO
(Solpor)
Visitamos o Bierzo
e non por primeira vez, Luis xa traballara hai anos no Instituto de Cacabelos.
Boa e fértil terra. Forma un contínuum con Valdeorras, de onde vén toda a miña
familia materna. O tempo de outono espléndido, non sendo con todo -e como
facilmente comprenderedes vendo o nivel dos encoros nos informativos- a
felicidade climática completa.
(Cubas ou pipos do vinagre: explícanos Antonio que as da ringleira inferior son as que levan máis tempo no proceso. Son as que tocan o solo, de aí a voz "solera")
(Artesonado, dentro dunha dependencia do Palacio de Canedo, é imitante do teito de San Francisco el Grande de Villafranca)
Fomos xantar un día
á casa do Prada pai, no Palacio de Canedo (un pazo que fora da nobreza rural,
dos Osorio, apelido que señoreou tamén nas terras de Camba), reestruturado e
chamado a unha nova vida, con algún exceso desa “ruralidade” feita para que o
turista experimente o bucolismo e tal, pero en conxunto moi agradable. O viño,
ecolóxico, moi destacado. Miña nai comeu corvina, curioso, a que si? Despois de
xantar, sobremesa demorada. Había unha voda, xa sabedes, supervisión do
estilismo, comentarios meus sobre o dato: trae boa sorte ver unha voda. Para quen?, preguntou miña irmá. Para eles e para nós, contestei tan pancha. Infusións, paisaxe
ampla, ao fondo os montes Aquilanos –Roma eterna no horizonte, en fin... Había
unha especie de tren que levaba visitantes polos pagos-viñedos propiedade de
Prada e decidimos que coa nosa nai presente, era boa opción. Sorte que boa
parte dos convidados á voda era do lugar, así deunos tempo a pillar a
derradeira viaxe do día e permitiunos observar desde certa altura magnífica o
solpor: aló lonxe as Médulas, a aqueste lado Castro Ventosa, naqueloutro
ángulo, o Sil e alén del, Valdeorras... Fermosísima terra roxa. A de Sarmiento,
a terra astur, a dos guigurros, ao leste Compostilla, que algún autor asimila á
Calóbriga prerromana (vén a mente a igrexa da Rúa Vella, a do santo Estevo onde
se conserva a pétrea inscrición do guigurro calubriguense...[ [L(ucio)] Pompeio L(uci) f(ilio) /
Pom(ptina) Reburro Fabro / Gigurro Calubrigen(si) / probato in coh(orte) VIII
pr(aetoria) / beneficiario tribuni / (...)]. A miña irmá discreparía con
esa identificación. Diría máis ben que a vella Calobriga está onde agora está a
Pobra, preto do Barco. Algún día oínlle dicir que se corresponde con
Calabaceiros, tamén en Valdeorras. Mira ti que se había máis dun lugar chamado
así... Porto-Calem, Calóbriga, Callobre, a Gallaecia ancestral. O condutor-guía
chámase Antonio (coma o bisavó, o avó, o pai...; asegura que se ten un fillo
non o chamará Antonio, eu protesto, pois
é ben bonito o nome) e pasará á historia dos meus seres humanos favoritos:
vaia amor pola súa terra! Paradigmático. Con que sinxeleza e coñecemento de
causa, con que naturalidade exenta de énfase falaba... E canto sabía. Comentei
eu que aqueles topónimos en -el (Cornatel, onde está o castelo noutrora en
ruínas –cando eu embarazada do meu primoxénito o visitei da man de Luís-, agora
renovado, rodeado iso si de restos de terra queimada, reseca, desértica
case...; Paxariel...) eran ou parecían ser mozárabes, contestou que non lle
estrañaba porque por acó viñeran desde o sur e recordou o artesonado de san
Francisco el Grande de Villafranca.
(Conatel)
Falando logo das riquezas do Bierzo contaba:
Estiven
vivindo trinta anos en Cataluña e sei o que digo: alí se fan algo son os
mellores niso: se fan viño, fan o mellor viño; se fan aceite, fan o mellor
aceite, pero aquí no Bierzo facemos e aproveitamos todo: o viño, o porco, o
vinagre, os pementos, a horta, e todo é bo. Pois sabes que che digo,
Antonio? Que oxalá teñas fillos e poidas transmitirlles do teu saber. Aínda
quixen turrarlle un pouquechiño máis da lingua. Menteille o Lago de Carucedo. Non saberás ningunha lenda? (Coméntovos:
hai moitos anos escribira algunhas páxinas sobre a presenza de Roldán en
Galicia e lera sobre a existencia dentro dese lago –moi vinculado á materia de
Francia, a de Carlomagno e os doce pares, que nos chega polo Camiño francés ou
de Santiago- de cousas pertencentes a algún dos míticos francos; alí escribín:
“digamos que a tradición berciana do lago Somido refire que nel xace a espada
de Roldán: dato este curioso, ausente da versión de Oxford: aí a sorte que
corre Durandarte é escura, pero noutras versións –no Ronçasvals occitáncio, por
ex.- a espada é guindada a un lago”; e noutro lugar do mesmo artigo: “E hai
unha tradición no Bierzo segundo a que no fondo do lago de Somido descansa o
barrilete de Oliveros -en D. Gustavo López, Las
Médulas. León: Nebrija, 1980, p. 151-, onde, como se sabe, tería gardado o
bálsamo de Fierabrás”; agora comprenderedes mellor a miña fonda curiosidade).
Antonio dixo: Ah, de por alí son eu [non
estou xa segura, mágoa!, pero xuraría que dixo de Villardepalos]... Agora volve haber anguías, e volven aparecer
no río... Antes había moitas pero desapareceran... Lendas non sei pero o que si
sei é que o meu tataravó buscaba un cabaliño de ouro que se sabía que estaba
soterrado nun castro; na miña familia dise que o meu tataravó pasou toda a vida
buscando o cabaliño de ouro. –E
encontrouno? –Non o encontrou pero gastou moito tempo buscándoo. A carón de
cada ringuileira de cepas había no cabo unha roseira. A miña irmá preguntou: É polas pragas? Era, si. As roseiras e as cepas son atacadas polas
mesmas pragas, pero a roseira anticípase. Uns vinte días antes de que sexa
atacada a viña xa sabemos o que virá polas roseiras e podemos prever. Ao
día seguinte, domingo, xantamos en Cacabelos, na casa de Prada filla (entre
nós: a raza mellora, a cociña -polo menos desta vez- encontreina superior).
Tras o xantar había que pensar no regreso. Non deu tempo a pasear pola ribeira
do Cúa, onde noutrora vivira Luís. Incluso chegara a pintar os chopos espidos
do inverno... Tamén visitaramos o castro de Ventosa, onde os estudosos (así se
dá por seguro, por exemplo, neste libro de Ronald N. Walpole, The Old French Johannes Translation of the
Pseudo Turpin Chronicle, publicado pola Universidade de California en 1976)
afirman que hai que situar a Ventosa
do Pseudo Turpin, un lugar alto e
ventoso, en que ventea, desde logo.
(Terra roxa. Sangue guigurro. A avoa valdeorresa cos netos coruñeses)
Canto se aprende viaxando.
ResponderEliminarNon sabía iso das roseiras á beira das viñas.