GALICIA
GALEGOS EN BARCELONA
(O prof. Basilio Losada. Foto tomada da lapela do seu libro Galicia)
(Nota preliminar:
tiñamos programado un capítulo sobre dezaos ilustres no que vos dariamos catro
pinceladas sobre Colmeiro –nunca mellor dito o das pinceladas- pero as tristes causas que todos temos no pensamento –se
non as tedes, axiña as teredes se seguides lendo- e na retina fan que cambiemos
de opción. Quede así o pequeno capítulo sobre Colmeiro para a semana que vén.
Sobre Barcelona non é a primeira vez que escribimos neste blog. [“Visitando”
abril 17]; volvimos viaxar aló co libro de Carmen Laforet. Agora pretendemos
homenaxear minimamente a chamada Cidade Condal a través doutro libro, un
escrito pola man dun de tantos galegos que se instalaron en Barcelona, onde
viviron e traballaron moi a gusto. Esa é a esencia, o quid da mínima homenaxe:
Barcelona é unha cidade que sabe acoller).
O noso protagonista
galego, ilustre galego, establecido en Barcelona chámase Basilio Losada Castro.
Agora está xa xubilado pero exerceu décadas como docente universitario na
Universidade de Barcelona. Ten no seu haber importantes distincións tanto
catalás como galegas (Creu de Sant Jordi e Medalla Castelao), sen mentar outras
distincións. A Real Academia Galega nomeuno académico de honor no ano 2015 e
dixo del que foi un auténtico embaixador da cultura galega en Cataluña.
(Foto antiga de San Estebo de Ribas de Sil: este espazo cambiou a mellor)
O profesor Losada publicou
en 1969 un libro titulado Galicia,
coa intención de que a mocidade o lese e namorase deste país. Chegou ás nosas
mans hai un par de meses. Lémolo dunha tirada e atopamos unha serie de datos que
descoñeciamos ou que tiñamos sepultados nas néboas do esquecemento e que
chamaron a nosa atención. Trátase, coma case sempre, dunha escolla subxectiva
pero confiamos en que vos preste.
(Foto antiga de Cambados: non cambiou a mellor. O espírito mercantil, a ansia de vender aos turistas desvirtuou en parte o seu engado)
Falando de Vigo e
Ferrol (dos de las ciudades gallegas de
más pujante presente) di que, porén, son as únicas, con Pontevedra, que non
aparecen no Setestrelo: nunca oíra eu ese nome aplicado ás sete estrelas do
escudo de Galicia. Tampouco recordo ter lido nunca que Breogán, o caudillo
celta, fose fillo de Death, nin que un dos seus fillos conquistase Gales (p.
40). E que me dicides de Ourense, sabiades que foi chamada a Atenas de Galicia
pola súa intensa vida espiritual? Precioso nome. A propósito da fama de hábiles
que tiñan os ourives galaicos, cita o testemuño de Silio Itálico: grazas a este
escritor sabemos que foron eles os que labraron o escudo de Aníbal.
(Foto antiga da Coruña: supoño que vai en gustos, pero ao noso ver tampouco cambiou a mellor: como na obra de Dieste, A fiestra baldeira, tamén aquí se deu en boa medida unha traizón ás orixes, ao núcleo de expansión con forte celme popular, da primitiva cidade, a traizón foi contra a vella barriada da Pescadería: sempre hai que conxugar con xeito tradición e modernidade)
Repasa os nomes de sete
dos doce homes que Santiago escolleu como axudantes en Galicia: Cecilio,
Eufrasio, Hesiquio, Indalecio, Segundo, Tesifonte e Torcuato. Son os chamados “varóns
apostólicos”. Tamén se nos dan os nomes daqueloutros tres discípulos que
acompañan o corpo incorrupto de Santiago no seu periplo desde Padrón ata ser
enterrado (Basilio Losada di que o enterramento foi no Castro Lupario, logo
chamado Libredón, cuxo étimo para el é Liberum
donum, pero esa é unha das hipóteses que se teñen dado, vid. logo a nota):
Atanasio, Evasio e Teodoro (unha servidora só relembraba ter lido Atanasio e
Teodoro).
(Foto antiga da muralla lucense. Si cambiou a mellor, agora é Patrimonio da Humanidade, baste ese dato)
Sobre Tui
recordemos outro curioso dato: dinos o autor que foi corte do rei Witiza e que
posiblemente no seu castelo nacera Don Paio (Pelayo), o iniciador da Reconquista.
(Foto antiga dun hórreo lugués, con tellado de colmo, coma unha palloza castrexa. Imaxinamos que este tipo de construcións pasou á historia...)
Na páxina 58, a
propósito da cidade do apóstolo, recorda Losada uns versos de Dante: ecco il barone / per cui lá gui si visita
Galizia (velaquí o varón, por quen aló lonxe se visita Galicia). Deixa
noutra páxina tamén constancia do berro, a frase ritual, con que os clérigos compostelás pasaban por
entre as xentes tras a misa matinal, benzoando os peregrinos de todas as partes
do mundo occidental, unha frase escura canto á orixe: Be tom, a trom, San Giamme, a atrom de labro!, interpretada así por
algúns: Recibe benigno este berro
atronador que en as linguas da terra pronuncia o labio (p. 174).
Logo enxalza
poeticamente a boa vila da cantiga popular, Pontevedra, e cita o seu barrio
mariñeiro por excelencia, a Moureira, onde se construíu a nau capitá de Colón, La Gallega, rebautizada luego con el nombre de “Santa María” (este é un dato
coñecido por moitos de nós, pero non está mal relembralo: outro día repasaremos
tan simbólico tema; con todo, pensamos que sobra o prefixo re-; o bautismo de moitísimos barcos hispanos posteriores toma
nomes de santos ou de entes relixiosos e esta nao debeu desde o principio ser
bautizada Santa María (dos
mareantes): o cal non quita para que o pobo, a mariñería, lle chamase tamén a galega). En troques, eu ignoraba que a
confraría de mareantes que ergueu esa xoia do Renacemento en Galicia, o templo
pontevedrés de Santa María, fose chamada Confraría
do Corpo Santo (p. 65). Recordamos tamén con orgullo a frase que reza no
sartego gótico, fermosísimo, de Paio Gómez Chariño de Sotomaior, primeiro señor
de Rianxo: ganó Sevilla siendo de moros
(p. 65), unha honra que se disputa –engadimos nós, seguindo as palabras de
Carlos Martínez Barbeito- co almirante Bonifaz. Cando chega ás Cíes di que
foron refuxio de piratas turcos e holandeses, que nelas tiveron asento
habitantes prerromanos de Galicia e que deles quedou un viejo altar de sacrificios: una roca con extraña forma de cráneo y
un canalillo abierto por donde fluía la sangre de las víctimas (nunca
oiramos nós iso: pero fíxonos lembrar outra rocha con canle para escorrer
igualmente sangue de vítimas: así nolo contou unha paisana que vivía próxima ao
dolmen de Axeitos, en Ribeira). Sorprendeume, falando do castro de Santa Trega,
saber do chamado mapa, gravado nunha
pena granítica, parece ser la más antigua
carta geográfica llegada hasta nosotros (p. 68).
Son moitas máis as
cousas que ignoramos que as que sabemos, dixo alguén hai tempo. E segue sendo,
ao noso entender, unha desas verdades tópicas e incontestables. Moito temos
lido de Prisciliano, moito nos atrae todo o que o rodea: e mais non tiñamos na
memoria que san Martiño de Tours se negara sempre a consideralo fóra da Igrexa.
Noutro lugar do libro, cita os nomes dos seus discípulos decapitados con el en
Tréveris: Armenio, Felicísimo e o poeta Latroniano. Recorda, ademais, que a
finais do XIX foron atopados opúsculos de Prisciliano na biblioteca de
Wutzburg. E máis adiante, cando fala da sinonimia liturxia sueva = rito
mozárabe, engade que no rito suevo-galaico había certas pervivencias
priscilianistas.
E nunca antes
leramos sobre a existencia dun mestre de obra da catedral de Compostela,
chamado Gonzalo o bispo, quen
aprendera aos irmandiños da segunda metade do XV o modo de minar as torres e
arrasar as defensas dos castelos atacados (p. 194).
Basilio Losada
dedícalle un capítulo á presenza da muller na historia de Galicia. Citemos á
para nós anteriormente descoñecida Isabel Barreto, quen á morte do seu esposo,
Álvaro de Mendaña “Almirante del Mar
Océano”, tomou o mando da expedición que el organizara e percorreu o
Pacífico á fronte dunha frota, gobernando unha tripulación arrufada de lobos de
mar ata chegar ás Filipinas en 1596 (p. 79).
Dinos na páx. 95
que a palabra pan é sinónimo de centeo, así unha agra de pan é un espazo sementado dese humilde cereal. Falando
aínda da vida rural, descoñeciamos que noutrora houbera un activo comercio con
Inglaterra cos limóns cultivados no sur do país.
Sobre a pesca, non
sabiamos que as ostras de Arcade xa foran no seu día levadas a Roma en
caldeiros de auga salgada, nin que a lamprea fora chamada peixe dos sete buratos, nin tampouco que o rei Enrique I de
Inglaterra morrese precisamente dun empacho de lamprea. Doutra nosa delicadeza
gastronómica, a saborosa empanada, lémbranos que aparece xa inmortalizada nas
ménsulas románicas do pazo de Xelmírez en Compostela.
(Foto antiga das ruínas de Santo Domingo, en Pontevedra: cambiou a mellor; agora este espazo está aberto ao público. Todas as fotos deste capítulo están atiradas do libro citado do prof. Basilio Losada)
Verbo dos curros,
de beleza paralela á dun rodeo
americano, dinos que cabalos coma estes, de raza galega, pequenos, inquietos (buligáns: “Iria e o cabalo buligán” é o
título dun conto marabilloso que recollera no seu día do pobo na provincia da Coruña
Lois Carré; dos cabalos lampóns
deixou escrito algún autor latino canda a romanización) e sufridos, levou un fato Guillermo de Normandía á conquista de
Inglaterra, contribuíron á victoria na batalla de Hastings, mentres que hoxe –di
Losada- son usados xeralmente para arrastrar as vagonetas nas galerías das
minas. Iso cambiou xa, como cambiaron moitos outros datos do libro.
Datos cambiantes:
No campo galego non
vive xa un 65% da poboación de Galicia. Ora ben, quizais non cambiara todo o
que un quixera este concepto que lemos a continuación: la Galicia urbana vive de espaldas al campo. O Centro Galego de Buenos Aires xa non ten os máis de cen mil
membros de que fala Losada.
Sobre a emigración,
sabe o autor buscar o enfoque positivo e iso sempre chama a nosa atención: Raro es el pueblo donde no han dejado [os
chamados indianos] prueba de su generosidad: una escuela, un
lavadero público, un camino pavimentado o la nueva torre de la iglesia (ás
veces con reloxo, engadimos nós, elemento fundamental para a vida da
comunidade).
Cando publica o
libro Basilio Losada inda se falaba algo o verbo dos daordas, a xerga dos telleiros. Hoxe desaparecido por completo.
:::::::::::::::::::::::::::::::
(Nota sobre o étimo
de Libredón:
As hipóteses están
perfectamente expostas no libro Exploraciones
arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago, de José Guerra
Campos. Citemos só un par delas: por ex. o Padre Fita ve un nome composto
celta, Libero Donum ‘castro ou torre
do camiño’, de don [dunum] ‘castro ou elevación’ e llwybr ‘camiño’, en hipotética
referencia ao camiño de Iria a Brigantium, que pasaba preto; o doutor A.
Moralejo ten pensado algunha vez no concepto de libre doazón, pola posible alusión á doazón de territorio arredor
de Compostela que os reis dos séculos IX e X lle fixeran á igrexa de Santiago
(pp. 35, 36, nota nº 33, ed. do ano 1982).
Ningún comentario:
Publicar un comentario