SANTIAGO,
PADRÓN SABIDO
Supoño que a moitos
de vós algo vos soará o verso ¡Ay,
Santiago, padrón sabido! do trobador Pai Gómez Chariño. Pertence a unha
cantiga de amigo e, deixando a un lado cuestións interesantes pero arredadas do
núcleo do tema que nos ocupa (por exemplo, pregúntanse os estudosos se había
por parte do autor intereses só estetico-literarios ou relixiosos-de devoción
ou intereses de tipo político-enxalzar unha vella matriz poderosa-a terra de
Santiago fronte ao relativo abandono ou desprazamento do centro político dos
reis de finais do XIII cara ao sur; como se preguntan tamén se estas cantigas
implican presenza física do poeta naquel lugar onde está o santuario que cantan
ou máis ben son xeradas na corte etc.), parece estar claro que esta cantiga
como outras que tamén falan de Santiago (A
Santiagu'en romaría ven/ el-Rei..., de Airas Nunes) son unha proba máis
dunha evidencia incontestable: Santiago como centro importante de poder socio-político
está afianzado no século XIII. Pero desde cando? Como non somos historiadores
responderemos cos datos que coñecemos sen intentar dar respostas
matematicamente exactas: desde o século IX (primeiras décadas dese século).
Desde que aquel ermitán de san Fiz de Solovio ve aló embaixo, na fraga do
Libredón, as luminarias e vén o bispo de Iria e logo o rei Alfonso II o Casto,
e empeza a ser dotado o espazo que circunda o sepulcro mítico e empeza a
engrandecerse a cidade do apóstolo. Todo un mito? Probablemente si (referímonos
aquí basicamente á falta de documentación histórica fidedigna: desde logo non a
hai con anterioridade a san Isidoro e este erudito tampouco dá probas nin da
evanxelización nin da translatio santiaguesas). Pero que importa se o mito
produce realidades tan fermosas, ricas, poderosas. Ao cabo, un pobo sen
capacidade de mitificar é un pobo morto. Pensade, ademais, que xente estudou o
tema: que grandes pensadores dedicaron horas de estudo á materia xacobea: así, de
primeira intención e sen pensalo moito, veñen á miña pluma López Ferreiro,
Guerra Campos, Américo Castro, Carro García, Díaz e Díaz, López Ansina, Sánchez
Albornoz... Por citar só algunhas mentes prodixiosas.
(Maqueta de Santiago de Compostela no século XIII; foto tomada de Internet)
En que momento
histórico é nomeado Patrón das Españas? Con precisión ignorámolo, pero hai que
ter en conta dous datos clave. Un refírese á redacción entre os anos 783-786 da
man do monxe-beato de santo Toribio de Liébana, dun himno en honra de Santiago
o Maior: aí xa se cualifica ao apóstolo de cabeza e de patrón de España (himno
editado criticamente por M. Díaz y Díaz; tomamos o dato do artigo de C. Sánchez
Albornoz: “En los albores del culto jacobeo”). O outro lévanos á tamén mítica
batalla de Clavijo (acaecida na metade
do IX), cando se lle aparece ao rei Ramiro montado de a cabalo branco e eríxese
nunha especie de comandante-sacerdote ou bardo guerreiro que insufla ánimos aos
combatentes e lévaos á victoria. Cando eu era rapaza devoraba, máis que lía,
aqueles tebeos ou cómics titulados El
Capitán Trueno, e recordo perfectamente o seu berro épico, de guerra: ¡Santiago y cierra España! Pola mesma
época é tamén de supoñer que empezaría a funcionar o chamado voto, segundo o cal habería que entregar
unha parte (creo ter lido que era un terzo) do botín de guerra (das sucesivas
guerras de recristianización ou de reconquista,
de Coímbra, por exemplo, e de tantos outros lugares baixando ao sur) á Santiago, á
mitra compostelá, enténdase. Que a casa
real española inda hoxe veña ou mande un representante á igrexa compostelá en
tal día coma o de onte, 25 do mes de Santiago, é un acto respectuoso e
conmemorativo daquel voto, do vello padroado.
(Gravado antigo das peregrinacións a Santiago; tomado de Internet)
Esa faceta
económico-política produce reaccións, evidentemente. Digamos que a Santiago ao
longo dos séculos sáenlle competidores. Citaremos tres: A Virxe das cantigas
marianas afonsís (hai unha cantiga, non recordo que número das narrativas, onde
un cego acode a Santiago en romaría pero non recobra a vista e daquela
diríxese ao santuario mariano de tal, e aí si a recobra, e conste que destes
milagres de María versus Santiago Afonso X escribe máis de un: no fondo hai
intereses políticos creados, folga dicilo). Un segundo competidor nácelle pola
banda do Ebro, San Millán, un santo que viviu aló polo século VI (morre no 574),
e que chegou a profetizar a destrución de Cantabria (léase a España central:
son os tempos en que Leovixildo guerreará polos catro ventos ou costados
peninsulares e acabará impoñendo a unidade baixo a súa lei arriana), e cuxa
canonización empeza a ser efectiva tras o levantamento das súas reliquias,
feito solemnemente polo rei navarro Sancho o Maior no ano 1030. En paralelo a
Clavijo, os españois desoutra banda oriental falan da aparición miragreira de
san Millán na batalla de Simancas, ocorrida sobre a metade do X. Incluso hai
versións lexendarias que din que Santiago chegou tarde á batalla, cando xa fora
Millán quen conducira á victoria aos cristiáns. En xusto pago, san Millán foi
proposto para patrón de España.
Con todo, non cabe
dúbida do dominio sobranceiro de Santiago de Galicia como símbolo do poder
cristián durante o século X. A sé compostelá, e non outra do norte, foi
escollida polo califato andalusí como núcleo neurálxico, simbólico e
representativo do cristianismo hispano a finais do X, cando Almanzor, nunha
acción guerreira complexa (ataca por tres flancos, incluído o mar) esmaga e
asola o señorío de Santiago, entra de a cabalo na catedral e desfai con todo,
respectando só o mesmísimo sepulcro e mais o monxe-santo home que o custodiaba,
probablemente Pedro de Mezonzo (vid. Nota).
(Os argumentos a favor de san Millán na polémica sobre o padroado das Españas foron recompilados en 1643 polo frade Martín Martínez, monxe de San Millán e cronista da Orde de San Bieito)
A terceira contrincante ou rival aparente de
Santiago no padroado das terras de España é santa Teresa de Ávila, primeira
doutora nomeada pola igrexa católica, apostólica e romana. Non está mal: tres
patróns. Santa Teresa tivo os seus partidarios, pero tamén houbo insignes
plumas que defenderon a tradición, léase Santiago de Galicia. Defenderon os
dereitos santiaguistas, se non erra a miña memoria, Francisco de Quevedo e
Diego A. Cernadas de Castro, o chamado Cura de Fruime, entre outros.
Conste en acta que
a min non me molesta gran cousa que se comparta: máis ben todas estas
reviravoltas me parecen curiosas, noutrora fontes de polémica e xa se sabe que
das discrepancias nace frecuentemente novo coñecemento. Todas as nacións
cristiáns soen ter un patrón ou patroa: Xoana de Arco na doce Francia, a
Inmaculada Concepción na veciña Portugal, san Bieito en Europa... Ao cabo, todo
é cultura.
E sabemos algo da
persoa real, de carne e óso, do fillo do Zebedeo? Apuxéronlle un alcume, o fillo do trono, que nos está dicindo
que tiña temperamento, moito xenio. Tamén hai quen interpreta a petición da nai
a Xesús para que o sitúe en bo lugar, nun posto privilexiado ao seu lado, como
indicador de que Santiago era un home ambicioso: a min non me parece un
argumento sólido. Unha cousa é o que pensa a nai, a mentalidade pragmática
dela, e outra o que pensa o fillo. Non teñen por que comungar nesa idea. Xenio
e temperamente si necesitaría para facer cambiar de mentalidade aos habitantes
da vella Galaecia. Cando don Ramón Otero
Pedrayo fala, naquela páxina inmorrente –en Os
señores da terra- da conversión en Oseira, do paso case natural e
tranquilo, do druidismo milenario, ao cristianismo luminoso, don Ramón, ou iso
pensamos nós, está mitificando. Un mito máis. A realidade debeu ser moi
contumaz, teimuda. De feito, a aparición sempre mítica de María no mar de Muxía
na barca de pedra xustifícase coma unha necesaria axuda a Santiago no seu labor
conversor. Outra proba indirecta disto témolo naqueloutra tradición (recollida
por Villamil e Castro) que fala da ardente, continua e infrutuosa prédica de
Santiago durante meses na logo asolagada cidade de Valverde.
Non quería eu
rematar esta páxina sen relembrar un dos máis belidos miragres que a tradición
sitúa en Santiago de Compostela na véspera do día do Patrón. A raíña Berenguela
aparécese entre a xente do pobo e poñendo a man sobre unha muller calquera, ou
unha predeterminada e por ela escollida, tócaa e dálle da súa proverbial beleza.
Tamén a torre, por ser de espléndida fermosura arquitectónica, leva o nome
oriental hispano, do reino de Aragón e Cataluña: Berenguela de Galicia. Que
bonito nome, e que marabillosa lenda. Eu oínlla contar por primeira vez a Xesús
Ferro. A quen lle damos as grazas. E ti a
quen lla oíches contar, Xesús?, preguntámoslle un día. De toda a vida, en Compostela.
Grandes profetas de
Galicia, recordaredes tamén algúns dos que fostes meus alumnos, a Cabanillas:
cando profetiza a grandeza futura de Caledonia (na obra publicada nos anos 20
do século XX) realmente profetizaba a grandeza renacida de Santiago de
Compostela. E de Galicia tamén. Así sexa.
::::::::::::::::::::::::::::::::::
Notas:
“Almanzor partiu de
Córdoba á fronte das súas tropas de cabalaría o 3 de xullo de 997. Seguiu un
itinerario a través de Coria e a “cidade de Galisiya” (madinat Galïsiya) [tradicionalmente identificada con Viseo]. Neste
último lugar uníronselle varios condes cristiáns, vasalos de Córdoba, coas súas
respectivas tropas. Unha considerable flota transportou varios corpos de
infantería, armamento militar e provisións desde Alcácer do Sal ata Porto,
remontando o curso do Douro ata o lugar designado por Almanzor para o paso das
súas tropas e servindo así de ponte a tal efecto. O exército cordobés, unha vez
reunido e ben gornecido, continuou a súa progresión cara o Norte, cruzando o
Miño por Tui. Segundo avanzaba por extensas chairas e terras cultivadas, foi
destruíndo ao seu paso varios castelos e mosteiros. Proseguiu logo cara á
península do Morrazo e, franqueando o río Ulla, saqueou a localidade de Iria,
onde había un santuario consagrado ao apóstolo, que seguía en importancia ao
que albergaba o seu sepulcro. Por último, o 10 de agosto, as tropas andalusís
chegaron a Santiago de Compostela. A cidade, evacuada polos seus habitantes,
foi saqueada e devastada. O templo ficou arrasado, agás o sepulcro do apóstolo,
que foi respectado por orde expresa de Almanzor; tampouco foi molestado o monxe
que o custodiaba e que dixo ser un familiar do apóstolo”. Fragmento do libro Galicia y los gallegos en las fuentes árabes
medievales, de Ana Mª Carballeira Debasa, p. 166, tradución ao galego nosa.
En nota ao pé da páxina a autora elucubra sobre o porqué da non destrución do
sepulcro, e di que ese respecto se pode atribuír ao vínculo de parentesco que
os musulmáns establecen entre Santiago o Maior e “o gran Profeta Xesús”,
considerados irmáns por algunhas fontes non cristiás.
Nota sobre a cantiga afonsí:
A cantiga á que nos referimos arriba é a nº 278, ed. de Walter Mettmann: "Como unha boa dona de Francia, que era cega, veu a Vila-Sirga e fixo aí vixilia e foi logo curada e recobrou o seu lume [a vista]. E indo de volta para a súa terra, achou un cego que ía en romaría a Santiago, e ela aconselloulle que pasase por Vila-Sirga e curaría" (versión ao galego actual nosa). Nesta cantiga narrativa dísenos que a dona francesa primeiro fora a Santiago mais alí non curou...
Nota sobre a cantiga afonsí:
A cantiga á que nos referimos arriba é a nº 278, ed. de Walter Mettmann: "Como unha boa dona de Francia, que era cega, veu a Vila-Sirga e fixo aí vixilia e foi logo curada e recobrou o seu lume [a vista]. E indo de volta para a súa terra, achou un cego que ía en romaría a Santiago, e ela aconselloulle que pasase por Vila-Sirga e curaría" (versión ao galego actual nosa). Nesta cantiga narrativa dísenos que a dona francesa primeiro fora a Santiago mais alí non curou...
Ningún comentario:
Publicar un comentario