LENDO A NÚÑEZ SINGALA
“Camiños na Auga”
Resumo:
Szymo é un neno
albino que habita coa súa familia nun dos moitos poboados que salpican a
paisaxe de Tanzania. A súa vida transcorre con normalidade ata que presencia de
primeira man as consecuencias e perigos de ser albino na África do ocultismo,
as crenzas místicas e as perigosas e abundantes bandas criminais. Tras este
traumático feito, Szymo toma a decisión de partir cara un destino incerto que o
leve alí onde todas as persoas sexan coma el e poida encaixar á perfección, Europa.
A viaxe de Szymo
comeza por terra ata o lago Tanganyica, onde pasa un tempo traballando como
pescador, ata que, farto de malos tratos, discute co seu xefe e termina no
medio do lago, sen embarcación nin axuda posible. Tras un tempo nas cálidas
augas do lago, Szymo é recollido por un grupo de pescadores nativos da outra
beira do lago, que o acollen entre os seus e lle brindan un periodo de harmonía
e felicidade que endexamais esquecerá, e durante o cal coñece o seu primeiro
amor, Josephine. Non obstante, a maldade e a mesquindade humanas non entenden
de fronteiras e outro grupo de caza de albinos encontra as súas próximas vítimas
no poboado de Szymo, matando os fillos dunha das familias e levando consigo a
Josephine, quen morre en brazos de Szymo tras ser encontrada nun estado de
agonía nun bosque cercano.
Despois disto e co
fin de librar do perigo aos aldeáns, Szymo volve partir, esta vez por auga
cunha embarcación que recibiu do seu pai adoptivo no poboado pesqueiro. A viaxe
de Szymo continúa durante longas xornadas de viaxe fluvial sen moitos
incidentes, nas que a mente de Szymo comenza a acostumarse á soidade e incluso
a desfrutar dela, aborrecendo e temendo o contacto con outras persoas.
(Á caída da tarde, lago Tanganika. As fotos están tomadas de Internet)
A viaxe transcorre
sen eventos fundamentais ou de gran importancia ata que Szymo atopa a Malayka,
quen huía duns soldados que a perseguirán durante días por lles robar unha
valiosa carga (ouro e diamantes). O albino rescata a Malayka e comeza desta
forma o último tramo da viaxe por vía fluvial, que remata en Ubundu, onde as
fervenzas no río Congo impiden o avance do noso protagonista. Durante este
tramo, establécese un forte vínculo entre Szymo e Malayka, quenes siguen
temerosos pola posible persecución a mans dos soldados que seguiran a Malayka.
Unha vez en Ubundu, ambos toman un tren cara Kisangani, cidade onde residían os
país de Malayka e onde se atoparían seguros. Durante o traxecto en tren,
Malayka cóntalle o porqué da persecución por parte dos soldados e amósalle a
súa valiosa carga.
Unha vez en
Kisangani Szymo é acollido pola familia de Malayka, que lle ofrece unha
estancia indefinida. Aínda así, o obxetivo inicial de Szymo vence á comodidade
que o embargaba e parte de novo, con provisión e cartos provintes da familia
Ngenge, cara Kinshasha en barco. Durante a viaxe coñece ao entrañable capitán
Bene, quen lle ofrece quedar no barco como parte da tripulación e que, ante a
negativa do albino, explícalle e facilítalle todo o necesario para chegar ata
Matadi, un porto próximo ao mar.
Desta forma, Szymo
faise cun pasaporte falsificado, merca as provisións necesarias e parte en tren
cara Matadi, onde, mentres trata de adquirir o libro de marinería (que lle
permitirá traballar nos barcos do porto), coñece ao que será a súa maior
amizade, Jean-Paul. Tras unha serie de peripecias nas que Jean-Paul gana a
total confianza de Szymo, ambos os dous embarcan sen coñecer o seu destino no
barco de comercio Nzinga Mbandi.
Logo dunha serie de
viaxes que os levan polo sur da costa occidental africana, os rapaces entablan
amizade cun dos seus compañeiros de camarote, Sunday, quen lles fala dunha
forma de conseguir viaxar a Europa por vía marítima.
Mais a fortuna parece non acompañar a Szymo e
Jean-Paul, quenes caen na trampa de Sunday, quedando Szymo encerrado nunha
torre ata que, coa axuda das indicacións do outro compañeiro de camarote,
Jean-Paul logra atopar e rescatar a Szymo. Tras este acontecemento ambos pasan
a sobrevivir como poden nunha cidade, facendo acopio dos cartos que gañan en
malos traballos, ata que Jean-Paul vende o diamante e a pebida de ouro, que
Szymo gardaba como agasallo da familia Ngenge, nunha cidade próxima.
Grazas a iso,
conseguen os cartos necesarios para custear a súa viaxe cara ás Canarias e, desta
forma, cara a Europa. A viaxe resulta tremendamente dura e non todos son
capaces de soportala e, unha vez chegan ao seu destino, son cruelmente devoltos
a África, todos salvo Szymo, que por primeira vez se ve favorecido pola súa
condición de albino.
Opinión:
Na miña opinión
dende logo resulta unha lectura (como todas en principio), instrutiva e
necesaria. Non obstante esta novela en particular resulta de especial interese
por ter o valor dun tema que parece que esquecemos, o verdadeiro terror e
malestar no que viven a maioría das persoas nas zonas conflitivas de África. A
pesar de que Szymo é o exemplo máis obvio e a discriminación e persecución dos
albinos resulta cruel e implacable, durante o transfondo do libro obsérvanse
milleiros de situacións de pobreza e medo propias desas zonas: xente marchando
dos seus fogares por falta de posibilidades, actuación de bandas criminais,
discriminación, egoísmo, mesquindade e desconfianza…
O contraste entre
Szymo, un neno albino de aldea que pouco comprende valores como egoísmo e odio,
que non son necesarios no seu fogar, e o resto do mundo, resulta fascinante e retrata á perfección ata que
extremo podemos chegar nas condicións adecuadas para a xerminación do odio.
Valorei moitísimo
tamén a parte do poboado pesqueiro do lago Tanganyica, pois pareceume un
exemplo perfecto de Utopía e de como esta vese arruinada pola maldade exterior.
Por último quizáis
o máis obvio é o recurso da transformación que sofre Szymo durante a súa viaxe,
durante a que adquire astucia, aprende a tomar precaucións e comprende que no
mundo hai moita xente boa, pero tamén moita disposta a aproveitarse dela.
En conclusión, resulta un libro extremadamente
entretido, crea unha conexión empática moi eficaz do lector para con Szymo e
transmite unhas ideas, valores e coñecementos que creo necesarios na sociedade
actual.
David
Crespo González, 4º ESO C no curso 2016-17.
(Fervenzas Boyama, no río Congo, un dos contextos da novela que leron os alumnos do martes do Club de Lectura este curso)
[NOTAS:
O autor, Manuel
Núñez Singala, recoñece _e asi o fai constar no remate da novela- que se
inspirou nas noticias de prensa, é dicir, da crúa realidade. Recoñecemos tamén
nós, unha vez máis, a forza que ten a realidade (creo relembrar que foi Lenin o
que dixo no seu momento algo parecido, non si? Os feitos teñen moita forza). Preguntabámonos no Club de Lectura no
último trimestre deste curso se algún de nós lera outros libros cuxo detonante
fora unha noticia da prensa. Saltaron dous títulos á palestra, Crónica de una muerte anunciada, de G.
García Márquez e A sangue frío, de Truman Capote. Pero hai bastantes máis.
Canto ás supersticións que ás veces en diferentes
culturas e partes do planeta son xeradas por atributos, marcas ou defectos do
corpo humano, daría o tema para moito. Esta dos seres albinos que trata a
novela de Núñez é terrible. Nunha escala menos arrepiante, tamén os birollos,
os coxos, os roxos de pelo, os zurdos, os tortos, os chepudos foron obxecto de
certas formas de discriminación. Aí está o refraneiro, sen ir máis lonxe: Non hai coxo que corra nin torto que sea bo.
A malquerenza cara aos tortos tamén se aprecia na frase castelá Ni que te hubiese mirado un tuerto...
Castelao redímeos cando lle dá a un aquel estupendísimo ollo de vidro para que
observe o mundo desde unha perspectiva literaria e humana nova. Outro castelán: Falso por natura, cabello negro, la barba ruvia, parello a estoutro
galego: Home de barba roiba cargue con el
quen queira e quen poida. Podiamos seguir un pouco: en cast., Hombre
rojo y el demuño, todo es uno; Rubicundo
era Judas el traidor: ni mujer ni hombre ni perro ni gato de aquella color;
Dios nos libre de un cojo, un rojo y de
uno que le falta un ojo; Dios nos
libre de ojos bizcos, que todo lo ven torcido; Pelirrojo, peor que cojo; Tuerto,
sal de mi huerto; Cuando la rana críe
pelo, serán los cojos buenos; Zurdos y cojos, denme en los ojos. E en
galego: De home coxo e can rabeno,
líbrenos Dios coma do demo; Nin bo coxo, nin bo noxo; Xuntouse coxo con roxo (dous malos); Pau de coxo, pau do demo (polo mal xenio
que lles apoñen). Documentamos incluso superticións contra os lunares: Mujer de lunares, mujer de pesares.
A coxeira, como a
chepa, pode cambiar de polarización –como lle ocorre ao final ao protagonista,
cando é salvado da deportación precisamente por ser albino- e pasar a verse coma un atributo positivo.
Recordemos a coxeira sagrada do rei celta. Respecto da chepa, seguro que
oiriades falar de que tocala trae boa sorte. Na obra Os evanxeos da risa absoluta, de Antón Villar Ponte, no “terceiro
tempo”, cando morre o Xordo-mudo, dille o Sin Pernas ao Abráquico: O único que non lle topou na chepa ó
xorobado! E atá aquí chegamos por hoxe. Para os refráns en castelán foinos
moi útil o artigo El
refranero supersticioso español, de Francisco J. Álvarez Curiel, en liña. Notas
de Charo Soto].
Ningún comentario:
Publicar un comentario