LENDO A BERNARDINO GRAÑA
Toponimia e
microtoponimia en "Oda aos mariñeiros de Cangas" de Bernardino Graña.
Polo escuro do mar que vos contruba
ainda hai peixes de lus nos seus abrigos,
mariñeiros de Cangas,
meus amigos,
meus irmáns de salitre e sol e chuva.
Solte a ría un exército de naves,
mariñeiros de Cangas,
traede as liñas,
que, anunciando o fumazo das sardiñas
polos cons e cabezos cantan aves.
Polas ondas sin muros e sin diques,
polo lombo do Atlántico azulado,
brinca e bufa o
arruás todo apurado
perseguindo os banitos i os alcriques.
Máis alá de Sobrido ti
me guíes,
mariñeiro de Cangas, ti me leves
pra ver os espumallos i os percebos
e mirar dende a popa as illas
Cies.
Máis alá do Cabalo e Cabo de Home
da Negra e deses baixos de Biduído,
mariñeiro de Cangas, vas perdido
e o mar é un gran misterio que te come.
Coma horribles fantasmas aparecen
dende o fondo, xurdindo, nos sorríos,
estranas
ardentias e navios
e tristes afogados que amolecen.
Pero rompe, que podes, contra o medo,
dalle avante
con forza, anque che doa,
contra noites e néboas, pon a proa,
mariñeiro de Cangas, e
ven cedo.
Ven loguiño a vender o peixe a Vigo
e trae unha
canción do son dos mares
pra beber e
cantar xuntos nos bares
mariñeiro de Cangas,
meu amigo.
Toponimia:
-Cangas: vila costeira onde naceu o autor, localízase
na ría de Vigo. O topónimo completo é Cangas do Morrazo.
-Vigo: cidade costeira da ría de Vigo, situada enfronte
de Cangas.
-Illas Cíes: conxunto de illas atopadas no exterior da
ría de Vigo. Estas son: a illa de Monteagudo, a illa do Faro e a illa de San
Martiño. As dúas primeiras están lixeiramente separadas pero unidas por una
liña de area chamada Praia de Rodas. Foron nomeadas parque natural en 1980 e
incluídas no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, creado en 2002.
Microtoponimia: corresponde á zona situada entre
as illas Cíes e a Costa da Vela.
-Sobrido ou Subrido: pequena punta rochosa ao sur da
praia de Melide e onde se sitúa o faro de Punta Subrido. O topónimo de Sobrido
tamén aparece nun lugar entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia, preto da
praia de Corrubedo.
-Punta Cabalo: situada no estremo norte da illa de
Monteagudo. Este topónimo tamén aparece noutros lugares da costa galega: na
cidade da Coruña e no norte da illa de Arousa, onde existe un faro e un cabo co
mesmo nome.
-Cabo Home (da Negra): sitúase preto da praia de
Melide, onde existe un faro, un sendeiro e un cabo con este nome. O resto do
nome ("da Negra") pode proceder dunha poboación próxima chamada
Nerga.
-Baixos de Biduído ou os Biduídos: baixos rochosos a
dous quilómetros da costa norte das illas Cíes. O topónimo de Biduído tamén
aparece nun lugar na costa Ártabra, preto de San Andrés de Teixido.
O poema fala de que se deixas
atrás todos estes lugares, "vas perdido" pois atoparíaste moi lonxe
da costa. B. Graña relaciona isto cos naufraxios en alta mar de barcos
pesqueiros ou mercantes, é dicir, o obxectivo dos mariños de Cangas é ir a
pescar cara ao mar aberto.
Fontes:
-Imaxes de Google Maps.
-Topónimos e microtopónimos:
colección de cartas náuticas da "Guía
Náutica de Galicia"
Liber Editorial.
Alfredo Chavert Sancho, 4ºC
no curso 2016-17.
[NOTAS:
Chamo a vosa atención sobre o feito
de elucubrar o noso alumno, sen que unha servidora lle mandara, sobre o étimo
de Negra. Malia non estar demasiado
“cotizada” nesta sociedade mercantilista a filoloxía, algo se pega, por dicilo
coloquialmente. Nós sempre falamos en voz alta na aula da importancia da
palabra, do valor do filólogo, do poder da palabra. Congratulámonos de termos
discípulos que nos escoitan. “Sementa, que algo queda”, dicía a nosa amiga e
colega Uxía López Meirama. Gran verdade.
Con respecto ao Cabalo que Alfredo Chavert cita como
microtopónimo coruñés, digamos que se atopa ese saínte, esa rocha que imita a
cabeza do nobre animal, no camiño que parte do novo Milenium e vai cara ao
Portiño, vémolo se miramos abaixo un pouco antes de chegar ao ascensor que sobe
ao Monte de san Pedro.
(Foto do saínte coñecido como 'O Cabalo', no paseo cara ao Portiño, na Coruña. Foto de Charo Soto)
O topónimo Sobrido ou Subrido,
presente no poema “Oda aos mariñeiros de Cangas”, do libro Profecía do mar (poema que figura no libro de texto de 4º da ESO
escollido polo departamento de Lingua Galega e Literatura do Instituto), debe
analizarse como formado dun sufixo abundancial de sobreiras. Algunha habería
nesas puntas rochosas… Non nos gusta moito a semántica para un relevo mariño
pero non temos a man outra opción. Ese mesmo sufixo abundancial, -ido, aparece en Biduídos, tamén rochosos, e aí si que non caben outras
interpretacións: tivo q ue haber
(ou hai) bidos e punto.
Fica aínda unha voz común
interesante a nivel filolóxico no poema: a voz común sorrío. No DdD (que dirixe Antón Santamarina, tantas veces citado
por nós) figura esta acepción: “parte rugosa das pedras que están na auga”. A
nosa intuición dinos que a voz hai que emparentala con zorregar/zorra ‘especie de carro que se arrastra…’/a sorro ‘arrastrando’, e posiblemente co
topónimo arteixán Sorrizo (lugar moi
batido ou zorregado polo bravo mar ártabro). Verbo desa raíz, zorr-/sorr- , se acudimos á entrada
ZURRAR na magna obra de Corominas, lemos que algún ilustre sabio pensou nunha
orixe onomatopeica, mentres que Corominas parece decantarse por voz prerromana:
conste que unha cousa e mais a outra non son incompatibles. Outra hipótese
sería vincular a voz co sarrizo
‘cerrizo, espiñazo’. Di Eligio Rivas (Toponimia de Marín) que hai varios
microtopónimos na Ría de Arousa que se chaman precisamente cerro, pero habería que xustificar a caída da fricativa final… Que
sei eu… Prefiro a primeira opción. A título de elucubración. (Charo Soto)].
Ningún comentario:
Publicar un comentario