VISITANDO
(Paula, Charo e Carolina. Xardín botánico de Padrón)
Visitamos recantos
incógnitos das terras de Santiago cos alumnos de cuarto da ESO. Señorío de
Santigo, unha das provincias, e non pequena, do Vello Reino. Imos da man de Antonio Fondo,
o voso profesor de Relixión, licenciado en Historia. Gran persoa, grande
cultura, inabarcable amor á Terra. Sempre aprendemos algo con el. Dámoslle por
enésima vez as grazas: agradecemos ver, amar a telúrica e viva forma (a paisaxe
que nos fai evocar do lido, páxinas pedrayanas, guillenianas, novoneiranas),
coñecer novos datos. Paramos primeiro no xardín botánico de Padrón (foto na
sequoia baixo a cal verosimilmente sentara
Rosalía, sempre inspirada: pregúntolles de onde nos chegan esas árbores,
rememoro outra viaxe, á Serra Nevada californiana e fago a inevitable conexión
coa Ave Fénix).
(Representación do bautismo da raíña Lupa. Interior da igrexa de Padrón)
(Xa no pazo do Faramello, tras plantar a árbore do amor)
En Padrón vemos a
Fonte do Carme ou da Trabanca, da que xa falamos noutra ocasión, aquela na que
aparece representado o bautismo da Raíña Lupa: o propio Santiago é o que a
bautiza. A representación pétrea na fonte o que está facendo é recoller
tradicións moi antigas, incluso anteriores ao medieval Códice Calixtino; en calquera caso nese libro xa se fala da
conversión á nova fe de Lupa, convencida ela mesma polos prodixios –touros ou
uros do Monte Sacro ou Monte Illicino que son amansados ou que se axeonllan,
que se deixan xuncir, que logo se paran misteriosamente alí onde o novo
sepulcro santiaguino será ergueito e deita de contado auga en manancial
marabilloso etc.- e así rexenérase e fica instruída por inspiración divina. Da
mesma maneira quere Carlomagno, na Chanson
de Roland, que mude Bramimunda. Deixou escrito Turoldo: A raíña de España [...] convértese cristiá por verdadeira fe
(todo isto publicámolo nun artigo, “Da Raíña Lupa e da tradición xacobea”, no
ano 2003). Recordaba este xoves sacro, como o Pico que visitamos, Antonio Fondo
que o outro nome de Lupa era Atia. Antonio recibe este dato porque o citaba un
experto en libros de temas xacobeos, Juan José Cebrián Franco. Hai un artigo
(LA REINA LUPA DE IRÍA©2008© Don Aurelio José Miguel Isamat Anaque de
Catalania/Don José Julio de Herrera Anaque de Gautia) dispoñible na rede (http://www.sangrial.com/pdf_files/reinalupadeiria.pdf)
onde se vincula o nome de Atia co que aparece na lápida sepulcral conservada no
Museo do Mosteiro de San Paio de Antealtares, Atia Moeta. Esa lápida formaba parte do panteón, panteón que se
supón que pertencería inicialmente a unha dona principal así chamada, onde foi
sepultado Santiago Apóstolo. A identificación Atia=Lupa entra no campo das
hipóteses de difícil comprobación, inda que en principio parece responder a un
desexo de facer entroncar a mítica raíña nosa coa nobreza romana de maior
avoengo, nun típico proceso de aculturación. En calquera caso, nós estivemos
mirando na epigrafía hispana (Hispania
Epigraphica) e observamos que o nome Attia
non é infrecuente en epitafios e inscricións varias: Attia Galla, Domitia · Attia
· / Caesarobrig(ensis), Attia L(uci) lib(erta), Attia Luciani / Olaur(ensis) (de Lora de
Estepa, Sevilla), Attia Fabia, Attia
Clarina (este atopado xa máis cara o NO, en León), Attia Paterna, achada en Cáceres; tamén en Cáceres: Attiae · A(uli) · fil(iae) · Avitae ·
A(ttia) Galatia / mater. E pode que Atua sexa variante da nosa Atia
(documentamos unha Atua Boutia,
cluniacense, cun segundo nome claramente celta). Tamén se documenta o nome de varón,
Attio. O nome parecer parece de raigame latina (a Atia quizais máis famosa na
historia é a pertencente á familia Xulia, a sobriña de Xulio César), pero
habería que averigualo con máis calma.
(No pazo do Faramello: escoitando as explicacións de G. Rivero)
(A prof. Carmen Aquino diante da copia da imaxe de Bernini. Interior da capela do pazo. A obra orixinal gárdase noutro lugar)
(Pazo do Faramello: a chamada "rocha nai")
Deixamos Padrón
para dirixirnos ao pazo do Faramello, onde estivo afincada unha importante
fábrica de papel. Estamos a uns doce quilómetros da capital de Galicia.
Espéranos e guíanos o copropietario, Gonzalo Rivero de Aguilar, unha persoa
chea de vitalidade, namorada do pazo, da súa historia e que sabe envolver en
páxinas mítico-literarias o espazo, as cousas e as plantas que o rodean. Non me
estendo moito sobre as pequenas (e grandes) xoias e tesouros e historias
marabillosas do pazo porque atopades en Internet información abonda (en: http://www.pazofaramello.com/visitas-c21f5,
e tamén en: https://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?t=8945).
(Pías, para botar os farrapos, da vella fábrica de papel. Chamábanlle "pudridoiros", e había 21)
Preguntáballe ao
final da visita se recibe subvencións públicas para manter todo aquilo e
contestoume cun chisco de san orgullo que non, que vive das visitas que recibe.
Un home nobre e directo, así o xulguei. Teño idea de volver cos meus en visita
xa non de grupo escolar. Pero os rapaces ficaron encantados, desfrutaron moito,
atenderon regularmente ben e creo que aprenderon un montón. Plantamos unha
árbore de Xudas ou do amor (parecen nomes contraditorios). Recordamos en voz
alta, primeiro o libro de Marina Mayoral, Unha
árbore, un adeus, no que a protagonista planta un magnolio axudada polo seu
antigo namorado, Luis, se non me falla a memoria. Logo recordamos os
defuntiños, especialmente aqueles que faleceran no accidente de Angrois. A
árbore que plantamos formará parte dun xardín-memorial. Xunta a ese xardín había un estanque (a presa
da antiga fábrica de papel) e preside impoñente o espazo, un grande penedo.
Díxonos Gonzalo que os aldeáns circundantes chamábanlle de sempre a rocha nai e que servira antigamente para
facer ritos de paso á puberdade (se ben en Internet se fala de propiedades de
fertilidade “para os peregrinos”, en http://www.sondocamino.com/placeres/pazo-de-faramello).
A ver nun futuro próximo se é posible falar con algunha paisana xa maior que
nos arrequente e ilustre sobre este punto. A Gonzalo, claramente, gústalle
moito enraizar todo o que pode na cultura celta: facía especial fincapé nos
freixos (aínda que non esqueceu falarnos das 16 árbores senlleiras do pazo, e
insistiu as veces que fixo falta na necesidade de repoboar a aba do castro
desfeita no 84 polo Hortensia con especies autóctonas). Sabe ben que no mundo
tradicional celta o freixo representa o tránsito entre o pasado, presente e
futuro: cando vai morrer xa lle está nacendo outro dentro, é unha elegantísima
árbore que pode vivir uns 300 anos. Rica familia con esta raíz na nosa lingua: Freixal, Freixeira, Freixeiro, Freixido,
Freixomil... Evidentemente, o amor por esta simbólica árbore non é
privativa dos celtas: os xermanos tamén o souberon valorar: aí está a épica
nórdico-europea, co Edda e o Yggdrasil, a árbore da vida, freixo do Universo.
(Plantando a árbore no xardín memorial dos defuntiños do accidente ferroviario de Angrois)
Prometinlle
ao señor Rivero ao despedirnos que lle faría chegar un relato celta sobre a
importancia da vara de abeleira, para
que enriqueza as súas referencias simbólicas tocantes ás árbores. Pensaba eu
nun relato preciosísimo das tres doncelas transparentes localizado en
Pontedeume e recollido por Jean Markale (Contos
e lendas dos países celtas). Pero falloume a memoria: o meigo-druída non
axita unha vara de abeleira nesa mítica historia, senón unha póla de maceira.
Logo repasei os recitativos atribuídos a Merlín que inda se conservaban na
Bretaña do XIX e tampouco achei a abeleira, senón o acivro: -Ou, bardo Merlín, de onde vés coa túa roupa
feita cachizas? Onde vas así, coa cabeza descuberta e descalzo? Onde vas así,
meu vello Merlín, co teu caxato de acivro? (Hersart de la Villemarqué, Chants populaires de la Bretagne, a
tradución ao galego é nosa). Un acivro senlleiro forma parte do patrimonio do
pazo (16 árbores senlleiras!), o acivro máis antigo de Galicia está no Pazo do
Faramello.
(Charo e Marta: boa proba de que a raza mellora. Estamos no Pico Sacro)
(Antonio na entrada da cova do Pico Sacro: foco probable das lendas sobre o estraño señor do Pico, aquel que daba beberaxes ás mozas... )
(Antonio e Charo: confiamos en vivirmos aínda moitas viaxes con tan espléndido guía)
(Fervenza do río Zaramo. Estamos preto do Pico Sacro)
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
NOTAS FRASEOLÓXICAS SOBRE ‘FARAMELLO’.
Pregunteille a
Gonzalo se lera ou oíra algo sobre a orixe da palabra Faramello e díxome que en galego signficaba muíño, e que había un topónimo, Framelle,
onde tamén había muíños. Discrepo, aínda recoñecendo que, como hipotizo máis
abaixo, certa conexión hai entre o proceso que fai un muíño e o fragmento
resultado da moenda/fragmentación. Os topónimos do tipo Framelle (Monfero, A Coruña), Framille
(Lugo), veñen de nomes de posesores
góticos, a forma en –elle/-ille indícanos xenitivo de posesor (trata estes
nomes Nicandro Ares, en Estudos de
toponimia galega, t. I, p. 518).
Sobre
o significado da voz Faramello
podemos dicir o seguinte: primeiro, a presenza do artigo (Pazo do Faramello)
fainos pensar nun substantivo común, non propio.
En segundo lugar, está o problema da familia á
que pertence: se dicimos que pertence á de faramallas,
faramallosa, faramallada non parece haber problema: á parte da fonética semellante,
hai un sema en común, o sema [+ ENREDO]. No galego actual ese é o valor que
subsiste para faramello como voz
común ‘que enreda, fedello’. Tamén o verbo faramellar
significa ‘revolver, enredar’.
Agora
ben, ‘fedello’ parécenos acepción secundaria: a primaria podería estar próxima
a ‘enredo’, pero aínda non sería esa a primaria para faramello. Cremos posible supoñer outra acepción máis material e
concreta e quizais, só quizais, esa é a que se encontra agochada na frase botan a rebatiña coma quen cisca unha
peneirada de faramello (de Johán Vilanova, TILG, 1934). Aí faramello dá a impresión de ser aquilo
que resulta da moenda: algo que se esfaragulla
ou se esfarmaga. Máis aínda,
supoñemos que faramello pertence á
familia de farelo.
Antes
da fabricación de papel nese lugar (hoxe chamado do Faramello), alí facíanse farrapos de liño para mandar fóra á
transformación industrial correspondente: os panos de liño esfarelábanse, coma quen di, facíanse con el anacos, farrapos, un
auténtico “esmendrello”, un faramello.
Movémonos
arredor da raíz FAR-/FARR-. De igual maneira que o latín farrago significaba ‘mestura de varios grans’ e mais ‘compilación
de pouco valor’ (Corominas, s.v. FARRO), así tamén vemos eses dous semas en faramallas. Cando Risco (TILG) fala de faramallosa retórica (cast. farragosa) xa temos unha acepción
secundaria.
O
efe inicial pode trocar por outra fricativa en voces da mesma familia: así, se faramello é un revoltoso ou enredador, zaramalla é un enredo. Se faramallar é enredar, iso mesmo é o que
significa zaramallar (TILG: s.v.
FARAMALLAR), mera variante fónica.
Logo,
insistimos, cómpre partir da raíz FAR-/FARR-
e moverse con cambios de sufixos e interfixos. Porque entre, imos poñer
de exemplo, farelo e faramel(l)o o que se integra, verosimilmente,
é o interfixo –am- (integrable na
serie frecuente de interfixos como –ar- de
carapucha,
nevarada, caparazón, fumareda...),
un interfixo que explica voces como cárcamo
(sobre carca), cábramo ‘corda’ (sobre cabo?, cable?), cártamo (un tipo de cardo),
calzamo/calsamo ‘tipo de planta’
(sobre calce), védramo ‘espesura das fragas’ (sobre verde?) etc. Vén sendo un acrecentativo do corpo fónico de
determinadas palabras, do tipo de –ar-
xa citado ou do tipo de –ag(o)- (sámago
sobre samo, córgamo sobre corgo,
cast. relámpago en relación co noso lampo/relampo). Desta maneira
explicaríase o paralelismo entre farelo
e faramello, cun interfixo
acrecentativo –am-. A semántica
axuda porque mantense o sema común de ‘fragmento’, como en faragulla. Como se pasa da idea de ‘fragmento’ a ‘enredo’ é doado:
as partículas únense, mestúranse e o que
está mesturado frecuentemente está revolto, enredado.
Xa
á derradeira, permitídeme que vos faga
saber que o papel fabricado no Faramello pasou á fraseoloxía: no TILG
documentamos a frase (Ter) papeis do faramello
co significado irónico de ‘(ter) pedigree’: xa
vou por riba do tellado do Casino , casa onde non ademiten monteiras , pois
solo queren os que teñan limpos e bos papés do faramello (O Tío Marcos da
Portela, 1876); si teñen papés do faramello
, bon proveito lles faga (1877); nado
como o máis probe , sin representación na sociedade , sin papés do faramello
(1883). E incluso pode estar elidido o subs. papel, cobrando a frase preposicional do faramello o valor léxico correspondente: sempre en Ourense 1 , sempre
tivemos , aristocracia do faramello , xentes de tono , homes soberbios que andar
cos probes teñen a menos (1884): xa vedes que neste texto está clara a sinonimia, refírese ironicamente
á xente con pedigree.
Ningún comentario:
Publicar un comentario