xoves, 17 de xaneiro de 2019

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


VICENTE ÁLVAREZ ARECES




Hoxe, xoves, baixei como sempre a tomar o café cos colegas de hai anos. Porque hai anos largos que celebramos esta tertulia semanal. Relembro agora e aquí que houbo dúas ou tres ocasións -nos tempos en que o café o tomabamos no Artóbriga- en que se achegaba Felipe Criado, e onde vai xa que pasou a mellor vida... 


Así que hoxe, pouco despois das doce, xa nos comunicou Mercedes a noticia do falecemento de Vicente Álvarez Areces. Foi de madrugada, foi algo inesperado. Preguntei cantos anos tiña. Setenta e cinco. Como o meu pai, pensei, cedo para morrer hoxe en día. Entón Mercedes mirou no chat ou na charla do guasap cando foi a derradeira vez en que el participara. Contou as horas, non moitas.

 (No título de licenciatura dos matemáticos daquela poñía "Licenciado en Ciencias, sección Matemáticas". Foto da  Facultade de Ciencias, Santiago de Compostela)


Porque Mercedes Sampayo, a que fora durante anos a vosa profesora de matemáticas, era colega de Vicente Álvarez Areces desde a facultade en Santiago e ese vínculo de compañeirismo e certa amizade conservouno sempre. Pedinlle que nos escribise unha especie de lembranza (ou de obituario, chamándolle ben ás cousas polo seu nome) pero declinou, dixo “non, é tan delicado...” E así foi como tomei eu, co seu permiso, a pluma para que, en certa medida a través do que Mercedes foi falando e trasmitindo, nos quede hoxe a todos unha leve idea da traxectoria deste home bo.


Cando camiñabamos de volta para casa xuntas, á altura do andén de Riazor, volvimos falar do vello compañeiro de facultade. Un político e mais un científico que amaba as matemáticas. “Eu destacaría entre outros datos da súa forma de ser, do que eu recordo, claro, que era un home intelixente... si, era moi intelixente. E amaba as matemáticas... Súa nai fora mestra, coma a miña, e o seu pai garda civil... É que daquela, cando acabou a guerra, as mestras eran acompañadas ao traballo por un garda civil”. Aquí interrompina. “Por que?, por control ou por protección?”. Dixo: “pois realmente non o sei...”E coñeceríanse así os pais?”. “Puido ser...”.

 (Esta foto foi unha das derradeiras, senón a derradeira que a nosa amiga Mercedes Sampayo, lucense, lle pasara polo gasap ao señor Álvarez Areces)


Logo, tras o xantar, xa estando vendo o concurso da segunda, pouco antes de botar a breve soneca familiar, pensaba eu en canta xente coñezo ou coñecín que sufrira cárcere polas súas ideas: vivos, só a Ferrín e a Luís Alonso. Falecidos, a Ramón Piñeiro. Que eu saiba, claro. Areces tamén pasou períodos no cárcere. Recórdao na entrevista que concedera hai anos, unha entrevista cuxo enlace ten Mercedes desde hai tempo no seu móbil, e que agora foi recuperada pola prensa de Asturias. Aí hai parágrafos interesantes para a reflexión. Permitídeme reproducir só un: Conviene que los lectores más jóvenes sepan que España no siempre ha sido como ellos la han conocido. Quien, como es mi caso, ha pasado justo la mitad de su vida en un país sin libertades, vive con intensidad los procesos democráticos como el que celebraremos el próximo 27 -M (en: https://www.lne.es/asturias/2019/01/17/me-gusta-que-me-llamen-tini/2412100.html).


Tamén é moi curioso o que di dos adversarios: Los adversarios nunca suelen hablar bien de uno (hai ironía, sen dúbida o señor Álvarez Areces era un ser humano con sentido do humor). Á vista desas vellas palabras, creo honestamente que cobran un novo valor as que oímos hoxe no telexornal da primeira en boca doutro Álvarez (Cascos): [nun contexto previo que non oín, supoño que lle pediron que dixera algo do falecido] Qué puedo decir? Que era un bo rival (algo así dixo: que era un rival poderoso). Parece que hai unha certa simetría entre aquelas e estas palabras. Son as voltas da vida...


Asturias está de loito. Moitos de nós lamentamos que os políticos de categoría, dos que o país non anda ben servido, nos abandonen. Así a todo, aquí ninguén queda. Descanse en paz e que a terra que amou, a terra sen máis, lle sexa leve.


 (Na entrevista para o programa 'La Galería' de TVE)

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

[Nota:

Hai máis información sobre V. Álvarez Areces en


Aí, nesa entrevista televisiva, contaba precisamente que a súa nai era mestra na zona mineira e que ían escoltadas pola garda civil]


Ningún comentario:

Publicar un comentario