Lendo a
Cotarelo Valledor.
Un contiño de
Nadal.
("Fuxida a Exipto" de Giotto. Todas as fotos están tomadas de Internet)
Dado que o tempo é o propicio, e que nos achamos á
espera dunha certa información complementaria para falarvos doutro tema que
tiñamos in mente, imos contar un contiño.
Trátase dun dos seus Contos de Nadal publicados por Cotarelo no Nadal de 1927 para a editorial
Lar. Seguro que moitos de vós, ex alumnos meus, recordaredes o nome de Armando
Cotarelo Valledor. El e Salvador Cabeza de León eran amentados por unha
servidora cando vos falaba dos traballos do Seminario de Estudos Galegos,
institución fundada en 1923, relembrades? E eu dicíavos que aqueles homes
fillos e/ou namorados de Galicia facían un traballo paralelo ao que se fai (ou
debería facer) na Universidade e que de feito algúns dos seus Presidentes (do
S. E. G.), como Cotarelo e Cabeza de León, eran catedráticos da Universidade de
Galicia. E outros se non catedráticos, si profesores, como Lois Iglesias
Iglesias -presidente un tempo do Seminario, biólogo como Isidro Parga Pondal-, exemprar mestre da Universidade galega,
en palabras de Ramón Otero Pedrayo.
(Armando Cotarelo Valledor)
Importante traballo o que desenvolveu o S. E. G.
Mentres non chegou a barbarie e destrución canda a guerra civil: das primeiras
vítimas, moitos galeguistas coas mans limpas de sangue, e por suposto, os
libros, a cultura, a montaña de datos que o Seminario acugulara paciente e
laboriosamente na súa sede: só Deus sabe o que alí se perdeu! Menos mal que,
como di Rivas, os libros arden mal (porque a memoria daqueles traballos non se
chegou a perder nunca de todo e moitas publicacións permanecen para sempre).
Aínda que arder arden, que llelo digan a Miguel Servet cando o queimaron na fogueira
naquel outono de 1553 cos seus libros, ao Bradbury de Fahrenheit 451 ou ao Spielberg de A última cruzada (todos recordaredes a pira de libros que os nazis
queiman en Berlín...). Indo ao caso, este conto de Nadal do ínclito Cotarelo
-tamén grande dramaturgo-, titulado “ A tea de araña”, trata da fuxida a
Exipto, levando só o posto, da Sagrada
Familia de Nazareth (María, Xosé e Xesús). Persoalmente sorpréndeme,
marabíllame como este episodio narrado nos Evanxelios (no de san Mateo,
capítulo 2) causou impacto no noso pobo: son varios os relatos, os datos de
folclore, de fraseoloxía que coñecemos xerados arredor deste capítulo da vida
familiar dos tres heroes cristiáns. E por que? Quizais porque nesta durísima
secuencia de vida sagrada viu reflectido o pobo galego parte da súa propia
realidade histórica: a sega a Castela, a emigración ás partes máis ricas de
España, a emigración como gando a América, a emigración a Europa. Quizais
porque esa persecución dos poderosos, dos exércitos mandados por quen ten o
poder en contra dos pobres e dos humildes, esa persecución que se fai a
Deus-neno e pobre, é familiar a moita xente que segue sendo pobre e humilde e
segue sendo perseguida polos exércitos mal mandados dos poderosos. Está claro,
demasiado claro, que o episodio evanxélico é dolorosamente actual, non
prescribe.
(Santa Helena, de Francesco Morandini)
Así que, como vos dícía, parten Xesús, María e Xosé a
unha terra lontana (agora veredes en
cursiva algunhas palabras do propio Armando Cotarelo, a quen Deus descanse
nunha merecida gloria). Botáronse a
camiñar sin mais alforxas nin mais garambernias. Entón viron que os
perseguidores, os soldados, xa se lles botaban enriba...Diron sobre deles. E María case cae do susto: Á Virxe entroulle un pasamento. Pero nestas que Xosé ve un posible
agocho, cubil de fera, tobo de raposo,
paleira de serpe ou algo de eso. O problema é que estaba a entrada cheíña
dunha impenetrable arañeira, teas de
araña... tan enfluxadas de rela e de puvixa e de vermes e de moscas... Con
todo e iso, Xosé logra vencer o noxo, rompe e desfai tan mesto velo e penetran
no interior. Alí permanecen caladiños coma
difuntos. Mentres xa se achegan os que queren darlles morte, boureando e destocando como degorrios [os
degorrios son demos]... esborrecando de carraxe. Paran
diante da cova. Dubidan... e xusto daquela un dos soldados dilles aos outros
que é imposible que estean dentro porque as arañeiras que cobren totalmente a
entrada indican ás claras que alí non
entrou ninguén, porque sería imposible entrar sen rachalas.... Era unha dedución
totalmente lóxica. Alí non estaban. E fóronse.
Que pasara? Que as arañas teceran velozmente de novo
as súas teas para ocultar o tesouro alí acubillado. Dío moi ben o señor
Cotarelo, hoxe relembrado: O Neno Xesús
sorría e as arañas beilaban diante del.
Évos moi curioso que hai anos, estando de acampada no
Alto Aragón, concretamente en Escarrilla, Huesca, viaxando e facendo excursións
por aló, visitaramos nun lugar espléndido non moi lonxe de Biescas a Ermida de
santa Helena. Tamén ela sufrira persecución polos soldados non cristiáns e
agachouse nunha cova na que entrara. Unha araña teceu mesta arañeira e así os
soldados non a viron: desta lenda saen dous versos en pareado da boca do pobo: Donde la araña tejió / allí Elena se
escondió. Estiven repasando as miñas notas de viaxe daquel ano. Hai máis
materia que narrar, se inda queredes oír:
(Dolmen de Santa Helena, Biescas, Huesca)
“Sábado, 19 de agosto. Trece horas: subimos á ermida
de sta. Helena. Está no límite entre a bisbarra de Biescas e a de Tena. Houbo
rifas pola súa pertenza a un ou a outro territorio. O lugar está cheo de
lendas. Helena, emperatriz, nai de Constantino o Grande e cristiá, foi
perseguida polos soldados romanos e chegou ata aquí. Acollérona uns labregos un
día en que acababan de botar o millo. Esa noite dorme con eles. Á mañá
seguinte, temendo se a descobren un castigo para os xenerosos hóspedes, decide
partir e dilles:
-Non me delatedes pero tampouco mintades por min.
Así e todo, Deus fixera esa noite un bo milagre para
Helena, de tal xeito que as plantas medraron moito no milleiral. Cando chegan
ese mesmo día os perseguidores (soldados contrarios ao cristianismo),
preguntáronlles se a viran e daquela puideron dicir:
-Vímola cando plantamos o millo.
E os romanos, ó veren tamañas plantas, pensaron que xa
había moito que pasara e que lles levaría xa moita vantaxe”. Teño máis datos,
preto está o chamado Dolmen de santa Helena, pero xa non fai ao noso conto.
Todo isto fíxome pensar nas semellanzas entre xentes e entre pobos. E levoume
todo isto tamén á alma a gana de reler un dos grandes aragoneses da historia da
literatura española, a quen moito lin de adolescente e incluso recordo agora
que cando era estudante universitaria fixera para o profesor Luis Iglesias un
traballo sobre un dos seus libros, favorito meu, Crónica del alba. Falo de Ramón José Sender Garcés, nacido en
Alcolea del Cinca, Huesca. Se a memoria me é fiel.
Bo Aninovo a todos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario