LENDO A
CASTELAO I
Lendo a Castelao
coas rapazas do Club de Lectura dos venres (falaremos outro día das cousiñas
interesantes que xurdiron), veume á cabeza algo que me contara o meu colega e
profesor voso, Raúl Trillo, sobre un cadro que obra en poder da súa familia
pintado por Castelao. Así que lle pedín que nolo presentara e que nos dixera
algo sobre el. Velaquí tedes as súas palabras:
“Trátase dun
retrato. Retrato de Llamazares. É unha pintura ao óleo sobre lenzo da autoría
de Alfonso Rodríguez Castelao. Neste retrato de Castelao podemos ver tres
aspectos que caracterizan o autor: o
gusto pola caricatura para acentuar unha visión realista, crítica pero
humorística; o interese polo pobo desamparado: cegos, mendigos, labradores
pobres... E en terceiro lugar, a execución rápida e solta da pintura coma un
exercicio expresivo.
Esta pintura non
está datada pero con certeza debeu realizarse no verán de 1906 ou 1907 nunha
localidade próxima a Santiago, Santa Mariña do Barro, onde estaba a casa
familiar duns compañeiros de medicina e
farra e onde recalou o pintor nalgunha ocasión estival convidado pola familia.
Este retrato
masculino, asinando na parte superior dereita, é coñecido polos seus
propietarios co nome de Retrato de
Llamazares. Mostra un paisano co sombreiro no momento de acender unha
cabicha cun chisqueiro. Parece ser que este tal
Llamazares era un borrachín moi popular que frecuentaba as tabernas de Santiago
e bebía sen tino convidado polos estudantes. Agradecido, exhibía as súas
habilidades, sendo unha delas engulir un chourizo fritido sen masticar, tal
como o faría unha boa, tantas veces coma fose necesario mentres llo pagaran. É
de supoñer que esta atracción compostelá non debeu ter unha longa traxectoria
no tempo.
Esta pintura de
Castelao e outras do mesmo autor permaneceron na casa de Santa Mariña ata
finais dos anos setenta coincidendo co recoñecemento oficial da figura do
autor, e continúan sendo propiedade da familia”.
(As fotos foron feitas polo Catedrático de Debuxo do noso Instituto, D. Raúl Trillo Docampo)
Ningún comentario:
Publicar un comentario