mércores, 16 de novembro de 2016

A CORUÑA



A CORUÑA


A GRANXA
  




Xosé Antón Fraga lévanos a tempos pretéritos a través da súa palabra e de vellas fotografías rescatadas (moitas conservadas grazas ao labor tenaz e loable dos homes que traballan en Mabegondo) e dixitalizadas. Entre elas vemos o plano inicial da Granxa Agrícola de Monelos, un proxecto que data o seu nacemento no ano 1891, inda que oficialmente haxa que ir ao 1878. O plano está asinado polo enxeñeiro Víctor Lobo, é de 16 hectáreas. Como dono das terras cítase a Luciano Puga, inda que tamén se mentará o vello nome de La huerta del General (Martínez Cermeño, un personaxe sobre o que escribiremos nun futuro, díxose que tiña coma un pazo ou casa grande no Corgo, que moitos de vós recordaredes, mais eu non logrei rescatar esa lembranza...). Vemos outro plano datado esta vez en 1909, e calculou Fraga que deben estar depositados no Arquivo Municipal. Coma unha sucesión de lampos no ceo van pasando as fotos na pantalla: con capacidade poderosa para conducirnos á infancia feliz, para levarnos unha vez máis de paseo pola Granxa, coma cando eramos rapaces e o avó Manuel nos collía, imos dar un paseo á Granxa. A porta: foto da porta da Granxa. Pechada. Pregúntase en voz alta Tino (hai confianza: visitou varias veces a nosa casa, o Instituto, colaborou connosco no libro dos 125 anos, velaquí outro dos privilexios –ou así o sinto-  de ser parte desta comunidade educativa que tantas cousas boas nos deu) se esa porta permanecería pechada en xeral e cando é que se abriría... Pregúntolle aos meus a ver que relembran... Recordámola sempre aberta (pero nós vivimos o último período da súa existencia –desde 1960 máis ou menos- , cando era xa unha especie de magnífica sala de xogos, de paseo público paradisíaco). Foto do edificio onde vivía o Director, casa branca en estilo modernista; foto do despacho do Director; foto da Estación de Fitopatoloxía, a partir de 1928 (menciona Tino a Juan Rodríguez Sardiña, un luxo de científico que veu destinado e “castigado” polo réxime, fóra de Madrid, e chegou á Coruña, á súa terra); foto da galería-especie de sequeiro onde vemos uns froitos estentidos. Foto do camiño central, abeirado de plataneiros: fala Tino de impacto emocional. Marca indeleble ou magdalena de Proust ou veloz valquiria que nos leva alí, aos catro, cinco, seis aniños. Fotos que documentan que había campeonatos, concursos. Unha da estación que se constrúe en Bastiagueiro (hoxe é a sede do INEF-Facultade de Ciencias do Deporte). Daquela, en 1921, formáronse alí por primeira vez en Galicia, perítos agrícolas. Érguese a voz dun asistente á conferencia (estamos no Fórum Metropolitano: fálase da Granxa de Monelos respondendo a unha iniciativa da asociación Alexandre Bóbeda mais a A. de Veciños de A Gaiteira-Oza-Os Castros) para recordar o arquitecto que deseñara o pazo de Bastiagueiro, o galego e Premio Nacional de Arquitectura, A. De la Sota (en 1948 deseña a denominada Escola de Capataces).

 (O paseo da Granxa, por onde nós -os rapaces nacidos nos anos 50- corriamos, xogabamos, camiñabamos da man dos avós... Ao final deste paseo inda recordamos a fábrica de "Leyma")

Pasa logo a enumerar as actividades nucleares da Granxa de Monelos: Selección de Gando (está a Granxa detrás da creación da raza rubia galega: vemos fotos coa etiqueta “Raza Gallega”, vemos orgullosos paisanos fateados, e con gravata incluso, a carón das vacas, mulleres incluídas, a muller si está presente no agro puntualiza preciso Tino). Labor divulgativo: a plantación de árbores, un logro no que se implica o estamento escolar (no libro do 125 aniversario do Instituto da Guarda hai unha foto de 1911, celebración na praza de Pontevedra do día da árbore, con participación da xente, do profesorado, do alumnado... unha marabilla de interrelación produtiva e cívica asemade). Prácticas de poda. Movemento cara ás aldeas: levan a técnica alá onde se necesita que prenda, á aldea: son como as unidades móbiles actuais de RTV ou de Transfusión de Sangue (Cátedra ambulante lemos nun dos vehículos inmortalizados nunha das fotografías, que concepto, señores, que concepto para quitar o sombreiro!).



Unha das claras virtudes daquela xente e daquel proxecto que sintetizamos baixo a frase A Granxa de Monelos era a feliz comunicación coa xente así como a integración na vida social da cidade (un exemplo: a foto de grupo onde lemos Amantes del campo, onde aparecen –entre outros- o alcalde Casás, o galeguista Uxío Carré e xente da Granxa como Hernández Robredo).

No ano 1899 sae o primeiro número do Boletín da Granxa: falan de novidades na fabricación de maquinaria, publican cartas dos labregos (unhas 200 ao ano): é un órgano de comunicación directo e a pé de obra.



Dá o noso conferenciante, home de ciencia, home preocupado polo país, unha certeiras pinceladas sobre a situación do agro galego a finais do XIX. A internacionalización da agricultura nesa altura prexudica a Galicia: ata 1892 exportaba gando vacún a Ingleterra mais a partir desas datas a construción cara de barcos con frigoríficos fai que aos británicos lles saia máis barato comprar a carne en Arxentina e EEUU (onde había moita produción e venden barato, así enchen os barcos) que vir aquí por ela. A gandería de Galicia afúndese, e a agricultura sofre unha forte competencia e ten que pandar coa trasmisión de enfermidades que veñen de fóra, como a tinta dos castiñeiros e o mildiu da uva. 

 (O lúpulo aparecía como unha interesante explotación agrícola industrial; a principios do s. XX Hernández Robredo viaxa ao sur de Inglaterra e ve o ben que por aló se dá esa planta e pensa en traela a Galicia, onde tamén se dará de marabilla; traballarase en colaboración coa familia Rivera; este cultivo retomarase tras a guerra)



Pero o país basea a súa economía neses sectores (campo e gando). Formula o conferenciante unha interrogación retórica clave: Como é posible que carecésemos de centros de investigación?

A resposta é simple: pola desatención. A Granxa xorde en boa medida para paliar ese panorama. Se a principal produción é a gandería e a agricultura pois incorporemos aí os coñecementos dos que dispoñemos. Tamén era moderno o enfoque: baseouse no diálogo co sector destinatario.

Para que se entenda ben a importancia dese principio alude Fraga á experiencia habida en Ortigueira en 1876: viñeron de Madrid e montaron unha estaciónde ostricultura –tendo en mente o modelo francés-, pero non contaron cos paisanos: cando era inverno e volvían para Madrid os expertos e dirixentes, a xente desatendía as instalacións e incluso déronse casos de vandalismo: nunca fixeron súa a estación (e poucos saben sequera que existiu, fora a primeira en Galicia). Non se pode chegar en plan déspota ilustrado, non convén, é mellor escoitar as demandas dos interesados, as necesidades.

Volvendo á Granxa de Monelos, souberon atraer o público, coa cátedra ambulante foron aos sitios e trouxeron aquí a Coruña á xente, dábanlles sementes gratis: foi un auténtico apostolado, traballaron co boca a boca e puideron ver como se producía máis e mellor. Teceron unha rede [boa metáfora de Tino], as redes cústaas desenvolver pero logo resisten e funcionan moi ben. En Galicia e na Coruña en concreto houbo máis asociacións interesadas polo progreso (o Consulado, as Sociedade Económicas de Amigos do País...), houbo si, pero poucas coma a Granxa souberon establecer vínculos directos coa xente a quen realmente lle interesaba o seu labor. Foron, ademais, uns avanzados noutro aspecto clave: a ecosensibilidade. Nesa interacción coa sociedade coruñesa e galega procuraron esperatar a sensibilidade ambiental: boa proba diso é a Festa da árbore, que se oficializou en 1914 (di o conferenciante que tras a guerra desapareceu, pero moi paseniñamente, durou aínda, había unha certa conciencia social que fixo que durara: eu mesma recordei en voz alta que me levaba a miña avoa Pura, a coruñesa, á plantar unha árbore tal día ao ano, sendo nena, á Granxa e alí había máis rapazada...). Le Fraga unhas fermosísimas palabras de Hernández Robreda, a quen Deus teña na gloria, O sacho por pluma, o rego por tinta escribirá hoxe o neno...

Por hoxe xa chega. A ver se nos animamos a escribir unha segunda parte sobre o tema. Ben o merece. Sobre todo, falta analizar a reflexión final do señor Fraga: Merece a Granxa de Monelos unha lembranza imperecedoira por parte da Coruña e dos coruñeses: algo económico, axustado... Que se busque algún tipo de recoñecemnto... Como é posible que non teñamos esta parte da nosa historia coma un activo máis da cidade?

Habémolo meditar: nós, os nosos fillos, os nosos alumnos. Nós os coruñeses. Nós os galegos. Que menos que un merecido e digno recoñecemento!


 (Foto histórica: os "Amantes do campo"; debemos esta copia á xentileza impagable de Xosé Antón Fraga)


Ningún comentario:

Publicar un comentario