ENTREVISTAS A VIGUESES QUE AMAN OS LIBROS
ENTREVISTA A FRANCISCO CASTRO.
Mª R. SOTO: -Fálanos
algo da túa vida, brevemente.
F. CASTRO: -A miña
vida é a dun home que xa dende neno tiña claro que a súa existencia ía ter que
ver coa comunicación. De non ser escritor tería sido músico ou trapecista de
circo. Algo así. Levo escribindo toda a vida, escribo e espero escribir ata o
día derradeiro da miña vida. Por outra banda, son un home que ama profundamente
a vida e as persoas que me poden facer máis grande como ser humano.
-Este día, na
presentación de Tes ata as dez,
dixeches –se non me falla a memoria- que ese era o libro número 21 que
escribías. Bo número, múltiplo de 7... Para celebralo teño entendido que vas de
festa a Lugo. Cóntanos, por favor.
-Si, de festa a Lugo
a conmemorar os 25 anos de Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e
Xuvenil que presido. Facemos unhas xornadas alí. Mira ti que festa,
traballar...
-Aínda non lin esa
obra que acabamos de mentar, pero teño ben fresca na memoria In vino veritas. Podemos centrarnos nela
un momentiño? A ver, para empezar: gústache a enoloxía? Que viño galego nos
recomendarías?
-Pois a verdade é
que eu son máis de cervexa que de viño. Non teño nin idea. Se teño que escoller
eu vou trabucarme seguro. Aprecio un bo viño, pero non me atrevo a recomendar
ningún. Se un día queredes que falemos de cervexas, daquela a cousa xa veredes
que cambia.
-E o
amor?Acheguémonos ao núcleo desa dialéctica que formula a novela: como enfocas
ti o amor, como o protagonista, é dicir, coma unha forza que debilita ao que
ama? Ou estás máis próximo ao outro extremo, todo se reduce ao pracer físico,
sexan cales fosen as súas esixencias?
-Eu creo que non son
contraditorias esas posturas. Nada me interesa máis que o asunto amoroso. Nin
para a literatura nin para a vida. É O Tema, así, en maiúsculas. É o gran
asunto que está presente en todos os meus libros. En todos. No meu caso
persoal, creo que cada vez son máis da segunda versión: a pulsión sexual, o
poder do corpo, da vida, do instinto. Pero insisto, a fin de contas é
complementario do primeiro: amamos porque sentimos. E sentimos non co corazón.
Sentimos coa pel. Cando menos eu. Iso
non me impide ser moi romántico. Que conste.
-Na obra hai moita
metalinguaxe, moita hiperconciencia (ou hiperconsciencia creadora, se se me
permite a expresión). E un efecto buscado á mantenta? É talvez a peaxe que hai
que pagar á época en que nos tocou vivir, en continuo bombardeo informativo?
- Estou de acordo. E
entendo que esa é unha das “marcas da casa” da miña escrita. E ten que ver co
que dixen na primeira das miñas respostas. Dalgunha maneira, dende moi cativo
son moi consciente da miña vida, da súa temporalidade, da necesidade de
aproveitala e de, dalgunha maneira, deixar unha impronta. Igual por iso estudei
Filosofía. En calquera caso, nos meus libros sempre hai esa voz narradora que é
moi consciente de todo o que está pasando, do que se está escribindo e
narrando...
(Este venres pasado, na tertulia na librería coruñesa)
-De todo o que
dixeches o venres pasado na tertulia na librería, vou quedar aquí e agora con
dúas cousas importantes a meu entender: unha, aquelas palabras túas sobre o
doado que é atopar hoxe en día motivos para a desesperanza e incluso para
desexar a morte, mentres que o autenticamente difícil é querer seguirmos vivos,
tirar sempre para adiante. Creo que é un pensamento que te define, clave. A segunda idea é doutra clase distinta:
falando do sistema literario do que ti como editor e autor e nós como lectores
formamos parte, enfocaches a relación co ensino dunha forma digamos para min
novidosa: eu estou afeita a introducir os temas de literatura de segundo de
bacharelato que abranguen a fin do s. XX e comezos do XXI subliñando a
importancia que para o sistema tivo a Autonomía, a integración do noso idioma
no mundo do ensino, o campo rico de novas posibilidades, de novos mercados, que
iso supuxo e supón... Pero ti puxeches o foco nos condicionamentos que ti –imos
exemplificar necesariamente- como
individuo que escribe e crea experimenta precisamente por mor dese factor.
Queres falarnos un pouco neste sentido?
-Si, claro. Eu creo
que unha das eivas grandes que ten o noso sistema literario é o absolutamente
dependente do ensino que é. Non se venden libros, así, en xeral, en Galicia.
Comparativamente co resto do estado estamos moi por debaixo de case que todo o
mundo. E do pouco que se vende, case que todo é en castelán. En galego é unha
cousa ridícula. E por suposto, case que toda a venda ten que ver coa
prescrición educativa. Iso é terrible. E quero que se me entenda ben: o
terrible non é que se prescriban os nosos libros. Iso está moi ben. O terrible
é que practicamente todo o mercado se reduce a iso. O problema é que non
podemos ser profesionais. O problema é que non temos un país detrás que nos
respalde. Non somos cataláns, para entendernos. Alí sae “50 sombras de Gray” e
sae tamén o mesmo día en catalán, porque a xente vai mercar a tradución dese
libro estadounidense en catalán. Alí estréase unha película americana e as
salas están cheas de copias dobradas ao catalán. Aquí o país pasa. E é todo o
culpa nosa. Eu estou farto de que se lle bote a culpa ao goberno. Toda esta
realidade condiciónanos. Os que escriben en castelán non teñen estes
condicionantes, non teñen que estar facendo alegatos de defensa da lingua, da
cultura. Limítanse a escribir. O noso é heroico. E moi canso.
-Francisco, que
estás lendo arestora?
-Pois estou gozando
coma un neno pequeno de “A volta ao mundo en 80 días”. Lina moitas veces, pero
estou angustiadísimo -a pesar de que sei que lle vai dar tempo- coa
posibilidade de que o pobre Phileas Fogg non o consiga. Velaí a maxia da boa
literatura.
-Como será a próxima
novela?
-Estou rematando a
segunda aventura do Inspector Hermida, o protagonista de 'O corazón da Branca de
Neve'
-Dinos, para
rematar, que é o que che gusta máis da Coruña. E moitas grazas por
atendendernos. Unha aperta fonda.
-Da Coruña gústame
todo. Sobre todo a súa xente. Teño grandes amigas e amigos da Coruña. É unha
cidade fermosa que adoro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario