LENDO A MARILAR ALEIXANDRE
Os rapaces do Club de Lectura leron A cabeza da Medusa, un libro marcado
como lectura obrigada na aula. Ese martes baixaron os que xa remataran de
lelo e ademais non tiñan exames. Eran só catro: Andrés, Juan Andrés, Julia e
Mario. Estaban cansos (tanto exame...) e con poucas ganas de falar. Houbo que
lles turrar da lingua.
CH.- A ver, que? Que me dicides? Así sen
máis... Que vos pareceu?
M.- É un final máis ben aberto.
Ch.- En contraposición a...
A.- A O corazón
de Xúpiter. Aínda que alí o asasino parece fuxir... Cerrado de todo non
está.
J. A.- Non entendo...
Ch.- A morte sempre implica un final pechado.
Pero centrémonos, vinde acá, ao libro da Medusa. Que é o que aprendestes?
A.- A non entrar en coches alleos ou de
descoñecidos.
Ch.- E ademais?
[Hai un silencio descorazonador: penso durante
breves intres que a historia dos homes e das mulleres é unha dialéctica en
espiral: non me gusta pensar que somos incapaces de progresar]
Ch.- Non relembrades o que lían na clase de
latín?
A.- As
Metamorfoses. De feito na novela chámanlle As violacións.
J.- Eu podo dicir que me gustou, é entretido.
E está ben escrito.
Ch.- Vale. A autora cultiva un galego moi bo,
malia non ser galega de nacemento.
A.- Os dous libros teñen en común esa mensaxe:
non te fíes das outras persoas antes de coñecelas de todo.
Ch.- Aquí as vítimas da violencia son apoiadas
ao cento por cento...
M.- Lupe non, pero Sofía totalmente.
Ch.- E que importante ter ao teu lado unha
amiga...
A.- Amiga si, pero non na denuncia...
J.- Logo volve, para non deixala soa...
Ch.- Algo máis que vos chamara a atención?
A.- A torta de mazá sempre cura todos os males
[Andrés gasta sorna: a torta de mazá é portada pola
avoa, personaxe que simboliza o enfoque tradicional, a que hora chega esta nena a casa polas noites? Recordemos que en
todas as culturas vellas do planeta a noite é perigosa, non é para andar fóra
da casa]
Ch.- Vale. Sentido de humor óptimo, Andrés.
Pero eu quero saber se aprendestes outras cousas fundamentais. Por exemplo, ti
podes caer, sufrir unha brutal agresión, ser vítima, pero tamén podes
levantarte. Ou?
A.- Si, é posible levantarse. A familia axuda
moito aí.
M.- Hai outros apoios no libro. A súa
conciencia. Penso que Sofía ten un sentido crítico bastante formado.
[Sorpréndeme Mario, miro para el con certa
admiración. Fico expectante]
J.- E os amigos.
Ch.- En xeral?
A.- Hai colegas no insti que lle fan mal.
J.A.- E os profes, sobre todo Teresa e os da
Dirección. E Sinda.
A.- E Lupe ao final.
Ch.- E?
A.- E Rubén. Os “Amorotes ventureiros”
[En galego común os amorodos, amorotes, ou
amores, son os froitos vermellos
ventureiros que medran na fraga...]
Ch.- E con respecto á sociedade?
A.- Tende a xulgar só polo morbo
Ch.- Bastante acertado. Si, pero hai outros
sectores...
M.- A policía, os do hospital, o Goberno, as
leis que lle dan a posibilidade de decidir en caso de estar embarazada do
violador...
A.- Pero o xornal non a axuda ao dar a
noticia.
Ch.- Era preferible silencialo?
M.- Interesa que se saiba que a policía
traballa, que busca os culpables.
Ch.- Silenciando o feito, o agresor quedaría
impune.
J.- Pero se ela non quere aparecer na
prensa...
A.- Ten medo a ser xulgada e sinalada.
M.- Acepta porque non ten máis remedio.
Ch.- Eu discrepo convosco.
A.- Por que?
Ch.- Porque eu penso que a denuncia é
fundamental. A comunicación, a verbalización axuda os que sufriron o mesmo.
Creo que, por principio, falar axuda. Ou acaso tapar o mal é bo?
M.- Para min non.
A.- Eu taparía o nome. Iso é o que quero
dicir.
[Interrógoos cos ollos]
Os tres.- Pola vergonza.
A.- Es ti, como vítima, quen debes decidir
dicilo: igual non queres que todo o mundo –tanto os que te coñecen como os que
non.- te traia na boca.
Ch.- Visto así...
M.- É que as dúas cousas, os dous puntos de
vista van da man.
Ch.- Pero sempre na vida é así: atoparás quen
comprende e quen non. Darás con xente xusta, que valora en xustiza, e con quen
non.
M.- Pero hai máis xente que te comprende nun
caso así, que vai querer axudarte.
Ch.- Logo debes correr o risco, e confiar.
A.- O nome normalmente cálase. Dise o do
agresor, non o da vítima. Por exemplo, onte, no caso da parella que morreu, un
novo caso de violencia de xénero –saíu na tele.-, non se nos dixo o nome dela.
[Aquí o deixamos, haberá máis libros e máis
comentarios. Julia xa se tivera que ir antes. Os catro son alumnos de 3º da
ESO, bos rapaces].
Igual que os rapaces do Club de Lectura, eu tamén lin ''A cabeza da medusa''.
ResponderEliminarFoi un libro que me gustou moito e que captou a miña atención desde o principio.
Opino o mesmo ca os rapaces: cando sofres unha violación ou pasas por un mal momento, a familia e os teus amigos son o teu maior apoio.
É un libro moi recomendable para todo tipo de lectores.
Saúdos,
Noelia