mércores, 24 de decembro de 2014

LENDO A...



LENDO A MARILAR ALEIXANDRE


Os rapaces do Club de Lectura leron A cabeza da Medusa, un libro marcado como lectura obrigada na aula. Ese martes baixaron  os que xa remataran de lelo e ademais non tiñan exames. Eran só catro: Andrés, Juan Andrés, Julia e Mario. Estaban cansos (tanto exame...) e con poucas ganas de falar. Houbo que lles turrar da lingua.
CH.- A ver, que? Que me dicides? Así sen máis... Que vos pareceu?
M.- É un final máis ben aberto.
Ch.- En contraposición a...
A.- A O corazón de Xúpiter. Aínda que alí o asasino parece fuxir... Cerrado de todo non está.
J. A.- Non entendo...
Ch.- A morte sempre implica un final pechado. Pero centrémonos, vinde acá, ao libro da Medusa. Que é o que aprendestes?
A.- A non entrar en coches alleos ou de descoñecidos.
Ch.- E ademais?
[Hai un silencio descorazonador: penso durante breves intres que a historia dos homes e das mulleres é unha dialéctica en espiral: non me gusta pensar que somos incapaces de progresar]
Ch.- Non relembrades o que lían na clase de latín?
A.- As Metamorfoses. De feito na novela chámanlle As violacións.
J.- Eu podo dicir que me gustou, é entretido. E está ben escrito.
Ch.- Vale. A autora cultiva un galego moi bo, malia non ser galega de nacemento.
A.- Os dous libros teñen en común esa mensaxe: non te fíes das outras persoas antes de coñecelas de todo.
Ch.- Aquí as vítimas da violencia son apoiadas ao cento por cento...
M.- Lupe non, pero Sofía totalmente.
Ch.- E que importante ter ao teu lado unha amiga...
A.- Amiga si, pero non na denuncia...
J.- Logo volve, para non deixala soa...
Ch.- Algo máis que vos chamara a atención?
A.- A torta de mazá sempre cura todos os males
[Andrés gasta sorna: a torta de mazá é portada pola avoa, personaxe que simboliza o enfoque tradicional, a que hora chega esta nena a casa polas noites? Recordemos que en todas as culturas vellas do planeta a noite é perigosa, non é para andar fóra da casa]
Ch.- Vale. Sentido de humor óptimo, Andrés. Pero eu quero saber se aprendestes outras cousas fundamentais. Por exemplo, ti podes caer, sufrir unha brutal agresión, ser vítima, pero tamén podes levantarte. Ou?
A.- Si, é posible levantarse. A familia axuda moito aí.
M.- Hai outros apoios no libro. A súa conciencia. Penso que Sofía ten un sentido crítico bastante formado.
[Sorpréndeme Mario, miro para el con certa admiración. Fico expectante]
J.- E os amigos.
Ch.- En xeral?
A.- Hai colegas no insti que lle fan mal.
J.A.- E os profes, sobre todo Teresa e os da Dirección. E Sinda.
A.- E Lupe ao final.
Ch.- E?
A.- E Rubén. Os “Amorotes ventureiros”
[En galego común os amorodos, amorotes, ou amores,  son os froitos vermellos ventureiros que medran na fraga...]

Ch.- E con respecto á sociedade?
A.- Tende a xulgar só polo morbo
Ch.- Bastante acertado. Si, pero hai outros sectores...
M.- A policía, os do hospital, o Goberno, as leis que lle dan a posibilidade de decidir en caso de estar embarazada do violador...
A.- Pero o xornal non a axuda ao dar a noticia.
Ch.- Era preferible silencialo?
M.- Interesa que se saiba que a policía traballa, que busca os culpables.
Ch.- Silenciando o feito, o agresor quedaría impune.
J.- Pero se ela non quere aparecer na prensa...
A.- Ten medo a ser xulgada e sinalada.
M.- Acepta porque non ten máis remedio.
Ch.- Eu discrepo convosco.
A.- Por que?
Ch.- Porque eu penso que a denuncia é fundamental. A comunicación, a verbalización axuda os que sufriron o mesmo. Creo que, por principio, falar axuda. Ou acaso tapar o mal é bo?
M.- Para min non.
A.- Eu taparía o nome. Iso é o que quero dicir.

[Interrógoos cos ollos]
Os tres.- Pola vergonza.
A.- Es ti, como vítima, quen debes decidir dicilo: igual non queres que todo o mundo –tanto os que te coñecen como os que non.-  te traia na boca.
Ch.- Visto así...
M.- É que as dúas cousas, os dous puntos de vista van da man.
Ch.- Pero sempre na vida é así: atoparás quen comprende e quen non. Darás con xente xusta, que valora en xustiza, e con quen non.
M.- Pero hai máis xente que te comprende nun caso así, que vai querer axudarte.
Ch.- Logo debes correr o risco, e confiar.
A.- O nome normalmente cálase. Dise o do agresor, non o da vítima. Por exemplo, onte, no caso da parella que morreu, un novo caso de violencia de xénero –saíu na tele.-, non se nos dixo o nome dela.

[Aquí o deixamos, haberá máis libros e máis comentarios. Julia xa se tivera que ir antes. Os catro son alumnos de 3º da ESO, bos rapaces].

1 comentario:

  1. Igual que os rapaces do Club de Lectura, eu tamén lin ''A cabeza da medusa''.
    Foi un libro que me gustou moito e que captou a miña atención desde o principio.
    Opino o mesmo ca os rapaces: cando sofres unha violación ou pasas por un mal momento, a familia e os teus amigos son o teu maior apoio.
    É un libro moi recomendable para todo tipo de lectores.
    Saúdos,
    Noelia

    ResponderEliminar