xoves, 27 de setembro de 2018

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


              Tipos de mazás galegas
Mingán:
¨Pero de Míngaño¨ ou ¨Pero Mingán¨. Estendida por Coruña e Lugo. É de cor verde, ten a carne firme, branca e celmosa. Considerada unha das mellores.
(Mingán)
Ollo Mouro:
Da zona de Ortigueira. Ten cor parda,madura en outubro-novembro e conservase ata abril-maio.

(Ollo mouro)
Príncipe:
¨Mazá de ollo¨ou ¨Asturiana¨. Moi coñecida na zona de Ferrol. Ten cor amarelo-avermellado e ten a carne moi branda. É algo doce cun punto de adstrinxencia. Madura en outubro-novembro e consérvase ata marzo.

(Príncipe)
Príncipe grande:
Atópase na zona de Pontedeume. Ten cor vermella, a súa carne é branca, celmosa e semiaceda.

(Príncipe grande)
Camoesa:
Ten cor amarela e é doce.Á súa carne é branca con moita auga. Recóllese en setembro.

(Camoesa)
Xosé Antón:
É una mazá bicolor, a súa carne é branco-amarela,pouco aceda e pouco doce e moi aromática. Madura en outubro.

(Xosé Antón)
De peruco:
Ou ¨Repinaldo roxo¨. Ten unha cor amarelada e encarnada; a súa carne é branca amarelada, aceda e cun sabor singular. Maduración serodia e conservción ata abril.

(De peruco)

Coiro de sapo:
Moi estendida. Mazá de pel parda. Ao recoller incomible mais ao madurar convértese en branca e celmosa. Recóllese en outubro.

(Coiro de sapo)

Coruñesa:
Mazá de cor verde e carne branca con pouca sabor e aroma. Recóllese a principios de outubro.

(Coruñesa)
Anisete:
Tamén coñecidas como ¨De Santiago¨ ou ¨Agostina¨. Ten cor amarelo e o seu sabor é doce anisado. Medra a finales de xullo (Santiago) e agosto.

(Anisete)

Roxelia:
Tamén chamada ¨Sta. Filomena¨ Atópase na costa coruñesa e lucense. É amarela e con raias vermellas, algo aceda e doce. Sobre todo úsase para facer sidra.

(Roxelia)

Sangue de touro:
Moi estendida, a súa cor é vermella, ten a carne firme e algo verdosa. É algo adstrinxente. Recóllese a finais de outubro e consérvase ata febreiro.

(Sangre de touro)
Reineta raiada:
De Ferrol. É vermella, ten un sabor acedo e é adstrinxente. Ten alto rendemento para facer sidra.

(Raineta raiada)
Tres en cunca:
¨Cacharela¨ ou ¨de inverno¨
É unha mazá moi estendida, ten unha cor verde-amarela. A súa carne é aceda e agradable. Recóllese en novembro e consérvase ata abril.

(Tres en cunca)
Toca pandeiro:
Orixinaria do Salnés. É unha mazá bicolor, ten unha carne celmosa,un nivel alto de acidez e é moi pouco aromática. Recóllese en setembro.

(Toca pandeiro)
Tabardilla:
Moi rústica. Ten unha cor parda sobre fondo amarelo. É saborosa e celmosa. Madura en setembro-outubro e consérvase ata febreiro-marzo.

(Tabardilla)

 
                                                                Marta Lampón Sánchez, alumna de 2º de bacharelato do ‘Eusebio da Guarda’. (traballo de aula feito cando Marta cursaba cuarto da ESO)

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
(Nota:
Desde o punto de vista dun filólogo, ou dunha filóloga –neste caso concreto, unha filóloga a quen moito lle gustaron sempre as mazás, sobre todo as acedas, e a quen sempre lle magoa a perda inexorable de variedades e a invasión de castes vindas de fóra-, quizais a máis interesante de todas estas mazás sexa a camoesa. A palabra garda relación co ilustre apelido, o grande poeta portugués fillo de pais galegos? Moi probablemente, si garda. Non ten perda a entrada no dicionario de Corominas e Pascual, s. v. CAMUESA. Non descarta un par de posibilidades que tamén nós, na nosa modestia –toda vez que nos situamos na proximidade deses grandes filólogos-, compartimos. Primeiro, admite que o nome da mazá veña dun antropónimo (dun apelido: igual que a voz latina mazá tamén vén do nome do experto en agricultura que a “creara” ou cruzara ou inxertara [Caius Matius]); en segundo lugar, non nega a posibilidade de que a voz camoesa teña a orixe aquí, no vello territorio galaico-portugués, que de aquí pasase ao dominio central, castelán, e que de aí o tomase o catalán. Tampouco debemos esquecer aconsellarvos que leades no DdD (Diccionario de dicionarios de A. Santamarina) o que di Sarmiento sobre as mazás. Sempre é un pracer ler ese ilustrado. E xa á derradeira, coméntovos algo da documentación desa raíz: no CODOLGA vemos: Camoos (xa coa consoante nasal intervocálica ausente ou traspasada a nasalidade ao vocalismo) en 1078; Camuda como apelido no século XII; en 1266 documéntase no Corpus Xelmírez Ruy iuglar de camoez, e nese mesmo século hai variantes próximas: Iohan Fernandes de Camoes. É importante que vos diga que o territorio desta documentación é o sur de Galicia (Baixo Miño, Bispado de Tui, Baiona), porque teño entendido –así o lin nalgures- que os pais de Luis Vaz de Camoens baixan ao centro de Portugal desde o norte, zona de Vila Real…
Rematamos xa: hai refrán antigo en galego que di: Cúllete desas, que son camuesas!, que vén sendo equivalente ao modismo coloquial castelán ¡chúpate esta! Alude, en principio, ao líquido celmoso que deitan esas saborosas mazás, cada vez máis raras de ver. Esta nota é de Mª Rosario Soto).

xoves, 20 de setembro de 2018

BUSCANDO PALABRAS


BUSCANDO PALABRAS

De Cuba e a súa lingua e cultura, II

 (O saboroso arroz con congrí)

Hoxe, xoves de setembro e con sol aínda, seguiremos un anaco coa fraseoloxía cubana. Miña nai ten na súa casa dos Castros unha fermosa fotografía enmarcada dos seus pais aló, no Cocal. Se logro unha reprodución aceptable, igual me animo e amósovola con posterioridade. A avoa Rosario consideraba que Cuba era o paraíso: con este libro nas mans, recupero frases dos meus avós de toda a vida, como hai que ter gandinga ou zúmballe o mango! do avó, ou corre como un riguilete da miña avoa, que vexo agora como cubana e eu sempre crin que era valdeorresa. Agora teño dúbidas sobre a dirección, o sentido en que viaxaron certas frases… Diredes que as dúbidas son inevitables, que forman parte da nosa machadiana equipaxe, e dicides ben. Estou moi de acordo. Aí queda esa polo de agora.
De Cuba trouxo a avoa Rosario o arroz con congrí, negro e saboroso, ela botáballe algo de chourizo, non sei se estaría na receita primitiva pero a min encantábame. Contaba cousas das crenzas das mulleres afrocubanas, dicían que non se debía poñer nunca a cara ao luar porque saen manchas na pel. Tamén formaba parte do seu repertorio de lembranzas unha especie de hipérbole que a min de nena moito me seducía: tiñan os Arias moitos pavos ceibos polas terras da Maia… Ás veces cruzaban polas vías do ferrocarril, e os maquinistas, que xa os coñecían, chiflaban o chiflo ao velo e aminoraban… Aqueles pavos en grea atrancando o tren de Oriente, que imaxe estupenda…
Vale xa coas lembranzas familiares, vaiamos ao territorio fraseolóxico.
Ao primeiro seleccionaremos as circunstancias históricas concretas. Así nos movemos na creación lingüística, entre as constantes universais (os somatismos por exemplo: as frases que falan das mans –botar unha man-, da cabeza –ter boa cabeza, mala cabeza, cabeza de bubela- etc., ou a comparanza entre as bondades de falar ou de calar, ou o beneficio de escoitar os vellos, de valorar os amigos, de valorar os libros) e as circunstancias concretas que tocan a historia e vicisitudes de cada pobo. Que a fraseoloxía é a pedra de toque do coñecemento dunha cultura, dun dominio idiomático, xa o sabiamos. Hoxe reforzaremos en certa medida esa idea.

Así volaron al Maine: esta é un pouco heavy, pero debedes entender que os cubanos teñen moito sentido do humor, coma nós, os galegos. A frase dise ludicamente cando alguén se anicra para recoller calquera cousa porque esa é a tipica posición das películas, propicia para unha violación. Agora traducireivos literalmente o que din nesta entrada os autores do libro co que nos estamos ilustrando: “O Maine era un acorazado estadounidense que estaba ancorado no porto da Habana e foi feito explosionar polo Goberno dos Estados Unidos o 15 de febreiro de 1898  [ano mítico, os que estudades literatura española ben o sabedes], como pretexto para intervir na guerra dos cubanos contra o dominio español”.

Atrás, ni para coger impulso: úsase para exhortar a non recuar unha vez tomada unha decisión. A frase ten a súa orixe nun discurso de Raúl Castro nos inicios da revolución dos anos 50 (non me negaredes que é unha frase absolutamente épica, eu ás veces dígolle algo deste estilo a un dos meus fllos, moi dado a volver a vista atrás e hipotizar como sería se…).

 (Sierra Maestra)

Buscarse un cuatro de septiembre: equivale a buscarlle cinco pés ao gato, é dicir, buscar problemas. A frase ten orixe no golpe de estado que dera Fulgencio Batista o 4 de setembro de 1933, para implantar pouco despois unha ditadura.
 (Foto de Fulgencio Batista. Todas as fotos están tomadas de Internet)

De patria o muerte: como tantas outras unidades fraseolóxicas, cobra dous valores dependendo do referente; referido a persoas, significa que son inequívocos, probados partidarios da revolución (castrista) (entre parénteses porque en Cuba a revolución por antonomasia é esa, logo sobra o adxectivo especificativo); se se usa referida a cousas, entón indica que ese algo é necesario, urxente, cousa seria.
 

Irse a la Manigua ‘alzarse en armas contra o goberno colonial español’



La danza de los millones: etapa durante a Primeira Guerra Mundial, na que subira moito o prezo do azucre no mercado mundial e en consecuencia Cuba vivira uns anos de prosperidade económica.

Ser fuerte fuerte  ‘ser moi revolucionario’, esta frase dicíase nos tempos iniciais do triunfo da revolución.

::::::::::::::::
Ata aquí por hoxe. Como dicía noutrora a nosa xente, hai máis verzas na ola… O caso é ter tempo, e vós gana de seguir sabendo desta illa caribeña. A ver outro día

xoves, 6 de setembro de 2018

BUSCANDO PALABRAS


BUSCANDO PALABRAS


De Cuba e a súa lingua e cultura, I.



Cóntovos: chega o meu fillo menor –tamén ex alumno do Eusebio da Guarda, coma a nai, a tía e o irmán- de Cuba e tras contar algunhas interesantes peripecias vitais con ese seu sentido galaico do humor (en síntese: Varadero como todos os lugares turísticos, a Habana deliciosa pero hai que escapar dos sitios que visitara Hemingway –polo abarrotamento-, os jineteros uns ronchas insufribles, a seguridade do turista de dez, a igualdade social entre os seres humanos segue sendo unha utopía, moitos cubanos non saben que o presidente se chama Miguel Díaz-Canel, pero a Habana é unha cidade para volver), e tras percatarnos de que pasou olimpicamente –ou foille moi difícil compracernos- dos nosos encargos (Quero información e fotos do vello Centro Galego, da estadía de Castelao na illa, gustábame algo da Maya ou de Santiago -onde naceron os meus tíos e foi feliz a miña avoa Rosario-, a ver se atopas un colar ou algo de artesanía, un libro de Carpentier ou Cabrera Infante en edición cubana, saca fotos da Imprenta Universal…), como un mago saca do sombreiro marabillas, sacou finalmente da maleta cinco libros non solicitados previamente, sorpresa total: e aí xa si que puiden dicir que me deu polo pau do gusto –como din os mexicanos-.

Ímonos centrar en un en concreto: Diccionario de frases populares en la literatura cubana, un libro editado en 2017, de Moralinda del Valle Fonseca e Fernando Carr Parúas. Cando escriba o Libro dos nomes favoritos, acordádeme que integre Moralinda (a moura é unha constante sinal de identidade da nosa mitoloxía, como sabedes algúns de vós, ex alumnos meus…). Carme López Taboada e unha servidora temos publicado hai anos un artigo sobre a orixe das unidades fraseolóxicas: tema case inabarcable. Daquela –e cito de memoria- exemplificaramos casos da orixe na Biblia, somatismos, zoonimia, contos e lendas, crenzas e ritos etc.

Hoxe e grazas ao libro cubano, imos seguir por ese vieiro. Chamoume moitísimo a atención, para empezar, a orixe dun alto número de frases nas cancións populares, de moda en determinado momento. Este trazo casa ben coa idiosincrasia antillana: con ese seu amor pola vida, o movemento causa de saúde, de harmonía física, de alegría vital en suma. Uns exempliños:



A la hora en que mataron a Lola ‘ás tres da tarde’. Alude a “Lola”, canción do portorriqueño Rafael Hernández, moi popular nos anos 60 do s. XX (na miña adolescencia soaba outra espléndida Lola dos Brincos).

Cantar la guantanamera ‘morrer’: orixínase nun programa de radio no que Joselito Fernández (1908-79) cantaba ao final unha estrofa de la Guajira guantanamera, obra da súa autoría. Aquel programa sempre trataba sucesos tráxicos.

Dile a Catalina que te compre un guayo [díselle a alguén para que deixe de amolar]: alude á canción popular “La yuca de Catalina” de Arsenio Rodríguez.

El cuartito está igualito [dise cando algo non varía, cando algo non acaba de solucionarse]: a canción aludida é “El cuartito” que popularizou o cubano Panchito Riset (1910-1988).

Tener guararey ‘estar namorado’. A orixe está na canción “El guararey de Pastora”, que popularizara a orquestra Van Van e Juan Fornell.

En España temos deste tipo de frases? Quizais si, diría que si, inda que nunca me parara a pensalo… Vén á mente algún posible caso en castelán: “Va la despedida…” , “ Veinte años no es nada”, “Corazón de melón”.

En segundo lugar, escollería a influencia da mestizaxe afrocubana: hai moitas frases vencelladas á relixión afrocubana. A ver un par de casos:

Hacerse un despojo [entre os crentes das relixións afrocubanas, facer unha serie de ritos para espantar maleficios e mal de ollo]

Hacerse los guerreros [entre os crentes das relixións afrocubanas, facer un rito mediante o cal a persoa recibe unha forza sobrenatural]

Preparar una cazuela [úsase entre os crentes das relixións afrocubanas: meter nunha especie de cazola diversas cousas para facer un maleficio, un meigallo]

Tener fuerza de vista [entre os crentes das relixións afrocubanas, ter un certo poder para facer dano ao mirar algo ou alguén] (Xa vedes que emparentados estamos con eles: hai un relato de Ferrín onde un personaxe, un deus, ten un poder tremendo cos ollos e hai que evitar miralo directamente… tamén había que evitar a ollada da Medusa grega…)

Por hoxe abonda. Seguiremos outro día. Quedan aspectos importantes, como a historia máis ou menos recente de Cuba, as tradicións, a influencia dos EEUU etc. 

 (Un dos lugares frecuentados por Ernesto H. Todas as fotos están tomadas de Internet)