mércores, 12 de abril de 2017

BUSCANDO PALABRAS: LÉXICO CURIOSO OU ESCURO NAS UNIDADES FRASEOLÓXICAS.


BUSCANDO PALABRAS.
LÉXICO CURIOSO OU ESCURO NAS UNIDADES FRASEOLÓXICAS.

Na fraseoloxía atopamos voces misteriosas, por veces únicas. Moitas veces temos comentado na aula que hai auténticos depósitos de voces ancestrais e outras marabillas –misterios filolóxicos, especie de hápax, camiños polos que viaxar no tempo- na Onomástica en xeral (antroponimia e toponimia en particular): debemos tamén engadir a fraseoloxía. Hoxe traemos media ducia.
1ª. Non ter un gameito (en: Evaristo Domínguez Rial. Fraseoloxía e paremioloxía de Bergantiños Cabana de Bergantiños, Carballo e Coristanco).
Conmuta por non ter un can/unha cadela, ou estar sen un peso. Aí aquilo de que se carece son moedas. Aquí non; no gameito (voz galega ben documentada: vén no dicionario académico co valor de ‘póla nova’ ) nacen froitos. Así que a imaxe equivale a aqueloutra de non ter un anaco de pan [nin un triste froito neste caso] que levar á boca.

2ª. Tomar polo saco do aborcallo.
Presenta un uso local. É unha frase eu diría que fortemente expresiva. E enigmática para nós. A correspondencia semántica en cast. é Tomar por el pito del sereno. Probablemente temos en aborcallo (ou quizais conviña a grafía avorcallo) un substantivo regresivo do verbo aborcallar (variante emborcallar: no DdD figuran varias acepcións ou variantes de significado, dá idea de deitar, botar por terra, dar voltas, mancharse, ensuciarse como consecuencia de rolar algo ou alguén...). Non logramos averiguar que clase de saco é ese. Primeiro pensamos (baseándonos na locución aos vorcallóns ‘a rolos’ ) que podía talvez tratarse dun saco onde se metesen os rapaces para baixar a rolos xogando... Pero non temos datos. Así que mellor pensamos nun saco multiusos, un saco traído e levado, suxeito a certo maltrato por ser usado sen coidado... Se fose así, a imaxe plástica da frase viría sendo paralela á que subxace en coma un trapo/feito un trapo. Implica pouca valoración.

3ª. Verlle a filosa.
A unha persoa véselle a filosa cando se lle ven as intencións (intencións xeralmente non boas). Conmuta no sistema (ou subsistema: o sistema sería a hiperestrutura, a linguaxe, e o subsistema sería a parte, subsistema léxico ou léxico-fraseolóxico) por Verlle as orellas, Vérselle o rabo á curuxa, ou incluso por construcións do tipo Por pouco que te rapes sempre che sae a la (recorda moito este esquema-enunciado aquela fábula grega, a da donicela, creo que xa vola contei algunha vez…, falaba do difícil que é disimular a auténtica natureza de un: Venus concédelle forma humana mais na noite de vodas ve un rato e non pode evitar lanzarse a cazalo). En castelán temos Verle el plumero. A min este plumero fíxome inicialmente pensar en fíos para explicar o valor do adxectivo filosa, pero un día lendo a Xesús Valcárcel (en Matar o tempo) atopei esta frase: “engadiu con lingua filosa”, e daquela, claro, vin a luz, se me permitides a metáfora. A voz filosa non vén de fío, senón de filo! A imaxe hai que emparellala con lingua viperina, lingua que fura sete paredes, lingua de lercha (ou que merece ser ensartada nunha lercha), lingua que corta coma unha navalla etc. Clarísimo. Puxémonos en contacto co escritor. Amabilísimo atendeunos e confesounos que a frase da lingua filosa a tomara do chairego ilustre, Darío X. Cabana. Haberá que comunicarse con el, pero esa é fariña doutra muiñada.


4ª. Estar nas canfurnias.
Preciosísima voz. Estar nas canfurnias equivale a estar moi lonxe, nun lugar moi afastado. Como cando dicimos en castelán en las quimbambas ou en galega nas cambambas. Son topónimos moi afastados, sexan ou non reais. Como a Conchinchina. Este é real, e o das Canfurnias é real se pensamos na California actual, pero irreal se pensamos que antes apareceu nun libro de cabalarías (concretamente en Las sergas de Esplandián). Era coma o reino de Trapisonda, tamén fantasioso. Así as nosas Canfurnias equivalen ás terras californianas. A miña sogra, de Trasdeza, dicía: iso está máis lonxe que California. Di o seu fillo que é frase normal na parroquia onde naceu, inda hoxe.


5ª. Ser coma unha boboreira.
Dise dunha persoa que se move moito, ou que salta por nada. Dá idea de vivacidade. Unha correspondencia boa en castelán sería ser una polvorilla. A forma boboreira non a demos documentado. Quizais pertenza á familia léxica do verbo borbolear ‘dar voltas ou virar algo movido polo vento’. Unha borboleta é unha bolboreta. Unha segunda asociación posible remítenos á voz bobela, variante do nome da ave, da bubela: permítenos xogar coa imaxe de axilidade e lixeireza. Unha terceira hipótese, nada desprezable, é emparentala coa voz bobreira, recollida no magnífico DdD, voz documentada no noso idioma xa por Sobreira. É a terra onde se sementan as bóboras ou abóboras, un tipo de cabaceiras (en portugués actual aboboreiras). A hipótese susténtase no feito de ser unha planta rubideira, e xa sabedes como son esas plantas: teñen unha tremenda facilidade para estenderse. Son, xa que logo, un bo termo de comparanza para a axilidade, a capacidade de movemento.
As boboreiras

6ª. Desde carrasquitas a carrasquetas.
Uso local. Indica un tempo indeterminado. Presenta unha estrutura bimembre con dous núcleos nominais, do tipo das seguintes: De Pascuas a Ramos, De Pascuas a san Miguel (ás que podemos sumar a frase castelá De higos a brevas). Unha estrutura paremiolóxica paralela, con marcadores temporais tomados da terra, dos elementos suxeitos aos ciclos da natureza é estoutra: Dende as cereixas aos nabos, ben estamos; dende os nabos ás cereixas, todas son queixas. A frase das carrasquitas e carrasquetas podería aludir á floración dunha planta, como aquela que se chama carrasca de san Xoán (DdD), que florece de xuño a agosto. Cabe outra hipótese, pero xulgámola máis peregrina, se ben carecemos de argumentos para rexeitala de todo. En Murcia consérvase a tradición de tocar as carrasquillas (con canas ocas) no tempo do Nadal, cando se cantan os Reis e se pide o aguinaldo. Nesa autonomía as carrasquetas son instrumentos para o mesmo uso, variantes feitas con ósos. Hai moita distancia entre o levante e o NO., mais se viaxamos a tempos pretéritos de Reconquista, a conexión non é imposible. Afonso X úniríanos, metaforica e realmente falando. Dando por facedeira esta hipótese, a frase comprendería todo o ciclo temporal do Nadal. Con respecto ao sufixo –ito, a súa concorrencia no noso idioma é moi baixa, a súa produtividade case nula, pero existe. Tamén en portugués peninsular. No DdD documentamos unha serie de voces bastante longa: carrapito (tamén temos carrapeta), chiribito, espita (‘cravo’, voz estándar, v.e.), gazapita, furquita (v.e.), furquito (v.e.), garabito (v.e.), mesquita/mezquita (tipo de planta),  mosquito (v.e.), periquito (‘moño’), zarrapito etc.

mércores, 5 de abril de 2017

LENDO A



LENDO A...




A elegancia do século. I


Fomos o xoves 30 de marzo convocados pola amizade a Portas Ártabras, casa en que xa máis veces nos temos reunido. Estaba cheíño. A poeta, Pura Tejelo, preparara a conciencia a presentación da súa pequena xoia, un libriño titulado A elegancia do século. Ela mesma personificaba a elegancia en negro cabelo que  brillaba baixo a luz morna, a axeitada para un feliz recitado. Fíxose acompañar primeiro dos Cantareiros do Naval (o Naval é unha praia de Santa Cruz), e logo dunha muller nova, acordeonista espléndida, novo tesouro nunha cidade que inda agocha tantos... Sabela Caamaño. Previamente oímos as palabras consagradas doutro poeta, X. L. Valcárcel, lucense de nación, e non faltou a introdución afectuosa do editor, Manuel Bragado.

Cantaron, Pura incluída no coro, varias cantigas populares: unhas betanceiras, outras coruñesas; sorprendeume especialmente aquela dedicada á patroa da cidade herculina, porque levo máis de medio século aquí e nunca antes a oíra (Miña Virxe do Rosario / cariña de caravel;/ lévanlle as pombas no pico / ramalliñas de laurel). Non menos me abraiou logo a sincronización entre a voz da autora que declamaba e o acordeón-berce de resonancias saudadosas-especie de guía virxiliano ao paraíso do son: nin un só intre entorpeceu nin sobrepasou. Perfecta harmonía a que lograron ambas as dúas mulleres tan fermosas.

 (A foto, malia a pouca calidade, permite ver que Portas Ártabras estaba cheíño ese día. Foto feita por Charo Soto)


Non digo máis: lede a poesía de Pura se gustades. Podo transcribirvos un par de versos, iso si. Coincido co Manuel na predilección por aquel poema titulado “A casa dos paxaros”. Conmoveume “Antigo Lazareto” que os coruñeses da miña xeración tan ben entendemos... Conmove sempre, desde logo, a procura da memoria perdida, en nós mesmos mais tamén na figura da nai extraviada no labirinto da idade e desmemoria. A poeta toca moitos rexistros, volvemos debruzarnos á xanela da ironía (“Se vas morrer na guerra leva un libro”); arreceden as páxinas a dalias, peonias e glicinias; integrámonos necesariamente nese sermos pura dialéctica entre cemento urbano case que máquinas ao servizo dun sistema que nos trilla e sermos memoria eterna da casa da aldea ida. Comprendemos a peaxe que pagamos (Os grandes animais fuxiron da nosa vida / e chegará o castigo milenario). Emporiso, inda somos. E lemos poesía.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::

A elegancia do século. II

Hai anos, máis de trinta, preguntabas á rapazada na aula quen tiña un parente en América e erguían a man nunha porcentaxe elevadísima. Agora o número é moi escaso. Pero en moitas casas galegas dos da miña xeración gárdanse no álbum familiar fotos chegadas de América. E si, nalgunhas hai certa elegancia. É a elegancia do século:

                De alá chegaban cartas dos altos edificios de Correos

                a foto do gabán co sombreiro aberto ao novo andar.



                A elegancia do século

                un periódico baixo o brazo nunha lingua distinta

               alongando o paso pola ancha avenida que fala do triunfo.


Coa poeta coruñesa celebramos unha nova perspectiva se cadra sobre a interacción que se dá entre aquesta e aqueloutra banda do Atlántico: de aló vén a desgaleguización mais veñen ideas de progreso, veñen libros, vén Pondal feito himno: veñen as tías vestidas elegantemente cos pantalóns, as tías guapamente maquilladas, as que fuman aromáticos cigarros... Feliz verso este, a elegancia do século... Escollo para vós tres fotos do álbum familiar americano.

 (Os avós do meu esposo: Delfina Lorenzo e Pedro García enviárona no ano 1909 á familia dezá desde Bos Aires)

(O irmá da miña avoa, Ramón Vieiro, envioulla á súa avoa coruñesa, a miña tataravoa. Está dedicada: "Junto á la Pirámide de Plaza Mayo, me saqué esta foto para mandársela en el día de mi santo. Cariños. Ramón. Bs.Aires, 31/8/29)")


 (Os meus avós maternos, Rosario Álvarez e Ángel Arias, con catro dos seus cinco fillos: enviárona desde La Maya, Oriente, Cuba, nos anos trinta á familia valdeorresa)

venres, 31 de marzo de 2017

Visitando Galicia dende o Google Earth

Feito por alumnos de 4º da ESO para a materia de TIC, dirixidos polo prof. Mario S. García. Este vídeo vai ter boa acollida nos vosos corazóns. Seguro que o desfrutades!

mércores, 29 de marzo de 2017

A NOSA CASA



Rof Carballo na revista Ronsel (Lugo).  


Alfredo Chavert Sancho, Eusebio da Guarda, 4ºC.




Juan Rof Carballo (Lugo, 1905 - Madrid, 1994): foi un médico, escritor ensaísta, membro da RAE (desde 1984), académico da Real Academia Nacional de Medicina, fundador da Sociedade Española  de Medicina Psicosomática  e pai desta disciplina. Pertence á Xeración do 36 e ten case trescentos libros de estudos científicos e algúns poucos con carácter literario ("Mito e Realidade de Terra Nai" coa colaboración de D. García-Sabadell en Vigo, ed. Galaxia) e  colaborou nalgúns outros como en "Tesouros Novos e Vellos" de Álvaro Cunqueiro, a quen lle escribiu o prólogo deste libro. Ingresou no instituto Eusebio da Guarda  da Coruña con 14 anos, onde estudou ata chegar á universidade, cando foi a Santiago de Compostela para cursar a carreira de medicina.

Entrei pola porta da Real Academia Galega, á esquerda estaba unha persoa tras un gran cristal, el saíu e saudámonos, pregunteille onde podía atopar un artigo dun escritor na revista Ronsel e el indicoume que subira á terceira planta, onde estaba o arquivo, a través do ascensor e acompañoume ata que chegou o ascensor e nos despedimos. Cando cheguei arriba, e abrín  a porta do ascensor, encontreime de fronte coa biblioteca e, dentro, atopábanse os meus compañeiros que tamén tiñan un traballo a facer pero que foron un pouco antes ca min porque eu tiña que asistir a unha actividade. Eles estaban buscando no ordenador aos escritores dos que tiñan que falar, despois deixáronme a min o ordenador mentres lle preguntaban á profesora de galego o que exactamente tiñan que buscar mais eu dubidaba en que revista tiña que buscar: Cristal ou Ronsel?, pregunteille eu tamén á nosa profesora pero quixen ir aforrando tempo e decidín empezar a buscar pola revista Cristal.  Acerqueime a unha porta preto da de saída da biblioteca e petei nela, levantouse un home do ordenador e achegouse a min, saudámonos e pregunteille como podería atopar un artigo de Rof Carballo na revista Cristal, el explicoume que tiña unha recompilación da revista do número un ao dez e saíu para ir buscala ao arquivo; ao volver axudoume a buscar ao meu autor ao final do gran tomo nunha páxina onde aparecen todos os colaboradores da revista e alí nos estaba. Eu descoñecía a existencia desta páxina e sen a súa axuda seguramente podería ter estado alí o dobre de tempo.

Tras isto, consultei outra vez o móbil e a profesora dixo que era na revista Ronsel. Busquei en Internet o número de referencia dunha recompilación e volvín  preguntarlle ao home, que volveu ao arquivo e saíu con outro tomo, case igual de grande ca o outro, da revista Ronsel: 
                
 
E axudoume de novo co mesmo procedemento, buscamos nas últimas páxinas e atopamos o nome do meu autor, mais no aparecía ni a data en que se publicou a súa obra, o nome desta nin ningún dato desta clase. O home tentou buscar en todas a partes do libro que non corresponderan á revista e onde puidese atopar máis datos, pero non foi así. Como consecuencia tiven que mirar poema por poema os autores (axudoume moito que os nomes destes fosen máis grandes ca o resto), tamén estaba mirando a miña compañeira para avisarme no caso de que pasara por alto o nome de Rof Carballo. O tempo pasou rápido pois atopei algún autores coñecidos ou comentáballes ao meus compañeiros cousas que me sorprenderon da revista (como que cada unha delas valía unha peseta).

Listado de colaboradores na fin do libro:


Cheguei ao último número da revista publicado en 1974 para celebrar os cincuenta anos desde a creación de Ronsel (1924), e consultamos na primeira páxina desta unha lista de todos os autores que colaboraran nese número e alí estaba Rof Carballo. Pasei páxinas ata chegar a unha co título: "Polifemo en Palacio", un ensaio escrito en castelán polo meu autor, que falaba sobre como Picasso (outro alumno do Eusebio da Guarda) puido captar, coas súas múltiples versións de "LasMeninas" de Velázquez, os verdadeiros significados da obra e as mostras de liberdade que están ocultadas nela (e esaxeradas por Picasso).


                
  Portada e listado de autores do último número da revista Ronsel polo seu 50 aniversario.
                   Rof Carballo empeza falando de que foi necesario que outro artista quixese mostrar a súa versión deste cadro e, de maneira inconsciente e con moita sensibilidade, mostrase todos os aspectos que Vélazquez ten ocultados na súa obra. Non lle interesa describir ou comparar a calidade estética das obras, quere  demostrar que, tras a perfección da obra de Velázquez, hai moitas cousas que non poden ver os nosos ollos mais si pode o noso subconsciente e que se poden observar de maneira máis clara nas obras de Picasso. Explica que o contraste entre o estilo dos dous pintores é a chave para saber que expresa verdadeiramente esa pintura, por exemplo, en "Las Meninas" de Picasso,estas quedan convertidas en cuadrículas que parecen ter tacto ou volume e, grazas a isto podemos ver que, nas de Velázquez, tamén existen figuras cuadrangulares e concéntricas, pero están disimuladas:

                       
 
As liñas vermellas indican as figuras xeométricas e cuadrangulares que poden apreciarse en ambos cadros.

Outro exemplo de esaxeración nas Meninas de Picasso podemos vela nas vidreiras da dereita que, na obra de Vélazquez, deixan pasar a luz que ilumina a escena mais está oculta entre os cadros e non podemos chegar a vela, a porta luminosa do fondo etc. Rof Carballo fala da beleza oculta que se atopa tras as "monstruosidades" de Picasso, aos que chama Polifemos tranquilos, e que reflicten ás figuras case idealizadas en "Las Meninas", chamadas Galateas tristes e baleiras. Picasso debuxa un entorno de prisión, propio da nobreza da época debido ás presión sociais, no que as Galeteas viven presas nun corpo de monstros (Polifemos).

Critica tamén á pouca sensibilidade artística que existe, por exemplo nos museos, pois fálase moito da perfección formal (perspectiva de fotografía estereoscópica etc.) desta obra pero non ven estas mensaxes agochadas, isto é o que nos cega e o que nos impide poder  ver a realidade. Distingue dúas maneiras de observar as cousas: observalas co ollo de Polifemo ou cos ollos de Ulises, a diferenza é que Ulises pode chiscar un ollo e pode seguir vendo, é dicir, o "ollo" único dunha cámara fotográfica nunca poderá captar o mesmo ca unha persoa. Destaca tamén que un dos ollos da infanta vai desaparecendo con cada versión a obra, ata que acaba por desaparecer e adquire a forma polifémica e reflexiona sobre quen é verdadeiramente o máis libre dos dous, a Galatea ou o monstro?, a princesa ou o bufón?
Finalmente explica que posiblemente fose o subconsciente de Velázquez o que deixou estes segredos e que foi o de Picasso quen logrou ensinalos máis claramente e que, dentro de cada ser humano hai unha loita interna entre a orde que nos proporciona unha ilusión de seguridade e a liberdade que rompe os camiños establecidos. Velázquez  quixo buscar a beleza que se encontra nas pautas e normas da sociedade e que establecen unha "esencia do belo" determinada, mais tivemos a sorte de que a realidade máis profunda se descubrise nas pinturas de Picasso.
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
ADDENDA: Rof Carballo foi alumno no noso Instituto. Velaquí a súa ficha, atirada do libro que publicamos co gallo dos 125 anos de ‘Instituto da Guarda’: Rof Carballo, Juan: Lugo, 1905-Madrid, 1994. Médico e ensaísta. Con 14 anos a familia trasládase á Coruña e estuda no Instituto da Guarda.  É citado por Emilio González López como compañeiro de bacharelato, do ano inferior ao seu. Foi discípulo de Gonzalo Brañas, a quen recorda con aprecio: “En el Instituto había tenido profesores admirables, Brañas, de Física, que con una modesta piedrecilla de galena nos abría los ojos sobre el mundo de las ondas hertzianas”. Cursa a carreira en Santiago de Compostela, onde participa do labor cultural do Seminario de Estudos Galegos e onde se relaciona coas personalidades sobranceiras da medicina e da cultura galega. Amplía a súa formación en distintos países de Europa. Fundou o  Instituto de Ciencias do Home e o Instituto de Medicina Psicosomática e Psicoterapia Médica; autor de numerosas obras científicas e de ensaio, entre elas destacaremos:  Patología psicosomática, Cerebro interno y mundo emocional,  Cerebro interno y sociedad e Fronteras vivas del psicoanálisis. Foi membro da  Real Academia de Medicina, e da RAE, desde  1984. Entre os galardóns con que foi honrado figura  a medalla Castelao.


(Retrato de Juan Rof Carballo tomado de Internet)

ADDE
Rof Carb

mércores, 22 de marzo de 2017

VISITANDO



Homenaxe a Urbano Lugrís


O venres 17 de marzo realizouse no instituto unha homenaxe ao pintor coruñés Urbano Lugrís dirixido polo profesor Xulio Cuba e o Colectivo In nave Civitas. A homenaxe comezou coa imaxe do mural “Marineda soñada” que foi pintado hai pouco no instituto. A continuación, visualizamos un fragmento do documental A travesía do océano que Iván Patiño realizou en 2014 sobre Urbano Lugrís.



No filme puidemos escoitar a diferentes estudosos do pintor explicando os seus cadros. O primeiro deles foi “Cuarto do vello mariñeiro” que foi descrito como un cadro dentro de moitos cadros, de feito, no seu lateral dereito podemos observar a representación pictórica dunha batalla naval.  Tamén escoitamos datos acerca da traxectoria de Urbano Lugrís: durante os anos 1948 e 1949 participou na construción da Capela de Santo Reis (único proxecto arquitectónico da súa carreira) e na década dos 50 entrou nunha época de “creatividade e bohemia” na que tivo gran importancia o poeta Avilés de Taramancos. No ano 1954 participou na revista Atlántida debuxando portadas e viñetas ata a súa censura polo réxime en 1956. Respecto á súa produción artística explicáronnos que unha influencia na obra deste autor foi a lectura de Moby Dick, que inspirou a recreación nos seus cadros dun mar en guerra.

(Foto cedida por Beni Vidal)


Na segunda parte da homenaxe léronse extractos de obras dedicadas ao pintor. A profesora de lingua galega e literatura Benigna Vidal leu un fragmento dunha obra de Avilés na que describe a Urbano Lugrís coma “un poeta de expresión plástica”, a alumna de primeiro de bacharelato Lucía Blanco leu Pranto por Urbano Lugrís e Jorge Carril leu o poema Alfonso Abelenda pilotando o grande navío da cidade nas noites da nosa mocidade.

Na terceira e derradeira parte da homenaxe saíron a falar tres membros do colectivo In nave Civitas. Moncho do Orzán falounos do influxo de Lugrís na súa vida e contounos que a súa admiración por el naceu grazas ao seu tío. Denunciou, ademais, o esquecemento que sofre Urbano Lugrís e o comparou co vello río Caramunchón que foi cuberto por cemento e que xa ninguén lembra. Despois Teresa Ramiro explicounos a súa visita ao colexio de Vilaboa que luce murais pedagóxicos pintados por Urbano. Durante a súa infancia asistiu á escola cos fillos deste pintor e considera que Urbano Lugrís era medio pedagogo, de feito, participou na misión pedagóxica realizada por Rafael Dieste na década dos 30 “Teatro de Títeres de Monicroques”.

Xa no final da homenaxe cantaron unha canción composta pola colectivo e explicáronnos que o día 22 de Nadal, con motivo da súa norte, van pola rúa gritando consignas como “O que pintou a Marola, pintou a mar tola” ou “Menos derrotismo e máis surrealismo”. Para rematar o acto o membro Xurxo compartiu connosco os versos de Bernardino Graña “Medre o mar, medre” e animounos a collernos da man e gritar “Orzán”. Por último tomamos unha foto.

                                                                                              Carmen Arbaizar, alumna de 2º bach. F





(Foto tomada por Pedro Rodríguez)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::



Addenda: Urbano Lugrís foi alumno do noso Instituto. No libro que publicamos na celebración do 125 aniversario integramos unha pequena ficha sobre el. Quizais vos interese lela:



Lugrís González, Urbano Isolino: Coruña, 1908; Vigo, 1973. Pintor, muralista, escenógrafo, cartelista, ilustrador de libros. Como hai dúbidas nalgunhas fontes documentais sobre o ano exacto do seu nacemento, digamos que na Partida de Nacemento que consta na documentación do arquivo do IES Salvador de Madariaga (IESSM) figura a hora (cero y treinta minutos de hoy),  o día e ano (28 de xaneiro de 1908) e o lugar do seu nacemento (a casa paterna, rúa Rego de Auga, 38, 3º). E entre as testemuñas que asinan ese documento citado figuran: Salvador Golpe, M. Lugrís Freire –o pai-, José Fariña, Augusto Barreiro e Roberto L. Martínez. Aproba o ingreso no Instituto o 21 de setembro de 1918. O certificado médico que presenta no Instituto en agosto do 1918 está asinado polo célebre doutor Enrique Hervada. Cursou estudos oficiais no noso edificio no período: 1918-1919. Posteriormente matricularase na  Escola de Comercio. Foi amigo, entre outros, de Miguel González Garcés, Álvaro Álvarez Blázquez, Fernández del Riego, Castroviejo, Antón Patiño... A obra pictórica de Urbano Lugrís pode admirarse en distintos locais públicos da cidade herculina, na Igrexa Parroquial de Vilaboa (Culleredo, Coruña), Colección Abanca, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Massó, Confraría de Pescadores de Malpica de Bergantiños etc.

[Bibliografía básica: Urbano Lugrís nos fondos da Colección Caixa Galicia, catálogo editado no ano 2003, con fotografías de Xoán Piñón e un estudo de Antón Patiño].