mércores, 22 de marzo de 2017

VISITANDO



Homenaxe a Urbano Lugrís


O venres 17 de marzo realizouse no instituto unha homenaxe ao pintor coruñés Urbano Lugrís dirixido polo profesor Xulio Cuba e o Colectivo In nave Civitas. A homenaxe comezou coa imaxe do mural “Marineda soñada” que foi pintado hai pouco no instituto. A continuación, visualizamos un fragmento do documental A travesía do océano que Iván Patiño realizou en 2014 sobre Urbano Lugrís.



No filme puidemos escoitar a diferentes estudosos do pintor explicando os seus cadros. O primeiro deles foi “Cuarto do vello mariñeiro” que foi descrito como un cadro dentro de moitos cadros, de feito, no seu lateral dereito podemos observar a representación pictórica dunha batalla naval.  Tamén escoitamos datos acerca da traxectoria de Urbano Lugrís: durante os anos 1948 e 1949 participou na construción da Capela de Santo Reis (único proxecto arquitectónico da súa carreira) e na década dos 50 entrou nunha época de “creatividade e bohemia” na que tivo gran importancia o poeta Avilés de Taramancos. No ano 1954 participou na revista Atlántida debuxando portadas e viñetas ata a súa censura polo réxime en 1956. Respecto á súa produción artística explicáronnos que unha influencia na obra deste autor foi a lectura de Moby Dick, que inspirou a recreación nos seus cadros dun mar en guerra.

(Foto cedida por Beni Vidal)


Na segunda parte da homenaxe léronse extractos de obras dedicadas ao pintor. A profesora de lingua galega e literatura Benigna Vidal leu un fragmento dunha obra de Avilés na que describe a Urbano Lugrís coma “un poeta de expresión plástica”, a alumna de primeiro de bacharelato Lucía Blanco leu Pranto por Urbano Lugrís e Jorge Carril leu o poema Alfonso Abelenda pilotando o grande navío da cidade nas noites da nosa mocidade.

Na terceira e derradeira parte da homenaxe saíron a falar tres membros do colectivo In nave Civitas. Moncho do Orzán falounos do influxo de Lugrís na súa vida e contounos que a súa admiración por el naceu grazas ao seu tío. Denunciou, ademais, o esquecemento que sofre Urbano Lugrís e o comparou co vello río Caramunchón que foi cuberto por cemento e que xa ninguén lembra. Despois Teresa Ramiro explicounos a súa visita ao colexio de Vilaboa que luce murais pedagóxicos pintados por Urbano. Durante a súa infancia asistiu á escola cos fillos deste pintor e considera que Urbano Lugrís era medio pedagogo, de feito, participou na misión pedagóxica realizada por Rafael Dieste na década dos 30 “Teatro de Títeres de Monicroques”.

Xa no final da homenaxe cantaron unha canción composta pola colectivo e explicáronnos que o día 22 de Nadal, con motivo da súa norte, van pola rúa gritando consignas como “O que pintou a Marola, pintou a mar tola” ou “Menos derrotismo e máis surrealismo”. Para rematar o acto o membro Xurxo compartiu connosco os versos de Bernardino Graña “Medre o mar, medre” e animounos a collernos da man e gritar “Orzán”. Por último tomamos unha foto.

                                                                                              Carmen Arbaizar, alumna de 2º bach. F





(Foto tomada por Pedro Rodríguez)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::



Addenda: Urbano Lugrís foi alumno do noso Instituto. No libro que publicamos na celebración do 125 aniversario integramos unha pequena ficha sobre el. Quizais vos interese lela:



Lugrís González, Urbano Isolino: Coruña, 1908; Vigo, 1973. Pintor, muralista, escenógrafo, cartelista, ilustrador de libros. Como hai dúbidas nalgunhas fontes documentais sobre o ano exacto do seu nacemento, digamos que na Partida de Nacemento que consta na documentación do arquivo do IES Salvador de Madariaga (IESSM) figura a hora (cero y treinta minutos de hoy),  o día e ano (28 de xaneiro de 1908) e o lugar do seu nacemento (a casa paterna, rúa Rego de Auga, 38, 3º). E entre as testemuñas que asinan ese documento citado figuran: Salvador Golpe, M. Lugrís Freire –o pai-, José Fariña, Augusto Barreiro e Roberto L. Martínez. Aproba o ingreso no Instituto o 21 de setembro de 1918. O certificado médico que presenta no Instituto en agosto do 1918 está asinado polo célebre doutor Enrique Hervada. Cursou estudos oficiais no noso edificio no período: 1918-1919. Posteriormente matricularase na  Escola de Comercio. Foi amigo, entre outros, de Miguel González Garcés, Álvaro Álvarez Blázquez, Fernández del Riego, Castroviejo, Antón Patiño... A obra pictórica de Urbano Lugrís pode admirarse en distintos locais públicos da cidade herculina, na Igrexa Parroquial de Vilaboa (Culleredo, Coruña), Colección Abanca, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Massó, Confraría de Pescadores de Malpica de Bergantiños etc.

[Bibliografía básica: Urbano Lugrís nos fondos da Colección Caixa Galicia, catálogo editado no ano 2003, con fotografías de Xoán Piñón e un estudo de Antón Patiño].


Ningún comentario:

Publicar un comentario