LENDO A
Oito de
marzo
(Logotipo na páx. web da UDC neste ano 2017)
Encantaríame poder
falar de todo o que cabe neste día oito de marzo, día en que eu cumpro anos. Antes,
a miña avoa paterna, a coruñesa, xa nacera un oito de marzo. En Italia, en
Udin, o profesor de español na súa facultade de Letras, o prof. Ricci, tamén
naceu un oito de marzo. Dicíame este día Mercedes Rey, relembrando o nacemento un 6 de marzo de García Márquez,
“eu tamén son Piscis, na miña xeración, eramos Piscis case todos... Puxéronse
de acordo os pais para casar en xuño”. Digo igual (inda que os meus casaran en
outubro): na miña xeración, daquela, tanto na infancia nos Castros, como no
Insti, eramos un morico de Piscis, e mágoa!, algúns xa non están connosco (recordo con afecto de nena
a Martita e a Javierín). Daquela (en
Italia) lía (entre outros libros) os cadernos dun catalán igualmente nado un
oito de marzo, J. Pla. Como tantos outros seres humanos, claro.
Sobre as mulleres
traballadoras non vou falar hoxe, emporiso. Apenas coñezo mulleres que non
sexan traballadoras. Tamén coñecín a María Xosé Queizán, grande señora das
letras galegas, e moi amiga das mulleres. Faciamos daquela o CAP en Santiago e
a vida xa daba algo de medo: o futuro, o
posto de traballo, a sorte no amor... Esas cousas. E todo vai pasando, incluso a vida pode ir
chegando ao seu termo. Pero quedan sempre as palabras. Quedan os fillos e os
fillos dos fillos. Con sorte, quedará un aire limpo para eles respiraren.
(Pondal xa ancián. Foto tomada do libro de Barreiro e Axeitos citado)
Hoxe vou falar de
Pondal. Oito de marzo de 2017: cen anos xustiños do seu pasamento. Quixera
xebrar en dous o tema pondaliano. Arestora leo Os Eoas, cando remate algo vos comunicarei, e esa será a parte máis
literaria se cadra. Hoxe, oito de marzo, tocaremos a cara humana. Eduardo
Pondal, o ser humano. Seguiremos un camiño doado: a través das cartas a Murguía
(un par delas a Rosalía), cartas publicadas nunha edición de quitar o sombreiro
e dar as grazas. A edición, auténtico caplavor
como diría un friulano (en galego obra
mestra), de Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís
Axeitos, a cargo da fundación Barrié, colección ‘Galicia viva’. Miramos
no “Ïndice de remitentes” e contamos (entre os dous volumes) un total de 12
+ 12 cartas. De que fala o bergantiñán
co patriarca basco-galego? De moitas cousas. Por riba de todo, quedo co cariño,
ese profundo afecto e amizade pola familia Murguía-Castro. E que ben se percibe, meus, que ben... Había
unha fonda confianza, ademais. Eduardo permítese o luxo de ser un pesado cando
quere algo. Por exemplo, cando quere que Manuel o visite na casa da aldea. Se
non llo pide unha ducia de veces..., polo menos. Aí hai un tema bonito: o
itinerario que lle propón, Murguía tería que ir da cabalo desde Santiago.
Paremos un
momentiño nesta evocación: había que ir da cabalo. Unha vez caeu na vella Selectividade un texto de Risco sobre o
fraco cabalo do doutor Alveiros (que unha servidora relacionaba sempre con
aqueloutra besta de Fernando Esquío, aquela que un infanzón lle prometera...).
O cabalo, bela estampa. Miña nai, octoxenaria, relembra o Cuco, montaban nel para ir a Penouta recoller os sacos de castañas
daqueles castiñeiros idos... Meu home, dezao e quincuaxenario, recorda ter oído
contar do tío Carlos que aló polos anos 30 destripara un cabalo da casa contra
un valado, facendo polo monte carreiras cun amigo. O cabalo era daquela o coche
de hoxe. Eduardo Pondal fala nunha das
cartas dun cabalo da súa casa chamado Bergantiños1:
non podo evitar contarvos do meu amigo Manuel, que cría –ou criaba- cabalos na
casa da aldea e pedíame que lle buscase un nome á egua acabada de nacer, pola
letra C. Propúxenlle Coruña e díxome
logo, a posteriori, que fora un nome exitosos aló polas competicións e paseos
onde a levou...
Bergantiños, que bo gusto! Tamén
noutra carta dálle Pondal a Murguía saúdos para aquelas mulleres (da burguesía
e/ou fidalguía), boas amazonas,
posiblemente entre elas Rosalía...
Velaquí o
itinerario proposto (eu propoño que o fagamos: nun verán, nunhas vacacións):
“Tomará U. la cuesta del monte Pedroso,
siguiendo el camino hasta Puente Mouro, sobre el Tambre; desde este punto se
dirige U. a Parámos, de aquí a Porto Medal, después a Carboeiro, a Castrís;
desde este punto a la Agualada, a la Amata, después a Barreira, a Allones, y
por último a Puente-Ceso” (carta desde Puenteceso datada 26 agosto 1865).
Hai aínda máis
referencias ás viaxes da cabalo: En los
viajes a caballo es preciso hacer como el piloto; salir del puerto al primer
viento favorable (carta datada 4 set. 1865).
(A Coruña que paseou Eduardo Pondal. A foto pertence a un calendario editado polo concello herculino. É do ano 1908)
As cartas son hoxe
substituídas polas máquinas (móbil e ordenador basicamente), iso está claro.
Varía a frecuncia, endebén. Pero vede
canta información daban... Dos costumes da vida da época, sabemos por exemplo
que a Pondal lle encantaba ir de caza2, e sabemos do hábito de
frecuentaren os balnearios: el e Rosalía teñen vivencias en común do balneario
de Cuntis3 e Rosalía en anos tamén foi ao de Caldas (coma a nai da
nosa amiga Carmela; os pais do noso prezado Miguel ían aos Baños da Brea,
concello de Vila de Cruces, aínda non
hai tantas décadas, e nos anos 60 eu relembro acompañar os meus pais cando mamá
tomaba as augas no balneario do Carballiño, cun parque paradisíaco).
Veñamos agora
achegándonos un pouquiño á psique eduardiana. Espírito forte, man que sostén
unha épica pluma, con que forza é evocado o pasado, con que férrea vontade
reactualiza a Europa mítica... E asemade, que fráxil noutras ocasións. Tan
humano, mesmo move á piedade, á solidariedade ontolóxica (se pode dicirse así).
Vémolo sentado nunha pena ollando o mar atlántico, reflexionando sobre a súa
vida:
Grato es sin duda vagar libremente por los patrios
montes; no obstante, al sentarme sobre alguna roca del cabo de Nariga, a la
hora del crepúsculo, no puedo con mi corazón, y me asalta una imperiosa
pregunta.
“Y bien, ¿qué rumbo piensas dar
a tu existencia? Basta de vacilaciones y de errores”
Al fin, cuento 33 años.
Sin más, escríbame dándome algún
consejo. Mis afectos a Rosalía y a Alejandrita etc.
(carta datada 5 marzo 1869).
Si que nos
achegamos bastante, incluso dá pudor, á alma dubitativa e palpitante do poeta.
Acrecéntase en nós a idea primordial do profundo respecto que sempre nos debe inspirar a crúa verdade humana.
Deixemos, pois, aquí ese tema delicado: as aprensións e suidades4 e pasemos a outra páxina: a presenza da
Coruña. Sabemos que os últimos anos viviu entre nós (faleceu na pensión da rúa
Juana de Vega, e antes parara noutra situada na rúa de San Andrés a entre
medias, nun pequeno hotel na Praza de Pontevedra). Mais antes de fixar na nosa
cidade a súa residencia viña de cando en vez por aquí, e ademais, dá mostras de
coñecer o tecido social herculino. Así, en carta de 23 nov. 1868 lemos: “Recomendarse a los comités progresista o
democrático de la Coruña”, en carta de 16 agosto de 1869: “No hace muchos días que estuve en la
Coruña, a donde fui con motivo de la solemnidad del pacto federal
galaico-asturiano”. Supoñemos que tamén viría por diversión: “Cuando por Carnavales estuve en la Coruña”
(carta 31 marzo 1864).
Hai que deixalo xa.
Unha derradeira apostila: Pondal sabe da ironía galaica. De mostra abonde este
botón: “Nada más tengo que decirle por
hoy sino que cae por esta costa un tiempo tempestuoso, y el mar hace en Corme y
Lage algunas víctimas entre los pobres pescadores a la vara. También el mar
hace su revolución, y exige su cuota territorial. Por eso los cortesanos, viven
tan al centro, y no entienden de estas músicas tanto como de charlar y fumar
buenos puros en el Oriental” ( carta 23 nov. 1868).
(Foto da Exposición Rexional de Arte Galega celebrada na Coruña en 1917. Foto tomada de Internet)
:::::::::::::::::::::
NOTAS:
1.
“Mi muy estimado y distinguido
amigo: tenemos en casa una yegüita de raza gallega, por nombre Bergantiños, y
queríamos enviarla a esa con el objeto de ser padreada por algunos de los
caballos de puesto que poco ha, estableció el gobierno en esa localidad” (carta
escrita desde Ponteceso o 5 maio 1883).
2.
“Yo sigo mejor. Los aires del país
me han robustecido algo más (...). Como bien, cazo mucho, y duermo mejor; y
quiera Dios conservarme siquiera así” (carta datada 31 marzo 1864).
3.
“Me acuerdo mucho de nuestros
paseos por la carretera de Cuntis, y de nuestras crítico-conversaciones acerca
de los bañistas” (carta datada 26 feb. 1867).
4.
“Esa divina e ideal enfermedad que
sólo padecemos los buenos gallegos, a la cual llamamos nosotros Suidades”
(carta 5 marzo 1869)
:::::::::::::::::::::
ADDENDA ESPECIAL:
Hoxe é un día especial . Propoño
que me respondades (refírome a vós, os meus alumnos deste curso) a unha destas
preguntas vinculadas tanto a Pondal como á Coruña:
1.
Pondal é cofundador da Real
Academia Galega: aló polo 1917, onde se reunían os académicos?
2.
Pondal é íntimo, entre outros
moitos amigos, de Emilia Pardo Bazán: en 1917, onde vivía dona Emilia, na rúa
Tabernas ou na rúa Rego de Auga?
3.
Pondal reúnese cos amigos no
Círculo de Artesáns coruñés. Onde estaba situada en 1917 esa sociedade?
4.
Sodes capaces de traerme unha foto
da lápida pondaliana (non hai que saír da cidade, chégame unha feita co móbil),
aquela que cobre os seus restos mortais?
(A Coruña de 1917. Imaxes da Folga Xeral dese ano. Foto tomada de Internet)
Ningún comentario:
Publicar un comentario