LENDO A...
A elegancia do século. I
Fomos o xoves 30 de
marzo convocados pola amizade a Portas
Ártabras, casa en que xa máis veces nos temos reunido. Estaba cheíño. A
poeta, Pura Tejelo, preparara a conciencia a presentación da súa pequena xoia,
un libriño titulado A elegancia do século.
Ela mesma personificaba a elegancia en negro cabelo que brillaba baixo a luz morna, a axeitada para
un feliz recitado. Fíxose acompañar primeiro dos Cantareiros do Naval (o Naval é unha praia de Santa Cruz), e logo
dunha muller nova, acordeonista espléndida, novo tesouro nunha cidade que inda
agocha tantos... Sabela Caamaño. Previamente oímos as palabras consagradas
doutro poeta, X. L. Valcárcel, lucense de nación, e non faltou a introdución
afectuosa do editor, Manuel Bragado.
Cantaron, Pura
incluída no coro, varias cantigas populares: unhas betanceiras, outras
coruñesas; sorprendeume especialmente aquela dedicada á patroa da cidade
herculina, porque levo máis de medio século aquí e nunca antes a oíra (Miña Virxe do Rosario / cariña de caravel;/
lévanlle as pombas no pico / ramalliñas de laurel). Non menos me abraiou
logo a sincronización entre a voz da autora que declamaba e o acordeón-berce de
resonancias saudadosas-especie de guía virxiliano ao paraíso do son: nin un só
intre entorpeceu nin sobrepasou. Perfecta harmonía a que lograron ambas as dúas
mulleres tan fermosas.
(A foto, malia a pouca calidade, permite ver que Portas Ártabras estaba cheíño ese día. Foto feita por Charo Soto)
Non digo máis: lede
a poesía de Pura se gustades. Podo transcribirvos un par de versos, iso si.
Coincido co Manuel na predilección por aquel poema titulado “A casa dos
paxaros”. Conmoveume “Antigo Lazareto” que os coruñeses da miña xeración tan
ben entendemos... Conmove sempre, desde logo, a procura da memoria perdida, en
nós mesmos mais tamén na figura da nai extraviada no labirinto da idade e
desmemoria. A poeta toca moitos rexistros, volvemos debruzarnos á xanela da
ironía (“Se vas morrer na guerra leva un libro”); arreceden as páxinas a
dalias, peonias e glicinias; integrámonos necesariamente nese sermos pura
dialéctica entre cemento urbano case que máquinas ao servizo dun sistema que
nos trilla e sermos memoria eterna da casa da aldea ida. Comprendemos a peaxe
que pagamos (Os grandes animais fuxiron
da nosa vida / e chegará o castigo milenario). Emporiso, inda somos. E
lemos poesía.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::
A elegancia do século. II
Hai anos, máis de
trinta, preguntabas á rapazada na aula quen tiña un parente en América e
erguían a man nunha porcentaxe elevadísima. Agora o número é moi escaso. Pero en
moitas casas galegas dos da miña xeración gárdanse no álbum familiar fotos
chegadas de América. E si, nalgunhas hai certa elegancia. É a elegancia do século:
De
alá chegaban cartas dos altos edificios de Correos
a
foto do gabán co sombreiro aberto ao novo andar.
A
elegancia do século
un
periódico baixo o brazo nunha lingua distinta
alongando
o paso pola ancha avenida que fala do triunfo.
Coa poeta coruñesa
celebramos unha nova perspectiva se cadra sobre a interacción que se dá entre
aquesta e aqueloutra banda do Atlántico: de aló vén a desgaleguización mais
veñen ideas de progreso, veñen libros, vén Pondal feito himno: veñen as tías
vestidas elegantemente cos pantalóns, as tías guapamente maquilladas, as que
fuman aromáticos cigarros... Feliz verso este, a elegancia do século... Escollo para vós tres fotos do álbum
familiar americano.
(Os avós do meu esposo: Delfina Lorenzo e Pedro García enviárona no ano 1909 á familia dezá desde Bos Aires)
(O irmá da miña avoa, Ramón Vieiro, envioulla á súa avoa coruñesa, a miña tataravoa. Está dedicada: "Junto á la Pirámide de Plaza Mayo, me saqué esta foto para mandársela en el día de mi santo. Cariños. Ramón. Bs.Aires, 31/8/29)")
(Os meus avós maternos, Rosario Álvarez e Ángel Arias, con catro dos seus cinco fillos: enviárona desde La Maya, Oriente, Cuba, nos anos trinta á familia valdeorresa)
Ningún comentario:
Publicar un comentario