VISITANDO
Tiveron os faventinos ou barceloneses a sorte inmensa de atopar esta inscrición de época romana. Isto é o que pon:
Colonia Iulia Augusta Faventia Paterna Barcino.
Rematamos as
vacacións de Semana Santa visitando Barcelona, onde traballa o noso
primoxénito. Estivemos tan só tres días e medio, mais foron intensísimos. Non pisamos un museo
(salvo o pequecho do mosteiro de Poblet), pero ruamos e ruamos, “fixemos o
vermut” (como din os cataláns) na Barceloneta, papeamos coma abades
(salientarei, porque a gastronomía tamén é cultura, meus queridos, un par de
pratos: un arroz mixto saboroso no sitio que me recomendara Ana, a vosa profesora
de inglés, Les sete portes, e un
polvo delicioso, primeiramente cocido en cervexa do Montseny e logo grellado,
nun lugar con moito engado, Pla de la
garsa) e fomos de compras. Barcelona é a capital do deseño, veño abraiada,
canta roupa de autor, se se me permite a expresión... Roupa e calzado. Unha
pasada! E, naturalmente, compramos algún que outro libro nunha das librarías de
vello. Logo pásovos unha adiviña dun ensaio que comprei sobre ese tema, as
adiviñanzas.
(San Xurxo -ou san Xurdo, como din os dezaos- é un santo moi europeo: é patrón de Inglaterra, de Rusia e tamén de Cataluña. Así, aparece moito na cidade; endebén, o padroado barcelonés correspóndelle a santa Eulalia)
(Exemplo de decoración modernista, na casa Amatller, do arquitecto Josep Puig i Cadafalch)
Agora que se achega
o día do libro, o día en que se celebra tanto o padroado de San Xurdo como o
padroado de Cervantes sobre as letras universais, eu buscaba na cidade calquera
referencia cervantina. Cataluña é terra de trobadores, como Guillem de Cervera
(a ver se atopo un fragmento seu para o remate deste discurso); de bos
arturistas, como Victoria Cirlot; de finas sensibilidades medievalistas, como o
poeta Carles Riba, autor –como relembraredes algúns de vós- de cedos poemas en
galego do neotrobadorismo, e é terra de bos cervantistas, como o ínclito Martí
de Riquer, quen fora asemade grandísimo experto na poesía trobadoresca, ou como
Francisco Rico. Todos os que lemos a Riquer sabemos da estadía de Cervantes en
Barcelona: e inda que non o estudara o sabio barcelonés, xa o supoñeriamos tras
a lectura dos capítulos correspondentes da segunda parte do Quijote. Paseando polo barrio gótico,
onde vive Suso, preguntabámonos en voz alta onde pernoctaría Miguel, cal sería
a casa onde transcorre o episodio da cabeza encantada... A verdade é que non logramos
ver nada, agás a rúa Cervantes, algo afastada dese barrio.
(A Escola de Artes e Oficios: moi preto da rúa Cervantes; aquí veu destinado desde A Coruña o pai de Picasso)
En Barcelona,
porén, non faltan referencias históricas que nos fan evocar tempos pretéritos
fascinantes en maior ou menor grao. Da época romana puidemos ver restos da
muralla, dos tempos da fundación con Augusto no poder; vimos mención nunha
placa a Luís o Piadoso, quen foi rei da cidade no 801 (era fillo de Carlomagno,
o emperador proclamado no 800); vimos outra placa en memoria do rei de Aragón
(de Cataluña e de Sicilia, reino este herdado da nai, Leonor de Sicilia) Martín
o Humano, que defendía o Papa de Avignon, Benedicto XIII; vimos unha lembranza
aos cataláns mortos na defensa da Casa de Austria, na guerra de sucesión ao
trono de España, a principios do XVIII, e vimos, naturalmente, a estatua
xigantesca, de Cristovo Colón, co dedo estendido sinalando non se sabe moi ben
qué: uns din que Xénova, outros o horizonte sen máis.
(A Barceloneta é unha das barriadas barcelonesas con máis celme popular: ten a súa propia bandeira)
Non sei se sabedes
que hai pouco houbo unha petición para que derribasen esa estatua, pero a
alcaldesa de Barcelona –con bo criterio ao meu enteder- dixo eufemisticamente
que non era o caso (se non erra a miña memoria, dixo que non era unha prioridade). Colón chegaba da primeira viaxe e fora
recibido polos chamados Reis Católicos, que celebraban cortes en Barcelona. En
que pazo tería lugar o encontro? Non hai certeza absoluta. Sería no Pazo Real,
no barrio gótico? Moi probablemente. Na base da estatua aparecen gravados nomes
dos cataláns que acompañaban a Colón: Bernat Boïl, Pere de Margarit, Jaume
Ferrer de Blanes, e o valenciano Luis de Santángel. Este Margarit (era capitán
militar, Pere Margarit del Castell d’Empordà) pregúntome eu se será o mesmo que
cita Pondal cando na súa obra épica (Os
Eoas), vai mentando un a un, os homes que viaxaban na nao capitá (La Gallega ou Santa María) e nas dúas carabelas:
Ti, Margaride fugiches ousado / A guerra do hirmán e do
parente/ A insidia q’ o bardo celebrado/ Soe juzgar injusta e insolente; / Mas
ti, para probar seu infundado /Juicio ser indigno e inclemente, / Mostrastes
q’eras digno do Oceano/ E d’un renome ilustre e soberano (estrofa XXI, edición de Amado Ricón).
En calquera caso,
que quede constancia para as futuras xeracións deses ilustres e valerosos
homes, paréceme fundamental. Trátase, en certo modo, de primar (primar, non
enmascarar nin esquecer) a comunicación, a irmandade, a rica e produtiva
mestizaxe, sobre os factores negativos, tales como a colonización, a masacre, a
aculturación.
Pechamos cos
fragmentos prometidos. Primeiro a adiviñanza. Segundo, poesía de autor.
Devina devineta... (=Adiviña
adiviñanza...):
En un dia si ho
repares
una vegada em veuràs,
dues en una setmana
i en un mes no em
trobaràs
(= Nun día se te
fixas / unha vegada me verás, / dúas nunha semana / e nun mes non me atoparás).
Espingadura d’En Cerveri
A la plug’e al ven iran
cels
que muylleres an,
cels
que muylleres an.
I Li amic iran espingan,
a la plug’e al ven iran,
e cil que no espingaran
a la
plug’e al ven iran,
las donnas seran a lor dan,
e.ls escarniran
e.ls escarniran.
A la plug’e al ven iran
cels
que muylleres an,
cels
que muylleres an.
(= Á chuvia e ao vento irán os que teñen
muller, os que teñen muller. I. Os
amigos (namorados) irán tocando o albogue, á
chuvia e ao vento irán, e aqueles que non toquen (ou canten) terán enfadadas
as donas e farán deles escarnio etc.) (Só transcribín a primeira cobra deste
poema de Guillem de Cervera, tamén coñecido como O Cerverí. Recorda bastante a bailía de Airas Nunes, inda que varía
o punto de vista: no poema do compostelán son as mulleres namoradas as que
entran no baile, mentres que aquí son os amigos namorados os que tocan e
cantan, aquí os convocados son eles, non elas).
(Mosteiro de Poblet, xa en terras tarraconenses. Espléndido exemplo de arquitectura cisterciense. Poblet é antropónimo, era o nome do ermitán fundador)
Ningún comentario:
Publicar un comentario