LENDO A FIDEL FITA COLOMÉ…
DA HISTORIA MEDIEVAL DE GROENLANDIA

(Mapa antigo de Groenlandia. Todas as fotos foron tiradas de Internet)
A algún de vós, a xente que adoitades tratarme, xa lle dixen que ando traballando nos nomes propios das Cantigas de Santa María. Estaba, con ese gallo, buscando datos sobre a igrexa de Santa Cezilla que aparece amentada nun dos milagres narrativos e a IA mandoume á obra do xesuíta Fidel Fita, doada de atopar no Centro Virtual Cervantes. Creo que aí, nese punto concreto a IA se equivocou (sempre hai que comprobar ao milímetro esa clase de información, moi útil noutras ocasións, conforme a miña experiencia) pero pasei un par de horas estupendas lendo páxinas de Fita. En concreto, hai cousas sobre o folclore do Pico Sacro que igual me animo a comunicar neste blog. Porén, hoxe quero compartir convosco algúns datos curiosos sobre Groenlandia, un territorio ao que puiden viaxar a través da letra escrita grazas a unha carta que Fidel Fita publicou no seu día. Case o 99% do que lin, antes ignorábao. A historia de Groenlandia, en xeral, é algo moi pouco coñecido para nós.
Empecemos por esa carta. Figura nun artigo de Fita titulado: La India oriental y la Groenlandia en los postreros años del siglo XV [1].
Di así o historiador e epigrafista catalán (por aforrar traballo, conservo o castelán e traduzo só o latín):
«En el breve, que me ha sugerido estas reflexiones, declara Alejandro VI la triste situación á que habían reducido la Groenlandia, durante un período de ochenta años, la ausencia de sacerdotes y la penuria de víveres, constando que la isla solo era abordable en el mes de agosto al verificarse el deshielo de los mares polares. Los groenlandeses habían recaído en la superstición de sus antepasados, conservando únicamente como reminiscencia de la religión cristiana un corporal con el que un siglo antes había celebrado misa en la isla el último sacerdote, y que exponían tan solo una vez al año á la pública veneración. Lleno de celo apostólico fray Matías, benedictino de la observancia, equipó á su costa un navío para remediar tamaño mal; y á instancia del futuro pontífice fué presentado para la silla episcopal de San Nicolás de Gardar, capital de la Groenlandia[2], y electo en consecuencia por Inocencio VIII. Alejandro VI, que sin duda lo consagró, dispone por este breve que se despachen graciosamente las bulas exonerando al nuevo obispo de todo pago.
De este breve, que había descubierto, dió noticia y trasunto en 1891 el Dr. Lucas Jelic' al Congreso científico internacional de católicos, y acaba de reproducirlo el Dr. D. Pedro Roca en la Revista Contemporánea. Dice así (a tradución do latín ao galego é nosa):
![]() |
| (Alexandre VI, da familia Borgia ou Borja) |
“Xa que, como aprendimos, a igrexa de Gaden [ecclesia gadensis] está situada na fin do mundo na terra de Groenlandia [terra Gronlandie], onde a xente que alí vive, debido á falta de pan, viño e aceite, acostuma a utilizar peixe seco e leite; E debido a isto e a causa das moi raras viaxes á devandita terra causadas pola moi intensa conxelación das augas, non se cre que ningún barco desembarcase alí durante oitenta nos; e se tales viaxes ocorresen, certamente non se pensa que sexan posible ata o mes de agosto, cando o xeo está roto. E polo tanto, dise que para a propia igrexa durante oitenta anos aproximadamente, ningún bispo ou sacerdote residiu alí persoalmente; e con iso, e debido á ausencia de sacerdotes católicos, sucedeu que moitos diocesanos –católicos algún día- desafortunadamente! rexeitaron o sagrado bautismo recibido por medio deles, e que os habitantes da mesma terra teñen en memoria da relixión cristiá só un corporal[3] determinado que se presenta unha vez ao ano, sobre o cal o Corpo de Cristo foi consagrado hai cen anos polo último sacerdote daquela presente alí: polo tanto, considerando estas e outras cousas, o papa Inocencio VIII, de feliz memoria, o noso predecesor, querendo proporcionar a dita igrexa, privada daquela do consolo dun pastor, un pastor útil e idóneo, co consello dos seus irmáns, entre os cales estabamos entón, elixiu o noso venerable irmán Matías de Gaden [Mathiam electum Gadensem], da orde de San Bieito, foi, a instancias nosas, cuando aínda profesabamos ordes menores, proclamado á dita igrexa, quen, ardentemente inflamado pola devoción pola salvación dos errantes e os caídos e pola erradicación de tales erros, estaba decidido a zarpar persoalmente, sometendo voluntaria e libremente a súa vida ao maior perigo, co fin de devolver as súas mentes ao camiño da salvación eterna, tendo sido informado do piadoso e loable propósito no Señor do mencionado elixido, e do seu celo nestes asuntos, que nós tamén recibido. Polo tanto, loando no Señor o piadoso e loable propósito do mesmo elixido e desexando acudir na axuda da súa pobreza, que segundo soubemos lle resulta onerosa, prestándolle certa asistencia nas instalacións, por iniciativa propia e tamén polo noso coñecemento certo ,co consello e consentimento dos nosos irmáns, aos amados fillos, os rescribendarios[4][ dilectis filiis rescribendario], aos abreviadores, solicitadores e chumbadores[5] [plumbatoribus] e aos seus rexistradores e a todos os demais funcionarios da nosa chancelaría apostólica e Curia, baixo pena de excomunión tardía en que se incorrerá ipso facto, ordenamos e mandamos e mandamos que todas e cada unha das cartas apostólicas relativas á promoción da mencionada Igrexa de Gaden para o amentado Elixido se expidan en todas e cada unha das súas oficinas de forma gratuíta e que as tramiten e envíen ao amentado, a calquera lugar, sen o pago ou esixencia de imposto ningún, eliminando toda oposición. Así mesmo, aos secretarios e notarios da Cámara Apostólica, encomendamos e ordenamos, pola mesma moción e coñecemento e baixo as penas antes mencionadas, que entreguen e consignen gratuitamente ao mencionado Electo as cartas e bulas deste tipo, sen o pago ou esixencia de ningunha anualidade, honorarios por servizos ou oturos dereitos que se paguen habitualmente en casos similares, sen prexuízo do contrario, sexan cales sexan as circunstancias. Que se faga sen cargo ningún en todas partes, polos pobres, etc. Dado... (Ano primeiro)”.
La constancia de la Santa Sede, aun después de haber fallecido Alejandro VI († 18 Agosto, 1503), en no dejar de la mano las misiones antiquísimas del círculo polar en América, se desprende de un hecho notorio, cual es que en 1520, bajo el pontificado de León X, era obispo titular de la Groenlandia Vicente Kampe. La inmensa fuerza de expansión que ha recibido y recibe el episcopado católico bajo la poderosa diestra de León XIII, lo mismo en el centro del África que en las islas de ambos océanos, ¿rebasará en breve desde la Groenlandesa hasta el desconocido polo ártico? Así lo espero.
Madrid, 21 de Octubre de 1892»
Unha servidora nunca caera na conta de que Groenlandia foi terra cristianizada desde antigo. Nin nunca oíra ese topónimo, San Nicolás de Gardar, “capital da Groenlandia”. A lectura de Fita abriu unha porta que conduciu a outros libros. Así entramos nos escritos de Larson[6], un noruego-estadounidense de quen tomamos varios datos (a tradución do inglés é nosa):
Nalgún momento da segunda metado do s. X, quizais na década posterior a 970, chegou a Islandia un inmigrante noruego, chamado Eric Thorwaldsson, alcumado Eric o Roxo. Os primeiros colonos de Islandia, os homes que “tomaran terras” dúas ou tres xeracións antes, apropiáranse da maior parte do país e Eric viuse obrigado a establecer o seu fogar nas desoladas e áridas terras da costa noroeste da illa. Máis tarde trasladou máis ao sur, á interesante e hospitalaria rexión de Broadfirth (p. 175)

(Reconstrución da primeira igrexa, Brattachurch)
En Islandia, circulaba unha historia sobre un home chamado Gunnbjörn, cuxo barco fora empurrado cara ao oeste moitos anos antes ata chegar a unha nova terra que os islandeses chamaban o Arrecife de Gunnbjörn. Eric o Roxo levaba moito tempo preparando unha viaxe e, pouco despois de que o tribunal de apelacións se pronunciase sobre os cargos contra el, navegou discretamente desde Broadfirth e aventurouse en augas descoñecidas. Tres anos despois, Eric regresou a Broadfirth. Atopara o "arrecife" e chamouno Groenlandia, "porque dixo que os homes estarían máis dispostos a ir alí se tivese un bo nome". Fixo as paces co seu principal inimigo en Islandia e comezou a recrutar homes para unha empresa colonizadora na nova terra. (p. 175)
Tivo éxito no proceso: ao seguinte verán saíron 25 barcos cara a Groenlandia desde Islandia, dos que só 14 fixeron a travesía con éxito, e Larson engade:
O sacerdote, que inseriu un relato do asentamento de Groenlandia no seu «Libro dos asentamentos», afirma que a colonia foi fundada «dezaseis invernos antes de que o cristianismo se convertese en lei en Islandia» (p. 175)
A uns corenta ou cincuenta km ao noroeste de Cabo Farewell, a costa está interrompida por unha serie de fiordes interiores. Aquí (no actual distrito de Julianehaab), Eric decidiu fundar a súa colonia. Estableceu a súa a propiedade en Brentlithe, no Ericsfirth, que se converteu, en certo sentido, no centro e capital do asentamento. A maioría dos seus seguidores construíron as súas casas neste distrito dos fiordes inferiores, pero un número menor navegou uns douscentos km máis ao norte, onde outra serie de fiordes ofrecía condicións favorables para o asentamento. Así, xurdiron dúas colonias: o asentamento occidental, máis pequeno, na actual zona de Godthaab, e o asentamento oriental, máis grande, máis ao sur ao longo da costa (p. 176).
Os homes e mulleres que se estableceron en Groenlandia, sen dúbida, todos ou case todos, practicaban os ritos pagáns. Non obstante, non podían descoñecer por completo a fe cristiá, xa que arredor do ano 981 un tal Federico, un misioneiro alemán (nas fontes islandesas chámanlle bispo), comezara a predicar o evanxeo cristián aos islandeses, aínda que sen éxito apreciable. Tanto Islandia como Groenlandia aceptaron o cristianismo arredor do ano 1000, e a conversión débese en gran medida ao celo misioneiro do rei de Noruega (p. 176).
(Imaxe de San Torlaco, catedral de Reykjavik)
No verán de 999, Leif, fillo de Erik o Roxo, viaxou a Noruega e pasou o inverno seguinte na corte de Olaf Trygvesson. Ao rei gustoulle o mozo groenlandés e pediulle que supervisase a conversión da colonia groenlandesa. Leif aceptou a misión con certa reticencia, xa que "pensaba que esta misión sería difícil de levar a cabo en Groenlandia". O rei atopou "un sacerdote e outros homes letrados" dispostos a emprender a longa viaxe, e Leif partiu cara ao oeste (p. 176).
Agora Larson dálle a voz á Saga antiga: entra en escena a figura importante da muller de Eric o Roxo, Theodhild, supoñemos que nai de Leif:
Eric non o tomou con entusiasmo, como para deixar de lado o seu propio camiño de fe, pero Theodhild [a súa muller] aceptouno de inmediato e mandou construír unha igrexa non moi preto da casa. Esta igrexa chamábase igrexa de Theodhild. Ela adoitaba rezar alí coa xente que se convertía no cristianismo, e eran moitos. Theodhild non quixo vivir con Eric despois de que ela se convertera na fe, e isto aflixíao moito (p. 177).

(O báculo feito de marfil de morsa. Museo Nacional de Dinamarca)
Os mercadores que visitaban Groenlandia durante a Idade Media normalmente viñan de Noruega mais ocasionalmente viñan de Islandia e tamén sabemos que houbo ingleses que comerciaron en Groenlandia. En xeral, era unha comunicación irregular e podían pasar anos sen que un só barco visitase a illa. A poboación neste período dificilmente superaba os 3000 habitantes. A illa non producía ningún metal e case todo viña de Noruega, na documentación medieval consta que os cravos na construción eran de madeira. Había bastantes igrexas: 12 no asentamento grande e catro no pequeno. Eran parroquias pequenas, non había estradas e a dureza dos invernos non permitían viaxes longas á igrexa. A madeira para a construción e para os mobles viña normalmente de Noruega. Hai algún bidueiral en Groenlandia pero os bidos adoitan ter pouco diámetro. Unha gran cantidade de madeira flotante chega desde o norte de Siberia a través do Ártico e cara ao sur a través de Smith Sound, pero non sempre esta madeira vale para as necesidades da construción das igrexas. Atopáronse cravos nos ataúdes de madeira. En 1189 un barco chegou desde Groenlandia a Islandia e tiña cravos de madeira. As campás tampouco eran frecuentes, só se atoparon restos dunha nas ruínas da catedral de Gardar.
Ivar Bardsson, que foi a Groenlandia en 1341 e foi uns anos mordomo da catedral, deixou dito que naquela había dos mosteiros na colonia: un gran mosteiro, consagrado a San Olaf –quizais o máis famoso dos santos noruegos- e santo Agostiño, e un claustro de monxas rexido pola orde bieita.
Estaban no sur da illa. Amais de San Nicolás, a quen se dedicou a catedral, outro santo importante foi San Thorlak (ou Thorlaco, bispo de Islandia no s. XII).

(Ruínas da catedral dedicada a San Nicolás)
Non só había escaseza de material construtivo. Tamén de sacerdotes. A Vinland Saga dá conta diso ao falar dos costumes funerarios:
Este costume existía en Groenlandia dende a chegada do cristianismo: os homes eran enterrados alí, nas súas casas, cando morrían en terra non consagrada. Colocaban un pau [en inglés, “pole”] no peito e logo, cando chegaba o clero, erguíano, botaban auga bendita por riba e continuaban cantando sobre el, mesmo despois de que pasara moito tempo.
E tiñan problemas na administración da Eucaristía, non sempre era doado ter viño e trigo. Houbo comunicados ás autoridades eclesiásticas dicindo que os groenlandeses non coñecían o pan, mais o papado foi inflexible: a consagración esixe pan e viño.
Malia a pobreza e dificultade da vida na illa en xeral, había certas fontes de riqueza:
Dise que Groenlandia ten excelentes pastos e grandes e prósperas granxas. Os agricultores crían gando vacún e ovino en grandes cantidades e producen manteiga e queixo en grandes cantidades. A poboación subsiste principalmente destes alimentos e de carne de vaca, pero tamén consome carne de diversas especies de caza, como renos, baleas, focas e osos (p. 182)
As igrexas obtiñan ingresos desas fontes, especialmente das riquezas do mar. Ivar Bardsson fala dunha baía onde había moitas baleas e moita pesca delas e fala dunha illa cheíña de osos brancos e outra onde moitos renos pasaban o outono, pero non se podían cazar sen permiso do bispo porque os dereitos de caza e pesca pertencían á catedral.
A catedral tamén recibía ingresos de certas fontes termais, ás que se lles atribuían propiedades medicinais, e dun "bosque" onde pastaba o gando. As dotacións das outras igrexas parecen ter sido de natureza similar (p. 182).
En 1274, o Concilio de Lión decretou que, durante seis anos, o clero debía contribuír cun décimo para promover a causa do cristianismo en Terra Santa. Mais os metais eran escasos en Noruega e moito máis en Groenlandia, e o arcebispo negouse a cumprir este requisito. Informou que «os únicos décimos que se poden cobrar en Groenlandia son peles de gando vacún e focas, cabeiros e cordas de óso de balea [pel de morsa] que... non se poden vender a ningún prezo». O Papa respondeu que os décimos debían cobrarse e que os materiais debían intercambiarse o mellor posible por ouro ou prata, o que presumiblemente se fixo (p. 183).
En 1327, o clero de Groenlandia contribuíu cun segundo décimo por sexenio, esta vez en forma de cairos de morsa. O recadador, Bertrand de Ortolis [un axente papal], recibiu un total de 127 lisponsos[7] deste produto, que vendeu a un comerciante flamengo por 12 libras e 14 xilins tourneses, unha suma considerable para unha diocese cunha poboación tan pequena como a de Gardar.
Imos rematando xa. Deixádeme só que nomee algúns bispos de Gardar, que fale un pouco do pobo que os europeos atoparon cando chegaron e que vos recorde que a unión das coroas noruega e danesa tivo lugar en 1380. O cristianismo perdura nesa terra a día de hoxe. Ben entendido que foron convertidos ao luteranismo por misioneiros noruego-daneses desde o XVIII. Actualmente o 90% dos groenlandeses son luteranos. Os católicos non chegan ao 1%.
Os Skraelings[8]: En 1266, as fontes mencionan por primeira vez unha poboación nativa, os skraelings, que ocupaban a costa a certa distancia ao norte do asentamento occidental. Non hai indicios de que os groenlandeses intentasen converter os seus veciños inuit; pola contra, se nos baseamos nunha transcrición tardía dun documento perdido, algúns groenlandeses renunciaron á fe e uníronse aos pagáns arredor de 1342. Se Ivar Bardsson ten razón, o asentamento occidental foi atacado por skraelings hostís uns anos despois e completamente destruído. Claramente, a colonia estaba nunha situación desesperada, xa que en 1355 o rei Magnus ordenou que se equipase o barco mercante real para unha viaxe ao Ártico para axudar a apoiar o cristianismo. Os Anais islandeses informan que en 1379 os inuit atacaron o asentamento oriental, matando dezaoito homes e levando cativos a dous nenos (p. 190).
Listado, non exhaustivo, de nomes de bispos de Gardar, Groenlandia:
Arnold (c. 1124, ata 1150), John Kunt (1150-1187), John II (morto en 1209), Helgi (1212 –c. 1230), Nicholas (1234). Durante 300 anos Groenlandia foi unha república. A cousa cambia co rei Hakon de Noruega. Manda, c. 1247, o bispo Olaf con instrucións de someter Groenlandia a Noruega. Thored, consagrado en 1288, Arne, en 1314, durou 32 anos, unha vez morto a colonia estivo 19 anos sen bispo. Alf, 1365. Estes bispos son noruegos. En 1402, sabemos dun Peter, bispo sueco. En 1425 Robert Ringman, un franciscano inglés; c 1431, Gobelinus Bolant, un frade agostiño alemán; John Erler de Moys, un franciscano alemán, en 1432; en 1492, Matthias Knutsson, amentado na carta do papa que vimos ao principio, era un bieito danés. O derradeiro bispo nomeado para Gondar foi Vincentius Petersson Kampe, en 1519, un danés. Pero non chegou a pisar Groenlandia.
[1] Dispoñible en: file:///C:/Users/Luis/Documents/CHARO/La%20India%20oriental%20y%20la%20Groenlandia%20en%20los%20postreros%20a%C3%B1os%20del%20siglo%20XV%20_%20Biblioteca%20Virtual%20Miguel%20de%20Cervantes.htm.
[2] San Nicolás de Gardar foi a primeira capital de Groenlandia e a súa catedral a primeira catedral das Américas. Estaba preto da actual Igaliku, ao sur da illa. Hoxe en día Hoy en día, as ruínas da catedral e a residencia episcopal son un importante sitio arqueolóxico e forman parte da rexión de Kujataa, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Nunha das tumbas escavadas, a do bispo Olafur ou Olaf, acháronse un báculo feito de marfil de morsa (moi apreciado, era un dos principais materiais nas exportacións dos nórdicos de Groenlandia) e un anel de ouro. Estas xoias están no Museo Nacional de Dinamarca. A capital actual de Groenlandia é Nuuk (nome escandinavo antigo, Godthåb).
[3] Corporal: Pano rectangular que o sacerdote estende sobre o altar para depositar nel a hostia e o cáliz.
OBSERVACIÓNS: Durante a Idade Media viuse nos corporais unha representación simbólica do sudario de Cristo. (Dicionario da Real Academia Galega).
[4] O “rescribendario” alude a un funcionario vaticano encargado de tramitar e xestionar as respostas (“rescripta”) do Papa ou un superior eclesiástico a unha determinada petición.
[5] Os “plumbatores” eran unha especie de funcionarios do Vaticano encargados de selar documentos con selos de chumbo.
[6] Laurence M. Larson, “The Church in North America (Greenland) in the Middle Ages”
The Catholic Historical Review, Vol. 5, Nº. 2/3 (Jul. - Oct., 1919), pp. 175-194 (20 pages) (dispoñible en: https://www.jstor.org/stable/25011635?seq=3).
[7] Un “lisponso” era unha moeda noruega, adoita traducirse por ‘pedra’, correspondía aprox. a 12 libras.
[8] Pregunteille á IA que ou quen eran os “Skraelings” e velaquí a resposta (tradución do inglés ao galego nosa): Os skraelings (ou skrælings) foron os pobos indíxenas de América do Norte (Canadá, Groenlandia, Terranova) cos que se atoparon os viquingos nórdicos arredor do século XI; o termo, que significa "bárbaros" ou "desgraciados" [“wretches” en inglés] en nórdico antigo, aplicábase a grupos como os thule (inuit) e os beothuk, reflectindo a miúdo o etnocentrismo nórdico, aínda que estas eran culturas sofisticadas e prósperas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario