mércores, 4 de febreiro de 2026

A CORUÑA

 

A CORUÑA

AMARO GAGO

 

(Foto tirada de "Galiciana")

 

Logo fará un ano des que publicamos neste blog un listado de microtopónimos que se perderán talvez para sempre se nós, os coruñeses, non o evitamos (“A Coruña”, con data xoves, 10 de abril de 2025, en: https://cazatesouros.blogspot.com/search?q=Visma). Seguindo con este tema, hoxe quería falarvos dun nome merecedor de cruzar o río Leteo do tempo e ser rescatado do esquecemento. Chegou aos nosos oídos grazas a José Ramón Calvete, presidente da AAVV ‘San Pedro de Visma’. Envioulle ao Concello da Coruña un informe, unha memoria na que aparecía este nome propio, sempre con vistas a que a institución que a todos nos represente se faga eco, conforme manda a lei, dos desexos lícitos dos cidadáns para que se designen novas vías, rúas, avenidas e prazas do polígono Visma II en construción con nomes dignos de seren honrados. E xentilmente tivo a ben José Ramón que eu, vinculada por varias razóns a Visma e á conservación da toponimia, lle botase un vistazo por mor da corrección lingüística, ao ser a lingua usada na redacción a lingua galega.

(Outro bo artigo para ler con calma, da autoría de Suárez Fraga)
 

A documentación era exhaustiva. “Quito o sombreiro -díxenlle-, que ben documentado está isto”, e José Ramón contestoume: “o mérito, nese sentido, non é meu senón de Arturo Abad”. Arturo Abad ama a historia[1], especialmente a da nosa cidade e se queremos ser aínda máis concretos, a zona de San Roque de Fóra e Visma. Está emparentado con ilustres habitantes de San Roque como Emilio González López e Amaro Gago é seu sétimo avó. Toda a documentación que aparece na memoria é froito do seu traballo investigador no arquivo municipal e no arquivo do Reino de Galicia, basicamente.

 

(Vestixios de canteiros. Do artigo de Suárez Fraga)

 

Amaro Gago foi mordomo ou alcalde pedáneo de Visma no século XVIII. No artigo publicado en 2019 que citamos a pé de páxina podedes ler sobre a elección e funcións dos mordomos, sobre todo nos séculos XVIII e XIX (páxinas 37-40).

 

(Do artigo de Suárez Fraga)

 

Non foi o único mordomo pero destacou pola súa loita a prol da xustiza para cos seus veciños traballadores. Houbo outros nomes propios:

 

 

Nome e apelidos

Data na que exerceron o seu cargo

Fonte documental

1

Pedro Pombo

1702

AMC.AC.c-4540

2

Santiago Gómez

1702

Id. C-7507-5

3

Alberte de Alvedro

1725

AHCNAC, Notario, Ortega y Castro, 3347-17.

4

Gregorio de Mantiñán

1729

Ídem, 3488-92.

5

Santos Suárez

1741

Notario, Miguel Rigueiro, 3500-47.

6

Amaro Gago

1744

Notario, Ambrosio López de la Torre, 3290-11.

7

Jph. Pardo

1746

Notario, J. A. de Hermida.

8

Francisco Míguez

1747

Ídem.

9

Julián Vázquez

1749

AMC.AC. Libro de Visitas del corregidor

10

José Vázquez

1752

Libro del Interrogatorio del Catastro de Ensenada para la feligresía de San Pedro de Visma, 1752[2]

11

Domingo Vázquez

1757

ARG-rag, 25256-12

12

Miguel Pardo

1761

Única contribución 1761[3]

13

Lorenzo Suárez

1765

AHCNAC, Notario, Fco. De Verdía,5785-64

 

Tamén investiga Arturo Abad  onde se reunían os mordomos:

 


 

(Comenta Abad que os lugares preferidos eran os adros das igrexas. Pero en Visma o lugar de reunión, Lugar do Río, quedaba lonxe do templo parroquial, cerca dun quilómetro, ou máis diría eu, pensade que antes de 1853, en que Faustino Domínguez Domínguez remata o templo de San Pedro de Visma, situado onde hoxe o vemos, antes -digo- estaba no Portiño, sepultado o que restaba desa vella igrexa [hai quen lle chama San Pedro da Barca e hai quen lle chama San Pedro o Vello e incluso hai quen di que era un templo paleocristián] polas toneladas de lixo que causaran a morte dun ser humano en Bens).

 


(Romaría de San Roque de Fóra. Foto tirada de Internet)

 

Agora déixovos que leades fragmentos básicos da Memoria en cuestión para que poidades saber o que fixo Amaro Gago:

«Todos os mordomos-pedáneos tiveron unha especial dedicación aos seus veciños, exercendo o seu cargo en beneficio da comunidade á que representaban. Porén, un deles tivo un especial protagonismo na defensa dos intereses da comunidade de veciños de San Pedro de Visma e este foi o mordomo-pedáneo Amaro Gago (1704 – 1789). Este señor era carreteiro, veciño de Bens e exerceu o seu cargo en 1744, cando España estaba en estado de guerra con Gran Bretaña pola denominada “Guerra do Asento”, cuxos  principais combates se libraron na zona do mar Caribe con especial referencia á costa de Cartaxena de Indias.

Nun momento hisórico en que os cidadáns non tiñan condición de tales senón a de simples vasalos do rei, en que as entidades locais, ao igual ca outras entidades do Estado, observaban os principios de desigualdade ante a lei (cada grupo estamental co seu foro), así como o privilexio fiscal (non todos tributaban impostos), o concello da  Coruña esíxelles aos carreteiros de San Pedro de Visma, e mais a outros da Vara do Couto[4] prestacións e traballos obrigatorios de transporte de pedra e material de obra desde onde estaba situada a antiga igrexa de San Pedro de Visma[5] e as canteiras de Suevos para empedrar o Cantón Grande da cidade; esas prestacións tamén se estenderan ás obras de empedrado da Rúa Real e rúa da Franxa. O pago que se lle asignara a algún deles era só duns 14 marabedís, cantidade ridícula coa que en 1744 non se podía adquirir practicamente nada[6]. Pero, ademais, declaran que algúns carreteiros non recibiran nin un marabedí[7]. Os carreteiros obrigados a prestar servizo solicitaban o pagamento de 5 reais de vellón, é dicir, uns 170 marabedís, unha cantidade que era acorde cos tempos que lles tocara vivir.

O mordomo-pedáneo de San Pedro de Visma, Amaro Gago, xunto a outros responsables dos territorios citados reacciona xudicialmente, ponse á fronte da protesta e entrégase á defensa da comunidade á que representa. Con ese propósito, entregan un poder notarial ao notario D. Juan Ambrosio López de la Torre o mércores 14 de abril de 1744 para que os defenda ante os tribunais e esixa ao concello da Coruña que se lles pague debidamente polos traballos que lles foran esixidos, combatendo así o abuso ao que foran sometidos  polos capitulares coruñeses, señores Pedro Simón Sánchez de Boado e Andrés Montero de Villar.

Toda esta xente fora obrigada a traballar: comináronos con oficiais de xustiza e mesmo con soldados, nun acto de exceso de poder e de tiranía, algo que Amaro e o resto dos representantes das freguesías non toleraron. Máis tarde, o concello cederá ante as ameazas xudiciais e quererá efectuar a liquidación dos gastos causados[8]»

 

(De "Galiciana". A igrexa de San Pedro de Visma, de estilo rural decimonónica foi deseñada por Faustino Domínguez, pai do arquitecto que deseñara o noso Instituto)

Xulgade vós se non é merecente Amaro Gago, Mordomo de San Pedro de Visma no século XVIII de que o seu nome sexa honrado no novo polígono de Visma. Nunha época en que A Coruña exerce unha especie de colonialismo e/ou actitude case que feudal sobre os “vasalos” do Couto ou extrarradio, este home loitou polos dereitos dos traballadores de Visma para que percibisen un salario digno polo seu traballo. Logrou a unión dos fregreses, logrou dar con procuradores xustos e dispostos e logrou tamén que finalmente a xustiza atendese as súas demandas. Mágoa non saber o seu segundo apelido. Mágoa non ter un retrato seu. Pero todo non cabe no saco.

 

(Neste artigo de Freire-Lista et alii vese ben canto lle debemos os coruñeses ao magnífico granito branco das canteiras de Visma)

 



[1] Bibliografía básica de Arturo Abad:

 ABAD PARDO, Arturo  (2019). “La Estructura político-administrativa de las feligresías coruñesas en el Siglo XVIII: territorio, población, órganos de gobierno y sistema fiscal ((Territorios de la Vara del Coto: San Vicente de Elviña, Santa María de Oza, San Cristóbal das Viñas, San Pedro de Visma)”.  Nalgures · T. XV, 11-62

ABAD PARDO, Arturo (2021). La otra Coruña – la ciudad de los territorios. Feligresías de San Vicente de Elviña, Santa María de Oza, San Cristóbal das Viñas y San Pedro de Visma en 1752.  A Coruña, publicaciones Arenas.

--- San Pedro de Visma, Territorio, vida y personas, 1600 – 1810. A Coruña, Cendá Consulting.

--- Lealtad a la Casa de Austria – A Coruña en la Guerra de los Nueve años (1688-1697).

 

[2] Dispoñible en PARES – Catastro de Ensenada, Libro del Interrogatorio.

[3] PARES, Interrogatorio para la Única Contribución, 1761.

[4] Os territorios desta  Vara do Couto comprendían: Santa María de Oza, San Vicente de Elviña, San Cristovo  das Viñas, San Pedro de Visma, Santiago de Arteixo, Santa María de Pastoriza e  San Xián de Barrañán.

[5] Na zona do Portiño, situada no que actualmente son as parcelas catastrais nn. 51243-01-16-17, e 10.

[6] Un quilo de centeo custaba en 1742 vinte marabedís. Con 14 marabedís só se podía adquirir 700 gramos no mellor dos casos.  AMC.AC.LA, 12-05-1742, fol. 68-v. Prezo dos grans panificables en 1742.

[7] Un marabedí era unha moeda con aleación de cobre e prata. 34 marabedís equivalían a un real de vellón. A moeda de máis valor era unha peza de prata chamada real de a oito, acuñada nas cecas de América e cun valor de 510 marabedís.

[8] Sobre eses episodios vid. en AHCNAC, protocolo do notario Juan Ambrosio López de la Torre, 14-04-1744, 3.291/11, e 30-05-1744, 3.291/21.

Ningún comentario:

Publicar un comentario