mércores, 21 de abril de 2021

LENDO A...

 

LENDO A CERVANTES no 23 DE ABRIL

Un refrán do Entremés del juez de los divorcios de Miguel de Cervantes.

 


 

Traemos á palestra un refrán que aparece en boca dunha personaxe cervantina. O refrán interésanos porque hai relativamente pouco que o oímos (a correspondente forma paremiolóxica) no galego vivo, concretamente en boca do noso colega e amigo, profesor de moitos de vós, Antonio Fondo. O texto cervantino é este:

JUEZ. Decid, señor: cuando entrastes en poder de vuestra mujer, ¿no entrastes gallardo, sano y bien condicionado?

VEJETE. Ya he dicho que ha veinte y dos años que entré en su poder, como quien entra en el de un cómitre calabrés a remar en galeras de por fuerza. Y entré tan sano que podía decir y hacer como quien juega a las pintas.

MARIANA. Cedacico nuevo, tres días en estaca.

(“Entremés del juez de los divorcios”, en: Miguel de Cervantes, Entremeses. Real Academia Española. Madrid MMXII, p. 6. O subliñado do refrán en cuestión é noso).

En nota a pé de páxina -nº 38- o estudoso e comentarista desta ilustrada edición académica, Alfredo Baras Escolá, explica: Es decir, un cedazo (‘tamiz de líquidos’) nuevo empieza colgándose de una estaca y pronto acaba por el suelo; conocido refrán con posible alusión al acto sexual.

Esa alusión sexual é posible percibila aquí, neste uso concreto pero non é de aplicación sistemática. En xeral, o refrán alude ao interese que provocan cousas, situacións ou estados novos, un interese que inicialmente é forte ou intenso pero que axiña esmorece. Onde dicimos ‘interese’ tamén se pode entender ‘entusiasmo, ilusión, potencialidade’ ou así. Desde outro punto de vista, complementario do anterior, o refrán vénnos dicir que as ilusións humanas son efémeras (coma a vida mesma). Ou, querendo, pode ser usado como unha escéptica chamada á desconfianza ante os “grandes entusiasmos” iniciais.

Cando Mariana o aplica ao seu vello esposo, non necesariamente -ou canto menos, non de maneira exclusiva- alude ao sexo senón máis ben a que esa suposta saúde de ferro inicial do acabado de casar axiña se veu abaixo (como o cedazo que os primeiros días está ben colocado no seu sitio, colgado da parede, nun cravo ou nunha estaca, mais pasado un breve tempo xa anda ciscado polo chan). As circunstancias que fan que un matrimonio perda do entusiasmo e dozuras da chamada lúa de mel son varias: naturalmente intervén a novidade dos xogos sexuais pero intervén cun poderoso peso a saúde, a atención diaria e toda unha serie de acenos, olladas de entendemento, os indicadores dunha verdadera complicidade e/ou compañeirismo. En galego, a formulación do refrán correspondente, peneiriña nova, quince días, en moitas ocasións conmuta perfectamente pola frase proverbial que di pouco dura o pan da voda, absolutamente ilustrativo e transparente.

 


 

(Fermosa foto tirada de: https://ivanfernandezcoba.wordpress.com/2019/12/02/unha-boda-en-einibo/. Nese poema de Curros, Unha boda en Einibó, lemos o verso: esmoen o pan da boda / un fato de pelingrís)

 

O REFRÁN EN LINGUA CERVANTINA

O refrán é coñecido só en determinandos ámbitos de cervantistas ou estudosos do vello español; foi -iso si- coñecido e usado noutrora. Nos corpus do español actual non figura (buscamos tamén as variantes documentadas noutra época, cedazuelo e cedasico). Nin no CREA nin no CORPES nin no Davies, ‘Corpus del español: web/dialectos’. Para documentacións antigas recoméndovos a lectura da nota 6.38 da edición de Alfredo Baras (pp. 275-276); tamén podedes acudir ao CORDE.

Fóra de aí, no español actual, pouco puidemos documentar, salvo este texto que nos foi imposible datar, aínda que verosimilmente foi escrito no século XX (fonte en Internet: p. 182, file:///C:/Users/Charo/AppData/Local/Temp/Dialnet-BarcelonaMadridRoma-1069924.pdf):

Tal encuentro entre la valoración de Italia desde un punto de vista estético y la adhesión al fascismo no son propias de los medios catalanistas. En sus crónicas de Italia publicadas en el ABC entre 1922 y 1931, el escritor Rafael Sánchez Mazas, por ejemplo, combina una inmediata satisfacción ante la obra fascista con las evocaciones varias de la cultura italiana a través de los siglos. Bien entrados los años veinte, la derecha madrileña, por la voz de Giménez Caballero, o, más tarde, de revistas como FE10, la derecha de Madrid recoge la tradición romana en provecho de su ideología.

               Algunas calas en la opinión de los catalanes y catalanistas permiten pensar en una diferenciación de la representación del fascismo frente a la opinión madrileña, en el sentido en que Roma se convierte, en un primer momento, en un centro más atractivo que Madrid. Se podría objetar sin embargo que en la misma capital española, Roma viene a ser un centro más atractivo: “cedacico nuevo…”.

E sospeitamos que esta documentación última implica unha referencia culta. Non nos parece que responda a un uso popular do refrán. 

(Peneira reutilizada no século XXI. Foto facilitada por Puri Soto)

 

O REFRÁN EN LINGUA ROSALIANA

Peneira nova quince días

En troques, en galego, polo que nós sabemos e sen ánimo de sermos exhaustivos, parece que o refrán presenta maior vitalidade a día de hoxe. Para empezar, xa dixemos que acabamos de oírllo en vivo a Antonio Fondo cando caeu nas nosas mans esa edición académica dos entremeses cervantinos, sendo ese o factor clave para que nos chamase poderosamente a atención a frase de Mariana, “mira ti -pensamos- se este vello refrán mantense vixente na nosa lingua…”. Antonio Fondo é de Calo, Vimianzo, A Coruña. Pero o refrán, peneira nova quince días, oíullo ao pai, de Baio, A Coruña. Este noso refrán cobra variantes. Así temos:

Miña cousiña nova, tres días no peneiriño

Recólleo o repertorio do Centro Virtual Cervantes. Dá como fontes: Conde2001 nº 826; Ferro1987 nº 4612; Vázquez2003 nº 16199/p. 938(132). (en: https://cvc.cervantes.es/Lengua/refranero/Ficha.aspx?Par=59150&Lng=2) e márcao como ‘pouco usado’.

Miña peneiriña nova, tres días na espeteira e despois na borralleira

Nos repertorios paremiolóxicos atopamos, ademais, a variante Miña peneiriña nova, tres días na trandeira e os outros na borralleira; por extensión, en certos lugares de Galicia, como ocorre en Tabeirós, a peneira pode conmutar por outro obxecto ao que lle dedicamos o noso coidado: Miña roupiña nova tres días na trandeira e despois na borralleira (https://issuu.com/vagalumes/docs/tabeir__s_terra__n___13__decembro_2). A formulación coa espeteira documentámola fóra dos repertorios e dicionarios, nun blog:

Pero creo que primeiro debemos intentar consolidar o blog, non vaia ser que esteamos pasando xa polo efecto “miña peneiriña nova: tres días na espeteira e despois na borralleira” (en: https://docportas.wordpress.com/2011/11/11/tribulacions-dunha-india-neste-frio-mes-de-brumario/

 

No galego de Baiona -fixádevos que riqueza inesgotable- aínda afloran outras variantes: Miña peneiriña nova, catro días nun verán; Miña peneiriña nova, tres días nun clavo (en: http://parucadas.blogspot.com/2015/04/refranes.html)

 

(Peneira na cociña moderna. Foto facilitada por Mari Carmen Sánchez)

 

Miña peneiriña nova!

O uso desta frase (produto da implicitación do refrán longo) rexístrase en varios lugares de Galicia: en Sebil (Cuntis, Pontevedra) e mais en Forcarei (Pontevedra), por exemplo, e, da mesma maneira ca o refrán cervantino, vale para aplicar tanto a cousas coma a persoas:

Miña peneiriña nova! fórm. IRÓN. Dise cando alguén está moi contento e trata con moito coidado algunha cousa nova para indicar que pronto se ha cansar dela. – Está todo o día arredor do coche, non fai máis que limpar nel. – Miña peneiriña nova! (en: http://www.cirp.es/pub/docs/cfg/cfg14_13.pdf)

Miña peneiriña nova!fór. COL. IRÓN. [Dise cando alguén está moi contento con algunha cousa nova para indicar que xa se cansará dela]. -É tan riquiña a rapaza coa que estou saíndo... -Miña peneiriña nova...! (en: http://www.cirp.gal/pub/docs/cfg/cfg08_11.pdf)

Con este valor, a frase conmuta perfectamente por estoutra frase galega (claro que estoutra, en principio, só é aplicable a persoas): meu santiño, onde te porei?, unha frase esta que acha bo paralelismo na que se documenta en Delibes (tedes que saber que na rica lingua de Miguel Delibes hai moitos trazos léxicos que remiten ao N.O. como unha área lingüística e cultural con trazos de seu), ¿dónde te pondré que no te cague la mosca?

E, coma se sacásemos cereixas enguedelladas dun cesto en xuño, esta formulación co verbo poñer aproxímanos a unha nova variante do dominio hispano: Cedasico nuevo, ¿onde lo meteré? (“se refiere al cuidado que se pone en las cosas nuevas o cargos recientes, advirtiendo que pronto se cansa uno de las novedades”, en Enrique Saporta y Beja,  Refranes de los judíos sefardíes. Barcelona: Ameller, 1978, p. 44).

 

(Foto estupenda, merecedora do premio amentado. Foi tirada de Internet)

 

Mentras a peneira é nova… todo o mundo a quere

Nova variante para o saco. Esta procede do CORGA e alí chegou da man do finado Ildefonso-Antón Caamaño. Lamentablemente xa non podemos preguntarlle ao señor Caamaño se hai reformulación pola súa parte ou se é así, literalmente, como escoitou o refrán. Sabemos, iso si, que era de Portas, un concello pontevedrés merecedor de maior atención paremiolóxica. Polo de agora contentarémonos coa información que xentilmente nos brindou oralmente Ana María Barreiro Fresco, natural de Caldas de Reis e residente en Portas,  de corenta e un anos de idade, quen nos asegura que ese refrán de Ildefonso Antón o entende perfectamente: agora ben, no seu círculo, ela e os seus interlocutores o que adoitan falar di así: nótase que a peneiriña é nova… para referirse, por exemplo, a un coche novo que tratamos con moito aquel, ou para aludir a unha peza de roupa nova que coidamos.

Xa vedes que a peneiriña nova ten abonda vitalidade no galego actual. Inda nos queda na man ou no tinteiro este uso recente:

Non sei para que se poñen con esas tonterias sabendo o presuposto que os limita... pero como ó principio é peneiriña nova e despois as palabras lévaas o vento…

(en: https://www.forzacompos.gal/2015/06/el-compos-renueva-uno-de-sus-pilares.html; a lingua adaptámola minimamente conforme ás normas ortográficas vixentes)

Ata aquí chegamos por hoxe. Non podemos entrar noutros aspectos interesantes do discurso sobra a peneira en Galicia, protagonista de ritos máxico-curativos, símbolo de sexualidade no cantigueiro popular. Talvez outro día…

Vemos, unha vez máis, que os refráns son pequenos vínculos culturais que unen os distintos dominios lingüístico-culturais da península. Un coñecemento que non nos fará ricos en cartos, si talvez en pequenas alegrías para a mente e o corazón. Recordemos de remate aquel refrán que recollera Llopis en Galicia: A alegría delonga a vida. Que así sexa!

3 comentarios:

  1. Haberá uns meses eu falaba dunha parella que levaba pouco tempo xuntos e dixen que ela notábase feliz. Un amigo comentou: Cando a peneira é nova todo é alegría.

    ResponderEliminar
  2. Cando poida díganos de onde é ese seu amigo. Moitas grazas. Saúde!

    ResponderEliminar
  3. Non tiven ocasión de volver falar con el pero a familia é de Allariz e supoño que virá de alí a expresión.

    ResponderEliminar