mércores, 5 de maio de 2021

A CORUÑA

A CORUÑA

PASEO DOS COIDADOS

 

(As fotos foron feitas por Charo Soto. Antes de partir cantamos baixo a batuta de Xurxo aquela estupenda cántiga popular que di "Vivir na Coruña que bonito é...")

 

Fun convidada pola miña colega e ex alumna (titoranda no mestrado), Dulce Fernández, a un paseo pola cidade, na boa compaña dunha ducia de discentes de primeiro da ESO, de Ana Torres, de Laura Veiga e de Xurxo Souto. Dulce dirixe o Club de Letras do Instituto e esta foi unha espléndida iniciativa. Aprendín un montón de cousas, fixeime noutras que apenas chamaran en anos a miña atención pero que tocan de preto a nosa amada urbe ártabro-brigantina-mariñá e tiven a satisfacción non mínima de ser escoitada cando lles falei sobre as arcadas do chamado Pavillón Vello, vestixios arquitectónicos do que fora denominado Hospital de Dolores, logo Hospital Municipal da Caridade. Pero sobre este tema xa volveremos proximamente. Os “coidados” son os do corpo (velaí a razón de homenaxear a Isabel Zendal, ao tempo que se falou do Hospital de onde saíran a maioría dos rapaces da expedición Balmis) mais tamén xulgou oportuno Dulce ampliar o ámbito de interese aos coidados da alma, valorando unha vez máis figuras coruñesas senlleiras para a cultura, de aí que visitásemos a casa onde viviu Francisca Herrera, Rosalía de Castro, E. Pardo Bazán e de aí que se depositase igualmente unha flor diante da estatua de María Maior Fernández da Cámara Pita, coñecida como María Pita: xa só revivir o nome completo é unha bonita homenaxe á historia, á literatura, á cultura en suma.

(Diante da estatua de Isabel Zendal, no fondo o Instituto R. Menéndez Pidal ou de Zalaeta, onde estivera o Hospital da Caridade. Recita un poema Lucas Castro)

O alumnado comportouse de cine, é dicir, moi ben. Sorprendentemente ben: participaron, riron, bromearon, brincaron… deron mostras de seren aínda noviños (de volta quixeron estar cinco minutiños enredando no parque infantil de Porta Real…) pero en todo momento prestaban atención e recitaron como artistas ou amantes consumados da inmortal poesía. Un gozo, vaia! Que encanto de criaturas! Sobresaínte para eles.

(Falou Dulce de Francisca Herrera, a primeira muller académica da Real Academia Galega. Le un poema Inés Martínez)

(Escoitamos un fermoso poema de "Follas Novas" na voz de Lola Sousa)


 

Felicitamos a Dulce por este traballo que fai co Club de Letras. Felicitámola tamén polo blog (https://clubdeletraseusebio.blogspot.com/). Agradecémoslle sempre que se acorde de nós.

Grazas tamén, Ana e Laura, pola vosa compaña, pola vosa rica conversa, polo voso entusiasmo e fe no futuro.


(Noa Rivera diante da estatua dedicada a María Pita)

 

Con Xurxo nunca antes falara ombreiro con ombreiro ou man a man. Oirámolo unha vez nas estupendas xeiras de Portas Ártabras pero nunca antes conversara así, de ti a ti, con el. E paseando pola Coruña…, que luxo, amigos! Deste intercambio de ideas e impresións han saír novas contribucións para o blog, unha sobre o San Amaro coruñés e outro sobre o étimo do Parrote. Xurxo fíxonos cantar, ao principio e mais case ao final, cando estabamos diante do pórtico que fora da igrexa do santo André, a igrexa do gremio famoso de mareantes da vella Pescaría ou Pescadería (arrabalde medieval da cidade no istmo, onde hoxe están -entre outras- as rúas Real e San Andrés e mais os Cantóns). Xurxo díxonos que eses peixes do arco exterior (actualmente no edificio do Arquivo do Reino de Galicia) eran sardiñas. Verosimilmente, tendo en conta que se pescaban en número incontable e hoxe en día case que impensable. Tamén chamou a nosa atención sobre a Casa do Remo, na Cidade Vella, preto xa do xardín de San Carlos. A anchura daquel tipo de casas é a anchura dun remo. Estiven revisando esa serie espléndida de TVE (http://www.arquitecturapopular.es/viviendas/casa-marinera-galicia.htm) sobre casas mariñeiras galegas e, salvo despiste, non aparece (si, en troques a Casa do Pincho, común noutrora na Pescadería coruñesa, onde hoxe están os Cantóns:

As “Casas do pincho” son unha tipoloxía da casa mariñeira tradicional, xeneralizada na costa galega dende o século XII ata entrado o século XX. Esta denominación, dada por Pedro de Llano, parece proceder dun gancho de ferro que se colocaba no muro piñón da vivenda coa misión de colgar del as redes, e así, podelas amañar mentras se secaban, e en ocasións, embrealas. En moitos casos, en lugar dun gancho, existen uns canzorros de pedra que teñen na parte superior dianteira uns canais nos que se asenta un pau ou vara, no que se extende a rede a secar. As casas do pincho caracterízanse por tratarse de vivendas localizadas entre medianeiras co penal nunha cara frontal, e cunhas dimensións de entre 3 e 6 metros. ( http://patrimoniogalego.net/index.php/21101/2016/03/conxunto-de-casas-do-pincho/).

 

(Elisa Vidal na tumba do que fora xeneral británico, o escocés J. Moore, sempre relembrado, causa directa ou indirecta de que haxa no mundo anglo-saxón cidades chamadas Coruña)



(Pablo Tomé diante da magna obra de Asorei en honra do poeta Curros Enríquez, quen tanto amou Coruña, nunha estimanza que a cidade lle devolveu sobradamente naquel enterro multitudinario...)    


 


 
(De volta no Instituto: a Directora, Isabel Ruso, diríxenos a palabra falando brevemente do matrimonio de mecenas, Eusebio da Guarda e Modesta Goicouría)

Mérito incuestionable de Xurxo Souto é apelar á nosa conciencia cívica, á nosa orixe mariña e/ou mariñeira. Nace nel, de seu, un fondo amor polo mar que nos criou, que ampliou o horizonte de nós, galegos que cruzamos os sete mares, que agrandou a cidade fóra das murallas iniciais, fóra da península estreita… Un amor capaz de sobrepasar orgullos absurdos e prexuízos. Barriadas, barcos e casiñas humildes de mariñeiros que sentaron as bases do que somos. Aquí o deixo, non quixera cansarvos. Longos anos aínda de peixes, de cidadáns conscientes, de escrita da man dos bos e xenerosos!

 


 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario