luns, 31 de maio de 2021

LENDO A

 

LENDO A LUZ MÉNDEZ

POSIBLES CELTISMOS EN AGOLADA

 



Relemos o libro de Luz Méndez Toponimia de Agolada, publicado nesa magnífica colección da Real Academia Galega titulada “Terra Nomeada”. Gústanos como escribe Luz, nun estilo pousado, claro, prudente. E sabe enriquecer os seus comentarios lingüísticos con información humana, que feiras se celebraban, que santos se veneraban. Se sempre resulta pracenteiro saber da orixe dos nomes dos lugares que viron nacer os nosos avós, bisavós e tátara-tataravós, especialmente gratificante é acompañar a Luz Méndez nos camiños de Agolada. Como ela mesma recoñece con naturalidade, hai topónimos que son un tanto enigmáticos, difíciles á hora de establecer para eles unha familia ou filiación. Nós hoxe traemos á palestra catro posibles celtismos, como un resultado máis da rica relectura dun libro da colección Terra Nomeada.

1.     Basadre.

(Igrexa de Basadre. Todas as fotos foron feitas por Charo Soto)

 

 

Raíz: Uassa ‘servente, mozo’, presente na toponimia ou mellor dito, na onomástica británica do período romano: Minu(v)assus, Morivassus, Neuuassius, Riovassus, Vassedo, Vassicillus, Vassinus, Vassu, Vassura etc.; en: Celtic Personal Names of Roman Britain (CPNRB), https://www.asnc.cam.ac.uk/personalnames/; Memoriae | […] Bassaei Iuli | et Felicis fili sui | dulcissimi, en: https://romaninscriptionsofbritain.org/inscriptions/search?qv=Bassa*&submit=

Tamén documentamos esta raíz ou raíz-afixo nas Galias: Dagovassa ‘o bo servente’, en: http://encyclopedie.arbre-celtique.com/dagovassa-6621.htm.

Parece, así mesmo, estar presente na epigrafía hispana: Marco Bassaeo Rufo; C(aio) • Fabio • C(ai) • f(ilio) • Verno / Cluniensi • Fabiae / Fabi(i) • lib(ertae) • Bassae • heres / ex • test(amento) • Bassae (...); Licinius / Androni/cus · Bassi / lib(ertus) etc., en Hispania Epigraphica, http://eda-bea.es/pub/search_select.php

A ortografía con v non é un problema: L. Méndez documenta en Galicia formas medievais do topónimo escritas con uve.


 

Sufixo: -durum[1] ‘área delimitada, cerrada, por veces fortificada na chaira, por veces usada como espazo de mercado’. Ou quizais preferible Durum- ‘duro, forte’. A evolución durum>dro non é doada de documentar mais non é imposible. O cambio de vocalismo -o>-e pode ser por simple relaxación dunha vogal átona ou se cadra por influencia doutros sufixos en -e (-ble/-bre). Luz Méndez alude ao sufixo prerromano -tero; nós vemos en Alfred Holder a alternancia durum/dero/dro (na entrada dūro-): *Albio-durum -dero e achega outra alternancia deste tipo en *Duno-durus -dero; na entrada dūro- tamén postula un *Alio-duron para explicar pagus Aliodrensis, e con este mesmo sufixo (-durum) explica Briodro

(p. 1383, A. Holder, en  https://reader.digitale-sammlungen.de/de/fs3/object/display/bsb10930326_00736.html).

A semántica acáelle ben ao tema que propoñemos. Teriamos un ‘servente ou mozo forte’.

 

(En Basadre hai moitas persoas que se apelidan ou apelidaron 'Bran', un nome que en celta signfica 'corvo'. Hai variante Bren(n), e de aí o teónimo correspondente)

2.     Brántega.

(Brántega)

 

Raíz celto-gala Brant-: en territorio galo documéntase Brantiniācon (Brantiniacum en documento de 1110; hai tamén documentado un Brantineas en 965), que X. Delamarre (2021, 90) interpreta como ‘posesión de Brantinius’. Tamén postula un Brantosamā como base etimolóxica das formas altomedievais Brantosma e Brantosmii . Em ambos casos vemos clara sufixación celta aínda que Delamarre admite que o tema lle resulta descoñecido. Este autor propón asimilar Branto-a Bratu- ‘en dereito’ ou ‘xuízo’, seguindo o modelo que relaciona Caranto- con Carato-. Esta é unha opción que non se pode descartar, porque a coincidencia coa raíz do topónimo galaico é total. 

(Igrexa de Brántega)

 

Con todo, existe outra posibilidade. Certezas non temos, pero debe admitirse que é posible a etimoloxía, tamén celta, seguinte: *Brigantica/Briantica>*Brántica>Brántega.

A forma Briantica documéntase en Herodoto (Briantikè: rexión briántica, “antea Galaica nominata”, VII, 108 (en: https://gallica.bnf.fr/ark:/12148/bpt6k6277274s/f532.image.r=Briantaca?rk=21459;2).

 

Sufixo: o sufixo -ica, -ico pode ser celta ou latino. Está suficientemente documentado. Tamén existe entre nós a variante –(a)eca, -(a)eco ( > -ega, -ego), presente, por exemplo, en adxectivos que indican atributos etnonímicos ou xeográficos aplicados a teónimos, do tipo: Bandua Boleccus, Bandue Rondaecus, Reue Anabaraecus etc.

 


3.     Brocos.

A título de curiosidade podemos dicir que dos catro topónimos que estudamos este, Brocos, é o único que figura no mapa de Galicia de 1767 do Marqués de Piedra Blanca; no que nós apreciamos, parece integrarse na Provincia de Santiago.

 


Documentamos esta forma tanto na onomástica romano-británica como no celta continental. Na lingua gala a palabra é un zoónimo, un nome común que significa ‘porco teixo, teixo, teixugo’. G. Dottin (1918) (en: http://syslat.fr/archives_mpy/DocProtoMidi/bib/Dottin_1918.pdf) recolle as dúas formas en que adoita aparecer graffado, Broco-, Brocco-; evidentemente, o étimo pide dobre ce para xustificar a conservación da oclusiva xorda intervocálica. A importancia que poden acadar os animais na cultura dos nosos ancestros celto-europeos está fóra de toda dúbida e non necesitaremos documentación específica: abonda con recordar nomes como a deusa Epona, vencellada aos cabalos; a deusa Artia, aos osos; o deus Cerunnos, aos cervos; nomes como o rei Cunorix ou o heroe irlandés Cuchulainn, vinculados aos cans etc. O teixugo é animal ben coñecido na cultura tradicional galega, á fraseoloxía do noso idioma pasaron algunhas estruturas fraseolóxicas comparativas que ponderan a dureza do pelo (como un (porco) teixo). Na parroquia de Ferreira documentamos o topónimo Teixoeiras e a ese respecto di o sabio erudito Ismael Velo: “El nombre del lugar de Teixoeiras indica la morada habitual do porco teixo” (2014, páx. 9)A título de curiosidade, sabede que a familia dunha nosa coñecida, con casa en Redes (A Coruña) ten arestora un teixugo na horta: fixéronlle unha especie de gaiola e entra e sae cando quere.

(Brocos)




 

Como formante de topónimos Broco aparece -referido á actual vila de Brumath, no Baixo Rhin, noutrora capital dos Triboques, mencionados por Ptolomeo- documentado baixo as seguintes variantes: Brocomagno/Broccomaza nos Itinerarios de Antonino, Brocomacus na Táboa de Peutinger, Vro(comago) nun miliario descuberto en Kauffenheim no Baixo Rhin (en:  http://encyclopedie.arbre-celtique.com/brocomagus-breucomagus-brumath-3078.htm). Como antropónimo consérvase no Museo Británico a ricaz e interesante correspondencia -atopada na vella Vindolanda británica- entre varios persoeiros da época romana e un deles é Aelius Brocchus (en: https://romaninscriptionsofbritain.org/inscriptions/search?qv=Brocchus&submit=). Na epigrafía hispánica está igualmente presente este nome: f(ilius?) Broco / [- - - an]n(norum) XIII / [- - - s(it) t(ibi)] t(erra) l(evis) (inscrición funeraria achada en Cádiz, en: http://eda-bea.es/pub/list.php?refpage=%2Fpub%2Fsearch_select.php&quicksearch=Broco).

 

4.     Carmoega.

 

(Igrexa de Carmoega)

Sufixo: -ega, xa analizado ao falar de Brántega.

Raíz: Car(a)m-. Delamarre integra no seu dicionario tres topónimos con esa raíz: Carmaniacon ‘dominio ou territorio de Carmanios’, Carmantiacon ‘dominio de Carmantios’ e Carmanton < Caramanton ‘dominio de Car(a)mantos’. Indica, ademais, que probablemente o tema carmanto- sexa unha redución de caramánto-. Esa é tamén a nosa humilde opinión. Semanticamente o valor desa raíz, car(o) é en celta o de ‘querida/o, amada/o’.

Debemos tamén ter en conta, antes de proseguir, que outro valor semántico que se lle dá á voz carmon- é ‘donicela’ ou ‘armiño’ (así en:  http://encyclopedie.arbre-celtique.com/carmon-belette-hermine-2611.htm).

Antes ca Delamarre, xa Holder inclúe entre os vellos celtismos europeos: Carm-anus, Carmar, Carm-o, Carmo(n) (en: https://reader.digitale-sammlungen.de/de/fs3/object/display/bsb10930326_00401.html).


 

Pero ademais, Holder, na entrada Car-ant (onde el mesmo admite para esa raíz o significado vinculado ao amor, ao cariño), parece darnos a entender que é posible considerar a existencia dun afixo, -ant-, o que nos permite considerar Car(a)- a raíz.

Pódese, xa que logo, postular un hipotético Car(a)+ amo, e, malia a resistencia xeral da vogal a a caer en posición postónica, pódese trazar unha evolución *Cáramo>Carmo, paralela a Uxama>Osma, con caída da devandita vogal postónica.


 

 E, por outra banda, complementando o dito arriba, esta hipótese facilítanos,  contemplar a dupla posibilidade semántica: Carmo ‘o moi estimado ou amado’ é un nome propiciatorio ideal para aplicar á donicela (cfr. francés belette; é sabido que en toda a Romania a donicela recibiu nomes cariñosos, nun claro intento de “conquistala”, de volvela favorable e/ou domesticala; non esquezamos que foi un animal utilísimo, moi apreciado, considerado astuto e capaz de vencer a serpe, amigo de Venus na mitoloxía grega -a deusa aceptou o seu rogo de convertela en ser humano-, protagonista dunha cantiga narrativa de Afonso X [nº 354 na edición de W. Mettmann], tanto era o aprecio que lle tiña aquel señor á súa donicela que lle roga a Virxe que non morra…).

 


 

Quédanos aínda unha observación por facer: se a nosa etimoloxía de Carmo fose certa, a tartésica Carmona -Carmo noutrora- posiblemente sexa un celtismo. Non é inviable, toda vez que hai autores prestixiosos que ven na cultura tartésica un punto indiscutible de mestizaxe cultural: punto de encontro entre o occidente indoeuropeizado, representado por exemplo no mito tricefálico de Xerión (Maluquer, 1970, p.39), ou no antropónimo Argantonio, e o mundo oriental mediterráneo (suficientemente representado, sen ir máis lonxe, na cultura material -deusas con peiteados hathóridas- e na escritura). Caso paradigmático de autores digamos ‘clásicos’ que así pensan é Maluquer. Tampouco podemos esquecer a presenza de topónimos como Celtis a moi pouca distancia de Carmona.

 

 

BIBLIOGRAFÍA CITADA:

 

DELAMARRE, Xavier (2021): Noms de lieux celtiques de l’Europe ancianne. Arles: éditions errance.

DOTTIN, George (1918): La langue galoise. Paris: Libraire C. Klincksieck.

HOLDER, Alfred (1896): Alt-celtischer Sprachschatz. Leipzig: Teubner.

MALUQUER de Motes, Juan (1970): Tartessos. La ciudad sin historia. Barcelona: Destino.

VELO Pensado, Ismael (2014): La parroquia de Ferreira en 1558. A Coruña: Archivo de La Colegiata.

 



[1] Sobre os nomes peninsulares en -durum, aos dous que xa se coñecían, Octodurum/Ocelodurum e Mutudurum, achega Untermann outros dous, Borvodurum e Tarvodurum (Jürgen Untermann, “La toponimia antigua como fuente de las lenguas hispano-celtas”, en: https://ifc.dpz.es/recursos/publicaciones/20/39/11untermann.pdf,  p. 198).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario