martes, 15 de xuño de 2021

Galicia Inmorrente

Galicia

José Veiga Roel (1894-1976).

(Caricatura de Veiga Roel feita polo coruñés A. Cebreiro)

 

Preséntovos hoxe un fotógrafo galego universal, José Veiga Roel. Algúns de vós xa o coñeceredes e a outros pasaravos coma a min: sorprenderavos a calidade da súa arte. Eu nunca oíra falar del ata que por puro azar atopei navegando en Internet a premiada fotografía de Chona peneirando na rúa (en Cazatesouros, na celebración cervantina do 23 abril 2021). Entón díxome o meu prezado amigo e profesor de matemáticas de moitos de vós, Francisco Javier Chao Mata: “E ti sabes que está peneirando na rúa de Betanzos en que eu nacín e me criei? Veiga Roel fíxonos varias fotos, a min e mais ao meu irmán…” E así naceu a nosa curiosidade por saber máis dese ilustre betanceiro. 

 

(O prof. F. Javier Chao fotografado, cando era un meniño, por Veiga Roel. Fotografía propiedade de J. Chao Mata, ao igual ca as dúas seguintes, onde aparece el mesmo e a súa nai) 





Nos libros que me prestou Javier hai cumprida información. Se podedes botádelle un vistazo algún día. Hai opinións autorizadísimas sobre a súa obra, da man de Eduardo Blanco Amor e de Xosé Enrique Acuña. Este último repasa a historia da fotografía en Galicia especialmente na primeira metade do século XX e remite tamén a un artigo que eu xulgaría imprescindible, de Antón Baamonde, titulado “Aura, saudade, Veiga Roel”, en A Nosa Terra, nº 257, 1984. As palabras tanto de Acuña como de Baamonde sobre a aura veigaroeliana son redondas. Pouco podería engadir unha servidora a ese respecto. Relémbranos Acuña que Veiga Roel colaborou antes da desfeita do 36 coa revista Rexurdimento da irmandade nacionalista de Betanzos, na etapa de debuxante e calígrafo. Que o foi, espléndido calígrado, ao xeito daqueles retirados homes monacais do medievo. Francisco Vales Villamarín dedicoulle este poema: Gran amigo da caza, cal Alonso Quixano, / corréu o corzo alíxero nas fragas de Belén; / sigue a gloriosa senda de Goya e do Tiziano / i-é -como a min me praz- garelo cen por cen.

 

(Deste libro proceden as seguintes 4 fotografías)


(O lexendario gaiteiro Rilo, de Betanzos)

 

(Ocupaba este debuxo un espazo do diámetro dunha peseta)



Da caligrafía dá o salto á fotografía cando xa camiña pola década dos seus sesenta anos: díxolle a Blanco Amor que nese momento da súa vida comprendeu plenamente que a cámara tamén pode expresar a arte. Foi na Coruña, en xuntanzas con fotógrafos, na tertulia do Café Español, onde ve a nova luz, ao xeito de Saulo ou Paulo de Tarso.

(Destoutro libro proceden as restantes fotos)

 
("Areeiro")


Rematamos: hai un bo resumo da traxectoria de Veiga Roel na páxina da Real Academia da Historia: http://dbe.rah.es/biografias/53424/jose-tomas-veiga-roel

 



::::::::::::::::::::::::::::::::::.

NOTA:

Garela/garelo é un adxectivo que se aplica ás persoas nadas en Betanzos. É sinónimo de betanceira/betanceiro. Sempre quixen escribir unha nótula sobre esta palabra, sobre a súa etimoloxía, e agora que sae nesta conversa, comprométome a estudala nun futuro non moi distante.

 




("Roque")

Ningún comentario:

Publicar un comentario