mércores, 7 de abril de 2021

LENDO A...

LENDO O DICIONARIO DE FRASEOLOXÍA GALEGO-CASTELÁN CASTELÁN-GALEGO. PARTE II. 

 

 

  (Composición feita por Benigna Vidal para a páxina web do Instituto)

 Prof. Raimundo Pereiro: As frases son de Monterroso, Lugo: ir de presilla en botón (pondera o pulcro e impecablemente vestido que vai alguén).

(Raimundo Pereiro)
Prof. Xosé Pérez Mondelo: As frases son de Quiroga, Lugo: (estar) máis farto de… ca o lobo de comer ovellas (pondera o cheo, farto ou canso que unha persoa está de algo ou de alguén).
(Xosé Pérez Mondelo)

 

Prof. Catalina Romero: As frases son do Barqueiro, Coruña: (estar) coma unha pandeireta ‘estar tolo’.

(Catalina Romero)

 

Prof. Mª Rosario Soto: As frases son da Coruña, onde naceu e se criou, de Valdeorras ou da terra de Deza: dezá é arden as meigas (significa que vai moita calor e sempre, des que lla oímos á nai do noso esposo, sempre pensamos nun caso de memoria colectiva); de Valdeorras é a frase (o neno) corre coma un riguilete (en Deza coma un trinquete), interesante pola voz riguilete na que non podemos parar… Da Coruña imos quedar coN xogar ao tulé, unha frase sobre a cal xa escribimos noutro lugar pero voume atrever a repetilo aquí: 

Na Coruña da nosa infancia, ao xogar ás agachadas, sacabamos a cabeza do acubillo e berrabamos: Cucú, tulé! (tamén en Ferrol: R. Carballo Calero (1979:162) recorda que en Ferrol ao xogo de agacharse chamábanlle tulé). Este TULÉ (con desprazamento acentual) é posible que aluda á illa de Thule, que aparecía e desaparecía, como na lenda de San Borondón, como as Illas Perdidas (aquí teriamos un vestixio dun relato mítico) .

 

[En: María Rosario Soto Arias e Luis González García. “Folclore contístico, fraseoloxía e paremioloxía. Interrelacións xenésicas”. Cadernos de Fraseoloxía Galega 11, 2009, 209-225, nota 1. A referencia bibliográfica ao relembrado R. Carballo Calero é esta: CARBALLO CALERO, R. (1979): Estudos rosalianos. Vigo: Galaxia. Nun libro publicado non hai moito, o prof. Fuco Paz recorda tamén que de rapaces xogaban ao tulé no barrio coruñés de Monelos].

 Prof. José Luis Suárez: As frases son de Ponteceso, Coruña: meterlle présa ás tropas ‘aburar, apresurar’; andar polo libro ‘proceder con precaución e escrupulosidade respecto á lei’; ter un segredo ‘ser moi reservado’, en castelán diriamos tamén dunha persoa así (“si, ten un segredo”) que “es muy suyo”; andar coa subela na man (ala, xa anda coa subela na man equivale a dicir en castelán, hala, ya está metiendo caña…); estar noutra cocedura ou noutra sabadeira ‘ter xa outra cousa na cabeza ou entre mans’; estar coma un xurelo ‘estar moi delgado’; se cabe o xenio, cabe todo, frase con certo valor proverbial, indica que cedendo un pouco todo se amaña, coma quen di se un non quere dous non discuten…

(José Luis Suárez)

 

Prof. Carlos Vázquez Furelos: Non entraron no noso dicionario todas as frases que lle temos oído. Por exemplo, hai unha frase interesantísima que só lle oímos a el: como rata por tirante ‘sen nada ou con moi poucos cartos’. É da súa familia santiaguesa. A frase documéntase moito en América, en Uruguai, por exemplo, e non fomos capaces de documentala en ningunha fonte literaria galega. Decidimos non integrala. Carlos asegurounos que na súa familia ninguén foi a América. Nós imaxinamos a posibilidade de levala os galegos que emigraban no barco a América: o tirante é o cabo ou cable que amarra o barco á terra (así nolo confirma o prof. Manuel Fernández Ferreiro, pola familia política de Corcubión; tamén no Grove, ‘cabo tenso’): a rata sobe polo tirante en precario… Pero só é unha hipótese. A frase ten outra acepción, equivalente a andar algo manga por ombro, pero esta podería ser unha acepción secundaria. Éche unha risa cos cans de onte (valor sarcástico: equivale ao castelán menuda gracia…); coma un paxarelo (equivale ao castelán como un pardillo).

(Carlos V. Furelos)

 

Prof. Benigna Vidal Tomé: As frases que recollemos de Beni son da súa terra, onde naceu e aprendeu dos seus o idioma, Portosín, Coruña. Hai unha frase que lle oímos a ela, botarse polas pozas (ou posas, porque en Portosín hai seseo), que aparece no dicionario con unha acepción concreta, pero Beni tamén a usa co valor de atreverse, coma cando en castelán dicimos se lanzó a la piscina. Non teñas tanta fachenda que á túa porta non chegan tantos ferrados de renda (valor transparente, díselle aos que amosan fachenda excesiva ou soberbia).

(Beni Vidal)

 

Ata aquí chegamos por hoxe. Prevaleza a vida das nosas vellas palabras da mesma maneira que debe prevalecer a vida sobre outras varias consideracións. Coidádevos moito!

Ningún comentario:

Publicar un comentario