venres, 26 de marzo de 2021

VISITANDO MONTEAGUDO DE BERGANTIÑOS

 

FACENDO CAMIÑO

 

(Ruínas da Capela da Estrela. Todas as fotos foron feitas por Charo Soto)

 

Recordaredes que na entrevista que lle fixemos ao “Reconstrutor de Camiños”, José María Ruiz Mora (Cazatesouros, martes 19 marzo 2019), xa falabamos de fermosos vieiros que algúns de nós -galegos que amamos a boa tradición- queremos ver aínda “vivos… Hoxe imos falar outro pouco do tema.

 Este día de celebración -unha servidora facía anos- visitamos un par de lugares preciosos. Un deles é a Capela da Estrela (as ruínas do que fora a capela ou igrexa, se nos guiamos polo tamaño). No grupo familiar vai tamén a miña irmá, arqueóloga, quen nos ilustra co seu saber; ela está entusiasmada coa idea de poder refacer un día -esperemos podelo contar- esa capela de nome tan fermoso. Recordo en voz alta que tamén en Corme hai unha Virxe da Estrela próxima ao mar e Puri complementa a tríade de estelares patroas coa coruñesa da Colexiata de Santa María do Campo. Eu creo que están situadas en puntos estratéxicos de camiños do mar, de itinerarios marítimos. Unha posibilidade que ten visos de ser real[1]. O día é fermoso, case apetece cantar unha doce cantiga vella (Santa María, estrela do día, móstrano via pera Deus e nos guía…), hai unhas nubes fotoxénicas no ceo, soben pola aba tres ou catro cabaleiros a cabalo, un deles é moi amigo dos meus irmáns, Waldo, de inesgotable e sempre enriquecedora conversa; outro é o manchego-ferrolán Xavier Alcalá (gustaríame, agora a posteriori é que o penso, poderlle dicir o moito que me gustaron un par de novelas concretas súas… pero non me atrevín). Van acompañados duns cans e visten de xeito apropiado: a paisaxe sobria bergantiñá, os cabalos, a algarabía dos cans, a forza das verbas en galego, xuraría que formabamos parte dunha estampa británica… o Atlántico sempre ao fondo… 

(Cabaleiros de a cabalo...)

 

Dirixímonos logo a Monteagudo. Nunca antes estivera e dígovos que paga a pena achegarse. Precioso lugar, que vistas sobre o val onde corre o Sisalde e o seu afluente, o rego da Ibia (precioso hidrónimo, da familia do Iber/Ebro e dos ibones pirenaicos; Ibias é tamén o afluente do Navia que nace en Asturias e desemboca en terras lucenses; se agora mesmo tiveramos que decantarnos perante a pregunta “que foi primeiro, o nome do río Íber ou o nome da etnia, iberos ou íberos?”, decantaríame pola auga, primeiro o río…), que arquitectura tradicional, e que beleza, unha vez máis, de toponimia… José María Ruiz e Puri Soto traballaron á par na recuperación dun tramo do camiño que sobe desde Monteagudo á Capela da Estrela. Quedoulles ese anaco duns tres quilómetros ben xeitoso, abofé; sen lamas nin asfalto. Con bancos rústicos para sentar e con sangradoiros para as augas baixantes: serven para cortalas e guialas. Nun relanzo do camiño vemos un cartel de madeira que indica a distancia a Mirón. A este camiño leva que leva de Monteagudo a Mirón chámanlle Camiño do Rosario… E a propósito de Mirón, hai moitas referencias suevas neste territorio; hai sartegos prerrománicos, aínda que recoñecido só o de S. Tirso de Oseiro, pero hai un no exterior da igrexa de Santalla de Chamín e San Xulián de Lendo presenta, pola análise artística dos capiteis, elementos dun templo prerrománico, hai un canzorro dun elefante. Logo está o feito de ser un dos patróns de recoñecemento do mundo suevo o situárense “a pé de vías”, controlaban o comercio, as vías de comunicación.

(Camiño que leva desde Monteagudo á Capela da Estrela, onde inda hoxe hai romaría)


 

(Hai un claro afán de respectar e conservar os vellos valados)

("Sangradoiro" no camiño)

 

Fálase tamén da importancia de recuperar e/ou conservar os vellos camiños medievais. Fora Alfonso IX -o rei que dá carta foral á Coruña- o que fixera o camiño medieval de Coruña a Bergantiños. Relembramos a Parga Pondal que escribe sobre o tema. Temos tamén presente a Elisa Ferreiro Priegue[2] e, inevitablemente, tendo en conta onde estamos, amentamos a María Rozamontes[3], quen nos fala das lendas sobre as pedras, espléndidas, que dominan a paixase montesía por riba do lugar de Monteagudo. Rozamontes fala das pedras da vella. A miña irmá tamén recolleu da xente do lugar o nome a casa da vella ou as pedras da casa da vella. Dicíanos Puri que aí “a vella” seguramente conmuta pola “moura”, esas mouras da nosa fragmentada mitoloxía galaica capaces de transportar ao lombo (ao carrelo coma di a nosa nai valdeorresa) penedos xigantescos (baixando de Monteagudo a Sorrizo -a patria pequena do noso amigo e ex colega, Elisardo López Varela, catedrático que foi de galego, e Director do noso Instituto-, contaba que oíra dicir que de Montesclaros a Monteagudo eran lanzadas enormes pedras por xigantes pedras para construír a igrexa-mosteiro de Monteagudo… e eu non puiden evitar recordar as pedras de Stonegenhe, traídas tamén ao lombo por Merlín desde Irlanda…).

 


(A literatura é dos meus irmáns. Longos anos para esta boa iniciativa dalgúns Concellos de Galicia!)

Vou rematando xa. É curiosa a coincidencia: o mes pasado, ao celebrar neste blog o Día de Rosalía falamos da “vella”, a depositaria por excelencia da sabedoria ancestral, da tradición. E hoxe (foi exactamente o 8 de marzo) topamos con esta Vella que ten a casa no monte. Esta Vella que aínda é recordada (e temida) nestes fermosos e impoñentes penedos. Que queredes que vos diga? Remato coas verbas doutro sabio galego con quen comparto apelido, o señor Caridad Arias. Coidádevos moito!

 

 

(Monteagudo: a igrexa-mosteiro)

 

(Fermoso hórreo. Monteagudo)   




 

Cáille [pron. ‘Kal] o Cáillech [pron. Kal-lej(], por otros nombres Cáilb, Bodb, Annis ‘la negra’, etc. es, en la tradición celta irlandesa y escocesa, la gran diosa de la soberanía y protectora del país, que puede adoptar distintos aspectos (joven doncella, vieja gigantesca…) según las circunstancias. Numerosos topónimos irlandeses atestiguan su culto. Caillech o Cailleach pron. [Kálex] significa literalmente en gaélico ‘la vieja’ o ‘la encapuchada’, ‘la encubierta’, nombre que la acerca a los genii cucullati (otra versión triple), de los relieves galos, dadores de riqueza y fertilidad, que en ocasiones aparecen representados junto a una diosa sentada”[4]

 

(A Casa da Vella. Monteagudo de Bergantiños)

 

 

 

 



[1] Hai un bo artigo na prensa, breve e conciso, sobre este punto. É da autoría de Juan Félix Neira Pérez, publicado no ano 2019, en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2019/09/17/span-langglcorme-irlanda-spanspan-langgl-incrible-orixe-da-ermida-da-estrelaspan/0003_201909C17C6994.htm

 

 

[2] Elisa María Ferreira Priegue,  Los Caminos medievales de Galicia. Ourense : Museo Arqueolóxico Provincial, 1988.

  

[3] María Rozamontes, Arteixo de onte a hoxe, 3 volumes. As lendas da pedra da vella están recollidas no volume II. Aparecen reproducidas nestoutro blog: “Crónicas de Arteixo” ( http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2017/06/o-corpus-de-monteagudo-e-algunhas_54.html).

 

[4] Joaquín Caridad Arias, Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponimia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1999, p. 33.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario