xoves, 18 de marzo de 2021

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 A Xosé Ramón Barreiro Fernández in memóriam

 

 

(Fonte: Real Academia Galega)

 

Faleceu o eximio historiador, expresidente da Real Academia Galega, catedrático de Historia Contemporánea da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e escritor ribeirán D. Xosé Ramón Barreiro Fernández. Descanse en paz. Desde esta humilde páxina queremos expresarlle á viúva as nosas sentidas condolencias. Condolencias que facemos extensiva á familia. Pouco máis podemos dicir: remitimos ás ilustradas páxinas que a Real Academia Galega lle dedica arestora.

(Casa de Rosalía. Fonte: Real Academia Galega)

 

Nós, neste blog, algunha vez temos botado man dalgún dos seus libros, en concreto aquel escrito en colaboración co señor Axeitos, sobre as cartas de Murguía (vid. entrada do oito de marzo de 2017). Tamén acudimos a el cando redactamos o capítulo “Personalidades relevantes que pasaron polo noso Instituto (docentes e/ou discentes)”, capítulo elaborado por Isabel Ruso de Lago e mais unha servidora, integrado no libro Instituto da Guarda da Coruña. 125 anos de historia. Precisamente a derradeira vez que vimos o relembrado historiador fora para entregarlles -a el e a súa esposa- un exemplar do devandito libro: estabamos diante do palacio municipal, na Praza de María Pita (saïamos dun acto celebrado no salón nobre, coas vidreiras do teito historiadas, acto organizado, se non erra a nosa memoria, polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, do que D. X. R. Barreiro Fernández formaba parte), e nós lembramos perfectamente aínda o interese con que o tomou entre as súas mans, o libro dos 125 anos de Instituto.

 


Agora, estes días, relemos  a súa insubstituíble Historia de la Ciudad de La Coruña. Chama precisamente a nosa atención aqueles parágrafos que caen baixo o epígrafe El supuesto “espacio sagrado” de la Torre (pp. 47 e ss., edición 1986 da editorial ‘La Voz de Galicia’). Aínda que con dúbidas (era un investigador rigoroso, prudente e procuraba sempre a máxima obxectividade), dálle cabida no libro a esa posibilidade, que o espazo arredor da torre chamada de Hércules fose sacralizado noutrora. Pois ben, hai pouco, en 2018, outro gran historiador galego, o señor Antonio Rodríguez Colmenero, publicou El faro romano de Brigantium Flavium o la Torre de Hércules de A Coruña, onde se volve á idea de sacralización dese espazo mítico, ao falar dunha estatua dedicada a un Marte noviño.

 

(Libro do señor Barreiro -et alii-  que nos axudou á hora de redactar o artigo sobre personalidades relevantes que pasaron polo noso Instituto. Foto tirada de Internet)

 

Aludimos antes á Directora do noso Instituto, D.ª Isabel Ruso de Lago: ela foi alumna do señor Barreiro Fernández. Poden constar aquí as palabras desta súa discípula gravadas na conversa en grupo de profesores nunha rede social: Un gran profesor, un magnífico historiador e mellor persoa.

A Torre da nosa cidade debería brillar con luz especial estes días en honra do noso prócer. Que a terra lle sexa leve!

 

(Foto tirada de Internet)

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario