domingo, 10 de xaneiro de 2016

A CORUÑA

A CORUÑA




 (Hoxe preséntovos un traballo voluntario feito por unha nosa alumna emparentada cunha das pintoras coruñesas máis famosas, unha artista que fora, á súa vez, discípula doutra pintora, Mª Dolores Díaz Baliño, da que vos falarei proximamente, porque impartira docencia no noso Instituto. Espero que vos interese o punto de vista da nosa prezada alumna)
                                                


  
              
 MARIA ANTONIA

                          Por Maria Dans Vilán
                                                      2ºBach. F
















Ainda que non tiven a sorte de coñecela, Antonia,  miña tia – avoa, é para min un gran referente da forza das mulleres da metade do século pasado ; fíxose  camiño nun tempo en que  non era doado para o sexo feminino optar a ser unha muller independente  é,  ainda menos, facerse un nome no difícil mundo das artes.
Nesta pequena semblanza da súa vida e obra quero facerlle un agasallo como muller e artista.
Por outra banda teño a honra  de ter “os seus ollos”, alomenos foi o que me dixo Isaac Díaz Pardo  cando me coñeceu  nunha exposición póstuma súa.

María Antonia Dans Boado

Oza dos Ríos 1922 - Madrid 1988


M.ª Antonia Dans Boado naceu no ano 1922 na localidade coruñesa de Oza dos Ríos, aínda que sendo moi nena  foise a vivir a Curtis, a onde se trasladou toda a familia polo negocio do meu bisavó, Francisco Dans Gonzalez, xunto coa miña bisavoa María, tiveron 8 fillos.
Estes anos de xuventude que pasa no medio rural do interior de Galicia están marcados polas sensacións, as cores e as experiencias xuvenís vividas entre as carballeiras e os pastos, que inflúen sobre a súa personalidade  e especialmente na súa pintura. Nunca deixou de estar vinculada a esta terra á que voltou con regularidade  ao longo de toda a súa vida.
Aínda que orgullosa destas orixes, isto non impediu que María Antonia fose unha muller adiantada ao seu tempo, capaz de asumir o reto dunha modernidade e unha independencia que a penas se lle permitía a unha muller  nos tempos da posguerra.
Era  inqueda e inconformista, na casa familiar montou o seu primeiro estudio, facía excursións xunto co seu caderno para tomar as notas coas que despois creaba as súas obras. Dicía “ no meu pobo atopo a tranquilidade e o acougo para pintar. Podo ver as cousas  máis devagar, percorro os camiños, fago apuntes que logo procuro reflectir no lenzo o antes posibel”. Era habitual atopala no fondo da fábrica de seu pai, situada xunto á vivenda familiar de Curtis, onde, no seu cuarto con banco de carpinteiro, “Antoñita” (como se lle coñecía familiarmente) con anacos de madeira, cravos e martelo facía os seus “inventos”. Como boa galega, era intelixente e cautelosa, prefería escoitar e empaparse dos temas antes de dar a súa opinión, que xeralmente (polo que recordan na miña familia) eran dunha inxenuidade provocada.
Cando tiña dezaseis anos, a familia trasládase a Coruña e matricúlana nun colexio de monxas ao que non acode de boa gana xa que non era “ben vista” polas súas compañeiras. Foi a primeira vez na vida que viu limitada a vitalidade e libertade da que antes gozaba. Foi feliz cando pecharon o colexio, ainda que finalmente, fixo amizade con algunhas das compañeiras que xa non se burlaban dela.

Aos dezasete anos empezou a interesarse mais polas cuestións artísticas, comeza a recibir as primeiras leccións da man dunha notabel debuxante, Lolita Díaz Baliño, quen lle corrixe o trazo e lle aprende a colorear e a encamiñarse  na profesión que dará sentido a súa vida. Agora comezan tamén os seus primeiros tanteos profesionais nesta cidade, expoñendo acuarelas e alugando o seu propio estudio. A venda de todas as acuarelas da súa primeira exposición fai medrar nela  a sensación de que pode adicarse á pintura e non a publicidade como pensou nun primeiro momento.
En 1950 viaxa a Madrid por primeira vez e queda prendada da vila , a súa volta di “Propúxenme desde ese momento vivir en Madrid ou morrer no intento”.
 Tras a súa voda en 1952, co periodista Celso Collazo, trasládase a Madrid, onde vai residir xa de xeito definitivo, o que alterna con exposicións e tempadas en Galicia. Este traslado, que supuxo un novo período de contactos e amizades co mundo artístico madrileño, non a vai afastar dunha temática profundamente enraizada en Galicia, nas imaxes das leiras de Curtis, do fogar, das feiras e das pequenas tendas de aldea.



Deste xeito cumpre o seu desexo de coñecer a “Escuela de Madrid” e a Benjamín Palencia quen, xunto con Daniel Vázquez Díaz, van ser as súas influencias mais notables. Antonia buscou e atopou o contacto con numerosos artistas da súa época, non só do mundo do arte senon tamén do das letras, como Carmen Laforet e Camilo José Cela entre outros, cos que se atopaba no Café “Gijón”, local ó que acudía a cotío. Asistiu  asimesmo á Academia de Bellas Artes como alumna libre durante unha tempada  recibindo numerosas becas.
 En 1956 naceu a  súa filla Rosalía,  quen tamén se adicou ó mundo das artes, comenzou sendo actriz e posteriormente, e ata a actualidade, como pintora. Tamén  nesa  época  coincidiu cun tempo no que recibiu  multitude de encomendas que realizaba no seu propio estudio da rúa Toledo.
En 1959, xa separada  de Celso Collazo,  lle concederon a Beca March que lle permitíu  viaxar a Pisa, Florencia e Roma. Nesta estancia quedou moi impresionada polo Quatroccento Italiano. Antes de voltar, viaxou a París, onde coñeceu os impresionistas que tanto aportaron a  súa concepción distorsionada da perspectiva  e á  importancia  da cor na súa obra.
Na década dos 70 chegou a súa consagración no circuito nacional, con exposicións nacionais e internacionais. Nos 80 seguiu  pintando e viaxando para completar a súa aprendizaxe persoal e profesional. Visitou Siam, Francia, Nova York, Brasil e Inglaterra.  A súa obra está espallada por numerosos paradores de turismo, e edificios oficiais e públicos. A familia conserva una boa representación dela, un exemplo é o retrato en acuarela que fixo da miña avoa.
                                  



A pintura de Mª Antonia , as veces,  foi calificada de "naif"  e outras de  neo expresionismo de raíz  inxenuista; a min persoalmente, paréceme xenial, as súas paisaxes son coma un mosaico, as tarefas do campo, o  mundo do mar, os retratos e os bodegóns están reflictidas dun xeito doce, as cores son quentes, brillantes, abondan os vermellos, os verdes rutilantes, os azuis e amarelos.   Cando contemplamos a súa pintura parece que estamos a lembrar os máis felices momentos da infancia.



Antonia dicia “A miña pintura é una forma de ver o que me rodea, da forma mais exacta posibel, aínda que por outra banda non ten nada de realista. Creo que o mundo son estas visións simplificadas que teño ó meu arredor; porque para min a pintura  é una forma de adaptar o noso mundo interior ó espectáculo exterior; polo tanto é inxénua tendo en conta que está feita con total sinceridade”
O 17 de febreiro de 1988 foi o seu pasamento, foi soterrada no cemiterio parroquial da vila de Curtis.  Meu avó Xulio (tamén finado) sentiu moito a súa morte porque tiña una especial apego por Antonia.
 Deixounos un gran legado artístico e humano, ademáis de moitas mostras de vitalidade, ganas de vivir e de pintar co que conseguiu todos os seus éxitos.

“A pintura foi a súa vida e a vida foi a súa pintura. Primeiro intuíuno e sentíuno; despois intentouno con todas as súas forzas; máis tarde, froito merecido polo seu empeño, logrouno, e, por último, sóuboo e asumiuno”.
Comentario de Luis Caruncho, seu leal amigo.

A María Antonia Dans José Hierro Aldeanas
¡Si el mundo fuera como el mundo que ven tus ojos: la retama dorada, el carmín, el azul pulsando sus mágicas arpas!
Y los seres en romería, claros los cielos y las almas, claros cuerpos vertiginosos que apetecen cimas y alas.(No el amarillo de la envidia, ni el gris de la desesperanza.)
 Una perpetua fiesta, un mundo recién nacido, una palabra de amor, un cántico y un sueño que navega sobre las lágrimas.








(Fotos feitas por María Dans: son todas obras da súa tía e pertencen a unha colección particular)

domingo, 3 de xaneiro de 2016

GALICIA INMORRENTE

GALICIA. O QUE DIN AS AVES



Imos ver o que din as aves. Trátase de entrar nun capítulo máis do rico folclore galego. Desde sempre os homes fomos fascinados pola linguaxe das aves. Nos contos marabillosos populares non é raro atopar unha ave como axudante máxico. Os propios anxos son seres míticos con atributos propios desas critaturas. Ou viceversa, se gustades.



Na mitoloxía tamén as aves xogan o seu importante papel. Pensemos nas valquirias, mulleres-cisnes. Pensemos nos voitres da meseta ibérica, que portaban –coma no Tibet- as almas dos defuntos ao alén. Se procuramos casos bonitos do folclore contístico europeo, deixádeme ir á  Rusia de Afanásiev, onde habita o paxaro de lume ou onde se documenta aquel espléndido relato titulado “A pluma de Finist, o falcón resplandecente”, ou estoutro, “A linguaxe das aves”, que ben podería servir de título para a páxina de hoxe, primeiro domingo con que comezamos a nova roda do ano...

Nos contos da miña avoa valdeorresa un dos meus favoritos era o da raíña expulsada do seu reino convertida en pomba que volvía unha e outra vez ás mans do amado e este acariña na súa cabeza e atopa a puntiña do alfinete cravada... Ou aquel conto-romance do santo Antonio de Padua, en que el lle di aos pardais: Venid gorrioncitos, dejad el sembrado, que mis padres me han dicho que tenga cuidado, e os gurriachos abandonan a sementeira e van obedecendo a doce voz do Antón e entran todos no seu cuarto. Vaia, que forma parte dunha especie de Idade Dourada a comunicación entre homes e aves.

 (Podía ser o santo Antonio, pero non, a estampa é de san Francisco)

En toda Europa, desde a Escandinavia ata a península Ibérica é coñecida a lenda da andoriña (en Extremadura documéntase unha variante co xílgaro) que é unha ave boa porque lle quitou a Cristo unha espiña que se lle cravaba na fronte cando estaba na cruz. E desde aquela temos os seres humanos prohibidísimo facerlle dano ás andoriñas... Unha variante moi estendida conta que é o paporrubio (os dous paxaros teñen ese punto de cor no peito) o que logrou a mancha encarnada do peito quitándolle a espiña ao Señor, e aí no peito caéralle a pinguiña do sagrado sangue (hai algo que vos teño que explicar, e é que antes, e non hai tanto, os paxariños cazábanse e comíanse, por iso cando este contiño mítico o relataba o meu cuñado extremeño, de Usagre, Badajoz, aclaraba : En Usagre sempre se dicía que a andoriña era sagrada e non se come, porque quitou a espiña ao Noso Señor).


Os homes da revista Nós xa recolleron en máis dunha ocasión o que din as aves. Así, no nº 15, recóllese o que din ao cantar a galiña, o galo e máis os pitos (O galo: - Aaaahí veen oo Obispo! Os pitos: -Triste de nós, triste de nós... A pita: -Botalo fora, botalo fora!); e no nº 24, lemos o que din polas terras de Cotovade os corvos: Caava, caava, caava.../ Se queres a pedra, /tíralle a terra/ canteiro de m...


Ben. Veñamos ao país de Deza. O avó dezao dos meus fillos sabía unha montoneira de historias sobre o que dicían as aves. Dareivos só tres, por ser un número máxico e contístico e por non cansarvos. Primeiro os estorniños. Cando os estorniños falaban dicían (eran os cregos os que falaban porque imitaban o que os cregos falaban): algún día eu traballaba, hoxe non traballo nada (vedes o sentido lúdico do conto, espero...).

Tamén falaban as pegas e mais os pombos: As pegas e mais os pombos facían o niño sempre xuntos (na mesma árbore) e os pombos dicían que eran cortos, que eran cortos (as árbores eran curtas), entón os rapaces sacáronlle o niño e desde aquela óese que din: “son curtos, son curtos”, porque claro, como lle sacaron o niño... E as pegas din: -Chega, chega, chegan, chegan... Porque ás pegas sempre lles chegan ben pero ós pombos non.

A lavandeira e a chasca: Cando eu era neno sempre se dicía que á lavandeira non se lle podía facer nada. Mentres que a chasca lles dicía aos xudíos que perseguían a Noso Señor: “chas chas, por aí ben vas”, a lavandeira, en cambio, dicía: “pin pin, por aquí non vin” e íalle desfacendo as pasadas do burro cando foron (Nosa Señora e mais san Xosé e o Meniño) escapados a Exipto. Non, as lavandeiras non se poden matar (Eliseo González Blanco).

 (Portada da obra mentada de G. Fernández de Oviedo)

Se isto vos parece fermoso, máis aínda vos parecerá se cadra, saber que os arquetipos mítico-folclóricos levámolos a América connosco. Era de esperar, diredes... Como tamén é verdade que nas culturas precolombinas tiñas os seus, dunha igual ou superior beleza. Fixádevos, de todos modos, neste relato concomitante que nos chegou de aló, das aventuras dos hispanos polas ribeiras do río Marañón, escritas pola pluma de Fernández de Oviedo (cronista do s. XVI): na crónica á que me refiro fálanos do paxaro-guía, que lles advertía así aos españois: Huir, huír, cando había un perigo inminente, e en troques berráballes buhío, buhío (=casa, casa), cando podían desembarcar nas ribeiras do Marañón e descansar seguros (Gonzalo Fernández de Oviedo, Historia General, tomo IV, p. 565).

Grande é o mundo. Como numerosos os nomes das aves. Remato xa: estabamos unha vez de paso por Úbeda (iamos a un congreso a Granada) e había un atardecer magnífico sobre viñedos, outeiros e amplos horizontes. Voaban próximas as aves e pregunteille a un paisano apoiado contemplativo sobre a varanda: -Vencejos? –Tordinos (entón sinaloume a súa casa e a súa horta, case aos nosos pés, e engadiu:), pero miraba los gorriones que pintan las brevas y se las comen

 (Foto tomada da Internet dunha lavandeira real)


domingo, 27 de decembro de 2015

A CORUÑA



A CORUÑA: CORUÑESES NO URUGUAI


Nun artigo publicado en 1976 estuda Emilio González López (alumno que fora do noso Instituto, grande historiador e  autor de numerosas obras, unha delas de carácter autobiográfico, onde deixa escritas páxinas memorables sobre profesores e compañeiros que tivera no ‘Instituto da Guarda’...) da vida e obra de tres coruñeses que xogaron un papel digno de lembranza na historia americana.  Titulouno Ilustres coruñeses próceres de la independencia del Uruguay, e dedícallo a outro ex alumno do noso Instituto, A Salvador de Madariaga, historiador de la América española.

 (Foto do historiador coruñés Emilio González López tomada da Internet)

Comeza o seu estudo recordando que a emigración galega foi a máis numerosa de todas as emigracións españolas nos territorios do Río da Prata, e en concreto en Montevideo o grupo galego máis numeroso di que era o coruñés, formado sobre todo por funcionarios; hai que ter en conta que na Coruña estaba o principal porto español con comunicacións constantes con América (xa en 1773, reinando Carlos III establécese aquí a Comisión encargada de la expedición de familias de emigrantes, e alá se foran sobre todo galegos, asturianos e leoneses para colonizar aqueles inhóspitos territorios: Víctor F. Freixanes, entre outros, soubo pasar ben ao terreo literario aquelas historias épicas e reais; tamén na Coruña, no lugar próximo á actual Palloza e edificio da antiga fábrica de Tabacos, estiveran ata finais do XVIII os Correos Marítimos que ían e viñan a América).

 (D. Antonio Díaz, prócer uruguaio e coruñés de nacemento; foto tomada da Internet)

Empezamos con D. Antonio Díaz: nacera na Coruña en 1789 e fora bautizado na recentemente construída igrexa de san Nicolás. Con 13 anos emigrou cos pais a América e foron instalarse a Montevideo, cidade favorita dos coruñeses do outro lado do charco. Con 18 anos tocoulle vivir a 2ª invasión inglesa dos territorios do Río da Prata; alistouse no Batallón de Infantería do Comercio co grao de Subtenente, e tomou parte na batalla do Cradal; derrotados os españois, tiveron que retirarse a Montevideo, defendido daquela por fortes murallas. Os ingleses eran superiores en artillería e houbo que capitular. Díaz foi un dos prisioneiros, e no asalto a Montevideo foi ferido dun machadazo, quedándolle para sempre unha cicatriz na fronte. Cando rematou a guerra, o noso protagonista foi ascendido a tenente pola súa actuación valerosa nesta campaña. Expulsados os ingleses, volveu ao comercio. Ata que en maio de 1810, a ruptura do Cabido (especie de goberno pseudo-autónomo da colonia) co virrei e o nomeamento polo Cabido dunha Xunta Gubernativa independente da metrópole, forza a Díaz a tomar as armas. Francisco Elío representa a autoridade española e contra el érguense Artigas, Rivera e Lavalleja, e con eles estaba Antonio Díaz, e  sempre con eles toma parte na acción victorioso de Las Piedras, que puxo fin á dominación española na Banda Oriental e deixou sitiado a Elio en Montevideo, acción esta na que o coruñés era capitán.

Cando en 1813 se convocou unha Asemblea Constituínte das Provincias do Río da Prata, un dos 9 deputados que enviou a Provincia da Banda Oriental (hoxe Uruguai) foi Antonio Díaz, nomeado secretario do grupo.

Tamén foi amigo e colaborador do xeneral Alvear e con el se traslada a Bos Aires: na Arxentina reside 14 anos (este Alvear tiña idea de facer da Arxentina unha especie de protectorado británico, polo cal estivo desterrado en Brasil).  Máis tarde, Díaz uniu o seu destino ao de Bernardino Rivadavia, un crioulo de orixe galega, antigo oficial do Terzo de Voluntarios de Galicia, que tivera unha brillante actuación na defensa de Bos Aires contra os ingleses en 1807 (Rivadavia chegaría logo a ser o primeiro Presidente do país riopratense, en 1826).

Díaz tamén tivo un papel destacado como xornalista: por exemplo, perante as pretensións portuguesas de anexionar a Banda Oriental, e a incorporación por parte de Brasil deses territorios en 1821, participa e alenta coa pluma a resistencia armada contra os brasileiros; din os historiadores (como por ex. Carlos A. Zubillaga, a quen segue Emilio Glez. López) que Díaz senta as bases do verdadeiro periodismo en Montevideo, rompendo o estreito molde imposto polas gacetas do dominio español. Di Zubillaga que o coruñés participou na batalla de Ituzaingó, que puxo fin ao dominio portugués na Banda Oriental: el foi quen redactou o parte de guerra, o día da Candeloria de 1827 (aí, cumprindo unha das esixencias impostas por Brasil para asinar a paz, é onde ten orixe a existencia do Uruguai como nación independente, á marxe da Arxentina).

 (Mapa de Montevideo no s. XIX, tomado da Internet)

En 1938 vemos a Antonio D. Como Ministro de Facenda da República independente do Uruguai, co goberno de Manuel Oribe; tamén ocupou as carteiras de Guerra e Mariña.

E canda a chamada Guerra Grande entre Rozas e Rivera, cando o novo sitio a Montevideo (compáraa E. Glez. López con Troia...), atopamos de novo ao noso coruñés Díaz desempeñando a xefatura do Ejército del Litoral y del Norte, no combate de Paysandú, o 30 de setembro, episodio histórico en que rexeita a acometida da escuadra anglo-francesa, apoiada por unha partida ao mando de Garibaldi.

Coa presidencia de Gabriel Antonio Pereira (máis sangue galego en acción), entre 1856-60, volvémolo ver dirixindo os Departamentos de Guerra, Mariña e Goberno. O seu labor foi importante: o seu camiño político estivo marcado pola moderación, era eficaz á hora de organizar, sobre todo destacou na política educativa (fiel partidario da universalización da cultura, dos valores civilistas, de que fose o Estado o encargado dun eficaz desenvolvemento da ensinanza pública) e no servizo das postas (correo), establecendo  as cinco estradas principais para ese fin do Uruguai.

(Abonda por hoxe, seguiremos a próxima semana).


 (Mapa da Coruña da primeira metade do XIX tomado da páxina web da UDC: en primeiro termo, á esquerda, vense as edificacións onde estiveran ao longo do XVIII os Correos Marítimos)