A
CORUÑA: CORUÑESES NO URUGUAI
Nun artigo
publicado en 1976 estuda Emilio González López (alumno que fora do noso
Instituto, grande historiador e autor de
numerosas obras, unha delas de carácter autobiográfico, onde deixa escritas
páxinas memorables sobre profesores e compañeiros que tivera no ‘Instituto da
Guarda’...) da vida e obra de tres coruñeses que xogaron un papel digno de
lembranza na historia americana.
Titulouno Ilustres coruñeses
próceres de la independencia del Uruguay, e dedícallo a outro ex alumno do
noso Instituto, A Salvador de Madariaga,
historiador de la América española.
(Foto do historiador coruñés Emilio González López tomada da Internet)
Comeza o seu estudo
recordando que a emigración galega foi a máis numerosa de todas as emigracións
españolas nos territorios do Río da Prata, e en concreto en Montevideo o grupo
galego máis numeroso di que era o coruñés, formado sobre todo por funcionarios; hai que ter en conta que na Coruña estaba o principal porto español con
comunicacións constantes con América (xa en 1773, reinando Carlos III
establécese aquí a Comisión encargada de
la expedición de familias de emigrantes, e alá se foran sobre todo galegos,
asturianos e leoneses para colonizar aqueles inhóspitos territorios: Víctor F.
Freixanes, entre outros, soubo pasar ben ao terreo literario aquelas historias
épicas e reais; tamén na Coruña, no lugar próximo á actual Palloza e edificio
da antiga fábrica de Tabacos, estiveran ata finais do XVIII os Correos Marítimos
que ían e viñan a América).
(D. Antonio Díaz, prócer uruguaio e coruñés de nacemento; foto tomada da Internet)
Empezamos con D.
Antonio Díaz: nacera na Coruña en 1789 e fora bautizado na recentemente
construída igrexa de san Nicolás. Con 13 anos emigrou cos pais a América e
foron instalarse a Montevideo, cidade favorita dos coruñeses do outro lado do
charco. Con 18 anos tocoulle vivir a 2ª invasión inglesa dos territorios do Río
da Prata; alistouse no Batallón de
Infantería do Comercio co grao de Subtenente, e tomou parte na batalla do
Cradal; derrotados os españois, tiveron que retirarse a Montevideo, defendido
daquela por fortes murallas. Os ingleses eran superiores en artillería e houbo
que capitular. Díaz foi un dos prisioneiros, e no asalto a Montevideo foi
ferido dun machadazo, quedándolle para sempre unha cicatriz na fronte. Cando
rematou a guerra, o noso protagonista foi ascendido a tenente pola súa
actuación valerosa nesta campaña. Expulsados os ingleses, volveu ao comercio.
Ata que en maio de 1810, a ruptura do Cabido (especie de goberno pseudo-autónomo
da colonia) co virrei e o nomeamento polo Cabido dunha Xunta Gubernativa independente da metrópole, forza a Díaz a tomar
as armas. Francisco Elío representa a autoridade española e contra el érguense
Artigas, Rivera e Lavalleja, e con eles estaba Antonio Díaz, e sempre con eles toma parte na acción
victorioso de Las Piedras, que puxo fin á dominación española na Banda Oriental
e deixou sitiado a Elio en Montevideo, acción esta na que o coruñés era
capitán.
Cando en 1813 se
convocou unha Asemblea Constituínte das Provincias do Río da Prata, un dos 9
deputados que enviou a Provincia da Banda Oriental (hoxe Uruguai) foi Antonio
Díaz, nomeado secretario do grupo.
Tamén foi amigo e
colaborador do xeneral Alvear e con el se traslada a Bos Aires: na Arxentina
reside 14 anos (este Alvear tiña idea de facer da Arxentina unha especie de
protectorado británico, polo cal estivo desterrado en Brasil). Máis tarde, Díaz uniu o seu destino ao de
Bernardino Rivadavia, un crioulo de orixe galega, antigo oficial do Terzo de
Voluntarios de Galicia, que tivera unha brillante actuación na defensa de Bos
Aires contra os ingleses en 1807 (Rivadavia chegaría logo a ser o primeiro
Presidente do país riopratense, en 1826).
Díaz tamén tivo un
papel destacado como xornalista: por exemplo, perante as pretensións
portuguesas de anexionar a Banda Oriental, e a incorporación por parte de
Brasil deses territorios en 1821, participa e alenta coa pluma a resistencia
armada contra os brasileiros; din os historiadores (como por ex. Carlos A.
Zubillaga, a quen segue Emilio Glez. López) que Díaz senta as bases do
verdadeiro periodismo en Montevideo, rompendo o estreito molde imposto polas
gacetas do dominio español. Di Zubillaga que o coruñés participou na batalla de
Ituzaingó, que puxo fin ao dominio portugués na Banda Oriental: el foi quen
redactou o parte de guerra, o día da Candeloria de 1827 (aí, cumprindo unha das
esixencias impostas por Brasil para asinar a paz, é onde ten orixe a existencia
do Uruguai como nación independente, á marxe da Arxentina).
(Mapa de Montevideo no s. XIX, tomado da Internet)
En 1938 vemos a
Antonio D. Como Ministro de Facenda da República independente do Uruguai, co
goberno de Manuel Oribe; tamén ocupou as carteiras de Guerra e Mariña.
E canda a chamada Guerra Grande entre Rozas e Rivera,
cando o novo sitio a Montevideo (compáraa E. Glez. López con Troia...),
atopamos de novo ao noso coruñés Díaz desempeñando a xefatura do Ejército del Litoral y del Norte, no
combate de Paysandú, o 30 de setembro, episodio histórico en que rexeita a
acometida da escuadra anglo-francesa, apoiada por unha partida ao mando de
Garibaldi.
Coa presidencia de
Gabriel Antonio Pereira (máis sangue galego en acción), entre 1856-60,
volvémolo ver dirixindo os Departamentos de Guerra, Mariña e Goberno. O seu
labor foi importante: o seu camiño político estivo marcado pola moderación, era
eficaz á hora de organizar, sobre todo destacou na política educativa (fiel
partidario da universalización da cultura, dos valores civilistas, de que fose o Estado o encargado dun eficaz
desenvolvemento da ensinanza pública) e no servizo das postas (correo),
establecendo as cinco estradas
principais para ese fin do Uruguai.
(Abonda por hoxe,
seguiremos a próxima semana).
(Mapa da Coruña da primeira metade do XIX tomado da páxina web da UDC: en primeiro termo, á esquerda, vense as edificacións onde estiveran ao longo do XVIII os Correos Marítimos)
Ningún comentario:
Publicar un comentario