venres, 9 de outubro de 2020

GALICIA INMORRENTE

 

As Castañas

(Souto de castiñeiros. Imaxe tirada de Internet)

 

As castañas foron un alimento básico en Galicia, desde moito antes que chegara de América a pataca. Había tamén moitos máis castiñeiros no país dos que hai agora. Nos xacementos castrexos atopáronse rexistros do uso deste froito. Deducen por iso os expertos que non foi Roma quen introduciu o castiñeiro, preexistía.

Son árbores fermosísimas, que poden durar moitos anos. A madeira que dan é das chamadas nobres e con ela fanse excelentes mobles, mobles para herdar. Na casa da miña bisavoa Clarisa, en Valdeorras, había un par de enormes arcóns de castiñeiro, un con roupa, outro con froitos da terra, relémbroo cheo de noces…

A conservación das castañas dá problemas, non é labor doado porque a castaña é delicada e éntralle o bicho, o verme, con facilidade. Secábanse no caniceiro (variantes: caniza, caínzo, caniceira) un entramado de canas ou varas que se estendía por riba da lareira. E tamén se facían e seguen facendo, corripias ou sequeiros, fóra da casa, no eixido ou no monte.

Hai clases de castañas. A min encántame coñecer os nomes variados que poden recibir nas distintas partes de Galicia onde son abundantes. Miña nai fala de castañas calvas, do pozo redondo, branquiñas;  meu sogro, dezao, distingue: a de cedo ou do Rosario, os pelados (porque ao ourizo lle faltan os pinchos), hainas cachoupudo (porque o ourizo é moi cerrado e ten espiñas), etc. E se calquera de vós, que ledes isto, sabedes máis nomes, non deixedes de comunicarmo.

As castañas son as protagonistas dalgún costume curioso: por exemplo, a miña amiga María, londinense, contábame que cando eran nenos, no barrio do norte da vella Londinium onde se criou, os rapaces metían no forno as castañas de indias máis gordochas, e cando estaban duras coma croios, furábanas con xeitiño, ensartábanlles un cordel e logo xobaban a facelas bater, as duns contra as dos outros e un quedaba vencedor cando a súa castaña lograba escachar as dos contrarios.

 

(Á esquerda, castiñeiro do Xardín Botánico de Kew, preto de Londres. Se non falla a miña memoria, cualificábano de "Hispánico")

Aquí en Coruña, cando eu era nena, facíanse colares de castañas cocidas (os zonchos que cantou Rosalía) e baixabamos á rúa con eles, polo tempo dos defuntos. O meu amigo Emilio Insua di que eses colares tiñan un indubidable valor apotropaico (‘que espanta o mal’); isto facíase nos Castros, no barrio da Torre e supoño que en máis sitios.

Sabemos tamén da castaña da envexa: metíase no peto da faldriqueira ou no bolso xa modernamente; polo que averigüei, era máis ben cousa de mulleres, e pretendíase así protexerse un do mal de ollo. Teño entendido que se trataba da castaña brava, non da comestible. Noutros lugares o que se gardaba, no canto da castaña, era un allo macho, é dicir, o que non dá salugas.

A tradición máis coñecida relativa ás castañas é a do magosto. Eu non a vivín en Coruña, pero si en Santiago canda a carreira, íase facer o magosto ao monte Pedroso. É un costume moi xeneralizado na provincia de Ourense.

Vexamos agora o uso da palabra castaña na fraseoloxía. Algúns exempliños:

Estoupar/rebentar coma unha castaña (“Non podo máis, vou rebentar coma unha castaña”); Non estar para asar castañas ‘non estar de humor’; Ser falso coma as castañas no lume (“Non te fíes moito, é falso coma as castañas no lume”); Tan honrado é o caldo coma as castañas (“Tan honrado é o caldo coma as castañas. Todos queren encher os petos”); Toma castaña! (“-Pediume a metade. –Toma castaña! Que atrevida!”).

 

(Foto tirada hai anos en Catasós, Lalín. Leo e Charo apoiadas nun castiñeiro altísimo, árbore senlleira de Galicia)
 

Tampouco está de máis traer á palestra os refráns con castañas. Só unha ducia: A castaña é moi pilla: así que regaña, vai con quen a apaña (regañar tamén regaña a terra e regañan os cans, por exemplo, cando ameazan e amosan os dentes); A castaña e a dama nunha noite se derrama (quer dicir que é delicada); A castaña no ourizo, sei moi ben como fai: cando pinta, madurece; cando madurece, cae;  A castaña vén pola montaña (quer dicir que madura antes no alto ca no val); A castaña, en canto está no souto, dáseme por ela pouco; da que vai no canizo, fúrgoa co guizo; e da que vai ó arcaz, arreda rapaz;  A madeira de castaño, nin fende nin fai regaño; As castañas postas en xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro; Cada crouco, no seu souto (un crouco é unha castaña pequena); Castañas, en agosto arder e en setembro beber; Castañas en Nadal, saben ben e prestan mal; Castañiñas a roer, piolliños a nacer (díselle aos nenos para que non coman moitas castañas crúas); O castaño de vello acequilarás [pulirás] e outros cen anos castaño terás (quer dicir que a madeira do castiñeiro é moi duradeira); O lostro de agosto saca o magosto (lostro é variante de lóstrego; di que as chuvias que acompañan as treboadas nese tempo, son boas para as castañas); Primeiro de agosto chuvioso, castaño vermioso (esa chuvia cría vermes); Quen me da unha castaña non me quer mal; Se chove na semana de san Mateo, leva o vello as castañas no chapeo (indica pouca cantidade de castañas; non é frecuente que apareza un vello, o frecuente é mentar a vella no refraneiro galego, claro que tampouco é frecuente que sexan mulleres as que usen tradicionalmente chapeu).

 

(Sequeiros ourensáns. Fotos tiradas de Internet)

 

E para rematar, algo de vocabulario do mundo da castaña, imos abrir unha especie de campo nocional saboroso:

Amozcar: cortar un pouquiño as castañas para que non estalen cando se asan; presenta unha combinación inusual en galego, de ‘zeta’(/θ/) e ‘ca’ (/k/). Ten sinónimos: Amordiscar, amosegar, anozcar, ataniscar. Esta palabra relaciónase co castelán muesca, debe vir do latín morsiecare ‘adentar’, en castelán ‘mordiscar’.

Bolerca ou boleca é a castaña foca.

Bullotes (variantes: bellós, bullós): chámanse así as castañas cocidas; os bullós di Sobreira que son tamén os ullós ou illós, os mananciais de auga que respiran e agurgullan; se iso fose certo, a palabra había que relacionala co verbo bulir e con ebulición.

Cantrochas calvoas: chámanse así os vellos castiñeiros de flor branca e  plumosa

Cascón: castaña seca con cáscara; por ext. castaña en xeral.

Chora: é a flor do castiñeiro; outros nomes: candea e recandea (no Valadouro).

Cirolo: castaña seca

Foca: miña sogra chamáballe así á castaña baleira (garda relación coa foquiña do queixo, en castelán ‘hoyuelo del mentón’).

Magosto: palabra de familia léxica discutida; na nosa opinión hai que emparentala co verbo esmagar porque nun magosto as castañas fican algo esmagadas entre as brasas. En todo caso é innegable que se desfán con facilidade, se están ben asadas, medio as esmagas cos dedos para quitarlle a para e comelas. E iso pódese expresar en galego coa frase facer magas.

Mamucas: castañas verdes cocidas coa pela, coa para.


 

 [Este escrito, da autoría de Charo Soto, foi publicado no seu día na revista do noso Instituto, Alén da chuvia].

 


 (Preciso sequeiro lucense)

 

::::::::::::::::::::::

NOTA:

http://www.serradocourel.es/los-sequeiros.html

Neste enderezo hai máis tipos de castañas (abarqueira -é a castaña baleira, a castaña foca de Trasdeza- , brava, picois, presa, raigonas, velliñas e vérdeas) e fotos de sequeiros.

venres, 25 de setembro de 2020

 

LOCALISMOS NA FRASEOLOXÍA.



 

A idea de que toda lingua, digo como sistema ou superestrutura social, vén sendo coma un organismo vivo, suxeito a cambios, é máis vella ca andar a pé. Cando relemos os clásicos decatámonos decontino. Di ti -deixádeme que fale comodamente, por favor, usando coloquialismos- que tamén iso lle dá ao libro un aire gustoso, arcaico e incluso en ocasións, un aire familiar. Mirade por exemplo esta frase da vella lingua hispánica do noroeste (contén un leonesismo, identificámolo polo ele inicial palatalizado, llóbado, unha voz que en galego sería lobo, por exemplo o lobo da orella ou os lobos do cerebro):

 Llóbado malo me acuda / si la verdad yo nos digo

Pertence á égloga de Juan del Encina, Égloga de Plácida y Vitoriano, de 1513; quen fala é Pascual: cando o les pensas, vaiche boa esta, localismo perdido. Ou non, se cadra nalgún lugariño de Salamanca aínda vive; o que si é certo que recorda moito a fraseoloxía galega: mala landre…, mala nacida te coma etc. Pensade que noutrora os furúnculos e semellantes – o llóbado  ou a nacida- podían infectarse e non eran cousa de broma, non había penicilina.

En Sua Excelencia (obra publicada en 1971), Luis de Sttau Monteiro faille dicir a Dª Hermínia (Caeiro preguntáralle antes, descendente de portugueses?):

Descendente e ascendente, porque meus filhos são todos portugueses. Olhe que somos tão portugueses que para as festas dos baptizados deles importáos bôla de Tras-os-Montes.

 


 (Bica de Tras-os-Montes. Son moi comúns as recheas de carne. Haberá que viaxar un mes destes a Portugal e probala)


Esa bóla de Tras-os-Montes é un localismo saboroso: coma o noso roscón imprescindible en Pascua ou en Reis, ou a nosa estupenda bica ourensá (moitos de vós sabedes que teño un fillo casado cunha alabameña e viven aló: este día metinlle envexa co polbo e respondeume cunha foto dunha botella de mencía e un anacazo de pound cake mollado no viño, e a pé de foto dicía: “polbo non teño pero este cake sureño non desmerece da bica”), bica que aparece na fraseoloxía tamén: quen  che  dera  bica  quente  posta  ao  sol , que se corresponde perfectamente coa frase castelá, recollida no novo diccionario fraseolóxico de Seco et alii, ya quisieras para los días de fiesta; conste que na provincia da Coruña temos oído variante tremendamente expresionista, quen cho dera morto de tres días.

Hai localismos fraseolóxicos dappertutto que din en Italia, por todas as partes, vaia, que dicimos aquí. Hai conciencia lingüística neste sentido en Jorge Edwards (a cita pertence ao seu libro, moi recomendable, por certo, La muerte de Montaigne):

fue su manera última y suprema de afirmarse, de no agachar la cabeza. De no bajar el moño, como decimos nosotros.

Tamén diriamos, de no dar el brazo a torcer, e incluso de no querer apearse de la burra; a frase do escritor chileno non a usamos na península, velaquí un localismo. Claro que neste caso é mellor falar dun chilenismo ou un americanismo. Nese mesmo libro seu hai outros simpáticos casos de conciencia lingüística:

esa relación eternamente difícil, intrincada, encarajinada (palabra que el computador purista, ignorante de chilenismos, me corrige por encorajinada).

Vexamos un caso máis de clara conciencia lingüístico-fraseolóxica noutro dos meus autores favoritos (aquí coincidimos a miña querida Uxía e mais eu e permitídeme que vos diga, ademais, que este amor polo escritor siciliano honrámonos de terllo transmitido ao noso fillo menor), Leonardo Sciascia:

Caridad, pues, es lo que hacían los nobles desde siempre: cada viernes, a cada pobre que se presentase ante el portal, un sirviente, de librea y con aire de sufrir náuseas, entregaba un grano. De aquí que la expresión «un grano el viernes» haya adquirido valor proverbial para señalar un auxilio o pago irrisorios (El Consejo de Egipto, Tusquets, Barcelona, 2004, p. 46).

Cando eu arriba dixen máis vello ca andar a pé, por España adiante outras frases saltarían; en Galdós documentamos, sen ir máis lonxe, es más viejo que la Cuesta de la Vega. (Misericordia, no CORDE).

E naturalmente, hai tamén localismos fóra da literatura, na fala viva. Algúns son estupendos, como este que dicía Maruja (a nai de César, nacida en San Cibrán de Mazote, provincia de Valladolid, lindante xa con Zamora), cada vez que nos equivocabamos abotoando unha prenda de roupa, non sabedes?, facémolo ás veces e non queda outra que desabotoar e volver empezar. En galego non sei de haberá unha equivalente. Xa me gustaría sabelo. Ela dicíanos: ¡Qué!, ¿llevas la chaqueta a lo Toribio Piloño? Pero xa non sabía quen era ou quen foi ese personaxe, Toribio Piloño, que pasou á historia das palabras da tribo hispana.

Vindo á casa, a nosa nai de nenas cando resultabamos pesadas dicíanos que eramos coma Pepiño o da petaca (sobre este tema xa publicamos a explicación noutro lugar, é personaxe dun conto popular; alí dixen tamén que en falantes ferroláns documentamos a variante como el niño de la petaca).

 

(Petaca de coiro. Cando vimos esta fotografía moito nos lembramos do noso pai, que en paz estea. El tiña unha igualiña)
 

En Usagre, Badajoz (unha vila con avoengo, con foro medieval, lugar de orixe dun noso parente político, a quen lle debemos moitísima fraseoloxía), din, para mofarse dos que aseguran que madrugaron sen ser moi certo…, din: el madrugón del pellejero, que le daba el sol en la cara y decía que era el lucero. É divertida, eu dígoa moito…

Na Coruña había unha tenda onde vendían medias e outras prendas e chamábase La gloria de las medias. Estaba na rúa do santo André. Como Las Tres Bes… Aquela pasou á fraseoloxía, téñolla lido a Manuel Rivas (coma as BBB, que salvo erro da memoria, aparecen amentadas en O último día de Terranova, do 2015), estar na gloria das medias.

 


 

Acabo xa por hoxe. O tema dá para moito, pero hai máis días no ano. Pecho con esta, oída a un noso amigo de Medina del Campo. Moi fermosa, e moi evocadora de tradicións inmemoriais: corazón de cofradía. Soa ou introducida polo verbo ser. Un corazón de cofradía… Que boa, tamén! Xa imaxinades o significado, non si? Serve para designar un home mullereiro en particular ou un ser humano namoradizo en xeral. Feliz comezo de outono e de curso!

(Foto antiga da rúa coruñesa do santo André. Principios do século XX. Todas as fotos foron tiradas de Internet. A de arriba tamén está tomada na mesma rúa, décadas máis tarde)

sábado, 12 de setembro de 2020

VISITANDO NEVEIRAS PONTEVEDRESAS.

 


 (O contexto. Salvo indicación distinta, as fotos foron feitas por Charo Soto)

Este verán pasámolo na aldea. Xa sabedes os que seguides este blog o que iso significa para nós: paseos, compracencia en oír as aves que cantan na nosa fiestra, gana de tomar apuntamentos das pequenas xoias en pedra (fontes, lavadoiros, petos, pontellas…), moitas lecturas e algunha que outra pequena homenaxe coa familia e cos amigos. 

 


 

Nunha destas tardes do pasado agosto fomos ver as neveiras de Fixó, vinculadas ao mosteiro de Aciveiro. Lamentablemente, a miña memoria non responde sempre ao que eu quixera… e non puiden localizar un documento que lin hai anos e que debo amentar con toda a cautela do mundo, por se errase: penso que o documento estaba datado na baixa Idade Media e xuraría que versaba dun preito polo uso ou posesión das neveiras de Aciveiro. Lembro tamén que eu as imaxinaba case ao xeito dunhas despensas escavadas nunha parede vertical… O documento non o encontrei. Paciencia. Porén, deleitámonos coa paisaxe e beleza destas neveiras máis modernas, do s. XVII, situadas nun contexto fermosísimo. Temos que darlles parabéns ás nosas Institucións no relativo a este punto. Boa política de conservación, boa forma de fomentar o turismo cultural na nosa terra.


 

 


 

Algo de boa literatura sobre o tema das neveiras en Galicia: El antiguo monasterio de A Franqueira poseía un mínimo de dos neveras y una poza de nieve: la nevera de A Franqueira, la nevera de Petán y la pozade Deva. El monasterio de Melón poseía la nevera de Tourón y posiblemente fuese suya la de Vilar de Condes. El monasterio de Celanova también tuvo una nevera. San Martín Pinario poseía una en Santa María de Xestoso (Si-lleda). El cabildo de Santiago poseía dos en Vilariño (Forcarei). Tanto el colegio de jesuitas como el particular Gaspar Mosquera poseían una cada uno en  Acibeiro.  El  monasterio  de  Toxosoutos  también  tenía  una  en  Urdilde (Rois). El cabildo ourensano tenía aforada una nevera en el alto de Meda al monasterio de Xunqueira de Espadanedo. La abadía de San Clodio, en Ribas de Sil, era propietaria de una en su término 13. El monasterio de los monjes bernardos  de  Xunqueira  de  Espadanedo  poseía  una  en  Cabeza  de  Meda 14. Otros como Meira, Montederramo, Oseira, Sobrado (en: Una aproximación al mundode la nieve en Galicia de Andrés Sampedro Fernández. Artigo dispoñible na rede, en: file:///C:/Users/Charo/AppData/Local/Temp/Dialnet-UnaAproximacionAlMundoDeLaNieveEnGalicia-308963.pdf. Aquí acharedes bibliografía.

 

(Foto feita por Mari Carmen Sánchez)

 

Na prensa tamén hai varias páxinas sobre este tema. Por exemplo: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2013/08/12/nevera-vieja-bajo-tierra/0003_201308P12C8995.htm