mércores, 6 de setembro de 2017

BUSCANDO PALABRAS



BUSCANDO PALABRAS

 (Foto tomada de Internet)


Iniciamos o mes de setembro, un mes doce e se cadra algo saudadoso, de final de verán. Volvemos unha vez máis ás palabras sedutoras, que entrañan enigmas ou que resultan curiosas á hora de ver étimo e interrelacións. Para non abusar, limitamos xa agora o número. Trataremos tres casos.


1ª. DARLLE FERRO A FONDO.


Esta frase oímoslla ao noso curmán valdeorrés. Entraña poucas dificultades á hora de explicar a súa orixe e emporiso ten a súa forza expresiva. Acha a súa correspondencia no castelán: darle caña ou darle zapatilla. Referido a un coche equivalería a pisarlle ben o acelerador. Unha frase sinónima en galego é darlle lume. No CORGA (corpus en liña, de libre acceso), atopamos na obra do escritor Xabier Quiroga darlle ferro ata as entrañas (“E se ves que se cala, dálle ferro ata as entrañas. Sen reparo, eh, que lle gusta”, en Atuado na braña).

A imaxe que subxace na xénese desta frase é a do vello arado de ferro: hai ou había que darlle ferro para que afonde ou afondase máis na terra: a presión sempre é cara a abaixo, como cando pisamos o pedal do acelerador.


2ª. O VERO.


Esta voz, nunca antes oída, escoitámola de boca da nosa curmá política, Adela, en San Xurdo de Cristimil, en terras de Deza (famoso polo seu couto medieval, hai fermosísimo diploma-documento do Couto de Cristimil, unha copia do cal tivo Gonzalo Navaza a xentileza de enviarnos, sabendo como sabe a relación familiar que une aquela parroquia con esta familia).

A palabra (escrita así, vero) figura só unha vez no DdD, aboada por Aníbal Otero no Irixo. Escríbea con uve porque a integra na familia de virar. Xa nós o pensamos en canto vimos a cousa e como funcionaba o conto, antes evidentemente de chegar á casa e buscala do dicionario. Aníbal Otero dálle o valor de ‘manivela’, pero Adela, en San Xurdo, claramente chamaba vero ao pau, un pau viradoiro, que se enganchaba (ou se unía) a unha manivela e facía virar a pedra de afiar (logo procúrovos unha foto). Se temos razón e pertence á familia de virar, velaquí unha pequena nova proba da fertilidade, da riqueza inesgotable desa familia de palabras. Dicía o mestre catalán, a quen Deus descanse, Joan Coromines, que se houbera  que escoller entre A e B como linguas matrices ou lingua-orixe dunha palabra, se esa palabra ten máis familia nunha delas, digamos en A, aí é onde debe estar a orixe (conste en acta que non pretendemos asegurar nada sobre a orixe no territorio hispano –dominio central ou no noroeste?- desta familia, pero si aconsellariamos aos autores do dicionario académico un pouco de digamos tacto: ao postular o étimo da voz virar citan o celto-latín cun prudente asterisco e piden que se confronte o galés!, e o galego, máis próximo á hora de confrontar e enriquecer as posibilidades, onde queda, esquecérono?).

 (Foto feita dentro do "cuberto" -noutros lugares din "cabanote" ou "alpendre"- da casa de San Xurdo de Cristimil, de Adela. Vemos a roda de afiar sen o vero; agora está conectada a un motorciño, antes o movemento lográbase de forma manual)

(A mesma roda de afiar pero xa ten o vero enganchado, é esa especie de pau: servía para agarrar coa man e darlle para que a roda virase; as dúas fotos foron feitas por Charo Soto)

Tamén é certo que temos un pequeno problema á hora de integrar vero na familia de virar . O paso do i  ao e, e ademais xurariamos que oímos un e aberto, xa sabedes os que estudastes comigo algo de fonoloxía, un /Ɛ/. Hai casos en que unha vogal tónica “salta” dous graos (subo /VS/ sobes), pero inda así, fica unha dúbida filolóxica mínima... Quizais haxa influencia  da propia manivela, tamén con /Ɛ/, ou da voz veo, ‘manivela’, que ten e pechado ( pensemos, doutra banda, que ben puidemos trabucarnos na audición do que Adela dixo).

Sexa como for, ídesme permitir estendernos sobre os membros da familia de virar que logramos documentar –polo de agora- en Galicia: Virar, revirar, reviravolta, virote, virolo ‘trompo’, viradoiro, viravolta, viraxe, viras ‘coiro que rodea o zapato’, virasol, viravento, viraleubas, virabales (no DdD); viruleira ‘golpe no xogo da billarda ou estornela’ (TILG); andavira ‘muíño eólico’, así lle chaman por ex. en Camelle; vira ‘rincón; bordo da empanada’, informante de Carballo de Hospital, Quiroga (a acepción vira ‘bordo’ enténdese ben porque vira, rodea, dá a volta a toda a empanada); virola ‘pau para dar a volta ás tripas’ (Non había picho (cano), iban ao regueiro e non podía virar co dedo as tripas, e levaban a virola, facíanse cun pau de vimbio, e co coitelo esfolabann ben esfoladiño para que non rompesen as tripas porque había que facer chourizos e morcillas, había que fregalas na pedra, saíalle aquilo, pegañento, e logo chegar a casa e metelas en baños de limón (informante de Sta. Cruz de Rivadulla; quizais de aquí veña a palabra viroque ‘tripa’: “facíase o guiso de viroques”, a nosa informante e amiga, María Lema, dinos que así se dicía en San Mamede de Rivadulla). Temos tamén un par de refráns: Á porta do xastre todo son tiras. Á do zapateiro, tombas e viras, refrán no DdD, recollido por Eligio Rivas; Na casa do virote todos van ó dote (vid. NOTA). E temos, naturalmente –sendo esta unha familia tan ricaz- fraseoloxía: coto virolo ou pedra virola ‘canto ou pedra que rola’, os callaos erosionados polas augas do río, por exemplo (en Valdeorras, pedras rearengas); nun viravira ‘rapidamente’; dar unha viravolta (cast. ‘dar un vuelco’); san coma un virote 'moi san'; teso coma un virote 'moi teso -uso recto e uso figurado-' etc.


3ª. UN DÍA DE ESPETO.


A frase aparece en Donosiña, de Xaime Quintanilla, na edición de Laura Tato: “A escena ás escuras, porque aínda que é de día, e un día de espeto, as fenestras atópanse pechadas”. Tato di en nota: “Día d’espeto, ‘día de sol forte’. Esta loc. adv. , que non rexistran os dicionarios e que X. Quintanilla utiliza con relativa frecuencia, podería ser o resultado dun proceso metonímico, ao modo de ‘sol de xustiza’, en que o substantivo ‘espeto’ asumise o significado de toda a frase” (p. 65, ed. UDC, 1997).

A primeira idea que nos veu á mente tomaba como modelo Día de garabullo. Pero a semántica sen dúbida é a que indica Tato, malia ter as dúas frases idéntica estrutura sintáctica, e compartiren semas espeto e garabullo (poden compartir o sema ‘+ PAU’). Cal é o semántica en xogo para que a voz espeto cobre ese valor dentro da unidade fraseolóxica nova? Espeto ‘(pau) que pica, pincha’ pola impresión ferinte do sol intenso, ou espeto ‘(pau) en que se asa carne’, pola impresión de abafo, de asarse, que experimentamos en tales días de sol inclemente? Non o podemos precisar con exactitude: recordemos que a ciencia da linguaxe non é unha ciencia exacta. Con respecto á antigüidade desta frase, haberá que estudar a fondo a súa concorrencia nos diarios de navegación de C. Colón: no TILG hai unha referencia ao tema, publicada no xornal A Nosa Terra, mais non tivemos aínda ocasión de ir á fonte: “O que se atopan [nos diarios de Colon] son galeguismos, como aquelo de decir que o sol americano tiña espeto- verba unicamente da nosa fala”  (A Nosa Terra, TILG).

 (Foto atirada de Internet)


Igualmente interesante é reflexionar sobre a rica familia léxico-fraseolóxico-paremiolóxica desa palabra (espeto, espetar, espetarse, espetoar, espetoada, espeteira, espeteiro, espetada (subs.), espetado ‘teso, vaidoso’, espetón ‘peixe’, espetona ‘lousa chantada na parede’/ ‘estaca para construír cercados’, espetuada ‘pinchazo’,  espetadeiro, espetadela, espetadura, espetapau, espetoferruxento, herba de espeto,  quedar coma un espeto ‘paralizado polo medo’, parecer/ser un espeto ‘estar moi delgado’, sementar ao espeto, berrar coma se lle metesen un espeto, cravar a lingua nun espeto –“Heiche cravar a lingua nun espeto”, valor de ameaza aos maldicentes-,  día de espeto, bailar ata no peteiro dun espeto –esta última en Almas Mortas, de A. Vilar Ponte-; e tamén documentamos o refrán Na casa do ferreiro espeto de pau). Canto á orixe da familia, raíz xermánica.

:::::::::::::::

NOTA:

No refrán Na casa do virote todos van ó dote,  a voz  virote conmuta por ‘necio’ (tras unha serie de pasos semánticos que necesariamente deben incluír a idea de ‘pau viradoiro’ –o virote ‘saeta’-, pau teso, “teso coma un virote”, e de teso a fachendoso, orgulloso, necio). Cfr. “Mais non falemos desto cada virote ca súa necia idea aló se escorne” (TILG, texto de 1861 de A. Fernández).

mércores, 30 de agosto de 2017

GALICIA INMORRENTE



COLMEIRO

(Manuel Colmeiro, un dos grandes renovadores da pintura galega; foto tomada de Internet)

 ("Lavandeiras". As fotos da obra do pintor dezao están tomadas de Internet)


Como vos prometera, un par de breves pinceladas sobre a vinculación do pintor Manuel Colmeiro á terra de Trasdeza. 

 (San Fiz de Margaride: Torre baixo medieval, coñecida como Torre da Costela. Nela dáse un dos moitos paradoxos que salfiren as páxinas do libro de Galicia. Aos paisanos das casas particulares esíxenlles, por seren precisamente veciños da Torre,  cumprir a lei para seren respectuosos co Patrimonio do país, pero aos propietarios desta xoia gótica permitíronlles mostras dun feísmo incualificable)



Aí atrás, un domingo de agosto, con sol, collimos o coche e fomos ata Margaride (é este un topónimo que sempre nos pareceu atractivo: en tempos incluso pensamos na posibilidade de termos aí unha raíz emparentada coa de Madrid, quizais atraídos pola presenza do fonema gutural, /g/, que tanto aparece nas variantes árabes do topónimo, e que tamén seducira a Menéndez Pidal [Mag-, en *Magetorito]; á parte do Margaride dezao, hai outro en Lugo, en Quintá do Lor.  Nicandro Ares Vázquez remite hipoteticamente ao xinecónimo Margarita, mentres que Piel opta polo antropónimo Margaritus, tamén menta N. Ares o portugués Margariti, en documentos do 1021, Margaridi, 1059, Margaride, 1258; en: Estudos de toponimia galega). O nome completo do Margaride pontevedrés é San Fiz de Margaride. O lugar non pode ser máis fermoso, fértil, ricaz en verdes. Visitamos primeiro a torre medieval e logo camiñamos ao chou, na procura de alguén que nos soubese indicar cal era a casa de Colmeiro.

 (Colmeiro sempre estivo unido a Galicia e ao galeguismo: aquí vemos unha pequena homenaxe que lle fai Isaac Díaz Pardo, ao integralo, xunto con outros grandes galegos, na árbore das lembranzas; R. Dieste escribiu textos para libros coa súa obra; a editorial 'Botella al mar' que fundara en América Seoane edita parte da súa obra pictórica etc.)

 Sempre hai que contar coa man amiga dalgunha persoa ben disposta. Neste caso quixo a boa fada que topásemos con Lucía Iglesias. Fixémolos, a ela e mais ao seu pai, José, erguerse da mesa en que parolaban facendo tempo para o xantar, na cómoda eira diante da casa. Lucía díxonos que Colmeiro pintara, entre outros veciños da aldea, a súa nai cando estaban na malla. Do millo?, preguntei eu facendo patente unha certa confusión (entre malla e sega). Do pan. Do centeo, atallou rápido o señor Iglesias. Pero non era a túa nai, engadiu. Entón era a avoa? Aí discreparon uns intres, inda que Lucía tiña claro que unha muller da familia foi pintada polo insigne artista. E onde estará ese cadro agora? Preguntei. Queimouno Colmeiro, dixo o pai. E a filla replicou: Que ía queimar! Conservouno, sabe Deus en que museo estará. Case que lle damos creto a Lucía. Ora ben: o pai era fiable cando nos asegurou que a casa chamada de Colmeiro era a casa onde o pintor viviu grande parte da súa vida, pero que non é a casa onde el se criou. Esoutra casa tamén nola indicaron e fómola ver. Criouse durante uns anos coa señora Jovita, creo que se chamaba. Buscando a posteriori datos biográficos de Colmeiro, comprobamos que o que José Iglesias contaba é verosímil: os pais do pintor estaban en Buenos Aires, se non erra a memoria do lido, e logo chamaron polo neno, que estaba aí, en Margaride.

 (San Fiz de Margaride: a chamada Casa de Colmeiro, propiedade do pintor, espazo amado onde pasou moito tempo a partir dos anos 50 do século pasado; agora está á venda)

(Casa onde -se damos creto aos nosos informantes- o pequeno Manuel se criaría coa señora Jovita. Serían tres anos da súa vida, calculamos nós lendo a súa biografía: con trece anos xa foi chamado polos pais e viaxa a Buenos Aires. Colmeiro non naceu en Margaride, senón en Chapa, o histórico lugar de Trasdeza. Esta casa agora é de turismo rural)


Xa nos despediamos dos nosos amables informantes, cando Lucía nos dixo que podiamos ir ver o seu sartego, na igrexa da parroquia e que era doado de identificar pola frase que o adorna: Pinté y amé a mi pueblo. Non está mal como epitafio! Pintei e amei o meu pobo... Nada mal. Pouco máis se pode dicir. Si, se me permitides un comentario persoal: unha das miñas mellores amigas, Leonides, pintora non profesional,  tamén ama a Colmeiro. Desde sempre (des que os nosos fillos trabaran amizade no Colexio ‘Eusebio da Guarda’) téñolle oído palabras de admiración por el.

 (Igrexa parroquial de San Fiz de Margaride, diócese de Lugo; administrativamente, Margaride pertence ao Concello de Silleda, Pontevedra)

xoves, 24 de agosto de 2017

GALICIA INMORRENTE



GALICIA


GALEGOS EN BARCELONA

 (O prof. Basilio Losada. Foto tomada da lapela do seu libro Galicia)


(Nota preliminar: tiñamos programado un capítulo sobre dezaos ilustres no que vos dariamos catro pinceladas sobre Colmeiro –nunca mellor dito o das pinceladas- pero as tristes causas que todos temos no pensamento –se non as tedes, axiña as teredes se seguides lendo- e na retina fan que cambiemos de opción. Quede así o pequeno capítulo sobre Colmeiro para a semana que vén. Sobre Barcelona non é a primeira vez que escribimos neste blog. [“Visitando” abril 17]; volvimos viaxar aló co libro de Carmen Laforet. Agora pretendemos homenaxear minimamente a chamada Cidade Condal a través doutro libro, un escrito pola man dun de tantos galegos que se instalaron en Barcelona, onde viviron e traballaron moi a gusto. Esa é a esencia, o quid da mínima homenaxe: Barcelona é unha cidade que sabe acoller).



O noso protagonista galego, ilustre galego, establecido en Barcelona chámase Basilio Losada Castro. Agora está xa xubilado pero exerceu décadas como docente universitario na Universidade de Barcelona. Ten no seu haber importantes distincións tanto catalás como galegas (Creu de Sant Jordi e Medalla Castelao), sen mentar outras distincións. A Real Academia Galega nomeuno académico de honor no ano 2015 e dixo del que foi un auténtico embaixador da cultura galega en Cataluña.

 (Foto antiga de San Estebo de Ribas de Sil: este espazo cambiou a mellor)

O profesor Losada publicou en 1969 un libro titulado Galicia, coa intención de que a mocidade o lese e namorase deste país. Chegou ás nosas mans hai un par de meses. Lémolo dunha tirada e atopamos unha serie de datos que descoñeciamos ou que tiñamos sepultados nas néboas do esquecemento e que chamaron a nosa atención. Trátase, coma case sempre, dunha escolla subxectiva pero confiamos en que vos preste.

 (Foto antiga de Cambados: non cambiou a mellor. O espírito mercantil, a ansia de vender aos turistas desvirtuou en parte o seu engado)


Falando de Vigo e Ferrol (dos de las ciudades gallegas de más pujante presente) di que, porén, son as únicas, con Pontevedra, que non aparecen no Setestrelo: nunca oíra eu ese nome aplicado ás sete estrelas do escudo de Galicia. Tampouco recordo ter lido nunca que Breogán, o caudillo celta, fose fillo de Death, nin que un dos seus fillos conquistase Gales (p. 40). E que me dicides de Ourense, sabiades que foi chamada a Atenas de Galicia pola súa intensa vida espiritual? Precioso nome. A propósito da fama de hábiles que tiñan os ourives galaicos, cita o testemuño de Silio Itálico: grazas a este escritor sabemos que foron eles os que labraron o escudo de Aníbal. 

 (Foto antiga da Coruña: supoño que vai en gustos, pero ao noso ver tampouco cambiou a mellor: como na obra de Dieste, A fiestra baldeira, tamén aquí se deu en boa medida unha traizón ás orixes, ao núcleo de expansión con forte celme popular, da primitiva cidade, a traizón foi contra a vella barriada da Pescadería: sempre hai que conxugar con xeito tradición e modernidade)

Repasa os nomes de sete dos doce homes que Santiago escolleu como axudantes en Galicia: Cecilio, Eufrasio, Hesiquio, Indalecio, Segundo, Tesifonte e Torcuato. Son os chamados “varóns apostólicos”. Tamén se nos dan os nomes daqueloutros tres discípulos que acompañan o corpo incorrupto de Santiago no seu periplo desde Padrón ata ser enterrado (Basilio Losada di que o enterramento foi no Castro Lupario, logo chamado Libredón, cuxo étimo para el é Liberum donum, pero esa é unha das hipóteses que se teñen dado, vid. logo a nota): Atanasio, Evasio e Teodoro (unha servidora só relembraba ter lido Atanasio e Teodoro).

 (Foto antiga da muralla lucense. Si cambiou a mellor, agora é Patrimonio da Humanidade, baste ese dato)

Sobre Tui recordemos outro curioso dato: dinos o autor que foi corte do rei Witiza e que posiblemente no seu castelo nacera Don Paio (Pelayo), o iniciador da Reconquista.

 (Foto antiga dun hórreo lugués, con tellado de colmo, coma unha palloza castrexa. Imaxinamos que este tipo de construcións pasou á historia...)


Na páxina 58, a propósito da cidade do apóstolo, recorda Losada uns versos de Dante: ecco il barone / per cui lá gui si visita Galizia (velaquí o varón, por quen aló lonxe se visita Galicia). Deixa noutra páxina tamén constancia do berro, a frase ritual,  con que os clérigos compostelás pasaban por entre as xentes tras a misa matinal, benzoando os peregrinos de todas as partes do mundo occidental, unha frase escura canto á orixe: Be tom, a trom, San Giamme, a atrom de labro!, interpretada así por algúns: Recibe benigno este berro atronador que en as linguas da terra pronuncia o labio (p. 174).

Logo enxalza poeticamente a boa vila da cantiga popular, Pontevedra, e cita o seu barrio mariñeiro por excelencia, a Moureira, onde se construíu a nau capitá de Colón, La Gallega, rebautizada luego con el nombre de “Santa María” (este é un dato coñecido por moitos de nós, pero non está mal relembralo: outro día repasaremos tan simbólico tema; con todo, pensamos que sobra o prefixo re-; o bautismo de moitísimos barcos hispanos posteriores toma nomes de santos ou de entes relixiosos e esta nao debeu desde o principio ser bautizada Santa María (dos mareantes): o cal non quita para que o pobo, a mariñería, lle chamase tamén a galega). En troques, eu ignoraba que a confraría de mareantes que ergueu esa xoia do Renacemento en Galicia, o templo pontevedrés de Santa María, fose chamada Confraría do Corpo Santo (p. 65). Recordamos tamén con orgullo a frase que reza no sartego gótico, fermosísimo, de Paio Gómez Chariño de Sotomaior, primeiro señor de Rianxo: ganó Sevilla siendo de moros (p. 65), unha honra que se disputa –engadimos nós, seguindo as palabras de Carlos Martínez Barbeito- co almirante Bonifaz. Cando chega ás Cíes di que foron refuxio de piratas turcos e holandeses, que nelas tiveron asento habitantes prerromanos de Galicia e que deles quedou un viejo altar de sacrificios: una roca con extraña forma de cráneo y un canalillo abierto por donde fluía la sangre de las víctimas (nunca oiramos nós iso: pero fíxonos lembrar outra rocha con canle para escorrer igualmente sangue de vítimas: así nolo contou unha paisana que vivía próxima ao dolmen de Axeitos, en Ribeira). Sorprendeume, falando do castro de Santa Trega, saber do chamado mapa, gravado nunha pena granítica, parece ser la más antigua carta geográfica llegada hasta nosotros (p. 68).

Son moitas máis as cousas que ignoramos que as que sabemos, dixo alguén hai tempo. E segue sendo, ao noso entender, unha desas verdades tópicas e incontestables. Moito temos lido de Prisciliano, moito nos atrae todo o que o rodea: e mais non tiñamos na memoria que san Martiño de Tours se negara sempre a consideralo fóra da Igrexa. Noutro lugar do libro, cita os nomes dos seus discípulos decapitados con el en Tréveris: Armenio, Felicísimo e o poeta Latroniano. Recorda, ademais, que a finais do XIX foron atopados opúsculos de Prisciliano na biblioteca de Wutzburg. E máis adiante, cando fala da sinonimia liturxia sueva = rito mozárabe, engade que no rito suevo-galaico había certas pervivencias priscilianistas.

E nunca antes leramos sobre a existencia dun mestre de obra da catedral de Compostela, chamado Gonzalo o bispo, quen aprendera aos irmandiños da segunda metade do XV o modo de minar as torres e arrasar as defensas dos castelos atacados (p. 194).

Basilio Losada dedícalle un capítulo á presenza da muller na historia de Galicia. Citemos á para nós anteriormente descoñecida Isabel Barreto, quen á morte do seu esposo, Álvaro de Mendaña “Almirante del Mar Océano”, tomou o mando da expedición que el organizara e percorreu o Pacífico á fronte dunha frota, gobernando unha tripulación arrufada de lobos de mar ata chegar ás Filipinas en 1596 (p. 79).

Dinos na páx. 95 que a palabra pan é sinónimo de centeo, así unha agra de pan é un espazo sementado dese humilde cereal. Falando aínda da vida rural, descoñeciamos que noutrora houbera un activo comercio con Inglaterra cos limóns cultivados no sur do país.

Sobre a pesca, non sabiamos que as ostras de Arcade xa foran no seu día levadas a Roma en caldeiros de auga salgada, nin que a lamprea fora chamada peixe dos sete buratos, nin tampouco que o rei Enrique I de Inglaterra morrese precisamente dun empacho de lamprea. Doutra nosa delicadeza gastronómica, a saborosa empanada, lémbranos que aparece xa inmortalizada nas ménsulas románicas do pazo de Xelmírez en Compostela.

 (Foto antiga das ruínas de Santo Domingo, en Pontevedra: cambiou a mellor; agora este espazo está aberto ao público. Todas as fotos deste capítulo están atiradas do libro citado do prof. Basilio Losada)


Verbo dos curros, de beleza paralela á dun rodeo americano, dinos que cabalos coma estes, de raza galega, pequenos, inquietos (buligáns: “Iria e o cabalo buligán” é o título dun conto marabilloso que recollera no seu día do pobo na provincia da Coruña Lois Carré; dos cabalos lampóns deixou escrito algún autor latino canda a romanización) e sufridos, levou  un fato Guillermo de Normandía á conquista de Inglaterra, contribuíron á victoria na batalla de Hastings, mentres que hoxe –di Losada- son usados xeralmente para arrastrar as vagonetas nas galerías das minas. Iso cambiou xa, como cambiaron moitos outros datos do libro.

Datos cambiantes:

No campo galego non vive xa un 65% da poboación de Galicia. Ora ben, quizais non cambiara todo o que un quixera este concepto que lemos a continuación: la Galicia urbana vive de espaldas al campo. O Centro Galego  de Buenos Aires xa non ten os máis de cen mil membros de que fala Losada.

Sobre a emigración, sabe o autor buscar o enfoque positivo e iso sempre chama a nosa atención: Raro es el pueblo donde no han dejado [os chamados indianos] prueba de su generosidad: una escuela, un lavadero público, un camino pavimentado o la nueva torre de la iglesia (ás veces con reloxo, engadimos nós, elemento fundamental para a vida da comunidade).

Cando publica o libro Basilio Losada inda se falaba algo o verbo dos daordas, a xerga dos telleiros. Hoxe desaparecido por completo.

:::::::::::::::::::::::::::::::

(Nota sobre o étimo de Libredón:

As hipóteses están perfectamente expostas no libro Exploraciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago, de José Guerra Campos. Citemos só un par delas: por ex. o Padre Fita ve un nome composto celta, Libero Donum ‘castro ou torre do camiño’, de don [dunum] ‘castro ou elevación’ e llwybr ‘camiño’, en hipotética referencia ao camiño de Iria a Brigantium, que pasaba preto; o doutor A. Moralejo ten pensado algunha vez no concepto de libre doazón, pola posible alusión á doazón de territorio arredor de Compostela que os reis dos séculos IX e X lle fixeran á igrexa de Santiago (pp. 35, 36, nota nº 33, ed. do ano 1982).