mércores, 15 de marzo de 2017

GALICIA INMORRENTE


GALICIA INMORRENTE


LORIGA I

(Foto do que fora heroe da aviación, Joaquín Loriga Taboada. Tomada de Internet)

Tes que escribir sobre o Pazo de Liñares díxome Fita aquel sábado. Hoxe comprázoa, porque se aproxima o 19 de marzo, o seu día. Estabamos alí, esperando polo comezo dunha actuación teatral, mentres nos deleitabamos coas pezas do Museo das Marionetas que alberga. Si. Hai tempo que lle teño ganas ao tema. De todos os enfoques posibles, imos achegarnos desde este, a modo de porta pola que vos convido a entrar: o Pazo de Liñares era a casa de Joaquín Loriga Taboada. Aí naceu en 1895. O pazo era da familia da nai, dos Taboada. Os Loriga teño entendido que veñen de Cambados-O Grove. A fazaña máis sobranceira deste ilustre aviador foi o voo Madrid-Manila (1926: no mesmo avión ía tamén Ramón Franco Bahamonde). 

 (Lalín soubo homenaxear o noso heroe: na foto, de Internet, vemos o monumento feito por Asorei, situado no corazón da capital de Deza)

Porén, non quixera darvos datos que podedes obter lendo na Gran Enciclopedia Gallega, no libro de González Alén ou no capítulo correspondente do de Gómez Buxán e Rubia Alejos, Pazos y moradas hidalgas de Deza (estamos todos á espera da obra sobre Loriga do tamén dezao Gonzalo Navaza: por iso marco esta páxina co número I, cando leamos o libro de Navaza prometémosvos unha segunda parte, se estamos vivos e activos, se non abandonamos xa o blog, porque algún día terá que ser), senón que quixera adoptar outro punto de vista, máis familiar. O tataravó paterno dos meus fillos foi mordomo do pazo (contaba unha anécdota con el un paisano-caseiro das abandonadas posesións hai máis de vinte anos: dicíanos que ese noso ancestro éralle moi próximo ao señor marqués, e que nos derradeiros tempos deste marqués, apenas durmía e que en canto podía xa estaba pedindo que lle abrisen as fiestras, e co primeiro albor xa pugnaba por erguerse do leito: Xa é de día?, preguntaba, e daquela o tataravó dos meus fillos abríalle a despensa-lacena que debía estar preto de onde durmía, e claro, estaba dentro todo escuro, e dicíalle: Ve como aínda é de noite?). Parece ser, de feito son datos familiares obxectivos, que cando lle ían nacendo os fillos (unha morea) ao tataravó, abaixo no pazo, íalles poñendo os nomes seguindo o modelo dos bautizados arriba: Eliseo, Amalio, Joaquín etc. Eliseo era tamén o meu sogro –coma o seu pai- , que en gloria estea. Contábanos de moi boa man que Joaquín Loriga Taboada era moi amigo dos de abaixo. Dicíalle a nai, a descendente dos Taboada, Joaquín, ven, que están aquí os teus amigos (xente que viña se cadra de Madrid, xente de posibles), e o noso aviador, que estaba cos de abaixo, respondíalle: Mamá, xa estou cos meus amigos... Nós soubemos de anciás (de Fondevila, sta. Mª de Cortegada) que recitaban romances, tiradas de romances populares sobre os feitos de Loriga, do seu casorio en contra do criterio da nai, cunha modista ou costureira etc. Inda non fomos ver o lugar concreto, a lápida que cobre os seus restos mortais, no Corpiño, mais iremos se cadra esta primavera. Tamén quixeramos, nunha especie de peregrinaxe cos amigos, subir ao monte do Toxo, onde fixera a primeira aterraxe en terras galegas. 


 (Foto do Pazo de Liñares antes da restauración. Tomada de Internet)

Cando nós eramos acabados de casar gustabamos moito de ir explorar (séguenos gustando) por aquí e acolá nas terras de Deza e recordo perfectamente entrarmos naquel xardín abandonado e subir perigosamente polas escaleiras arruinados do pazo baleiro: fálovos de hai trinta anos: inda había pratos na alacena do conto e inda, ou marabilla, ficaban restos da pía de cristianar: no primeiro andar, ocupando un espazo principal. Estaba toda rodeada de cunchas, coma na igrexa da Illa da Toxa. Era unha fermosísima ruína.

 (Foto de 1890 aprox., tomada de Internet)


O Concello de Lalín comprou o Pazo no ano 2002, se non erro. O amaño foi unha obra inxente, na que participou o Concello lalinense, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e mais o Estado. Mantelo útil, con vida, dándolle un bo uso cultural, ese é o reto para o futuro. Deixalo caer abaixo sería unha mágoa. Sen dúbida ningunha, unha grande mágoa.

 (Os comedeiros dos cabalos, interior do pazo; foto feita por nós tras a restauración)

(Foto da parte posterior máis antiga, a das cociñas, tras a restauración)

 (Foto do Museo da Marioneta que actualmente alberga o pazo; do tema falaremos outro día)

mércores, 8 de marzo de 2017

LENDO A...



LENDO A

Oito de marzo


(Logotipo na páx. web da UDC neste ano 2017)
 
Encantaríame poder falar de todo o que cabe neste día oito de marzo, día en que eu cumpro anos. Antes, a miña avoa paterna, a coruñesa, xa nacera un oito de marzo. En Italia, en Udin, o profesor de español na súa facultade de Letras, o prof. Ricci, tamén naceu un oito de marzo. Dicíame este día Mercedes Rey, relembrando  o nacemento un 6 de marzo de García Márquez, “eu tamén son Piscis, na miña xeración, eramos Piscis case todos... Puxéronse de acordo os pais para casar en xuño”.  Digo igual (inda que os meus casaran en outubro): na miña xeración, daquela, tanto na infancia nos Castros, como no Insti, eramos un morico de Piscis, e mágoa!, algúns xa  non están connosco (recordo con afecto de nena a Martita e a  Javierín). Daquela (en Italia) lía (entre outros libros) os cadernos dun catalán igualmente nado un oito de marzo, J. Pla. Como tantos outros seres humanos, claro.
Sobre as mulleres traballadoras non vou falar hoxe, emporiso. Apenas coñezo mulleres que non sexan traballadoras. Tamén coñecín a María Xosé Queizán, grande señora das letras galegas, e moi amiga das mulleres. Faciamos daquela o CAP en Santiago e a vida xa daba algo de medo: o futuro,  o posto de traballo, a sorte no amor... Esas cousas.  E todo vai pasando, incluso a vida pode ir chegando ao seu termo. Pero quedan sempre as palabras. Quedan os fillos e os fillos dos fillos. Con sorte, quedará un aire limpo para eles respiraren.

 (Pondal xa ancián. Foto tomada do libro de Barreiro e Axeitos citado)
 
Hoxe vou falar de Pondal. Oito de marzo de 2017: cen anos xustiños do seu pasamento. Quixera xebrar en dous o tema pondaliano. Arestora leo Os Eoas, cando remate algo vos comunicarei, e esa será a parte máis literaria se cadra. Hoxe, oito de marzo, tocaremos a cara humana. Eduardo Pondal, o ser humano. Seguiremos un camiño doado: a través das cartas a Murguía (un par delas a Rosalía), cartas publicadas nunha edición de quitar o sombreiro e dar as grazas. A edición, auténtico caplavor como diría un friulano (en galego obra mestra), de Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís  Axeitos, a cargo da fundación Barrié, colección ‘Galicia viva’. Miramos no “Ïndice de remitentes” e contamos (entre os dous volumes) un total de 12 +  12 cartas. De que fala o bergantiñán co patriarca basco-galego? De moitas cousas. Por riba de todo, quedo co cariño, ese profundo afecto e amizade pola familia Murguía-Castro.  E que ben se percibe, meus, que ben... Había unha fonda confianza, ademais. Eduardo permítese o luxo de ser un pesado cando quere algo. Por exemplo, cando quere que Manuel o visite na casa da aldea. Se non llo pide unha ducia de veces..., polo menos. Aí hai un tema bonito: o itinerario que lle propón, Murguía tería que ir da cabalo desde Santiago.
Paremos un momentiño nesta evocación: había que ir da cabalo. Unha vez caeu na vella Selectividade un texto de Risco sobre o fraco cabalo do doutor Alveiros (que unha servidora relacionaba sempre con aqueloutra besta de Fernando Esquío, aquela que un infanzón lle prometera...). O cabalo, bela estampa. Miña nai, octoxenaria, relembra o Cuco, montaban nel para ir a Penouta recoller os sacos de castañas daqueles castiñeiros idos... Meu home, dezao e quincuaxenario, recorda ter oído contar do tío Carlos que aló polos anos 30 destripara un cabalo da casa contra un valado, facendo polo monte carreiras cun amigo. O cabalo era daquela o coche de hoxe.  Eduardo Pondal fala nunha das cartas dun cabalo da súa casa chamado Bergantiños1: non podo evitar contarvos do meu amigo Manuel, que cría –ou criaba- cabalos na casa da aldea e pedíame que lle buscase un nome á egua acabada de nacer, pola letra C. Propúxenlle Coruña e díxome logo, a posteriori, que fora un nome exitosos aló polas competicións e paseos onde a levou...
Bergantiños, que bo gusto! Tamén noutra carta dálle Pondal a Murguía saúdos para aquelas mulleres (da burguesía e/ou fidalguía), boas amazonas, posiblemente entre elas Rosalía...
Velaquí o itinerario proposto (eu propoño que o fagamos: nun verán, nunhas vacacións):
“Tomará U. la cuesta del monte Pedroso, siguiendo el camino hasta Puente Mouro, sobre el Tambre; desde este punto se dirige U. a Parámos, de aquí a Porto Medal, después a Carboeiro, a Castrís; desde este punto a la Agualada, a la Amata, después a Barreira, a Allones, y por último a Puente-Ceso” (carta desde Puenteceso datada 26 agosto 1865).
Hai aínda máis referencias ás viaxes da cabalo: En los viajes a caballo es preciso hacer como el piloto; salir del puerto al primer viento favorable (carta datada 4 set. 1865).

 (A Coruña que paseou Eduardo Pondal. A foto pertence a un calendario editado polo concello herculino. É do ano 1908)

As cartas son hoxe substituídas polas máquinas (móbil e ordenador basicamente), iso está claro. Varía a frecuncia, endebén.  Pero vede canta información daban... Dos costumes da vida da época, sabemos por exemplo que a Pondal lle encantaba ir de caza2, e sabemos do hábito de frecuentaren os balnearios: el e Rosalía teñen vivencias en común do balneario de Cuntis3 e Rosalía en anos tamén foi ao de Caldas (coma a nai da nosa amiga Carmela; os pais do noso prezado Miguel ían aos Baños da Brea, concello de Vila de Cruces,  aínda non hai tantas décadas, e nos anos 60 eu relembro acompañar os meus pais cando mamá tomaba as augas no balneario do Carballiño, cun parque paradisíaco).
Veñamos agora achegándonos un pouquiño á psique eduardiana. Espírito forte, man que sostén unha épica pluma, con que forza é evocado o pasado, con que férrea vontade reactualiza a Europa mítica... E asemade, que fráxil noutras ocasións. Tan humano, mesmo move á piedade, á solidariedade ontolóxica (se pode dicirse así). Vémolo sentado nunha pena ollando o mar atlántico, reflexionando sobre a súa vida:
Grato es sin duda vagar libremente por los patrios montes; no obstante, al sentarme sobre alguna roca del cabo de Nariga, a la hora del crepúsculo, no puedo con mi corazón, y me asalta una imperiosa pregunta.
                “Y bien, ¿qué rumbo piensas dar a tu existencia? Basta de vacilaciones y de errores”
                Al fin, cuento 33 años.
                Sin más, escríbame dándome algún consejo. Mis afectos a Rosalía y a Alejandrita  etc.
(carta datada 5 marzo 1869).
Si que nos achegamos bastante, incluso dá pudor, á alma dubitativa e palpitante do poeta. Acrecéntase en nós a idea primordial do profundo respecto que sempre  nos debe inspirar a crúa verdade humana. Deixemos, pois, aquí ese tema delicado: as aprensións e suidades4 e pasemos a outra páxina: a presenza da Coruña. Sabemos que os últimos anos viviu entre nós (faleceu na pensión da rúa Juana de Vega, e antes parara noutra situada na rúa de San Andrés a entre medias, nun pequeno hotel na Praza de Pontevedra). Mais antes de fixar na nosa cidade a súa residencia viña de cando en vez por aquí, e ademais, dá mostras de coñecer o tecido social herculino. Así, en carta de 23 nov. 1868 lemos: “Recomendarse a los comités progresista o democrático de la Coruña”, en carta de 16 agosto de 1869: “No hace muchos días que estuve en la Coruña, a donde fui con motivo de la solemnidad del pacto federal galaico-asturiano”. Supoñemos que tamén viría por diversión: “Cuando por Carnavales estuve en la Coruña” (carta 31 marzo 1864).
Hai que deixalo xa. Unha derradeira apostila: Pondal sabe da ironía galaica. De mostra abonde este botón: “Nada más tengo que decirle por hoy sino que cae por esta costa un tiempo tempestuoso, y el mar hace en Corme y Lage algunas víctimas entre los pobres pescadores a la vara. También el mar hace su revolución, y exige su cuota territorial. Por eso los cortesanos, viven tan al centro, y no entienden de estas músicas tanto como de charlar y fumar buenos puros en el Oriental” ( carta 23 nov. 1868).


 (Foto da Exposición Rexional de Arte Galega celebrada na Coruña en 1917. Foto tomada de Internet)
:::::::::::::::::::::
NOTAS:
1.       “Mi muy estimado y distinguido amigo: tenemos en casa una yegüita de raza gallega, por nombre Bergantiños, y queríamos enviarla a esa con el objeto de ser padreada por algunos de los caballos de puesto que poco ha, estableció el gobierno en esa localidad” (carta escrita desde Ponteceso o 5 maio 1883).
2.       “Yo sigo mejor. Los aires del país me han robustecido algo más (...). Como bien, cazo mucho, y duermo mejor; y quiera Dios conservarme siquiera así” (carta datada 31 marzo 1864).
3.       “Me acuerdo mucho de nuestros paseos por la carretera de Cuntis, y de nuestras crítico-conversaciones acerca de los bañistas” (carta datada 26 feb. 1867).
4.       “Esa divina e ideal enfermedad que sólo padecemos los buenos gallegos, a la cual llamamos nosotros Suidades” (carta 5 marzo 1869)
:::::::::::::::::::::

ADDENDA ESPECIAL:
Hoxe é un día especial . Propoño que me respondades (refírome a vós, os meus alumnos deste curso) a unha destas preguntas vinculadas tanto a Pondal como á Coruña:
1.       Pondal é cofundador da Real Academia Galega: aló polo 1917, onde se reunían os académicos?
2.       Pondal é íntimo, entre outros moitos amigos, de Emilia Pardo Bazán: en 1917, onde vivía dona Emilia, na rúa Tabernas ou na rúa Rego de Auga?
3.       Pondal reúnese cos amigos no Círculo de Artesáns coruñés. Onde estaba situada en 1917 esa sociedade?
4.       Sodes capaces de traerme unha foto da lápida pondaliana (non hai que saír da cidade, chégame unha feita co móbil), aquela que cobre os seus restos mortais?

 (A Coruña de 1917. Imaxes da Folga Xeral dese ano. Foto tomada de Internet)

sábado, 4 de marzo de 2017

Fran Pérez 'NARF': Asubío



“Fran ergueu o Totem da música día a día,
con mimo e cariño, con furia e paixón,
co canto delicado e o berro atroz,
aquí están as pantasmas dos devanceiros,
o choro dun neno, o bico do amante e os ollos do futuro,
aquí está o que máis amamos e o que máis nos doe.”
—Xelís de Toro

“Narf foi un cancionista,
un cronista dun tempo e dunha identidade,
un guerreiro da música
que deixou os seus últimos folgos
e a súa poderosa enerxía,
o seu sangue de afrogalego,
enriba do escenario...”
—Uxía: Narf, alma xemelga e viaxeira
(Citas tomadas da Wikipedia)

O cantante, compositor e actor galego Narf deixounos hai ben pouco, mais a súa música con aires afroamericanos quedará na memoria.

mércores, 1 de marzo de 2017

GALICIA INMORRENTE



Notas verbo do entroido.

 (Entroido na rúa da Torre, febreiro 2017; foto feita por Purificación Soto)

Fomos o domingo ás terras bañadas polo Ulla para ver en santa Eulalia de Vedra un episodio dos chamados Altos dos Xenerais e alí oímos a voz Atranques. Nunca tal oiramos (si o verbo atrancar e tamén o subs. atranco: de nenas cantabamos na Coruña:  A atrancar la calle, que no pase nadie, que pasen mis abuelos comiendo buñuelos... e iamos todas da man ocupando o espazo da beirarrúa, e así longo treito). Posiblemente chámanlle os atranques porque se trata dos encontros entre un par (ou máis) de persoas montadas da cabalo, vestidas de militar decimonónico con sombreiro fantasioso, o cabalo engalanado ad hoc; na man a espada: rétanse con movementos da espada que simulan ser  de acometida e intercambian pullas, versallan (tomándolle prestado o verbo a Daniel González Alén, a quen lemos este domingo 26 nunha encomiable reportaxe sobre costumes carnavalescas perdidos polas terras de Cristimil e Gresande –no Faro de Vigo) coma nos desafíos (oímos pullas persoais entre un home xeneral e unha muller xenerala, ambos os dous da cabalo; e mais tamén houbo despois enfrontamentos verbais entre home e home con alusións irónico-humorísticas á vida político-social da parroquia). A forma atranques neste contexto dá idea de que se interceptan: atráncanse mutuamente o paso no medio e medio do camiño ou da rúa ou polo menos así sería en tempos: agora hai un espazo destinado á actuación, con bancadas arredor, no campo da festa que vén coincidindo co vello adro da igrexa dedicada á santa emeritense, Eulalia.

 (Foto dos "atranques" de santa Eulalia de Vedra, feb. 2017; foto feita por Charo Soto)


As palabras son un detonante fundamental. Para min é o antroido. Na Coruña da miña infancia iamos de choqueiros (voz verosimilmente derivada das chocas ou chocallos que inda adornan os traxes dos cigarróns, boteiros, felos e peliqueiros da provincia de Ourense) as máis das veces, con calquera cousa. Recordo como acompañaba, con cinco anos,  á miña avoa, disfrazada e con máscara, entrabamos na Sociedade dos Castros (daquela cada barriada tiña a súa sociedade recreativa, especie de club, onde se xogaba ás cartas, ao dominó, ao billar... había a dos Castros, a da Gaiteira, o Liceo de Monelos –do que falarei por miúdo algún día- etc.). O chiste estaba en non ser recoñecido (como querían aqueles dous choqueiros na Cousa de Castelao Xa van alá moitos anos). Un amigo da familia dille á miña avoa: -E ti quen es, mascarita? E eu salto rápida e contesto: -Non é unha mascarita, é a miña avoa Pura. Esta mesma avoa é a que se disfrazaba de chorosa viúva con sedas negras (recicladas de vodas e demais) e encabezaba con outras viúvas o mércores de cinza a comitiva fúnebre do pomposo enterro da sardiña na Ponte da Pasaxe (noutrora ía o ataúde da sardiña dar no río de Monelos, pero eu só recordo xa na ponte da Pasaxe; nos últimos tempos a sardiña chímpana ao mar en san Amaro, aquí na Coruña).  

 ("Alto dos xenerais" en santa Eulalia de Vedra)

Sobre o enterro da sardiña unha servidora era proclive a pensar que debeu ser unha tradición mariñeira nun principio, pero cada vez dubido máis neste punto. Vicente Risco considera foránea a tradición. A primeira descrición rica e completa que logramos documentar aparece a mediados do XIX nunha das Escenas matritenses do costumista Mesonero Romanos (a sardiña ía na boca do entroido-moneco gordo, e tras percorrer varias rúas con coros variados –cada coro ou comparsa, un oficio- acaban enterrándoa preto da ponte de Toledo, xunta o terceiro muíño). Para Galicia a primeira referencia que atopamos dátase na Coruña en 1851: “Desde que en el año 1851 se habían iniciado por la Sociedad celebrar el entierro de la sardina, se continuó esta costumbre, aumentando y variando el festival, que terminaba por un sermón o alocución burlesca (así decían los programas), en el Teatro de Variedades [situado daquela na rúa da Franja], cuando no en la Sociedad, precursores aquellos sermones de los actuales apropósitos, tan prodigados en la actualidad [1857]” (en: Felix Estrada Catoyra: Contribución a la historia de La Coruña. La Reunión recreativa e instructiva de Artesanos e sus ochenta y tres años de vida y actuación).


 (A "Academia ibérica da máscara" ten un blog magnífico, moi aconsellable para aumentar os vosos coñecementos sobre o tema)


En Juan de Fermoselle (antropónimo e topónimo saiagués), máis coñecido por Juan del Encina, lemos unha batalla entre a sardiña e o touciño (na liña do de Hita entre don Carnal e dona Coresma): Fue la sardina delante,/rutilante,/ y al tocino arremetió, /y un batricajo le dio/tan cascante/ que no sé quien no se espante./ Domóle tan perpujante/sus porfías/que en estos cuarenta días/yo dudo qu’él se levante. (dentro da égloga titulada precisamente: “Égloga representada la mesma noche de Antruejo”, datada en 1494). O texto de Encina dá que pensar en tradicións choqueiras ou carnavalescas xa moi antigas, medievais talvez, na península, e con posible foco de irradiación peninsular no NO. Claro que este autor do noroeste ibérico estivo en Roma... A influencia de Roma, da romanización como fenómeno cultural é evidente en costumes carnavalescas das nosas vilas e cidades: o Momo, o Meco, a propia representación do Entroido case coma un deus de fartura e hedonismo fainos recordar moito as bacanais e outras festas de clásico avoengo greco-latino. Recordaba este día un noso amigo coruñés que en moitas casas do barrio da Torre, onde se el criou (paradigma de carnaval na cidade herculina), había representacións do entroido que para el poderían remitir a vellos cultos priápicos (eu recordo de rapaz, nos anos 50 e antes, que na miña familia se facía un boneco que se vestía coma un choqueiro, era o entroido, e poñíaselle un grande pau a modo de falo... a un meu curmán gastáranlle unha broma, “ven que imos visitar un enfermo na casa da señora Solla”, e estando o rapaz diante levantan a saba e, uf!,  o meu curman puxérase todo vermello... Eran bromas que se facían... Tamén recordo que era o señor Pibela –que tiña un carro tirado por cabalos para repartir as barras de xeo- o que levaba daquela o moneco do entroido polas rúas...). O noso amigo non relembra nada, en troques, do mércores de cinza (había clase, non o esquezamos). Pero é posible que aquel moneco de entroido se queimase. Para el non cabe dúbida de que nese albergar e fabricar dentro de cada casa un seu moneco-entroido ten un vello paralelismo con aqueles deuses-lares que cada familia gardaba tamén na casa... As bromas, as brincadeiras ou carnavaladas, fannos ter en conta que moitas das tradicións que hoxe se circunscriben ou se asimilan só aos tres días anteriores ao mércores de cinza, formaron noutrora parte dun ciclo moito máis amplo, que comeza xa a finais de decembro coas inocentadas. Así o vemos, por exemplo, en terras bracarenses, terras braganzás. Aí, por outra banda, o que se enterraba nalgunhas aldeas era o bacallau: “Punham o bacalhau numas tábuas e no dia de Entrudo vinha então aquela procissão como o bacalhau e no fim, punham-no de pé, numa algazarra, para lhe recitarem versos. De seguida, enterravam-no” (fala Clotilde Graça, de Vinhais, Bragança, nada en 1921,  e recorda o que se facía cando era unha nena, en: Artes e tradições de Bragança, Lisboa, 1984; o capítulo do carnaval na Bragança de 1978 está elaborado por un equipo de docentes baixo a coordinación de Antero Fernando de Sousa). Todo o recitado que acompañaba o enterro acha a súa correspondencia na Galicia actual no chamado testamento do entroido, ben estudado polos nosos etnógrafos.

 (Foto tomada do xornal "El País" ed. dixital, Marcos Álvarez é artesán das máscaras ourensás, a foto é de Óscar Corral e o artigo, moi ben escrito, é de C. Huete)


Nada desprezable, para nós, é o tema da orixe do entroido en Galicia. Prehistórica en parte (esas máscaras ourensás que se deixan asociar á arte africana ou aos tocados guerreiros papúas...), medieval (tal como din varios estudosos, vinculada talvez á orixe do teatro litúrxico...), decimonónica (tal como se postula para os xenerais da Ulla, ao falarse das lembranzas da francesada e das carlistadas)? Difícil afirmar nada a ciencia certa.

 Lía esta mañá a Filgueira Valverde, nun artigo único sobre o tema (“Do entroido”, publicado por primeira vez  en El Ideal Gallego o 28-II-1981) e comentaba que a el sempre lle chamou a atención que nin “antroido”, nin “carnaval”, nin “carnestolendas”... soan na poesía medieval de Galicia, onde se fala de moitas festas, tendo tanto lugar nos escritos casteláns como no do Arcipreste de Hita. Abro o Xelmírez e vexo que, porén, hai referencias bastante cedas nos textos notariais ou históricos. E todas as citacións do XIII, as máis temperáns, tocan ao territorio materno, á Ourense. Logo volas presento. Antes quero relatarvos as lembranzas da miña nai, nada e criada en Valencia do Sil, Valdeorras: “A avoa Clarisa dicía que non saísemos da casa, os rapaces eran moi brutos, manchábannos todas co betume, a fariña, barro, calquera cousa que ensuciase, poñíannos perdidas”. De onde deducimos algún trazo distintivo básico: división de sexos, brutalidade, mascarada-cambio de pel/de cor.

Este trazo de “atacaren” (un ataque simbólico, que documentamos en distintos lugares da Galicia actual [Domingo fareleiro, también Domingo borrallento porque los muchachos llevan “farelos” o “borralla”, en bolsas y se los echan a las chicas por la ropa y hasta en la boca, Fraguas: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas] en canto que ensucia só: menos simbólico en terras bracarenses: cando Clotilde Graça era rapaciña tiñan que esconderse o mellor que podían dos homes-diabos que zorregaban brutalmente nelas e incluso entraban nas casas perseguíndoas, e podían mesmo romper portas e xanelas –que pagarían en días sucesivos- na quarta feira ou mércores de Cinza) os homes ás mulleres fainos reflexionar de novo sobre os valores primitivos destas carnavaladas ou entroidadas.

Toda esta linguaxe (mestura de ritualidade, simbolismo, sacralidade e memoria) é moi complexa e, malia a nosa sensibilización pola violencia de xénero actual,  non ousariamos posicionarnos. Hai quen relacion os golpes que reciben as rapazas con ritos pagáns fecundatorios (así se interpretaban as chicotadas das festas lupercais en Roma, que se celebraban agora, ben mediado febreiro).

Subxectivamente falando, así pois, o entroido asóciase doadamente a tempos pretéritos en grao sumo: primitivismo: paradigma de medo, escuridade, noite dos tempos, comuñón de animais con seres humanos: vellas danzas de guerra, ou vellos ritos propiciatorios de caza. Isto polo menos nas nosas sociedades ibéricas do norte peninsular. Porque logo hai outra cara da lúa: o carnaval (a palabra parece un claro italianismo, Filgueira dá como bo o étimo carne levare, porque anuncia este momento a prohibición de comer carne por parte da igrexa romana, católica; el mesmo relembra tamén as etimoloxías que se barallaban nas clases de latín do Instituto, máis fantasiosas, como a exclamación “Carne, vale!” ou aqueloutra de “Carrus navalis”, polas carrozas nas festas romanas en forma de nave) urbano, cuxo prototipo podería ser o carnaval de Venecia coa fina e artística recuperación dos arquetipos en parte tomados da Commedia dell’Arte (Pulcinella, Arlecchino, Bauta, Dottore della Peste, Gnaga, Pantalone).

 (Outra foto da mesma edición de "El País")


 Non creo que marremos moito se contrapoñemos o entroido ancestral (desenvólvese por antonomasia en espazos abertos: o da montaña auriense sería modelo: Laza, o Bolo...) ao carnaval vilego e urbano (susceptible de aburguesarse, de desenvolverse en espazos pechados -como  sociedades e casinos-, en simbolizar o poder dunha determinada clase social). O primeiro, popular e tradicional, enxebre, é o que nutre varias das nosas obras literarias (unha das Cousas de Castelao, o lance segundo de Os vellos non deben namorarse, varias das mellores obras dos nosos dramaturgos, como Vidal Bolaño etc.), o segundo vese reflectido en tantas escenas burguesas de bailes de carnaval, do cine, da ópera e da literatura (sen ir máis lonxe, da coruñesa Emilia Pardo Bazán; nun baile de máscaras en Santiago –pero non é no carnaval, senón no día das Candeas- prodúcese o encontro desgrazado entre o pai e a nai de Maxina).

 (O entroido chega ao Instituto: Martina, do Club de Lectura dos venres, homenaxea a David Bowie)

(O entroido no Instituto: Isabel Ruso e Pedro Rodríguez. No equipo directivo o tema é "Os ríos de Galicia")

 (Carmen Aquino, seguimos cos ríos de Galicia)

Á derradeira, velaquí as concorrencias do entroido e variantes, nos textos galegos medievais (atirados do Corpus Xelmírez, de libre acceso na rede):

Ano de 1268: [festa] pro Introido (documento de San Pedro de Ramirás, Ourense; aquí o foro esixido é dun ou dous almudes de viño [o arabismo almude só figura como medida de capacidade para grans no dicionario académico, xa se ve que cumpría ampliar os seus valores a líquidos])

1276: po la [festa] d’ Entruydo (documento de San Clodio do Ribeiro, Ourense, aquí hai que entregar castañas e galiñas).

1298: úun cabrito, por Antroido (doc. San Clodio do Ribeiro).

 (Mapa de elaboración propia. No relativo aos lugares onde se celebra o enterro da sardiña non pretendemos ser exhaustivos)