xoves, 25 de agosto de 2016

A CORUÑA



CORUÑA


DO CHAMADO PORTO ÁRTABRO



Esta parte da península ibérica, o golfo comprendido entre A Coruña e o Ferrol (se ben nos últimos tempos hai estudosos que amplían ese espazo, situando os límites entre os cabos de Vares e de Fisterra), era chamado antigamente, en tempos prehistóricos é de supoñer (porque se supón que os latinos e os gregos recollen unha denominación anterior), Porto dos Ártabros (en latín magnum portum artabrorum). Os ártabros ou arrotrebas eran un pobo, unha etnia; de aí as denominacións coruñesas actuais do tipo Artrabria, Artóbriga, Portas Ártabras, Vía ártabra etc. Unha servidora, sen ir máis lonxe, cando se quere medio burlar dos González  da casa, dilles: vós sodes godos, eu son ártabra, un respecto... Seguindo a máis fina e pura tradición da tribo hispana (amante das categorizacións e subcategorizacións: maquetos, charnegos, godos –VS guanches-, e como era aquela distinción de Torrente en La saga fuga..., suevos /VS/ gregos?, gabachos etc.).

Unha das cidades importantes dos ártabros era Adóbriga, sobre a que se verteu moitísima tinta. Paremos tamén nós aquí un pouco, inda que non é ela o núcleo principal do noso interese. No que eu sei, hai tres posibles localizacións para Adóbriga (A Coruña fica excluída xa a priori, porque varios autores –Plinio, Mela e Ptolomeo- dan listaxe de cidades ártabras e enumeran como lugares distintos Brigantium e Adobriga). Este nome, Adóbriga, parece compartir a raíz étnica, Art-, hai documentada variante con –r-, Ardobriga/Adróbiga..., raíz de Arteixo e supoñemos que raíz compartida polo antropónimo Arturo. Emparentado este tema verosimilmente co nome do plantígrado, o oso.

Tres localizacións, diciamos: unha sitúa Adóbriga preto do actual Ferrol. Os ferroláns aprópianse desa voz (por exemplo Adóbriga é un grupo musical ferrolán) e creo que fan ben, porque é unha posibilidade entre outras, e non cabe dúbida de que esa terra pertenceu ao golfo ártabro. Defendeu e formulou esta hipótese Federico Maciñeira a principios do século XX.

 (O chamado 'Coloso de Pedralba' portugués. Foto tomada da Internet)


En troques, para o defunto Isidoro Millán González-Pardo Adóbriga se corresponde coa actual Pontedeume. Non teño a man o libro, pero algún argumento era moi sedutor ao meu entender. Preto de Pontedeume perviven os topónimos Doroña e Trasdoroña. Rizando o rizo podemos ver parte da raíz de (A)dor + briga, con metátese de (A)rdo + briga, con cambio de sufixo, sempre hipotizando, claro.

En terceiro lugar, creo que merece a pena ter en consideración a hipótese de M. Alberro, da  universidade de Uppsala (Suecia), quen sitúa o porto ártabro exactamente na ría de Corcubión, xustamente onde hoxe se atopa o lugar de Duio. A min sedúceme moitísimo esta hipótese. Entre (A) dóbriga e Duio vexo unha clara posibilidade de termos matriz e derivada, con cambio de xénero. A terminación –briga dá lugar a múltiples variantes: en Dumbría temos unha (seguindo a Monteagudo); en Seavia temos outra; e moi posiblemente esa terminación está latente en Oia. Kremer (na obra que citamos máis abaixo) agrupa as formas documentadas Donabria, Duauria, Duaura, Duaria, Duavia e pregúntase se serán variantes.

Dito isto, e á espera de conclusións máis terminantes por parte dos expertos, pasemos ao núcleo central do meu interese: aquilo que me fixo coller a pluma. Hai un libro publicado no 2014 pola UDC, El golfo ártabro. Fragmentos de historia litoral y patrimonio, onde atopamos unha nova interpretación para unha frase enigmática de Ptolomeo.

O artigo en cuestión é este: “La ruta marítima atlántica de época romana: Entre Cale (Porto), Brigantium (Golfo Ártabro) y Oiassó (Irún)”, de Antonio Rodríguez Colmenero e Santiago Ferrer Sierra.  Dentro dese longo e rico artigo intégrase a frase do autor alexandrino, Ptolomeo, referida ao gran golfo dos Galaicos Lucenses: Flavio Brigantio, o promontorio de Lapatia Korou co Trileuko e a desembocadura do río Mero (Ptol. II, 6, 4; p. 259 do libro citado, tradución nosa ao galego; a transcrición do grego sería esta: Lapatia kórou ákron to kai trileukón. E aquí vén o bo. Os autores (nunca lera nada de Ferrer, arqueólogo, pero si lin estudos sobre Lugo de Rodríguez Colmenero, catedrático que foi durante anos de Historia Antiga, un peso pesado no seu) atrévense a lanzar a seguinte hipótese sobre a localización dese promontorio dos Lapatia korou e o do trileukón: fronte á interpretación estándar (máis consolidada) que sitúa os lapatia (voz prerromana, probablemente habitantes dun lugar así chamado, ou simplemente topónimo: a min Lapatia recórdame moito á prerromana Palantia..., incluso parece a mesma raíz metatizada) preto de Ferrol (esgrimindo o argumento poderoso de termos documentado nun lugar que se corresponde co actual Moeche o topónimo Labacengos, estreitamente emparentado con *lapant + encos/ancos derivado do Lapant-  de Ptolomeo), fronte a esa interpretación, digo, Rdguez. Colmenero e Ferrer Sierra atrévense a situar o promontorio onde a actual Torre de Hércules, baseándose eles á súa vez en dous argumentos discutibles pero posibles (non probables, si posibles emporiso). Un, ven na voz korou un xenitivo de posesión ou de relación: o promontorio ese de Lapantia sería dedicado ou relacionaríase cun heroe ou xove guerreiro (en grego ese é un valor, un sema, da palabra kóros -feminino kóre; outro valor ou sema posible é ‘forte’, estreitamente vinculado á heroicidade), e relembran eles a posibilidade de que os restos atopados onda a torre herculina dunha inscrición dedicada á Marte e incluso restos de metal, fan posible pensar nunha estatua (dedicada a ese xove guerreiro) alí erixida noutrora: sumádelle a isto o feito de que a voz grega trileukón pode aludir a tres luces que brillan, e xa temos hipotizada unha mención moi anterior a Orosio, do faro brigantino, do faro ártabro por excelencia.

A estatuaria castrexa coñecémola, un tanto rudimentaria, enorme, xigantesca (guerreiros galaicos ou lusitanos, como gustedes, hainos no museo de Ourense e no de Guimaraes, hai un tremendo xigante de pedra na Galicia bracarense, o denominado Coloso de Pedralba).  Pero calquera sabe... Dunha banda, un dubida e é escéptico. Como nos podemos fiar dun grego que nin tan sequera estaría nunca aquí no noroeste e que falaba de oídas...? Pero tamén é certo que o contacto, a comunicación comercial co Mediterráneo e os habitáculos do noroeste está máis que probada, por exemplo, no Castro de Elviña atópanse probas destes intercambios comerciais cos pobos mediterráneos a fartar... Logo non eramos descoñecidos nin moito menos para eles, para os gregos...

Quixera, ora ben, engadir á hipótese de R. Colmenero e F. Sierra tres observacións, se tedes paciencia aínda para escoitarme. Primeira: se se queren buscar referencias actuais preto da Torre de Hércules á raíz Lap- de Lapantia, temos dúas conservadas: Labañou e os Lapidos. Labañou (actualmente nome de avenida e de barriada coruñesa) é topónimo vello, ben documentado na Idade Media xa (Corpus Xelmírez), ten praia-coial, ten fontes de boa auga, foi -e aínda conserva minimamente as trazas- unha aldea de pescadores, de bravas xentes que viven do mar, e se a idea de vincular esa voz a Palantia fose válida, debo dicirvos que subsiste tamén o microtopónimo de paredes, ben coñecido polos pescadores do século XXI (cerca dos illotes do Portiño, Paredes é unha zona entre a Zambela e o Portiño, rochosa; dígovolo porque segundo Menéndez Pidal Palas significaría xustamente iso, paredes de pedra verticais). Os Lapidos son dúas formacións rochosas tremendas, como dorsais de dinosaurios, en paralelo, que afloran do mar en Labañou, indo tamén cara ao Portiño actual.

 (A fonte de Labañou, hoxe cegada, desfeita...)

 (Labañou: en primeiro plano o coial, chamado tamén 'o penoural'; ao fondo, aló lonxe, albíscanse os Lapidos)

 (As inmensas moles graníticas -pedra branca, explotada como canteira durante anos para os pavimentos e construcións da cidade ártabra- de Labañou/monte actualmente chamado de san Pedro)

 (Outra perspectiva do Penoural de Labañou)

 (Vestixios do que fora Labañou-aldea de mariñeiros; as catro fotos de Labañou foron feitas por Xácome González Soto)

Segunda observación a ter en conta: a voz korou. Por que non pensar que temos aí  a raíz de Cor + onia, de Coruña? Dá idea de sema pétreo, innegablemente. Podería haber unha reduplicación, nada infrecuente en toponimia (Lapatia korou, ‘Pedra de pedras’, ‘pétrea parede de pedras’). Recórdanos D. Kremer, nunha obra xa clásica, Onomástica Galega, que hai moitos topónimos galegos, Coroño, Cora, Corón, Coronio (Coronio como variante medieval, se non me falla a memoria, pero hai tamén unha inscrición epigráfica antiga aparecida en Mérida onde é antropónimo) onde el, o sabio alemán, ve a raíz *Kor- ‘pedra’. A voz de Ptolomeo pode que recolla unha forma indíxena tamén, unha forma prerromana (como a forma Curantes, en territorio máis interior, preto da pontevedresa actual A Estrada, pero en territorio de –obre, porque está próximo a Callobre), e aí, en Curantes,  Kremer ve unha palabra prerromana, e atrévese a relacionala con Curuto, Curota. Esta argumentación trae á miña memoria a pregunta do meu apreciado Méndez Ferrín, por que esta cidade ten dous e incluso tres nomes? E que hai de estraño niso? Brigantia e Coruña son nomes vellos para un promontorio-península de viva rocha, rochoso. A actual Osma levaba emparelladas dúas voces (dous nomes, subs. mais adx.) na antigüidade: Uxama Argaela. Coma a celtíbera Contrebia Belaísca do bronce de Botorrita. París e Lutecia. Alba Longa e Roma. Santiago de Compostela. Etc. Grande é o mundo, grande a filoloxía. Grande o que inda nos queda por saber.

 (A punta, o cabo de Seixo Branco, en Mera, en fronte da Torre de Hércules, visto desde o mar. Foto tomada da Internet)


Terceira e rematamos por hoxe. A voz trileukón pode referirse non tanto ao faro, á luz de aviso para navegantes, como á cor branca. Esa palabra grega, leukós, permítenos xogar coas dúas interpretacións. Na punta-cabo-promontorio de Seixo Branco en Mera, perfectamente visible desde os barcos que penetran no territorio ártabro, hai, na perspectiva tomada desde o mar, tres zonas, tres anacos, tres manchas na rocha escura, en cuarzo branco. Esa é outra posibilidade que non se pode desprezar. Aquí vos deixo. Recordade sempre que a historia das palabras vale perfectamente como método para viaxar no tempo e no espazo. A comunicación é un ben preciosísimo.




mércores, 17 de agosto de 2016

LENDO A...



LENDO A PONIATOWSKA



Dicía hai anos Loli Romarís nunha daquelas tertulias de recreo tomando café no Riazor, “cando me xubile dedicareime non a ler senón única e exclusivamente a reler”. Eu tamén fago proxectos (cultivarei rosas, teremos sempre un bo libro e un bo xamón a man, escribirei, abriremos un bo viño cando veñan visitarnos familia e/ou amigos...) para a xubilación, xa próxima, e de cando en vez releo. Relemos estes días estomballados so as maceiras. Luís está con Balzac. Eu releo os relatos do libro Llorar en la sopa, de Elena Poniatowska. Ningún comparable a “Coatlicue”. Paréceme soberbio. Hainos moi bos, pero este para min leva a palma. Por que? Por que exerce sobre min esa fascinación inevitable, envolvente, arrastradora? Quizais porque me identifico co personaxe en certa medida. Quizais polo forte paralelismo, a razón clara de semellanza que a miña mente establece entre a dialéctica básica que formula “Coatlicue”, cultura prelóxica/precolombina/territorio dos deuses arcaicos e dos mitos e ritos de arrepiante beleza, e a dialéctica propia en que –como ser humano galego- eu vivo (ou creo vivir se se prefire deixar sempre aberta a dúbida sobre cal é a verdade do que se experimenta como vida). A relación de Marcela e Coatlicue é un trasunto da relación entre parte do noso ser  cos deuses arcaicos, as raíces arcaicas, os valores arcaicos, a orixe brutal, sen piedade nin igualdade nin raciocinio legal, en que se funde e cobra forma o barro primeiro. Suponse que Marcela vive por culpa en parte do pulque unha paranoia. A paranoia de ser fagocitada e transportada a un mundo feroz, a paranoia de estar sendo devorada polo outro (a outra) nunha especie de simbiose/atracción poderosa e fatal: sente a outra cara da lúa/do amor que a posúe e a arrinca de si propia. E nese camiño ao pseudo inferno o ex amante e amigo, Luis, é chamado inicialmente como o guía-Virxilio, para logo, vista a súa ausencia, convocar nun berro universal-de parto continuo-regreso ao seo orixinal, á nai.

Que relato magnífico. Chama á nai na proximidade da morte coma unha nena chea de medos. É inevitable a identificación. Confeso algunhas das miñas dependencias: os mitos primixenios, a infancia de umbilical unión á miña nai. Pero confeso igualmente a pseudo paranoia de vivir nun mundo alienado e alienante tantas veces, onde resulta difícil achar o teu lugar xusto.

Nunha alegoría lorquiana, as roxas xinxivas da Coatlicue, derivan en ríos de sangue e o vermello do sangue precolombino asolaga as páxinas mellores deste relato.



 (Foto tomada nun libro da biblioteca do cruceiro deste verán, trátase dun cadro de W. R. Leigh titulado "Hopi Indian Runners", obra datada en 1913. Cando eramos estudantes da USC falábasenos da obra de E. Sapir, quen estivo en Novo México aprendendo a linguaxe dos hopi. Novo México pasou a ser dos EE UU pouco antes de que Leigh os pintase cazando a lebre cunha especie de búmerang)

A primeira vez lino dun tirón, de vez. Esta tarde paraba de parágrafo en parágrafo: de frase en frase. Subliñaba co lapis (Diariamente devoro al Sol, lo meto en mi vientre para parirlo de nuevo al día siguiente –la escuché decir). Deixaba en suspenso a mente, o xuízo, deixábame posuír por unha imaxe do verde circundante, o rumor da auga, un insecto que voaba, unha escasa andoriña que baixa en filigrana a pillar insectos mortos na superficia da auga... Relembrei a Xulio Cuba (cando estou na aldea sento xunto ao rego e son capaz de pasar horas contemplando calquera mínima cousa, pasa o tempo sen sentilo) como relembrei os tempos longos, as tardes infinitas dos veráns en Valdeorras de nena.

Fomos visitar noutronte á curmá do meu home que vive doutro lado do Deza, en san Xurdo, e dicía Adela nun momento dado, falando de filiacións e parentelas, e agora, des que mamá xa non está, a quen lle pregunto eu estas cousas... Ela era a que o sabía. A nai, a depositaria por antonomasia das raigames. Que boa coción, mestura sabia de elementos hai nese relato da autora Premio Cervantes (no 2013).

A mestura évos un concepto claro ao meu entender. A mestizaxe incrible dá froitos eternos. Pódese dicir que México é un deles. A lingua agrela coma unha fonte que non cesa de alimentarnos aos que amamos as palabras. Dille Coatlicue cando quere que Marcela baile con ela: Por el sudor de las piedras y el alma de mis cuatrocientos hijos. Case estou por dicirvos que temos aquí un número máxico: Á parte da libre asociación cos catrocentos golpes de Truffaut, atopámolo no proverbio: Catrocentas mulleres, catrocentos pareceres. Máis adiante dille: Te mostraré los trece cielos. Escápaseme. Hai que ler máis mitoloxía azteca ou mexica. No episodio cervantino (teño entendido que de influencia árabe, a través de versións medievais francesas) de Clavileño son sete (se non marro) os círculos, os sete ceos.

Iso sen falarmos nin deternos moito no puro (merito) léxico precolombino. Só neste relato: chipotes (vén no DLE, do náhuatl, co valor de ‘chichón’, inda que no texto se refire a chipotes no chan, en coordinación coas fochancas, e falando de nivelar ben o terreo; algo así como os peteiros en galego, bultos de bosta cubertos de herba que permanecen salferindo os prados), huizache (vén no DLE, do náhuatl, un tipo de árbore espiñenta), pulque (DLE, do náhuatl), teponaxtles (no DLE figura a variante teponastle, do náhuatl, un tipo de tambor pequeno), mezquite (tamén no DLE e tamén do náhuatl, é unha árbores das mimosáceas, atírase dela extractos con valor médico; fixádevos como a Academia Española incorpora cada vez máis voces do español de América, deixando clara constancia da orixe: é algo inequivocamente bo, enriquecedor: agora debemos procurar facer o mesmo –clara constancia- coas voces do español cuxa orixe está en Galicia ou no ámbito galego-portugués, teño aí un pequeno comentario pendente).

No cruceiro do que xa vos falei a semana pasada había bastantes mexicanos. Un deles, o pai de María, era un grande e culto conversador. Falando con el da riqueza e das variacións do español de México citaba eu as linguas de sustrato precolombinas e comentaba que algunhas delas, coma o náhuatl, son faladas aínda por millóns de persoas. Mostrouse o meu interlocutor escéptico neste punto. Millones millones...

Ímolo deixar neste punto e hora. A wikipedia cita un censo do ano 2010 para cifrar en máis de millón e medio o número de falantes de náhuatl só en México. Na casa da Coruña teño un espléndido libro de poesía náhuatl. Outro día retomamos por aí o fío. Sigamos esperando polo sol de agosto.

 (Charo con María. María era, para moitos de nós, a raíña indiscutible do cruceiro. María naceu e criouse na cidade de México D. F.)


mércores, 10 de agosto de 2016

VISITANDO



VISITANDO O BÁLTICO



Acabo de chegar de viaxe polo norte de Europa. Deixei un pouco abandonado o blog e o xardín. Creo que secaron definitivamente dous groselleiros que me regalaran Puri e Toto en marzo, canda o meu cumpreanos. Por aquí, pola doce terra de Deza, fixo moita calor estes días atrás; en troques polas terras bañadas polo Báltico, o sol brillou pola súa ausencia. Ben, debo dicirvos que viaxamos os tres (iamos ser os catro pero o fillo maior quedou por mor do traballo, mágoa) nun cruceiro. Unha cidade de seu, eramos preto de tres mil almas. Tamén debo xustificar esta opción porque nunca sentín a mínima atracción pola vida cruceril. Pero uns amigos encarecéronnos tanto a súa experiencia hai un ano polo Mediterráneo, tanto tanto e eles son tan apreciados por nós que decidimos probar; iamos seguir máis ou menos fielmente os seus pasos: Atenas, un par de illas gregas e Estambul, integrando –iso si- como visita obrigada a illa de Creta (onde se supón que a cabra Amaltea criara a Zeus), e cando xa estaba todo reservado e contratado, suprimiron da ruta Estambul e no seu lugar ofrecíannos un par de illas mínimas. Nada, viramos ao norte.


Os nosos amigos non pillaran un cruceiro tan mastodóntico. A chegada ao porto de Amsterdam e a vista daquelas ringuileiras infinitas de xente, as formas expeditivas de mandarnos ir de acó para aló, tipo gando, a presenza de anciáns prototípicos de película con xubilados en Miami Beach, a vista do xigantesco barco-cidade, todo isto fixo que na primeira xornada case me entrase unha especie de desánimo depresivo, cun pensamento dominante, Que fago eu aquí?

 (No 'Hermitage' había moitos obxectos feitos en malaquita dos Urais; todas as fotos son tomadas por nós)
 
Non está na miña natureza, afortunadamente, compracerme no desánimo. Ao feito, peito. Habería que buscar o positivo. Haber había moitas cousas boas: amplo camarote con balcón e hamacas aberto ao mar; un servizo superamable e atento; comida excelente, variada e abundante; boa música (The Funky T, a banda oficial do barco, 5 xoves que tocaban estupendamente versións de Tom Petty, Van Morrison, The Rolling, Creedence...), unha piscina climatizada con luz natural inenarrable, unha biblioteca de aquí te espero onde nos deleitamos horas e horas (a ver se vos conto algo dos libros curiosísimos que puiden controlar, porque, carísimos, case todo o inglés que eu estudei de nena no Eusebio perdeuse irremediablemente no tocante á competencia oral, pero leo o que me boten na lingua de Graham Greene...), un salón de xogos onde emulei aos meus ancestros (papá e o avó Manolo, que eran grandes afeccionados) xogando ao dominó... E logo están os conxéneres, a grande familia hispanoamericana, que boa xente había, tanto de México como de Arxentina, ah!, e a parella de catalán e rusa (Alina): encantadores todos. 

 (Unha 'Koré' da cultura minoica, do 670 antes de C., en depósito no Hermitage, unha marabilla)

E tras estes prolegómenos (na época da Universidade era prototipo de lingüista avanzado e poderoso o danés Louis Hjelmslev, cuxa obra capital se titula Prolegómenos a unha teoría da linguaxe: en Copenhaguen dixen a ver se hai sorte e vemos unha placa na que diga ‘aquí naceu/viviu/morreu L. H.’ pero xa me desenganou o meu sabio esposo, calquera outro personaxe aínda aínda, pero Charo, un lingüista, esquéceo...) entremos en materia. En primeiro lugar quero falarvos de San Petersburgo. Quizais a cidade visitada neste periplo favorita. As outras eran tamén fermosas, pulcras, elegantes, pero a rusa, con esa pátina gris –recibiunos con chuvia e ceo anubrado- familiar, con ese aire de certa decadencia, de estar aínda ancorada no pasado próximo, a min relembroume por veces o Porto de hai anos..., San Petersburgo antollóuseme moi humana; coincidiunos que o domingo celebraban o Día da Mariña ou da Armada Rusa, había barcos de guerra griseiros engalanados no río, un grandísimo submarino, bandeiras por onde queira e todo o mundo se botou á rúa, en familia, en son de festa rachada... A nosa guía (pai  cubano e mae rusa, nacida alí e criada en Oriente, Cuba, preto de onde viviron anos largos os meus avós maternos, onde naceron os catro irmáns da miña nai...) advertíanos aquí e acolá que tiveramos coidado cos carteiristas, os bolsos diante, o importante sempre diante, preto do corazón, dicía (e eu pensaba en Nápoles, ese tipo de cidades algo caóticas mais auténticas). Este é o momento en que vos digo que unha servidora leu de rapaza a Tolstoi, a Dostoievski, a Gogol, a Chejov (e inda releo con pracer). Esta vosa servidora pensa como Tolstoi que os nosos países son irmáns, e algo malfadados na súa historia... Antes de que ela, Estrella, nos falase, eu xa sabía o que era unha dacha, como sei das batallas contra Napoleón (Guerra e Paz), como sei o que é unha isba (con paticas de galiña, grazas aos contos de Afanasiev); cando un coro ad hoc (para turistas) cantou para nosoutros no pazo de Catarina a grande en Pushkin, emocioneime: permitídeme a hipérbole: oía e tocaba a saudade da alma rusa. Ah! Os humanísimos tópicos e mitos dos seres humanos que amamos tanto a terra que nos criou! A Terra nai. Sei igualmente que toda a terra é do home. Dicía o meu esposo retranqueiro, Rusia tiña que entrar na Unión... El dicíao con algo de retranca porque todos sabemos que a día de hoxe é pedirlle peras ao carballo, pero eu contestei, Ou Virxe, que gran idea! Que máis quixera Europa que ser así de grande!


Un tema recorrente nas visitas ao Hermitage, aos xardíns de recreo nas aforas (Peterhof) e nos pazos ou palacios é a referencia inevitable á guerra. Impresionoume vivamente. Galería de fotos da destrución. O pobo, sempre o pobo, foi heroico. Coma o pobo coruñés (a menor escala, evidentemente) no asedio dos británicos, como o zaragozano no dos franceses, como o de Madrid, varias veces heroico, o pobo ruso da cidade visitada resistira case tres anos o asedio fascista. Non puideron os nazis penetrar no casco urbano, pero si estiveron na periferia (palacio de Catarina, xardíns e pazos de Peterhof) e a rapina foi brutal, sistemática, incriblemente ben organizada. Xa vedes para o que valen tamén as guerras, fillos: para roubar coma os 40 ladróns elevados á enésima potencia. Na biblioteca do barco, entre as pequenas xoias que atopei, vin unha publicación en 6 tochos, 6 volumes, co catálogo inabarcable do roubado só alí. Parte foi recuperado, parte grande non. Alemaña pagou 11 millóns de euros só para recompensar o roubo do ámbar (da famosísima Sala de ámbar do palacio de Caterina en Pushkin). Que pasada!

 (Durante o asedio alemán, diante da igrexa do santo Isaac, no corazón da cidade,  plantáronse coles)

E vimos unha voda, baixaba a comitiva por unha especie de peirao á ribeira do Neva, preto das esfinxes exipcias. Brindaban co cava ruso (no restaurante tamén nolo serviron a nós, xunto coa obrigada copa de vodka que hai que baixar dun grolo, de vez, porque se non rasca a gorxa, ou iso din porque esa bebida non entra nas nosas preferencias –pero si que nos quedamos coa copla da graduación: parece que se debeu a Mendeleiev, o da táboa periódica: el decidiu que 20 graos eran poucos, 60 demasiados, 40 a medida xusta-, como tamén nos agasallaron co famoso caviar servido á maneira do país: nunha rabanada fina de pan orlado de manteiga) e logo chimpaban co cristal contra o chan para concitar a boa sorte, mentres gritaban a coro Gorka!, que significa non Que se beixen!, como facemos nós nas nosas vodas modernas, senón Amargo!, porque amarga é a copa da vida do matrimonio algunha que outra vez. Non todos os días son de perdices e viviron felices. Iso é sabedoría ancestral. Gustoume.
Explicaba Estrella que aínda perduran os apartamentos comunais e moitos do noso grupo querían saber en que consiste (eran dous grupos en español, se ben a maioría no cruceiro se defendía perfectamente en inglés). Eu díxenlle ao meu fillo, hai que ver a peli de ‘Doutor Zhivago’ para saber en que consiste iso... Basicamente onde antes vivía unha familia burguesa, tras a revolución de outubro, a soviética, pasan a vivir tantas familias como habitacións tiña o piso/apartamento, e comparten facendo quendas cociña e baño. Alina negábao. Xa non hai diso, ou polo menos eu non coñezo ningún caso...


(Foto da destrución e foto actual, xardíns e palacio de Peterhof, nas aforas de San Petersburgo)

 

Remato por hoxe: impresionáronme tamén os bosques. As fragas nas aforas da cidade. Masas mechas,  masas de escuro verde. Os bosques de Pedro e o lobo, os bosques dos contos populares (por certo, sabedes que en Siberia por causa do home e a subida das temperaturas rexurdiron do subsolo restos de renos con ántrax? Un horror...). Comentaba ela que aos seus concidadáns moito lles gusta ir na fin de semana recoller cogomelos, amorodos e bagas silvestres, que adoitan facer marmelada en abundancia para o inverno. Nas dachas tamén cultivan en pequenos hortos todo o que poden e fan conservas para aforrar algo. Os soldos da inmensa maioría non son moi altos e cómpre economizar.