CORUÑA
DO CHAMADO PORTO ÁRTABRO
Esta parte da
península ibérica, o golfo comprendido entre A Coruña e o Ferrol (se ben nos
últimos tempos hai estudosos que amplían ese espazo, situando os límites entre
os cabos de Vares e de Fisterra), era chamado antigamente, en tempos
prehistóricos é de supoñer (porque se supón que os latinos e os gregos recollen
unha denominación anterior), Porto dos
Ártabros (en latín magnum portum
artabrorum). Os ártabros ou arrotrebas eran un pobo, unha etnia; de aí as
denominacións coruñesas actuais do tipo Artrabria,
Artóbriga, Portas Ártabras, Vía
ártabra etc. Unha servidora, sen ir máis lonxe, cando se quere medio burlar
dos González da casa, dilles: vós sodes godos, eu son ártabra, un respecto... Seguindo a máis
fina e pura tradición da tribo hispana (amante das categorizacións e
subcategorizacións: maquetos, charnegos, godos –VS guanches-, e
como era aquela distinción de Torrente en La
saga fuga..., suevos /VS/ gregos?, gabachos
etc.).
Unha das cidades
importantes dos ártabros era Adóbriga, sobre a que se verteu moitísima tinta.
Paremos tamén nós aquí un pouco, inda que non é ela o núcleo principal do noso
interese. No que eu sei, hai tres posibles localizacións para Adóbriga (A
Coruña fica excluída xa a priori, porque varios autores –Plinio, Mela e
Ptolomeo- dan listaxe de cidades ártabras e enumeran como lugares distintos Brigantium e Adobriga). Este nome, Adóbriga,
parece compartir a raíz étnica, Art-,
hai documentada variante con –r-,
Ardobriga/Adróbiga..., raíz de Arteixo
e supoñemos que raíz compartida polo antropónimo Arturo. Emparentado este tema verosimilmente co nome do plantígrado,
o oso.
Tres localizacións,
diciamos: unha sitúa Adóbriga preto do actual Ferrol. Os ferroláns aprópianse
desa voz (por exemplo Adóbriga é un
grupo musical ferrolán) e creo que fan ben, porque é unha posibilidade entre
outras, e non cabe dúbida de que esa terra pertenceu ao golfo ártabro. Defendeu
e formulou esta hipótese Federico Maciñeira a principios do século XX.
(O chamado 'Coloso de Pedralba' portugués. Foto tomada da Internet)
En troques, para o
defunto Isidoro Millán González-Pardo Adóbriga se corresponde coa actual
Pontedeume. Non teño a man o libro, pero algún argumento era moi sedutor ao meu
entender. Preto de Pontedeume perviven os topónimos Doroña e Trasdoroña.
Rizando o rizo podemos ver parte da raíz de (A)dor + briga, con metátese de (A)rdo
+ briga, con cambio de sufixo, sempre hipotizando, claro.
En terceiro lugar,
creo que merece a pena ter en consideración a hipótese de M. Alberro, da universidade de Uppsala (Suecia), quen sitúa o
porto ártabro exactamente na ría de Corcubión, xustamente onde hoxe se atopa o
lugar de Duio. A min sedúceme moitísimo esta hipótese. Entre (A) dóbriga e Duio vexo unha clara
posibilidade de termos matriz e derivada, con cambio de xénero. A terminación –briga dá lugar a múltiples variantes:
en Dumbría temos unha (seguindo a
Monteagudo); en Seavia temos outra; e
moi posiblemente esa terminación está latente en Oia. Kremer (na obra que citamos máis abaixo) agrupa as formas
documentadas Donabria, Duauria, Duaura,
Duaria, Duavia e pregúntase se serán variantes.
Dito isto, e á
espera de conclusións máis terminantes por parte dos expertos, pasemos ao
núcleo central do meu interese: aquilo que me fixo coller a pluma. Hai un libro
publicado no 2014 pola UDC, El golfo
ártabro. Fragmentos de historia litoral y patrimonio, onde atopamos unha
nova interpretación para unha frase enigmática de Ptolomeo.
O artigo en cuestión é este: “La ruta marítima
atlántica de época romana: Entre Cale
(Porto), Brigantium (Golfo Ártabro) y
Oiassó (Irún)”, de Antonio Rodríguez
Colmenero e Santiago Ferrer Sierra. Dentro dese longo e rico artigo intégrase a
frase do autor alexandrino, Ptolomeo, referida ao gran golfo dos Galaicos Lucenses:
Flavio Brigantio, o promontorio de
Lapatia Korou co Trileuko e a desembocadura do río Mero (Ptol. II, 6,
4; p. 259 do libro citado, tradución nosa ao galego; a transcrición do grego
sería esta: Lapatia kórou ákron to kai
trileukón. E aquí vén o bo. Os autores (nunca lera nada de Ferrer,
arqueólogo, pero si lin estudos sobre Lugo de Rodríguez Colmenero, catedrático
que foi durante anos de Historia Antiga, un peso pesado no seu) atrévense a
lanzar a seguinte hipótese sobre a localización dese promontorio dos Lapatia korou e o do trileukón: fronte á interpretación
estándar (máis consolidada) que sitúa os lapatia
(voz prerromana, probablemente habitantes dun lugar así chamado, ou simplemente
topónimo: a min Lapatia recórdame
moito á prerromana Palantia...,
incluso parece a mesma raíz metatizada) preto de Ferrol (esgrimindo o argumento
poderoso de termos documentado nun lugar que se corresponde co actual Moeche o
topónimo Labacengos, estreitamente
emparentado con *lapant + encos/ancos
derivado do Lapant- de Ptolomeo), fronte a esa interpretación,
digo, Rdguez. Colmenero e Ferrer Sierra atrévense a situar o promontorio onde a
actual Torre de Hércules, baseándose eles á súa vez en dous argumentos
discutibles pero posibles (non probables, si posibles emporiso). Un, ven na voz
korou un xenitivo de posesión ou de
relación: o promontorio ese de Lapantia sería dedicado ou relacionaríase cun
heroe ou xove guerreiro (en grego ese
é un valor, un sema, da palabra kóros -feminino
kóre; outro valor ou sema posible é ‘forte’, estreitamente vinculado á
heroicidade), e relembran eles a posibilidade de que os restos atopados onda a
torre herculina dunha inscrición dedicada á Marte e incluso restos de metal,
fan posible pensar nunha estatua (dedicada a ese xove guerreiro) alí erixida
noutrora: sumádelle a isto o feito de que a voz grega trileukón pode aludir a tres luces que brillan, e xa temos
hipotizada unha mención moi anterior a Orosio, do faro brigantino, do faro
ártabro por excelencia.
A estatuaria
castrexa coñecémola, un tanto rudimentaria, enorme, xigantesca (guerreiros
galaicos ou lusitanos, como gustedes, hainos no museo de Ourense e no de
Guimaraes, hai un tremendo xigante de pedra na Galicia bracarense, o denominado
Coloso de Pedralba). Pero calquera sabe... Dunha banda, un dubida
e é escéptico. Como nos podemos fiar dun grego que nin tan sequera estaría
nunca aquí no noroeste e que falaba de oídas...? Pero tamén é certo que o
contacto, a comunicación comercial co Mediterráneo e os habitáculos do noroeste
está máis que probada, por exemplo, no Castro de Elviña atópanse probas destes
intercambios comerciais cos pobos mediterráneos a fartar... Logo non eramos
descoñecidos nin moito menos para eles, para os gregos...
Quixera, ora ben,
engadir á hipótese de R. Colmenero e F. Sierra tres observacións, se tedes paciencia
aínda para escoitarme. Primeira: se se queren buscar referencias actuais preto
da Torre de Hércules á raíz Lap- de
Lapantia, temos dúas conservadas: Labañou e os Lapidos. Labañou (actualmente nome de avenida e de barriada coruñesa) é topónimo
vello, ben documentado na Idade Media xa (Corpus Xelmírez), ten praia-coial,
ten fontes de boa auga, foi -e aínda conserva minimamente as trazas- unha aldea
de pescadores, de bravas xentes que viven do mar, e se a idea de vincular esa
voz a Palantia fose válida, debo dicirvos que subsiste tamén o microtopónimo de
paredes, ben coñecido polos
pescadores do século XXI (cerca dos illotes do Portiño, Paredes é unha zona entre a Zambela e o Portiño, rochosa; dígovolo porque
segundo Menéndez Pidal Palas
significaría xustamente iso, paredes de
pedra verticais). Os Lapidos son
dúas formacións rochosas tremendas, como dorsais de dinosaurios, en paralelo,
que afloran do mar en Labañou, indo tamén cara ao Portiño actual.
(A fonte de Labañou, hoxe cegada, desfeita...)
(Labañou: en primeiro plano o coial, chamado tamén 'o penoural'; ao fondo, aló lonxe, albíscanse os Lapidos)
(As inmensas moles graníticas -pedra branca, explotada como canteira durante anos para os pavimentos e construcións da cidade ártabra- de Labañou/monte actualmente chamado de san Pedro)
(Outra perspectiva do Penoural de Labañou)
(Vestixios do que fora Labañou-aldea de mariñeiros; as catro fotos de Labañou foron feitas por Xácome González Soto)
Segunda observación
a ter en conta: a voz korou. Por que
non pensar que temos aí a raíz de Cor + onia, de Coruña? Dá idea de sema pétreo, innegablemente. Podería haber unha
reduplicación, nada infrecuente en toponimia (Lapatia korou, ‘Pedra de pedras’,
‘pétrea parede de pedras’). Recórdanos D. Kremer, nunha obra xa clásica, Onomástica Galega, que hai moitos
topónimos galegos, Coroño, Cora, Corón,
Coronio (Coronio como variante
medieval, se non me falla a memoria, pero hai tamén unha inscrición epigráfica
antiga aparecida en Mérida onde é antropónimo) onde el, o sabio alemán, ve a
raíz *Kor- ‘pedra’. A voz de Ptolomeo
pode que recolla unha forma indíxena tamén, unha forma prerromana (como a forma
Curantes, en territorio máis
interior, preto da pontevedresa actual A Estrada, pero en territorio de –obre, porque está próximo a Callobre),
e aí, en Curantes, Kremer ve unha palabra prerromana, e atrévese
a relacionala con Curuto, Curota.
Esta argumentación trae á miña memoria a pregunta do meu apreciado Méndez
Ferrín, por que esta cidade ten dous e
incluso tres nomes? E que hai de estraño niso? Brigantia e Coruña son nomes
vellos para un promontorio-península de viva rocha, rochoso. A actual Osma
levaba emparelladas dúas voces (dous nomes, subs. mais adx.) na antigüidade: Uxama Argaela. Coma a celtíbera Contrebia Belaísca do bronce de
Botorrita. París e Lutecia. Alba Longa e Roma. Santiago de Compostela. Etc. Grande
é o mundo, grande a filoloxía. Grande o que inda nos queda por saber.
(A punta, o cabo de Seixo Branco, en Mera, en fronte da Torre de Hércules, visto desde o mar. Foto tomada da Internet)
Terceira e
rematamos por hoxe. A voz trileukón
pode referirse non tanto ao faro, á luz de aviso para navegantes, como á cor
branca. Esa palabra grega, leukós,
permítenos xogar coas dúas interpretacións. Na punta-cabo-promontorio de Seixo
Branco en Mera, perfectamente visible desde os barcos que penetran no
territorio ártabro, hai, na perspectiva tomada desde o mar, tres zonas, tres
anacos, tres manchas na rocha escura, en cuarzo branco. Esa é outra
posibilidade que non se pode desprezar. Aquí vos deixo. Recordade sempre que a
historia das palabras vale perfectamente como método para viaxar no tempo e no
espazo. A comunicación é un ben preciosísimo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario