VISITANDO
ARZÚA.
(Paseo de carballos. Todas as fotos foron feitas ben por Carme Aquino, ben por Mario S. García)
Este domingo –nunha
especie de traca final como dixo Rosa acertadamente- celebramos un encontro
entre colegas e amigos na casa de Rosa e Roberto. Rosa é ou foi profe dalgúns
de vós. Alí xuntámonos 4 profesores do Eusebio. Inda sendo coruñesa, ten raíces
nas terras arzuás, tanto por parte do pai coma da nai. Fermosa terra, abofé, na
que transcorreron os veráns da infancia e da adolescencia seus. Tras o xantar e
a sobremesa, demos un paseo, como mandan os bos e saudables hábitos. Levounos
pola estrada abeirada de carballos que plantara o seu avó hai décadas, dous
quilómetros de percorrido, nunha especie de antesala do ceo, un túnel verde que
filtraba unha luz vespertina delicadísima pola que tranquilamente seriamos
capaces de andar e andar, charlar e charlar inda máis horas.
(A casa dos veráns da infancia: a escaleira ao fondo é de ferro, forxada nunha arte que relembra o modernismo: a rentes do chan vemos o "madurero", vemos varias a modo de persianas, para que entre o aire; dentro en estantes ao longo dun estreito corredor colocábanse as peras e as mazás)
Criáronse Rosa e
Roberto na cidade, estudaron na metrópole, e na segunda parte da vida séntense
cun pé poderosamente chantado na terra, na aldea, no rural como se estila dicir. Para min, son un modelo de boa
xente: capaces de convivir e de compartir algo de aquí, algo de acolá: vida burguesa,
vida na natureza. Vida a ritmo urbano, vida a ritmo dos ciclos pedrayanos. Leo
estes días a Kawabata, País de neve,
e aí o protagonista masculino, un home de Tokio, necesita cada tanto ir á aldea
da montaña, necesita a pureza de vento sobre os cedros, do ouro de outono nos
arces, da soedade branca da silenciosa neve.
É unha necesidade que se fai patente no ser humano quizais cando madura.
Como galega a identificación con esa necesidade é absoluta, creo poder afirmar.
(As espléndidas tullas, bastante ben conservadas, sempre na casa dos veráns de Rosa nena, eran de madeira de castiñeiro e nelas gardábase o gran)
(A tulla ten abaixo unha especie de trapela ou espita, erguíase e saía o gran que se precisase)
Dígolle a Rosa, e
dígolle tamén ao meu esposo dezao: que
sorte tendes poder recuperar con tamaña facilidade os espazos da infancia...
Por iso quizais tamén eu necesito con urxencia volver a Valdeorras, á terra dos
meus por parte de nai, onde eu veraneei noutrora anos e anos. Levo máis de dous
anos sen regresar. Calo xa. Déixovos coas imaxes que falan do presente e mais
do pasado.
(Contamos tres ferrados conservados, de distinto tamaño, segundo fosen para o millo, o trigo ou o centeo, vemos unha especie de rolo, a chamada rebola en galego, para rasar a medida)
(Hucha para o millo, tamaño familiar)
Déixovos, pero non
sen antes confesarvos que, atraída pola eufonía da voz Arzúa, tan evocadora de estratos lingüísticos por acaso prerromanos, busquei o seu étimo e
atopei un espléndido resumo das hipóteses formuladas ata agora nun estudo
publicado no 2015, “Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos
rematados en –oa, oá, -úa,
-uá”, de Carolina Pérez Capelo. A
hipótese máis atractiva ao meu parecer é a que ofrece o latinista Díaz e Díaz,
un fitónimo, el hipotiza un *Argiola.
O único que eu lle apoñería é que desa raíz en arg- + iode esperariamos máis ben un resultado do tipo Arxúa. Pero podemos seguir hipotizando
afianzándonos na idea de termos un fitónimo, como na voz arzola. Talvez a raíz de Arzúa
forme conxunto ou familia con estoutras raíces: a da planta arriba
mentada, coñecida en galego e portugués
como arzola; talvez a raíz do
topónimo xienense Arjona, Urgavo en documentos vellos e poida ser
que esa raíz Urg- estea emparentada coa ben documentada
actualmente, fitónima, Arg-, de Árgoma por exemplo. Na Idade Media Arzúa aparece como Arcúa/Arçua. A raíz Urg-
déixase tamén asociar con outra raíz fitónima clara, a das urces. E xa postos a simplificar, por que non traer ao dereito a
raíz de Arzúa, do latín Ulex, en todo caso do mesmo étimo de
onde vén urce? Se Corominas sitúa
(s.v. URCE) na familia de URCE os medievais Ulgoso
e Ulgosello, base dos actuais Algoso e Argoselo, é dicir, se igual que vimos no caso de Urg- > Arj-,
entra dentro do documentable que a raíz fitónima en Ur(ç) abra en Ar(ç), non
hai razón para non considerar Arzúa
un membro máis da familia do fitónimo urce.
(Tocando o chan, a cesta das troitas, metíase na auga, no río e por ela entraban as troitas e como tiñan difícil saír, así se pillaban; o río troiteiro évos o Tambre, o vello Tamara, que por acá é aínda noviño; contábannos un paisano sabido que hai moita mala arte de pesca, con lixivia e con explosivos)
(O mallo, nas mans de Mario)
(Elena pousa para nós xentilmente coa coroza pequena na cabeza)
Ningún comentario:
Publicar un comentario