mércores, 26 de novembro de 2014

A CORUÑA

TOPONIMIA CORUÑESA (I).

Como sabedes, se seguides o noso blog irmán, no noso Instituo colaboramos na celebración da 'Semana Escolar da Provincia e da súa Deputación'. Unha das actividades propostas é precisamente traballar cos topónimos da nosa cidade. Nós, no Club de Lectura, dedicámonos este martes a botarlle un vistazo a mapas antigos da cidade, compracímonos na existencia desa fermosa disciplina que é a cartografía.
Agora presentámosvos algunhas reflexións, quizais pesadas, quizais imaxinativas en exceso, sempre necesarias, sobre os nomes de lugar da nosa amada cidade, A Coruña.



(Selección de topónimos coruñeses. Mapa de confección propia)



TOPONIMIA DA CIDADE DA CORUÑA E ARREDORES.

A BARRA: A praia da Barra, enfronte case de santa Cristina, nas Xubias. Tiña pouca area, e moitas pedras. É voz prerromana. Emparentada coa raíz Bar- ‘pedra’, presente por exemplo en (Estaca de) Bares, barroco, barrocal (no DdD, "Dicionario de Dicionarios". Corpus lexicográfico da lingua galega).
En comunicación persoal, o profesor Gonzalo Navaza -quen nos honra dedicándonos parte do seu tempo: hónranos e enriquécenos co seu saber, non perdamos de vista a importancia deste último enfoque-,  dinos sobre "barra" que para Bascuas BARRA e BARRANTES son hidrónimos, e chama a nosa atención sobre que o sema 'pedra' encaixa pouco coa realidade xeográfica das praias que se chaman BARRA e son lombos de area sen pedras; a Bares, Poza de Bar e semellantes cádralles ben un significado hidronímico. Tamén na Barra en Coles, Ourense, e mais Barra de Miño, etc. 
A CABANA: Da forma hispano-latina capanna ‘choza’ (aparece en san Isidoro), de probable orixe céltica (iso pensa Corominas). A Cabana estaba onde agora está o ‘Carrefour’, preto do lugar de Someso.
A CANTEIRA (DE SANTA MARGARIDA): O noso pai, cando estudaba de rapaz na Academia Dequidt vía baixar os carros tirados cos bois do país cargados das enormes pedras da canteira de santa Margarida; ían os carros camiño do porto. Canteira  deriva da forma preindoeuropea *Cant ‘pedra’.
AGRA (DO ORZÁN): Alude a un conxunto de terras cultivadas, de maior extensión có agro. Vén do latín ager, agri. A nosa avoa coruñesa dicía que a agra do Orzán era unha terra tan fértil tan fértil que daba mesmo o azafrán.
Relémbranos o prof. G. Navaza que o galego é a única lingua que conservou derivados patrimoniais do latín AGRUM, porque nas outras linguas as palabras que teñen desa familia léxica son cultismos (agricultura, agrícola, etc.).
AGRELA: Frecuentemente aparece falsamente dividido (A Grela), é diminutivo do anterior.
Faime saber Navaza que, se non recorda mal, na comisión de toponimia para este caso coruñés ditaminaron A Grela, coa deglutinación do artigo, porque viron que esa separación xa estaba consolidada na Idade Media, e ademais, este fenómeno -a chamada deglutinación do artigo- é común en galego: O Incio, O Grove, A Baña, etc.
ATOCHA-Monte Alto: Voz foránea, probablemente traída polos frades que se instalaron nesa zona na Idade Media.  É un fitónimo e vén explicado en Corominas  (hispánico prerromano Taucia, en cuxa evolución intervén a fonética mozárabe). O prado de Atocha (daquela fóra de Madrid) é o contexto dun dos milagres narrativos das Cantigas de Santa María.
Quere o profesor da Universidade de Vigo que vos relembre cal é o resultado normal (ou patrimonial) desa voz prerromana, "Taucia", en galego: é TOUZA, moi presente tamén na nosa toponimia. 
BERBERIANA: Figura como ‘Ribera de Berbiriana’ nun plano da Coruña en 1842 (S. G. E, Maestranza (1994)), de José Mª Ferrater (aí vén despois da enseada do Orzán, indo cara á torre). Parece un cultismo, unha forma derivada do latín verberare ‘azoutar’, probablemente referido a unha zona onde bate moito o vento ou o propio mar. Nós sempre oímos dicir que a praia de Berberiana é a do Matadoiro.
O BIRLOQUE: Orixe descoñecida.  O sufixo atopámolo noutras voces, como na galego rebiricoque, e quizais sexan ambas as dúas de orixe expresiva; tamén se pode pensar na familia léxica dos birlos  (o xogo tradicional con bolos, sinónimo de estornela) e non se pode descartar a conexión coa familia de virar polo sema de volta e reviravolta implícito tanto en rebiricoque como na acción de manexar con arte os birlos, facendo que rolen, viren e reviren. A relación entre o birlo e o topónimo pode ser pola forma orográfica (ou por unha forma pétrea redonda, xa desaparecida). Hoxe é un barrio, pero foi un lugar. Pertence á parroquia de san Cristovo das Viñas. O nome BIRLOQUE aparece documentado nun listado de microtopónimos do ano 1848 (en: “Lugares de San Cristobal das Viñas en el año 1848. Contadurias Hacienda ARG 1848 Indice arg 35616”, en http://historiabirloque.blogspot.com.es/2011/05/lugares-de-san-cristobal-das-vinas-en.html).
 (Lavandeiras no Birloque do século pasado. Foto Blanco)
CAMPO DA LEÑA: Era onde se vendía a leña (hoxe Praza de España). Dinos o noso colega E. Insua que el inda relembra cando se vendían as piñas. Do latín Campus ‘terreo chan’, e ligna, de lignum ‘racha’.
OS CANTÓNS: Ao estaren empedrados (tanto o chamado Cantón grande coma o Cantón pequeno), probablemente haxa que relacionar a palabra coa forma preindoeuropea (así a cataloga F. Cabeza Quiles en "Toponimia de Galicia") *Cant ‘pedra’.
CASTELO DE SAN ANTÓN: Do latín Castellum ‘reduto fortificado’. Destas fortificacións con valor militar, defensivo, había –no que nós sabemos- varias na Coruña: enfronte do castelo de san Antón estaba o de san Diego, había outro en san Amaro, e había outra fortificación en Eirís.
O CASTRILLÓN: Deriva de castro (latín castrum ‘lugar fortificado’).
OS CASTROS: Do latín castrum. En Galicia cóntanse por centos os lugares que se chaman Castro. Aluden a poboacións de orixe prerromana. É un barrio; celebra as súas festas canda a Virxe do Carme (de rapaces relembramos aínda oír desde a cama pasar pola rúa os gaiteiros tocando as alboradas). Onde acaban Os Castros empezaba a Gaiteira. Así como por exemplo é doado documentar Oza en calquera mapa, é moi difícil atopar un mapa da provincia que traia 'Os Castros', só o encontramos no de 1957 que ten dispoñible na rede a Deputación.
O CORGO: Do latín corrugu ‘canle de auga’. Aquí –por extensión- indicaría un camiño estreito e fondo. O camiño do Corgo desapareceu, ao construírse o Parque de Oza, pero consérvase a fonte do Corgo, sen cartel que indique o seu nome.
(Fonte do Corgo, necesitada dunha placa informativa, onde conste ese nome. Está no actualmente chamado 'Parque de Oza'. Na nosa infancia quedaba encaixada no camiño, no Corgo, e por riba dela era todo hortas e campos) 

A CUBELA: É de supoñer que se corresponde co cast. Cubilla que Corominas menciona cando estuda a voz Cuba. A Cubela coruñesa corría en paralelo ao río de Monelos. O sema en común cun derivado de cuba (como cubeta por ex.) é pola forma, polo relevo en depresión, en caixa, que evoca a forma do recipiente. A palabra cuba vén do latín cuppa.
EIRÍS: Dun antropónimo xermano, bitemático, Age-ricus, Eiricus/Eirigus. Antigamente (ata os anos 60 aproximadamente) celebrábase  romaría  canda o santo Antonio, en xuño.
ELVIÑA: Etimoloxía difícil. Pódese pensar nun etnónimo que relacione a voz co nome dos Albiones astures, ou incluso querendo cos celtas Helvecios. Outra hipótese é ver nesta palabra a suma de dúas formas: El, resultado dunha raíz antiquísima Iri-/Ili- que está seguramente na base da tamén coruñesa Iria (Flavia), co valor de ‘cidade’ (de tal forma que os castrexos lle chamarían ao seu habitáculo simplemente Ili ‘a cidade/a citania’) mais viña, polas plantacións de viñedos de tanta importancia en épocas máis modernas (baixa Idade Media e séculos posteriores). En toda a documentación baixo medieval parece haber conciencia de estarmos diante dun composto (1372: San Viçenço del Vinna; 1433: San Viçenso del Vinna; 1458: San Vicenco del Viña; 1462: San Vicenço del Vjnna; 1475: San Viçenco Delvinna; textos tomados do Plan Director del Castro de Elviña, publicación do ano 2000, agás o de 1458, atirado do Corpus Xelmírez) , pero é difícil asegurar nada porque a forma El coincide coa forma do artigo en castelán e a fragmentación pode deberse a ese factor. Porén, enfocado desde outra perspectiva, quizais se poida pensar que foi grazas a esa homonimia  co artigo, como se conservou ese El (> Ili).
Vexamos agora a autorizada opinión do profesor G. Navaza:

"Eu diría que ELVIÑA ten , efectivamente, unha orixe escura, sen dúbida prerromana. As grafías "Del Vinna" habería que saber se son do orixinal ou do paleógrafo que o transcribiu, ou se están tomadas dun orixinal desa época ou de copia posteior, porque en "Del Vinna", como dis, hai deglutinación do artigo castelán... En calquera caso non se debe chamar "composto". Se ao mentar a raíz ILI-IRI  te refires á dos íberos,  é altamente improbable aquí (e tamén para Iria, naturalmente). Non creo que Iria e Elviña teñan relación entre si. En calquera caso, sería un feito extraordinario que tivesen algo que ver co ILI ibérico. En calquera caso, como en territorio ibérico (no oriente hispánico) a hidronimia é indoeuropea ou paleoeuropea, e polo regular a hidronimia conserva o estrato máis antigo, hoxe está cuestionado que o ibérico sexa "antiquísimo" en Hispania. Alinei cre que o elemento ibérico no oriente hispánico foi máis ben un superestrato dun grupo dominante que se instalou sobre culturas previas indoeuropeas".
A GAITEIRA: Pedro Carro Carro considera que a imaxe dunha muller tocando a gaita é unha fantasía, un caso de etimoloxía popular; el  hipotiza un étimo xermano, waltharia ‘xefatura’. Este mesmo estudoso propón –dado que tamén había en tempos unha caleira- outro étimo: do mineral chamado gaiter. O que si é certo é que por esa zona –pertencente ao Concello de Oza en séculos pasados- fluía o río de Monelos, xa próximo á súa ampla desembocadura; ao pasar por esta zona cambiaba de nome, era denominado tamén Río da Gaiteira. Inda no XIX había un lugar cheo de árbores, “Campo/horta da Maestranza” onde a xente se deleitaba e recreaba. Tamén lemos da existencia máis antiga dun xuncal, e na propia desembocadura houbo canabeiras (sendo nós nenos inda nos bañamos na praia das Cañas, a carón das ruínas do castelo de san Diego). Pódese pensar que dalgunha desas plantas os rapaces farían gaitas (pequenas frautas, a idea veunos á mente ao oír a nosa nai valdeorresa dicir, tras coller un día unha pequena planta tipo cana no campo: “mirade, con isto faciamos nós as pipas”); trataríase de hipotizar unha metonimia: a materia recibe o nome do obxecto fabricado con ela; o proceso metonímico arrincaría da acepción 'gaita'= 'frautiña feita de materia vexetal', acepción presente por exemplo no refrán: “Non está o alcacén para gaitas”. Se a hipótese fose boa, gaiteira sería abundancial, lugar onde hai canas para facer gaitas.
GARÁS: O noso avó paterno recordaba aínda de rapaz cando Garás era todo hortas. Medramos oíndo falar da parada de Garás, cando se collía o trole, o nº 2, que facía o traxecto “Los Castros-Puerta Real”. Como hipótese verosímil, pensamos que pode vir dunha forma, Garabaás,  que se documenta no Corpus Xelmírez como topónimo medieval. Naturalmente, hai que supoñer a caída do –b- intervocálico, fenómeno suficientemente coñecido.  Da familia de carba, garabato, garabullos, é dicir -partindo da base de que temos en orixe un topónimo e non un antropónimo- en Garás noutrora iría a xente recoller leña miúda, entre outras actividades posibles. Hai variante documentada (mapa topográfico da cidade de 1869 do Servizo Xeográfico do Exército, publicado en A antiga Maestranza de Artillería, Rectorado da Universidade da Coruña) con vibrante múltiple, Garrás, pero non é un atranco insalvable, as dúas variantes poden alternar (Corominas documenta garrabullos, garrampallos nesa mesma familia, s. v. Carba). Vemos nun plano de Barón y Yáñez de 1879 (depositado no arquivo municipal, dispoñible na rede) que a rúa de Garás discorría en paralelo ao mar tendo nunha extrema a rúa de Santa Lucía e na outra a "Calle del Pacto Federal"; en perpendicular subía, máis preto de sta. Lucía que do outro cabo, a travesía do mesmo nome.
LABAÑOU: Raíz hidrónima lav- ou tema lítico. Xa dixemos neste mesmo blog que non son valores incompatibles. No Corpus Xelmírez (na rede) documentamos a forma 'Labañou' 8 veces, todas datadas en 1399: vemos que no termo así chamado había currais e había un microtopónimo, a 'agra de Labañou', constituído sen dúbida por terra altamente produtiva.
AS LAGOAS: Aparece en singular, Ensenada de la Lagoa, no mapa de 1869. Do latín lacuna.
LAZARETO: Nome da praia onde está a primitiva igrexa de Oza, a románica. Este topónimo é relativamente moderno (o lazareto créase a fins do XIX). En mapas antigos só figura Oza.  Deriva de (san) Lázaro, por ser este santo o patrón dos lazarados, dos leprosos. A lepra tamén era chamada “mal de san Lázaro”. A praia da nosa infancia tamén sufriu a súa propia mutilación.
A MADROSA: Carro Carro alude a este lugar como A Madosa, pero na nosa infancia temos oído sempre Madrosa (unha amiga e compañeira de aula vivía na Madrosa). O Concello puxo un cartel co topónimo modificado, Lamadosa (ou así). Actualmente as poucas casas que quedan están a carón do novo aparcadoiro do Complexo Hospitalario (CHUAC). Dada a posición elevada e a proximidade a topónimos como Monte das Moas, non dubidamos da súa pertenza á mesma familia léxica ca outras variantes: Madoña, Madorra, Madroa... ‘mámoa’ (Cabeza Quiles documenta unha ducia de formas para aludir aos túmulos funerarios prehistóricos).
MONELOS: Talvez veña do latín molinum ‘muíño’, cun sufixo diminutivo, *molinellos. En Asturias docúmentase a forma paralela, Munielles. Recordemos que por debaixo da terra inda flúe na Coruña actual o Río de Monelos, e relembremos de paso que había muíños realmente (viñan estando aproximadamente onde están agora os chamados ‘Novos Ministerios’). Tamén había un microtopónimo Muíños.

A hipótese dun derivado de *molinellos –con caída da vogal pretónica, *molnelos-  pode apoiarse nunha forma medieval, MOLNEYRA (interpretable no contexto agrícola como pertencente á familia de MOLINUM, no Corpus Xelmírez, ano 1281), así como na voz galega MOLNEIRO ‘muiñeiro’ que figura no DdD.
Pola súa banda, Navaza pensa nun diminutivo en -ELLOS dun orónimo prerromano MONES, topónimo de Valdeorras ou Viana (Munnes, Monnes e Mones na documentación medieval) ou (menos verosímil) un alcume persoal MONOS.
MONTE DAS MOAS: Plural da voz latina mola ‘moa’, seguramente en sentido oronímico ‘cerro escarpado de cima plana’. Hoxe hai un Instituto naquel lugar que foi bautizado, con moi bo criterio, con ese orónimo.
O MONTIÑO: Alude a unha mámoa ou a unha zona de mámoas. Que nós  saibamos, antes chamábase O Montiño a unha zona elevada que discorría en paralelo (pero nun plano máis elevado) aos Castros (e á rúa De la Merced) e seguía por riba da Cubela.
(Continuará) 




(Mapa de 1956, dispoñible na Internet, mercé ao servizo de cartografía da Deputación da Coruña)

xoves, 20 de novembro de 2014

Morgana en Esmelle

Sempre é un pracer dar cun libro extraordinario. E este é o caso de Morgana en Esmelle. Un libro rebordante de tenrura e sabiduría, unha novela na que se deixa translucir unha mente intelixente e un corazón xeneroso, o de Begoña Caamaño, a escritora que nos deixou recentemente.

Esta autora é unha desas voces de muller que tanto están a engrandecer a literatura galega contemporánea, desde un pensamento anovado, lúcido e libre, feminino: un novo humanismo. Voces debedoras dunha fonda estirpe de sabias de tempos idos, de creadoras que desde o principio dos tempos van alimentando os soños da humanidade, desde Sherezade até Rosalía. A esta estirpe pertence Begoña Caamaño e tantas outras narradoras e creadoras do noso tempo.





Esta novela está escrita desde a máis absoluta sensibilidade, nunha lingua natural e saborosa como o mel, ao tempo que exquisita e elegante como unha doncela medieval. Como fixera no seu primeiro libro, Circe ou o pracer azul, no que recrea desde unha perspectiva personalísima a figura mítica de Circe, en Morgana en Esmelle vai recrear o mito artúrico, tamén desde unha perspectiva orixinal e contemporánea. Mais, agora serán as heroínas femininas as que pasen a un primeiro plano e tomen a palabra, a súa palabra silenciada, digan a súa verdade e descubran os seus soños, as súas dores e temores: Morgana, Xenebra, Viviana e outras mulleres fortes, doces e sabias. E van facelo confrontándoa coa palabra dominante de Artur ou dos seus cabaleiros, de Merlín e outros herois artúricos. E nestas dúas palabras, a dominada e a dominante, vanse confrontar tamén dúas visións do mundo e da existencia, dúas maneiras de concibir e sentir universais poéticos como a paixón, o amor e o desamor, a culpa, a lealdade e a traizón, o poder e o saber, a dignidade humana, o sentido da existencia, a procura dun outro mundo posible. Por un lado escoitamos a Merlín, a defender, nunha sociedade patriarcal en transformación, un cambio prágmático e posibilista, de adaptación a un novo tempo no que garantir a supervivencia do reino. Por outra banda, Morgana, na procura da utopía, da realización plena dos seres humanos, nunha nova sociedade igualitaria, espindo os seus soños, dubitativa e sen maniqueísmos, sen imposturas, mais tamén sen servidumes a atavismos intolerables. E, ao fin, por riba das propias peripecias persoais ou da deriva cega da historia, todos os personaxes, Merlín e Morgana, Artur, Xenebra… a confrontarse tamén coa súa propia conciencia, todos arelando non só a paz para o reino, senón a máis difícil paz interior, o desexo de reencontro coa harmonía, coa ausencia de culpa e de dor, o seu anceio de regreso ao tempo imposible da inocencia. A verdadeira patria. Todos na procura do seu máis íntimo grial. Unha procura só posible coa palabra e o perdón, coa comprensión e a indulxencia. Só así, liberados da lousa do remorso e dos silencios, será posible o encontro. E, desde esta nudez, cadaquén en soidade, proseguir o seu propio camiño, desvelar o seu misterio existencial.

En todo momento, esta harmonización de contrarios, está contada con sutileza e verdade, integrándose con total verosimilitude pensamento e narración para deixar ao lector na certeza do supremo valor do pracer de contar. Como se nunca cansaramos de escoitar esa eterna sherezade que está agochada en tantas narradoras anónimas doutrora e en tantas creadoras contemporáneas. O eterno desexo de bebermos soños.

Esta é unha materia narrativa universal, que aparece na nosa literatura desde o seu nacemento e que teñen recreado, tamén maxistralmente, autores como Méndez Ferrín ou Darío Xoán Cabana, que foran beber nas fontes puras do seu mestre, o mago Cunqueiro. Todos eles, e elas, a tecer cadanseu tapiz marabilloso, nun hipertexto sen cabo. Como non podía ser menos, tamén Begoña Caamaño bebe das augas cunqueiranas. É mais, a súa novela é unha homenaxe ao druída mindoniense, á súa poética, á súa fala nobre e antiga, á súa melancolía emocionada. Porén, a autora vaino facer dun xeito tan sutil..! Como lle había prestar ao propio don Álvaro, señor de Miranda! En verdade, nunca escoitaramos dúas voces poéticas tan ben harmonizadas, diálogo máis delicado.

Deixounos unha muller lúcida, unha escritora sensible. Foise por ese camiño que nunca se desanda. Mais, antes de partir, deitou nas nosas mans este galano, este libro engaiolante. O seu emocionado testamento vital e literario. A palabra última de Begoña Caamaño: un corazón ao vento. X.P.M

(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

LENDO A...



A MATERIA XACOBEA


Este ano dou clase nun primeiro de bacharelato. Non empecei con bo pé: falaban moito, atendían pouco e traballaban aínda menos. Vaia, o que se di un luxo, a forma óptima de sentirse realizado un profesional do ensino. Pero agora, andados xa dous meses case, estou máis a gusto con eles. Hoxe mesmo, día 19,  puxen aí dous deces, en chamadas  puntuais; xa logro unha comunicación máis de ti a ti, míranme ao dereito e permítome o gozo de rir en voz alta, e amosar certa felicidade vital.

E fanme preguntas interesantes: Grandío, por exemplo, pediume que lle pase un texto da Demanda (o episodio do Castelo do rei Brutus), e este día dúas persoas dixéronme que lles explicase mellor a conexión entre a haxiografía e a materia chamada carolinxia, ao falarmos do terceiro ciclo da prosa medieval (entendendo que os outros dous ciclos, o da materia de Roma ou de Troia, e o da materia de Bretaña, están ben enfocados: enténdese bastante ben por que se chaman así e cal é o tema).


Pois ben, a cuestión que me move a tomar a pluma aquí e agora, é basicamente esta: deberiamos variar o enfoque. Eu persoalmente estaría moito máis cómoda se ao terceiro ciclo da prosa narrativa medieval galega lle chamásemos ‘A Materia Xacobea’.

A literatura xorde coma unha serie de mensaxes nunha determinada sociedade, o contexto é un elemento fundamental do acto comunicativo. O contexto da nosa época de ouro é un contexto condicionado fortemente polo mito xacobeo. Non ten volta. É tan poderoso ese mito (a presenza entre nós do corpo do apóstolo e amigo de Xesús) que irradia unha enerxía comunicativa propia. Constrúe un camiño, constrúe un concepto: o paneuropeísmo.  Abrangue as estrelas, abrangue a España, abrangue a guerra de reconquista do cristianismo hispano e conecta con Carlos, emperador de Europa no momento histórico en que florece Compostela . É Santiago en persoa o que lle amosa o seu camiño estrelar a Carlos cando este xa desistía de seguir, canso xa. Segundo o Codice Calixtino e, en consonancia con el, segundo os Milagres de Santiago (libro de principios do XV se facemos caso a Pensado, en galego), Santiago chama a Carlomagno para que libere a Galicia e mais a España dos mouros (así chamados daquela). E dalgunha maneira, Carlomango aparece descrito entre nós case coma un santo máis:  Por iso florécenlle as lanzas, por iso pode asolagar vilas...  Tanto Carlos como Roldán son heroes con atributos de santificación: oran, apelan á divindade, loitan pola causa cristiá. Incluso vemos a relación de semellanza:  así como doce eran os discípulos de Xesús... (así son doce os pares que acompañan ao rei francés). E xa que estamos, é moi curioso que malia sabermos que hai pouco de verdade histórica neste protagonismo maiúsculo de Carlos en España (nin sequera está claro que peregrinase a Compostela), é curioso –digo- que aínda no século XVIII, frei Bernardo Foyo, bieito autor dun manuscrito-historia sobre Compostela (editado por Paula Pita Galán hai pouco) faga pé no feito de celebrar cada ano a igrexa compostelá con cultos especiais  a memoria de Carlomagno. Dá que pensar ...


Pero se un ensinante destas cousas tan nosas é guiado polo epígrafe “Materia Xacobea”, está tamén autorizado en boa lóxica a falar doutro subtema igualmente xacobeo: pode mellor entrar pola máxica porta que conduce ao reino da Raíña Lupa. Queredes crer que ningún dos meus discípulos de primeiro de bacharelato  coñecía a existencia da tal raíña? Sendo como é, ademais, unha historia de tamaña beleza... 



No mapa que vos adxunto vedes cal é o seu territorio. Debuxa un camiño máis, coma unha recta que marca a divisoria da provincia actual da Coruña: é o corazón da vella Amaía, a terra rosaliana por excelencia. Fixádevos que o río é o Ulla. E recordade a orde dos acontecementos: o Códice Calixtino di que os discípulos de Santiago desembarcan en Padrón-Iria e van pedir permiso á señora daquelas terras (Lupa: consérvase como nome de muller en documentos posteriores: na Crónica de Santa María de Iria aparece como Luparia); Lupa mándaos a ver o gobernador romano a Duio (no Pindo hai moitísima lembranza de Lupa, é fundamental o artigo de F. Romero), el remíteos de novo a Lupa quen, desta feita, os manda ao monte Ilicino para que collan dous touros seus que leven o carro co corpo de Santiago: ese monte é o Pico Sacro ou Sagro. Prodúcese o milagre –os touros bravos ou dragóns segundo outras versións son amansados- e o carro vai misteriosamente guiado e chega a Compostela. Lupa convértese ao cristianismo: é bautizada. O bautismo de Lupa polo que parece ten lugar en Padrón, na fonte do Carme (dato que me facilitou o prof.  Antonio Fondo). A raíña Lupa –unha raíña con gando vacún, coma a irlandesa Maeve- posuía, que saibamos, un castelo no Pico Sacro e outro en Castro Lupario ou Castro de Francos. Ata aquí chegamos. Outro día seguiremos con esta materia e falaremos  algo de Roldán.

(Santiago bautiza cunha vieira na man a Lupa, parte superior da Fonte do Carme, Padrón)


Había que investigar, iso si, se a lembranza de Lupa cruzou o Ulla: hai que preguntar pola Estrada, por Tabeirós. Déixovos unha pequena bibliografía básica:

Alonso Romero, F. (1983): “La leyenda de la Reina Lupa en los Montes del Pindo”. CEG XXXIV.

Díaz y Díaz, M. (1965): “La literatura jacobea anterior al Códice Calixtino”. Compostellanum X.

Llinares, M. (1989): “La Reina Lupa entre la leyenda literaria y la tradicion popular”. CEG XXXVIII.

Moralejo, A., Torres, C. Y Feo, J. (1998): “Liber Sancti Jacobi “Codex Calixtinus”.  Xunta de Galicia.

Soto Arias, Mª R. (2003): “Da raíña Lupa e da tradición xacobea”. Garoza, nº 3. 
 (A Fonte do Carme, en Padrón. Vense claramente os tres corpos: a Virxe das Dores, a barca de pedra onde chegou o corpo de Santiago -precisamente o nome Padrón está relacionado co desembarco dos discípulos que transportaban o corpo desde Palestina, aínda que a pedra que dá nome á famosa vila sería probablemente un pedestal con inscrición romana conservado ata a actualidade, así nolo di G. Navaza nunha colaboración recente, ano 2011, en "Toponimia Hispánica"- e o bautismo da raíña Lupa de man do propio apóstolo. A fonte foi reconstruída no XVIII)

(Mª Rosario Soto Arias, catedrática de Lingua Galega e Literatura no IES 'Eusebio da Guarda' da Coruña)

venres, 14 de novembro de 2014

A lus do mundo



Dicía Hölderlin, o poeta romántico alemán, que “o que permanece fúndano os poetas”. E a poesía de Xosé María Díaz Castro é un canto de permanencia. Contemplar estas imaxes dos alumnos do Instituto de Guitiriz, que leva o nome do poeta, reconforta. Reconforta o entusiasmo con que os profesores e alumnos lle renden tríbuto ao seu veciño poeta, a sensibilidade coa que traballaron en común para transmitir musicalmente os seus poemas, para facernos chegar máis nidiamente a fondura e o significado da súa obra. E reconforta esa visión do instituto como un proxecto compartido, como unha comunidade sensible e unida. Unha comunidade que se educa en harmonía, nun tempo quieto e nun espazo sólido, mais cheos de música e poesía.
Escoitemos, aprendamos, cantemos con estes mozos e mozas e cos seus profesores as cancións do poeta. Estannos dicindo que onde hai poesía, hai luz, e que onde hai harmonía, hai vitoria sempre. E de luz e harmonía están feitos os poemas de Díaz Castro, así como esta experiencia educativa. Nunca mellor homenaxe lle puideron facer estes alumnos e os seus profesores ao poeta que lle dá nome á súa comunidade. 
 

Un paso adiante é o que dan os pobos que saben recoñecer os seus poetas. Eles son as nosas trabes de ouro, os alicerces da nosa permanencia. (Club de Lectura)
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

xoves, 13 de novembro de 2014

VISITANDO



VISITANDO


Este martes 11 de novembro visita o noso Instituto o señor Alfonso Blanco Torrado. Vén convidado polo departamento de galego, e máis en concreto pola nosa colega Carme Vázquez Castro, orixinaria da terra que viu nacer a Díaz Castro, o poeta autor de Nimbos, o poeta homenaxeado este ano 2014.


Xuntámonos no Salón de Actos a partir das seis da tarde. Primeiro vimos o vídeo que fixeran os alumnos do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (tédelo na rede, titúlase A lus do mundo. Tralas pegadas de Díaz Castro). Debemos facer pé na música: cantan de marabilla, nótase que tiveron unha excelente profesora  de música, Sandra Tenreiro, quen sabe tamén da arte da composición. Logo, tras ser presentado, tomou a palabra Alfonso Blanco, director da asociación cultural Xermolos, home polifacético, amante de Galicia, amigo que foi do poeta. Agora sacaremos do peto o bloc de notas e intentaremos  reproducir coa máxima fidelidade algunhas das cousas que dixo:

Eu prefiro sempre que me preguntedes, pero non me importa falar... Alégrome de estar convosco, alegreime xa antes, na porta do instituto, cando atopei alí dous amigos de Guitiriz, que fan aquí algún tipo de ciclo.

                O grande de Díaz Castro foi o propio proceso de coñecelo. Era un poeta descoñecido. A vosa profesora, Carme, inda é algo parente del. Cando eu cheguei a Guitiriz [o señor Blanco naceu en Montevideo, e a súa familia é de Ponteceso; exerce a docencia no instituto chairego] para min era fundamental saber quen era ese santo, o que lle deu o nome ao instituto. O que importa del realmente é que vós o leades. Lelo e desfrutar del. E sobre todo, cantalo. Desfrutar... hoxe é o san Martiño, tempo de magosto, celébrase en moitas partes de Galicia: tamén se celebrou –foi coma un auténtico furacán- en moitas vilas,  en Lalín, Ponteceso, Ferrol, a poesía de Xosé Díaz Castro, en homenaxes coma esta.

Como era? Eu creo que era un home sincero. A súa poesía é o froito da súa maneira de ver, do xeito que el ten  de ollar a vida... Hai acarón noso homes poetas, homes que pintan, que son artistas... Están aí e non o sabemos. Iso é o que non pode pasar. Non pode pasar con esta xente de Guitiriz que non sabían que o tiñan a el tan cerca. E nós temos que aprender, aprender a desfrutar deses segredos que inda garda a nosa terra, deses tesouros que teñen as palabras, sobre todo hai que saber agradecer a vida...

Díaz Castro era un home alegre. Sabíase no medio da paisaxe. Aquela paisaxe da Terra Chá, pé da Serra de Montouto, a que separa as provincias de Coruña e Lugo. Hai na súa obra un grande amor polas cousa pequerrechiñas, pola herba miúda, polos grilos incluso... Era o seu mundo, e penso que esta súa filosofía, se a facemos nosa, penso que nos axuda... Axuda a medrar en autoestima, axuda a que cobremos conciencia de que o que nos rodea é noso e temos obriga de coidalo e deixarllo en herdanza aos que virán despois. Nos derradeiros anos da súa vida, el vío que a súa casa, cando el faltase –e nisto foi profético- ía encherse un día de silvas, e claro, hai que coidar a natureza. Quen coida da paisaxe? Quen a conserva?

Vós aquí na Coruña sodes afortunados. Aquí houbo sempre xente preocupada do noso: viviu na Coruña Pondal, Rosalía, estivo a Cova Céltica... Aquí tivestes a Real Academia Galega... Xa non falo de san Amaro –verdadeiro panteón tamén de galegos ilustres: Murguía, Pondal, Curros e tantos outros que agora non cito-. Na Coruña hai tradición e estruturas en defensa do idioma e da cultura.

Si, ese era o cerne da súa poesía: a paisaxe, a fala, mesmo a gastronomía. Fixádevos, que hoxe coa vida e os costumes modernos, tamén se pode perder iso, eu non digo que de cando en vez non poidamos comer unha saborosa pizza ben feita, claro... Tamén se pode perder mesmo o xeito de labrar a terra, as formas tradicionais de labrar, de sementar, de seiturar... Díaz Castro desenvolveu grande parte da vida fóra, estivo máis de trinta anos en Madrid, fixo os estudos en Mondoñedo, e deu clase en Vilagarcía, pero sempre quedou prendido da vida rural. E da fala. Foi autodidacta. Traducía ao castelán os premios Nóbel suecos, daneses, noruegueses, e mais sabía ruso, húngaro, éuscaro, pero amaba por riba de todo a lingua da súa terra:  “eu quero falar na lingua que mamei”. De intelectual tiña pouco, era un funcionario do CSIC. Foi Lois Pereiro- tamén poeta como sabedes, homenaxeado no Día das Letras no 2011- quen deixou escrito o día que o coñeceu nunha taberna en Madrid; Díaz Castro preguntoulles, ao oír que eran galegos, se lían, se coñecían autores galegos... Dinos Lois que era un pouco retranqueiro... Preguntoulle directamente logo se leran un libriño titulado Nimbos, e Pereiro dixéralle: “Para min Nimbos é un gran libro”. Tamén Isidro Novo, lucense, e Víctor Campio, ourensán, deixaron escrito sobre o noso poeta:  “Vimos ao Pepe de Vilariño”. Andaba por Madrid buscando con quen falar en galego. Era para el unha necesidade e un pracer.

 (Continuaremos)




 (De esquerda a dereita: Xosé P. Mondelo, Susana Piensos, Carme Vázquez, Alfonso Blanco, o seu acompañante, Isabel Ruso e Charo Soto)

xoves, 6 de novembro de 2014

A CORUÑA


A Coruña (I)

Primeira entrega deste capítulo novo. A Coruña. Amo esta cidade, que é a miña, malia ter cambiado tanto –e non necesariamente para mellor- des que eu era nena. Terán aquí cabida cuestións coma estas:
-Nomes (microtopónimos coruñeses) e pequenas elucubracións sobre os seus étimos.
-Comentarios sobre a necesidade de conservar os vellos topónimos.
-Historias pequenas da Coruña antiga, da Coruña que se perdeu (non para sempre, se recuperamos algo para a memoria dos que virán).
-Anecdotario coruñés variado.
-A Coruña na literatura.

Como sabedes xa case todos os que me coñecedes, ademais de coruñesa, son filóloga de vocación: non vos estrañaredes que comece cun microtopónimo coruñés auténtico, de caste: Labañou. Ademais, vivo no Distrito V, e tócame, xa que logo, de preto. Vivo ollando o mar: vexo desde a biblioteca-estudo da miña casa a Torre, vexo o Orzán que cantou Florencio Baamonde, vexo as pedras chamadas o boi, a vaca, o becerro, vexo a punta Percebeira, a Praia da Capela, a de Verberiana… E o Instituto.

Labañou é un topónimo cuxo étimo non está claro ao cento por cento: emparella sen dúbida co galego-berciano Laballos. Hai dúas opción verosímiles para explicalo: dunha banda, temos a posibilidade de pensar nunha raíz hidronímica. LAB*/LAV*, a do verbo lavar, a do latín lauaclos, a do castelán lavajo (emparentada coa de nava –hidrónimo prerromano, ‘depresión pola que corre un río’), unha raíz que dá idea de ‘charco, pucharca de auga que non dá secado, que permanece’ (auga de chuvia ou aquí en Labañou, auga que vén do mar tamén, que traen as fortes vagadas).
 

A outra opción é a miña preferida, porque nos fai pensar nas laxes, nas pedras planas que caracterizan sen dúbida de forma clara a morfoloxía de Labañou. Raíz litonímica, pétrea. Raíz atlántica ou europea LA*- , presente en lágena (documentación medieval super frecuente e coñecida), en laia, laxe, lapa, lasca, laca, lávana (en Fernández Santos, na novela Los bravos, aí aparece recollida lávana, unha novela que integra léxico occidental leonés; volvemos achar a voz nun relato do asturiano José Méndez: "Alguna vez en el río tumbado sobre una lávana viendo pasar las nubes" -en "La última palabra", publicado no ABC Literario o 7 marzo 1987-, aí vese ben que unha 'lávana' é unha pedra grande e verosímilmente plana), lancha, etc.
(As grandes laxes de Labañou)
(A fonte de Labañou, hoxe medio cegada, un manancial de boa auga que debeu ser un lavadoiro noutrora)
 
No libro de Edelmiro Bascuas sobre hidrónimos hai unha sinonimia lap-/lab - que talvez servise para reforzar esta miña hipótese favorita (a que iguala lapa=lávana como tema lítico): Laboina, Lapoena o Labena, Labona (Salamanca), Laboena  (Braga) [Citado por Bascuas na p. 133, en Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia].
(Labañou: especie de praia de coios, é o Penoural)
 
Labañou presenta un sufixo en –ou algo ambiguo. Ou procede dun diminutivo en –olo ou procede dun aumentativo en –ón (algún paisanos de aquí de toda a vida de feito pronuncian máis ben Labañón; no galego común, vulgar pero patrimonial ao cabo, carallou, temos esa conmutación sinonímica por carallón, así figura no DdD, tantas veces por min citado, abonada a sinonimia polo profesor Constantino García, que en gloria estea).

(O Penoural. As fotos foron feitas por Xácome González)

Ora ben, dicídeme con sinceridade: están tan lonxe entre si unha raíz hidronímica e unha lítica? Non se poden unir? Creo que si: porque é a auga, a poderosa auga do Atlántico neste caso, a que pole e fai das grandes pedras o que entendemos por laxes: pedras lisas na superficie, planchadas (ou lanchadas, laqueadas, lacadas…) pola forza da auga.

(Labañou: a barriada)
 

Antes vivir en Labañou era case un pecado, como denotar extracción humilde. Xa non é o caso. Antes dicir que eras de Labañou era poñer en garda ao interlocutor (aquelas bandas terribles que pelexaban a pedradas e metían medo: os de Corea eran de Labañou). Agora algo cambiou o conto.  E sempre se pode cantar con Negrete aquilo de Es mi orgullo haber nacido en el barrio más humilde… Grandes na historia naceron en aldeas, como Belén. Que conste.

(Labañou: as "casas de Franco")

O meu colega e amigo Xulio Cuba coméntame o seguinte sobre o barrio de Labañou que el coñeceu de rapaz: Os primeiros grupos que se fan en Labañou aló polos anos 50 son as casas baratas amarelas, de dous ou tres pisos. A esa barriada chamabámoslle “China”. Logo fíxose o grupo que pasou a ser denominado “Japón”, eran coloradas, e  por último construíuse o barrio de “Corea”, xa imaxinarás por que [por que se lle chamou así?, porque coincidiu no tempo coa guerra de Corea, e por seguir coa serie anterior], son as casas dunha planta, de Pardo de Santallana… [Eu pregúntolle por ‘Catanga’] Non, Catanga non pertencía a Labañou; os de Catanga eran os das casas dos mariñeiros, cerca do Peruleiro, e da Virxe de Ronda de Outeiro. Eran tremendos, había guerras con pedras [de tanto sabor literario: Delibes en Las guerras de nuestros antepados narra as pedradas de rapazolos entre aldeas e lugares, igual que fai Sender relembrando o seu Aragón natal, a ribeira do Cinca, en Crónica del Alba], e cando baixaban [cara ao centro, á cidade…; tamén miña nai, cando eu era nena, aló nos Castros, enfronte do Mirador –avenida do Xeneral Sanxurxo- onde me eu criei, cando se amañaba para ir ao centro, dicía: “Vamos allá abajo”], era o terror, “Aí veñen os de Labañou”, e cantaban:

                “China, Japón,

                Corea: Labañou!”

Era o seu grito de guerra!

Aquela Coruña…

luns, 3 de novembro de 2014

Audiovisual galego: Verbas e Ghallegho

A cuestión lingüística segue latexando. Afortunadamente, viva. Nesta mesma sección podemos ver Linguas Cruzadas, un documental imprescindible sobre a lingua galega desde a perspectiva da mocidade galega. Agora presentámosvos outros dous audiovisuais sobre a lingua realizados por dúas mozas galegas, Andrea Maseda e Noelia Gómez Calvo, como traballos prácticos de final das súas licenciaturas en Comunicación Audiovisual e Xornalismo.


Agardamos que desperten o voso interés, o mesmo que están a despertar nos miles de persoas que xa os contemplaron a través da internet e das redes sociais. Espazos nos que o emprego da lingua está moi vivo e goza dunha forte presenza.


 (Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)