mércores, 19 de febreiro de 2014

OS OUTROS BLOGS

OS OUTROS BLOGS

Abrimos un novo capítulo. Titularémolo “Os outros blogs”. E imos empezar por este, que elaboran no Instituto pontevedrés Marco do Camballón de Vila de Cruces:


Acaban de dar a noticia de que os alumnos recolleron da oralidade dúas versións dunha lenda que ten como protagonista unha espada, a espada de Brandamés.  Paga a pena que o leades. A espada, de ouro, conforme unha das versións, xace no leito do río Ulla, ao seu paso polo lugar de Brandamés. E parece ser que, sempre segundo unha das versións, sería guindada despois de morrer un heroe. A noticia é boísima. Préstase a unha óptima comunicación entre expertos de diversas áreas: folcloristas, arqueólogos, historiadores, etc.
("Detalle das follas das espadas pistiliformes do río Ulla. Museo de Pontevedra". Foto tomada da p. 249 do tomo I de Galicia. Historia. Hércules Edicións. A datación das espadas fotografadas: 1000-850 a. C.)
E a nós dános pé para indagar na boa literatura sobre o tema. Abramos catro ou cinco libros deses que podemos chamar sen medo, clásicos. A ver que nos din sobre o nome das espadas que os heroes europeos brandiron; sobre a materia con que foron feitas e a descrición delas; sobre a conexión coa auga, e finalmente, sobre das motivacións que alguén pode ter para guindar coas espadas ao fondo dun río ou dun lago.
Primeiro, do nome: xa vimos o outro día os nomes das espadas de Sigurd ou Sigfrido. Ás veces o heroe ten dúas espadas, porque unha lle pode fallar. Ese é o caso de Beowulf (versión de Luis e Jesús Lerate, en Alianza), a quen a espada, Estacón, lle falla dúas veces. Cando xa vai vello e ten que enfrontarse ao dragón, vémolo con outra espada, de nome Négling , que por certo lle volve romper (v. 2680). Dentro desta espléndida edición de poemas altomedievais –séculos VII a X- anglosaxóns, vemos o nome da espada dun heroe chamado Wálter,  ou Wálder,  de España (ou de Aquitania): a Míming. No Cantar de Roldán (composto segundo Martín de Riquer entre 1085 e 1087) os dous amigos, Roldán e Oliveros teñen cadansúa espada: Durendarte –seguimos a versión de Camilo Flores- e Altaclara. O conde Galalón cingue a espada Murgleis. Torpín de Reims, o arcebispo, un dos últimos en morrer xunta Roldán, posúe a espada Almace.
E tamén sabemos que a espada do seu rei, Carlomagno, era chamada Gozosa (e de aí viña o grito-aturuxo de guerra dos francos, Monxoi!).
No noso Mio Cid  (manexamos agora a edición do hispanista británico Ian Michael) lemos que Rodrigo gaña en combate primeiro a Colada, gañoulla ao Conde de Barcelona, Remont Verenguel, v. 998, nunha batalla onde, por certo, eles, os homes de Rodrigo, cabalgaban siellas gallegas –v. 994. A outra, Tizón, gañoulla ao rei Búcar (rei no cantar, nas notas Emir, de Marrocos) –v. 2426.
Na Materia de Bretaña figura o nome da espada do rei Artur, Escalibur, espada coa que cingue ao seu sobriño Galvain cando o nomea cabaleiro, e tamén podemos citar a Espada do Estraño Talabarte (no libro Demanda del Santo Graal, na edición de Carlos Alvar) que chega ás mans de Galaaz. Ambas as dúas teñen en común a súa aparición marabillosa, chantadas en escaleiras marmóreas.
Segundo, da materia e outros trazos descritivos: un atributo que a Ilíada dá a Apolo é este: o da espada de ouro. Poucas habería de ouro, coma a da lenda do Brandamés galaico, pero unha parte, a empuñadura, si podía ser. Beowulf, cando lle fallou a espada, loitaba dentro do lago con Gréndel, o ogro. E ten que botar man doutra que na habitación do xigante había, e que logo lle regala ao rei de Escania. Mirade que descrición fai destoutra espada: Na garda de ouro que o puño tiña, / escrito con runas de exacto valor, / declarábase ben para quen ao principio / foi feito este ferro valioso e ornado/ con curvas serpentes (vv. 1694-1698, tradución ao galego nosa).
De Durendarte sabemos que ten a empuñadura de ouro (v. 1056 do Cantar de Roldán), a folla é de aceiro (v. 1079).
A prata é tamén bo material para adornar unha espada; así sucede,  volvendo á Ilíada, coa espada de Aquiles. Lemos: colgou do ombro unha espada de bronce gornecida con arxénteos cravos.
Algunhas destas espadas arcaicas  soían ter aneis na empuñadura, probablemente para fixar unha correa que a suxeitara á man (así nolo din os editores do Beowulf, o poema anglosaxón da alta Idade Media, en nota, aclarando a perífrase alusiva á espada el hierro anillado, v. 1521).
Que as espadas puidesen conter gravadas mensaxes verémolo tamén na materia artúrica. A xa citada Espada do estraño talabarte, destinada para Galaaz, ten a mitra en verso de leria escrita. E podían, ademais, ter curiosos aditamentos, para elevar o seu valor, sacralizando, incluso, a arma. Atopamos reliquias na espada de Galaón: Sobre das reliquias da súa espada Murgleis/ Xurou… (vv. 607, 608). E cando está a piques de expirar, o heroe, Roldán, diríxese á Durendarte, e descríbenola:“¡Ai, Durendarte! ¡Que fermosa e santísima es! / No teu pomo dourado hai moitas reliquias: / O dente de San Pedro e sangue de San Basilio, / Cabelos de Monseñor San Denís / E unha reliquia do vestido de Santa María” (vv. 2343-2347, edición de Camilo Flores). Por iso non quere Roldán que caia en mans de pagáns e fará todo o posible por rachala, por esnaquizala, dando contra as penas que ten a man, sen logralo (sen logralo polo menos no Cantar...).
E volvendo, antes de deixalo xa por hoxe, á espada do estraño talabarte, no puño había dúas costelas, ambas as dúas de animais; a primeira, dunha especie de serpente que habita en Caledonia, (...) e que alí é chamada serpente papalustre; esta serpe ten a virtude de que se alguén consegue unha das súas costelas ou algún dos seus ósos non debe temer sentir demasiado calor (...). A outra era dun peixe, non demasiado grande, ao que chaman ortanax, que habita no río Eufrates (...); as súas arganas son de tal forma que, se un consegue algunha, durante todo o tempo que a teña non lle acordará alegría nin doo que tivera padecido, senón que só lle acordará o motivo polo que a tomase, e cando a solte, volverá relembrar todo o que acostumaba, como calquera home normal (cap. CXXXIII).

Deducimos, así pois, que unha espada podía ser dotada, para unha maior efectividade, de elementos tanto relixiosos como mítico-máxicos. Seguiremos a próxima semana.

martes, 18 de febreiro de 2014

Eu levo o nome dun personaxe literario

Eu levo o nome dun personaxe literario

Ola! Son María José Martínez Girón, profesora de francés do Instituto, e levo o nome de Jo,  personaxe feminino da famosa novela “Mulleriñas”,  da autora americana do século XIX Louisa May Alcott.
 “Mulleriñas” (en inglés, “Little women”) foi publicada o 30 de setembro de 1868 e trata da vida de catro nenas que se converten en mulleres coa Guerra Civil nos Estados Unidos como fondo. Está baseada nas propias experiencias da autora cando era nena e vivía na cidade de Concord, Massachusetts.
A novela obtivo un éxito inmediato e xa naquel momento a crítica a etiquetou como un clásico. En contra do que se poida crer “Mulleriñas” supón unha auténtica revolución tanto dentro da literatura decimonónica como dentro da literatura norteamericana deses tempos. Ademais coa introdución do personaxe de Jo cambia todos os esquemas no tocante aos personaxes femininos na literatura da época.  

Argumento

A obra reproduce tanto na súa estrutura como no tema a coñecida novela alegórica de John Bunyan “O progreso do peregrino”, de aí que moitos dos títulos dos capítulos sexan alusións directas a esta obra. Ao mesmo tempo, cada irmá March está caracterizada por un defecto: Meg, vanidade; Jo, ira e acenos varonís; Beth, timidez; e Amy, egoísmo. A través das leccións que irán aprendendo “ó longo do camiño”, conseguirán mellorar e superar estes defectos.
No transcurso da novela, as rapazas traban amizade co veciño do lado, Laurie, que se converte no mellor amigo de Jo. O libro describe as actividades das irmás, temas máis tristes ou máis alegres, incluídas as friccións que hai entre Jo e Laurie.
Ademais de moi entretida a obra amosa de xeito maxistral o contexto histórico da época.

Josephine (Jo)

         E a segunda das fillas e apaixonada da escritura. Ao comezo da novela ten 15 anos. É a que ten un aire máis masculino na historia. De carácter forte, choca de cando en vez con Amy. Xunto con Beth, a pequena, axuda as persoas necesitadas da súa cidade. A súa relación con Beth é máis estreita que coas outras dous, Meg e Amy.
         En certa ocasión, Jo corta os seus fermosos cabelos (o seu máis prezado ben) para obter diñeiro e que a súa nai poida visitar ó seu pai ferido durante a Guerra. A pesares da súa fonda amizade con Laurie, non acepta casar con el. Finalmente, casará cun profesor de orixe alemana, Bhaer e terá dous fillos: Rob e Teddy.

         Teño pasado moi  bos momentos lendo esta novela e por suposto o personaxe favorito para min fora sempre Jo; a súa liberdade, as ganas de vivir, así como o non ter medo aos convencionalismos dunha época chea deles, seguen a ser un exemplo aínda para nós nestes tempos.
         Ben por Jo!


                                                                  María José Martínez Girón


martes, 11 de febreiro de 2014

A nosa casa



A nosa casa (4)



Falemos agora dun cadro que a nosa casa custodia con certo orgullo. Un cadro pintado por J. Seijo Rubio no ano 1942. O tema é galego, entra dentro do paisaxismo do primeiro terzo do século XX. Unha igrexa rural, con soportal. Un pastel cunha gama cromática ben fina.

Hai cadros seus no Pazo da Deputación coruñesa, no casino coruñés, no Pazo de Mariñán, na capela de Ois, e no Museo de Belas Artes da Coruña, do que foi co-fundador, e tamén director ata a súa morte, acaecida en 1970.

Pero ademais, Seijo Rubio foi catedrático de Debuxo e Caligrafía no noso instituto moitos anos. Eu non era consciente, ata que este día (xa no Nadal) atopeime cunha profesora que me axudou a aprender a escribir cando tiña catro anos. Ao saber que traballo aquí, recordou que ela –que agora ten 80- tamén estudou no noso instituto e foi aí cando me fixo saber que lle dera clase de caligrafía Seijo Rubio. Logo, falando do tema con Xulio Cuba, comentoume que a boas horas… El ten fotocopiado un caderno que está gardado no instituto, daqueles cadernos de caligrafía do ínclito profesor.

As voltas que dá o mundo… Debo dicirvos que a fama dos seus métodos, de Seijo Rubio, pasou incluso ao refraneiro. Esperade que vos busco un refrán (recollido por Vázquez Saco, nº 18194)) onde se cita: O que non é burro, le no rubio.

Non está mal, que me dicides? Un refrán datable (unha especie de rara avis). Ten que ser por forza posterior a 1881, data do nacemento deste bo pintor.


(Foto de Mario S. García)


luns, 10 de febreiro de 2014

Temas e motivos (6)

Temas e motivos (6)
Outro libro con mapa: Las Ratas, de Miguel Delibes.

 
No mapa (na 10ª ed. de Destino, ano 1983) hai unha elevación do terreo, un pequeño outeiro, chamado “Pezón de Torrecillorico”.  Chamoulle así un habitante do lugar que xa morreu, e quedoulle; nese nome percibimos a mesma forma metafórica de designar topónimos que encontramos no galego mámoa. Pola morfoloxía corporal. Tamén hai en toponimia moas, cabezas, cabezos, gargantas, morros, brazos de mar, Punta Nariga, Ojos del Guadiana

A novela é das que máis me gustan deste prolífico autor. Recibe o título dos animais que caza o pai do protagonista, el tío ratero. En galego chámanlles a esas ratas de auga, aguanas  ou aghuanas (así con gheada pronunciaba o meu sogro, dezao). Non é a única que ten como personaxe principal un neno (El Camino, boa parte de La sombra del ciprés es alargada, varios relatos breves…), pero este non é un neno calquera. É un ser humano en comunicación franciscana co creado. Para o Nini, como para san Francisco de Asís, como para algúns poetas marabillosos (o Guillén de Cántico, por exemplo), a Terra está ben feita. Hai en toda a novela unha absoluta simplicidade, malia a dureza da vida e dos traballos, unha a xeito de pureza que envolve coma a aura de santidade a esta criatura que goza dos animais, da paisaxe, do amor sen palabras, a quen lle regugnaba la muerte en todas sus formas, que axuda a todos sen facer distingos,  e que  non quere nin esixe máis que seguir onde está. Que non é pouco.

O Delibes de Las Ratas recórdanos ao Fernández Santos de Los bravos, a Anxel Fole, a Neira Vilas, a Otero Pedrayo tamén. Podiamos chamalos autores ruralistas en certo modo. Un vínculo de unión con don Ramón O. Pedrayo é a presenza da Tradición: réndelle culto no tempo marcado polos nomes dos santos (63 referencias ao santoral, sen contar as formas repetidas, póñovolas máis abaixo, por se tendes curiosidade en ver a riqueza de nomes que a tradición fornece aos habitantes do campo castelán).

Outra faceta que engancha deste libro é o contido etnográfico. Estaba o sábado na aldea, chovía seguido, e dixen, vou ver como define esta vella enciclopedia (herdada xa do meu pai, da ed. Sopena, escrita nos anos 50) a entrada Etnografía, e encontrei un dato curioso que fala do ‘Periplo de Hannon’, unha das primeiras crónicas con datos etnográficos (“razas” –entre comiñas porque agora sabemos que só hai unha raza, a humana-, pobos, costumes, tradicións…) coñecidas: este xeneral, Hannon, recibe orde do Senado de Cartago de explorar a costa atlántica africana e obedece e chega ata máis abaixo do río Senegal, e isto no século VI -segundo Plinio- antes da nosa era, mil novecentos anos antes de que os portugueses repetisen o percorrido. Non me importaría lelo (foi traducido do púnico ao grego no s. IV d. C.; o púnico está estreitamente emparentado co fenicio, do que tomamos o alfabeto).
Delibes verte por onde queira desa clase de contidos.  Por ex., cando fala da matanza e dinos que descalzaban  o porco e comían as chitas (ósos do pé). Dediqueime a preguntar e indagar e creo que se pode dicir que non, que aquí en Galicia non se comen eses ósos. Miña nai, valdeorresa, díxome que o primeiro día de matanza comíase o fígado e os riles (vísceras en xeral, como é o normal en todas partes do noso territorio) e o seguinte día, o da desfeita, cómese o solombo e parte das costelas, cousa boa. Si que lin, en troques, en Neira Vilas -no libro Aquel neno- que os rapaces lambiscaban  nas uñas. Pero o que é o pé, a pata, bótase ao sal (así mo dixo Román, mozo dezao).
Discrepamos así mesmo á hora de escoller a materia vexetal para queimar e limpar a pel do animal sacrificado: os paisanos do Nini usaban pallas centeas, mentres que nós ou ben colliamos fentos (o común) ou xestas (en Valdeorras). Agora xa nada, todo con soprete.
Tamén aprendín palabras fermosas á hora de podar as cepas: o avó ensínalle ao rapaz, dille:

-Con el jerez o el tinto dejarías dos varas pulgares, dos yemas y un sacavinos, ¿oyes?

Para saber o significado do sacavinos hai que ir ao dicionario especializado en Delibes [http://www.catedramdelibes.com/s.php]. Falando co meu curmán valdeorrés, Manolo, díxome que por Valdeorras distinguen a vara do xeito, á hora de podar a cepa en vaso. Novas palabras, sempre hai novidades se lemos con calma profunda.
Apreciamos ademais, cambiando aínda de tema, como o Centenario presente a proximidade da morte que vén por el, sente enriba do teito que o cobre, o voo dos voitres. Curiosa coincidencia, falando como falamos este día da tradición celtibérica da extremadura prehistórica soriana…
E cando experimentan a ameaza da tronada, os habitantes delibianos botan foguetes ao ceo: mentres que aquí (dá fe o relato de Casares, “A tronada”, en Vento ferido) queimamos loureiro, ou oliveira, dos ramallos bendicidos no Domingo de Ramos. 
Un concepto a ter en conta, meus queridos, a etnografía. Outro día continuamos turrando deste fío.

[ADDENDA: O SANTORAL DE LAS RATAS:
Una vez -para Santa Escolástica haría dos años
Desde San Zacarías el hombre y el niño bajaban al cauce cada mañana
Por San Sabas le mordió una rata
Si no llueve para Santa Leocadia habrá que resembrar
Por San Dámaso, la señora Clo (…) mandó razón al Nini
Por Nuestra Señora de las Viñas, la fiesta del Pueblo (en xeral)
Para San Félix de Cantalicio haría cuatro años…
Para San Amancio estás de boda, Sabina
Por San Albino el cielo arrasó
Para San Higinio, (…) cobró un hermoso ejemplar de zorro
Por San Aberico, antes de concluir enero, se desencadenó la cellisca
Por San Lesmes (…) le brindó una oportunidad
Por San Severo se fue la cellisca y bajaron las nieblas
Para San Andrés Corsino el tiempo despejó
Por San Sabino, cuando retornó a la cueva la comisión
Para San Sergio concluyó el plazo
Al día siguiente, San Valero…
Por San Baldomero el Nini descubrió (…) el primer bando de avefrías
Por Santa Oliva haría cuatro años
Le dijo por el Santo Ángel…
Para San Victoriano (…) los copos empezaron a descolgarse
Por San Simplicio(…) sintieron la engañosa llamada de la nieve
Por San Melitón salió el sol
Hacia San Segundo caían todos los años…
Por San Braulio…
Para San Ruperto y San Juan haría dos años…
Desde San Juan Clímaco, decía…
Si no llueve para San Quinciano…
Por las Marzas, que este año cayeron por San Porfirio…
Por San Andrés Hivernón perdió un ojo la perra
Por San Juan de Ante Portam Latinam parió la perra
Por San Blas (…) apenas iba mediado el duro invierno de la meseta (en xeral)
Y llegada la Conversión de San Agustín… (en xeral)
El tiempo continuaba áspero por Santa María Cleofé
Por San Lamberto, las nubes se disiparon
Por San Fidel de Sigmaringa…
Por San Celestino y San Anastasio…
Al día siguiente, la Resurrección de la Santa Cruz…
A partir de San Gregorio Nacianceno
Cuando por San Bernardino de Sena
De Virgen a Virgen, fechas en que más arreciaba la canícula (en xeral)
Tras la merienda de Santa Elena y San Casto… (en xeral)
Por San Vito se abre el cangrejo
Por Santa Elena y San Casto no hubo ratas para nadie
Una tarde, la víspera de San Restituto
Por Santa Petronila y Santa Ángela de Merici
A la tarde siguiente, San Francisco Caracciolo, falleció el Centenario
Al día siguiente, San Bonifacio y San Doroteo…
Por Nuestra Señora de la Luz brotaron las centellas en el prado
Al día siguiente, San Erasmo y Santa Blandina
Dos días más tarde, el Triunfo de San Pablo
Al día siguiente, San Medardo
Aguardaban la lluvia por Nuestra Señora de Sancho Abarca o por San Saturio (en xeral)
Cundió un optimismo prematuro por San Basilio, el Magno
Una semana atrás, por Santa Orosia
Por San Vito se abrió la veda del cangrejo
Pero por San Protasio y San Tribuno, la Sime enfermó
Por Santa Editruda y Santa Agripina, la Simeona se restableció
Un despiadado sol de fuego se elevó (…) por la Preciosa Sangre de Nuestro Señor
Por San Miguel de los Santos, los cuetos amanecieron …
Antes de San Auspicio no empiezo
Va a ser peor que la de San Zenón (fora no ano 53)
Por San Máximo lo cumple]


martes, 4 de febreiro de 2014

LENDO A JUAN GELMAN

Esta mañá, Julia Pedrido, a nosa nova colaboradora co grupo de lectura dos venres, profesora de lingua española e muller de fina sensibilidade literaria, estaba feliz. Propúxolles aos rapaces que se interesasen pola obra do poeta arxentino falecido hai pouco, e tres nenas viñeron con cadanseu poema previamente seleccionado. As tres leron con sentimento, con corrección, con moito respecto. Quédome con este, lido por Lucía Blanco:
Arte Poética

Entre tantos oficios ejerzo éste que no es mío,
como un amo implacable
me obliga a trabajar de día, de noche,
con dolor, con amor,
bajo la lluvia, en la catástrofe,
cuando se abren los brazos de la ternura o del alma,
Cuando la enfermedad hunde las manos.

A este oficio me obligan los dolores ajenos,
las lágrimas, los pañuelos saludadores,
las promesas en medio del otoño o del fuego,
los besos del encuentro, los besos del adiós,
todo me obliga a trabajar con las palabras, con la sangre.

Nunca fui el dueño de mis cenizas, mis versos,
rostros oscuros los escriben como tirar contra la muerte.

Pregunto coma unha nena pequena:
-Que significa aquí ‘tirar’, disparar? Loitar?
Afirman. Prodúcese un silencio sumarísimo. Eu penso en Pondal. Logo, xa fóra da xuntanza do Club de Lectura, tamén pensarei en Rosalía (cando nos fai saber que escribe porque sente a presión desde dentro: ou escribe ou rebenta).
-Pondal tamén sente coma unha especie de pedra de Sísifo enriba del, o oficio que o destino lle deparou, ser o bardo da  tantas veces ingrata tribo…

Julia fala con amor profundo do vivido,  sentido e vertido ao papel por Gelman. Pregúntanos se oímos falar do que lle pasou á súa neta… Algúns sábeno. Julia ás veces recórdame a Mari Popins, coa súa maleta acugulada de sorpresas. Trae libros fascinantes, sempre chea de propostas e de ideas para mover a mente tenra dos rapaces a que se abra ás novas lecturas. Transmite ben. Pregunto outra vez  ollando para ela:
-Por que Platón botaría fóra da República ideal aos poetas?
-Porque o poeta ve o futuro.
-Pero iso non é necesariamente malo.
-O poeta, se é bo, di as verdades. E iso non gusta.
Aquí calo.
Julia propón para as próximas semanas que leamos algo de dous escritores que eu, persoalmente, non coñezo. Estiveron hai uns días en Santiago –xunto con A. Pérez-Reverte-  cando entregaron o premio San Clemente no Instituto Rosalía de Castro. Un é o galego Pedro Feijoo e o outro o grego Petros Márkaris. Todos estamos de acordo en que o intentaremos. Sempre hai que ler máis. Coñecer os bos e xenerosos.
Esquecíame, tamén lles contei que esa noite lin un poeta hebreo da España plurilingüe do século XI, Selomó Ibn Gabirol, e ten un poema onde di exactamente o contrario que di Gelman. Xa vedes, na vida moitas cousas dependen do enfoque, ou do vivido. Pero quizais me estou equivocando, porque ao final do poema vese que paga tamén el un prezo:

Eu son a poesía e a poesía é a miña escrava.
Eu son a arpa de todos os cantores e músicos.
A miña poesía é unha coroa para os reis.
Unha tiara nas cabezas dos magnates.
Velaquí estou con dezaseis anos
mais a miña mente é coma a dun octoxenario.

[Traduzo ao galego sobre unha versión en castelán de Mª José Cano].

Haberá máis venres. Esperemos.

Temas e motivos

Temas e motivos (5)
Máis de dragóns.

Esta tarde imos de caza (como Perceval no libro de Ferrín, cando sae á procura do Leonlobisco). Imos cazar un par de dragóns. Hai que penetrar no Edda Maior, o libro das vellas lendas e mitos xermanos, dos pobos do norte de Europa.

Oístes falar do Edda? Nel, insisto, hai recitados dos escaldos, que son basicamente xermanos, islandeses e escandinavos, indoeuropeizados, e tamén algo dos francos e dos burgundios. Manexo a espléndida edición de Alianza a cargo de Luis Lerate. A trascrición, en parte autoría, é de Snorri Sturlison. E o termo post quem parece situarse no 1200. Quere iso dicir que antes desa data é impensable que se escribise. Pero si que hai cousas que remiten á época das grandes migracións xermano-europeas (V, VI). Cúmprese unha vez máis con este libro que ler é viaxar, polo Atlántico quizais, sempre afastando as brétemas do tempo pasado, na volta ás raíces de Europa.

O primeiro dragón mítico co que topamos mora debaixa da árbore fundacional, da árbore sagrada (recordemos aquí o tizón de Nadal, conservado no oriente galaico, ata hai pouco polos ancareses, restos aínda da árbore inicial), o Iggdrasil; habita máis abaixo aínda, no inframundo (o Niflheim). Chámase Nídhogg e, naturalmente, voa. Conduce os mortos ao outro mundo (esa función cumpríana os voitres entre os vellos habitantes do extremo da celtiberia, os que viviron en Numancia, Tiermes, Uxama Argaela).
O segundo dragón ao que daremos caza é fundamental na historia de Sígurd ou Sigfrido. Unha historia dunha beleza portentosa, tráxica. El mata o dragón porque lle corresponde: é o heroe por excelencia e debe ser o señor do tesouro que agocha e protexe o dragón. Fai un burato na terra e cando pasa o dragón, saca a espada (ten nome,  Rídil) e féndeo con forza. Fáfnir morre pero antes de morrer hai un diálogo poético, que recollen os vellos escaldos. Sigfrido nese momento é novo, aínda non coñece muller (Gudrun, ou Crimilda, que será a súa esposa; tamén será amado sen posibilidade ningunha por Brunhild ou Brunequilda) e está obedecendo a Regin, quen lle manda asar o corazón de Fáfnir. Sen querer come un pouco (que simbolismo tan alto ten o corazón!) e inmediatamente entende a linguaxe dos paxaros (un don que tamén terá Gudrun, digna compañeira). Entender a linguaxe das aves é un tema delicioso. Todalas aves do mundo de amor dician, ‘leda m’ando eu’: a amiga do poema galego-portugués tamén é capaz de oílas falar. E vistes no comentario de Carril Espido que Manuel María –que en gloria estea-, coñecía igualmente esa linguaxe? Son sempre tempos míticos, aqueles en que o ser humano oe a fala dos animais. Oe e entende. Tempos inmorredoiros. Aparecen en Longa Noite de Pedra (“O Reino”). Non creades que eses tempos son imposibles de recuperar. Son cíclicos. En espiral, coma a nosa galaxia.



 Detalle do relevo da porta da igrexa medieval de madeira de Hyllestad, Noruega. Vese a Sigfrido causando a morte a Fáfnir coa súa espada (aquí chámana Nothung).

martes, 28 de xaneiro de 2014

Buscando palabras

Encetamos, coma quen enceta un bo xamón ibérico, un novo capítulo. Titulámolo “Buscando palabras”. Todos e cada un de nós, á hora de ler un libro, temos que acudir algunha que outra vez ao dicionario. A cuestión é que hai palabras que non figuran nos dicionarios. Esas son as que buscamos neste capítulo. Para min veñen sendo coma pequenos tesouros. Oxalá que ese pensamento aniñe tamén en vós: ver un tesouro nunha humilde palabra.
Imos ver un par de casos. Pero logo contribuíde vós, por favor.
Acabo de ler un libro altamente recomendable do uruguaio Mario Benedetti, La borra del café, e mirei oito palabras no dicionario, non tanto porque ignorase o seu significado (sempre se podía deducir polo contexto), como porque quería saber se “existían” ou non. Falo dunha “existencia” digamos oficial, dentro do dicionario (o DRAE, Diccionario da Real Academia Española). Escríbovolas:
Verborragia (si que viña no DRAE), inexperiente (non vén, pero si existe inexperiencia), cafetomancia (non vén, pero está claro que Benedetti a constrúe sobre o modelo de cartomancia e quiromancia), destediar (non vén, é moi boa esta, destediar o tedio), autodidacto (si que vén, para o masculino rapidamente entran estas novas formas no dicionario: a ver cando entran pilota ou soldada de infantería), renguera (si que vén, eu cría que só existiría renquera), e desarrajar (non vén, está formada sobre descerrajar, co valor de ‘disparar, lanzar’). A dúbida agora é sabermos se algunhas destas palabras, como desarrajar a oíu (entre o pobo uruguaio) ou a inventou. Case que me inclino polo segundo. Benedetti é un grande, un creador: son eles os que necesitan ampliar límites. Pero nunca ousaría negar o xenio do pobo. A dúbida subsiste.
E que vos direi se agora escollésemos un relato calquera de Otero Pedrayo? Aí hainas ás mans cheas, as palabras que se saen do dicionario. Para o noso amado autor ourensán non hai dicionario no mundo que dea cabida á súa expansiva enerxía verbal. Era coma un volcán poderoso, xerando, renovando as raíces vellas. Vén á nosa man Contos de Santos e Nadal. Leamos o relato titulado “O corazón da pedra”. Deixando sen comentar a beleza fonda, saudadosa da materia novelada, deixando fóra expresións para marcar o tempo baseadas nos labores da terra (Era polo tempo da bota do centeo, Pouco despois das mallas; Inda non se abrira a vendima) que tanto me levan os ollos, imos ver cantas palabras se negaron a ser aprisoadas polos dicionarios: No DRAG (Diccionario da Real Academia Galega) non figuran: montelas, palferros, raioso, desengrolar, valados (adx.), canivelas (‘pernas’), comén, despártese. Entre outras menos curiosas. Claro que podemos acudir ao Dicionario de Dicionarios que dirixe Antón Santamarina. Daquela o número redúcese moitísimo. Só hai dúas que non atopamos: montelas e engrosecidas. Non logro saber o significado da primeira e ben que o sinto. A segunda non ofrece tantas dificultades: Falaban deitando as palabras, engrosecidas, como pingotas dunha chuvia grosa que se escachara no ermo. Que son palabras engrosecidas? Redondas, perfectas. Saen cando teñen que saír. Son as xustas e precisas. Aí está o valor do redondo: do gordecho. O valor do ben falado. Seguiremos. Pero tedes que axudar coas vosas lecturas, non o esquezades.