LENDO AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA
A CELA DE OBRA DE PARÍS. O TEMA DAS RECLUSAS

(Ilustracións do Códice Rico para a cantiga afonsina nº 5. No cadro 6 dise que Beatriz entra nunha cela)
Na cantiga afonsina número 5, ESTA É COMO SANTA MARÍA AXUDOU A EMPERADRIZ DE ROMA A SOFRE-LAS GRANDES COITAS PER QUE PASOU, aparece, ou así o interpretamos nós nun traballiño que acaba de ver a luz[1], o tema das reclusas. Imos ver primeiro o texto tal e como foi publicado:
mas hũa cela faria d'obra de Paris, || u se metesse por mays o mund'avorrecer (5: 184‒185). Esta expresión, de obra de, que indica como ou de que maneira se fai algo, podémola documentar en cast. medieval.70 A respecto de obra de Paris, verosimilmente se refire ás celas ou pequenos habitáculos en que se emparedaban moitas mulleres en xeral na Europa medieval, e en concreto as emparedadas ou reclusas de París.71

(Cela das "emparedadas" e capela de Santo Estevo. Foto tirada do artigo citado de M. García Crespo)
71. O fenómeno das reclusas medievais está suficientemente estudiado e hai serias publicacións ao respecto. É común referirse á obra de Berceo sobre a burgalesa emparedada, Oria. Un dos casos máis cedos de documentación na península é do XII: ad cuius ecclesie alam tu [Urrace] nunc, in parvula cellula inclusa, Deo mente devota servis (Anónimo, Donación de la iglesia de San Vicente de la Peña a San Millán, 1131, CORDE). En Galicia tamén hai documentación temperá: ego, dompna Marja, inclusa intra parjetes de Sancto Iacobo de Monte (ano 1209, documentación do mosteiro ourensán de Montederramo, CODOLGA). En Francia sabemos que ao seu paso por Lión, en 1097, o santo Anselmo fora visitar as dúas mulleres reclusas en Marie-Madeleine (L’Hermitte-Leclercq 1988: 228). Centrándonos en París, V. Hugo, en Notre-Dame de Paris alude ás reclusas parisienses e cualifica a irmá Gudule de «esqueleto vivente». L’Hermitte-eclercq (1988: 229, 230) cita media ducia de reclusarías só na cidade de París na Idade Media, alude a un dos primeiros reclusos coñecidos da capital francesa, Jean, no ano 1070 e fala tamén da protección que os reis —especialmente Henrique V e Carlos V— conceden a certas reclusas famosas na vila parisiense. As relacións entre o rei Afonso X e o rei francés Luís son tamén suficientemente coñecidas. Relembremos que Fernando III, pai de Afonso, era curmán de Luís IX de Francia. Afonso casou o seu herdeiro, Fernando de la Cerda, coa filla de Luís IX, Branca de Francia. Quérese dicir con isto que o coñecemento das cousas de París tiña o carreiro aberto para chegar á corte afonsina.

(Outras ilustracións do Códice Rico para a cantiga nº 5)
ALGO DE HISTORIA
Sen querer sermos exhaustivos, á parte do artigo de L'Hermite-Leclercq, podemos traer a colación as verbas de J. Gimeno Casalduero[2]:
No debemos, por supuesto, estudiar ahora a los reclusos. Conviene recordar, sin embargo, que aparecen en Oriente entre los siglos III y IV, y que muy pronto se extienden también por Occidente. En España habla de ellos, «eos quos in cellulis propriis reclusos», el año 646, el concilio VII de Toledo.
No noroeste hispánico é moi coñecido o caso de Astorga[3]. Con respecto ao lugar en que estivo a única emparedada galega da que temos clara constancia, Sancto Iacobo de Monte, puxémonos en contacto co editor da documentación pertinente de Montederramo, o que fora profesor noso na USC, o eximio filólogo D. Ramón Lorenzo[4], a quen moito agradecemos a amable e pronta resposta e díxonos o seguinte, tocante ao caso:
Estiven vendo a ver se atopaba algunha información sobre o lugar, pero non hai moita cousa. Só aparece noutro documento de Montederramo como testemuña "Fernando Eanes, morador en Santiago do Monte".
Este documento está feito en Ferreiros, freguesía de Trabazos (Concello de Castro Caldelas) o 17-1-1348 (na edición de Montederramo, vol. II, p. 1575).
O problema está en que este Santiago do Monte (antes Sancto Iacobo de Monte) hoxe non existe e non descubrín onde podería estar.
No documento de 1209 (vol. I, p. 237) a emparedada e a filla danlle ó mosteiro a herdade que teñen en A Lampaza, que está na freguesia de Santa María de Castrelo (Concello de San Xoán de Río), pero isto non quere dicir que ela estivese encerrada alí.

(Foto do Mosteiro de Montederramo. Todas as fotos foron tiradas de Internet)
A MOTIVACIÓN
Que leva a unha persoa, especificamente a unha muller, a encerrarse nesas terribles condicións (espazo angostísimo, escasa ventilación, escasa comida, illamento extremo do mundo…)?
Hai motivos comúns a homes e mulleres de tipo relixioso: imitación do martirio de Xesucristo e de tantos mártires ao longo da historia, comunicación íntima só con Deus…
No caso de Oria a piedade e relixiosidade vénlle de familia (hai boa ficha súa na páxina da Academia da Historia, https://historia-hispanica.rah.es/biografias/33905-santa-oria). Era unha nena de arredor de nove aniños cando entrou na cela e o seu exemplo foi seguido pola nai. Se lemos con calma o traballo de M. García vemos que na obra do francés V. Hugo fálase dunha muller que foi castigada a esa vida por ser acusada de bruxa, pero no que nós sabemos, ese é un caso moi particular. No caso da protagonista da cantiga afonsina, Beatriz, claramente entraría na cela por afán de afastarse do mundo. Tras sufrir maltrato e inxustiza por parte do esposo, cuñado e outros… prefire esa opción que a mantería totalmente arredada dos homes.
Sinceramente cremos ou supoñemos que moitas mulleres nese duro período da Idade Media preferirían ser donas absolutas do seu destino a ter que sufrir un dominio imposto pola autoridade dos pais ou do home ou de quen for que fose.
Hai un caso de reclusión moi interesante narrado por Cesáreo de Heisterbach[5], un cisterciense alemán que viviu no s. XII, que nos fala dunha muller que foi obrigada a casar con quen non quería polos pais. Ela négase e insiste en que non quere esa vida e os pais finalmente ceden. Ela daquela decide vivir esa vida na cela. Destes casos debeu haber un montón, a muller que escapa para sempre da posibilidade de ser forzada a un matrimonio que non desexa. A muller do relato de Heisterbach experimentará visións celestiais de maneira prodixiosa que a reconfortarán.
.jpg)
(Abadía de Bronnbach. "Brumbach" na obra de C. de Heisterbach. De aí vén a información que recolle o cisterciense sobre a reclusa)
Porque claro, para un crente convencido, a promesa de lograr o paraíso ten moita forza. Así que digamos, en breve síntese que a extrema clausura bríndalle a un ser humano enraizado nas crenzas tal como se vivían nese período da historia, bríndalle -dicimos- a mortificación do corpo coma unha vía para reinar sobre si mesmo, o autodominio e a ascese total como camiño, á súa vez, ao paraíso, á suprema recompensa. Algo que logra, por exemplo, Auria ou Oria:
Sufrié grant astinencia, vivié vida lazrada, / por ond ganó en cabo de Dios rica soldada (estrofa 21 do poema de Gonzalo de Berceo).
[1] María del Rosario Soto Arias, «Algunhas catas fraseolóxicas nas Cantigas de Santa María».
Cadernos de fraseoloxía galega, Nº 26, 2026, págs. 307-427.
[2] https://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/anales-de-literatura-espanola--6/html/p0000009.htm
Imprescindible sobre a obra de Berceo, Vida de Santa Oria.
[3] Cómpre ler o artigo de Marcelino García Crespo, «Apuntes para una puesta en valor de la celda de las emparedadas de Astorga», Argutorio: revista de la Asociación Cultural "Monte Irago", Nº. 37, 2017, págs. 66-70. Dispoñible en: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5802995
[4] Lorenzo Vázquez, Ramón (ed.); Pérez González, Maka (colab.), Colección documental do mosteiro de Montederramo, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2016, 3 vols.
[5] CAPITULUM XXXIX. De puella reclusa, quae Deum et angelos esse dubitans, de corpore egressa, pen qyiritum vidit angelos scilicet et animas, sicque ad corpus regressa est. (Dialogus miraculorum).

Ningún comentario:
Publicar un comentario