xoves, 28 de maio de 2026

LENDO A...

 

ALCUMES NA LITERATURA I

 


 

Sabedes, algúns de vós, como me gustan os alcumes. Esta afección vén de vello. Recordo que hai uns corenta anos, traballando en Pontedeume, período de gratísimas lembranzas (alí coincidín de novo con Carlos Vales, a quen non vía desde os 7, 8 anos, cando estudabamos as primeiras letras en Pura a Ferreña, aí tedes, un alcume xa da infancia…; alí coñecín a Beni, a Lela, a Modesto… que logo volvería atopar no Eusebio…), recordo -dicía- que fixera unha recadádiva marabillosa de alcumes eumeses[1] coa inestimable axuda dunha alumna, Marta T. S., chea de vida e de enerxía, espero que lle fose ben na vida…

Sería un proxecto grandioso para o meu humilde entender facer un dicionario de alcumes literarios pero moito me temo que ningún mo publicaría e traballar para nada (traballar para o inglés, dicía o meu pai, coruñés) xa non apetece. Así que case mellor, vos vou pasando información aos pouquiños e xa irei vendo eu se vos interesa, se os ledes ou non…

Imos comezar con Eliseo Alonso e os seus Contos do Miño. Cando se ofrece explicación, o cal non sempre sucede, nin moito menos, tamén vola ofrezo eu a vós.

O Fadista (estivera 30 anos en Portugal)

O Araño

O Fanecas

("A Faneca", obra en bronce de José Molares. Podedes contemplar esta escultura en Vigo)

 

O Toupeira (enterraba mortos)

O Morcego (era sancristán)

Don Íbero (este personaxe andaba sempre coa historia a voltas: non me digades que non é un alcume boísimo)

A Pulítica (gustáballe ter un palique pulitiqueiro)

O Matacristos (chamábanlle deste xeito porque dunha vez rompeu co carro un cruceiro).

Ata aquí por hoxe. Imos aos poucos. Un par de observacións sobre os alcumes: non a todo o mundo lle gusta ter alcume. Mais tamén é verdade que moita xente o leva con calma ou con normalidade… Doutra banda, hai alcumes de alcumes, claro… Os que derivan dun antropónimo familiar ou da profesión dun ancestro (Pepe de Vitorino, Lelo o de Camilo, O do muiñeiro, O Mineiro…) non teñen por que amolar, ou iso creo eu. A nosa nai contábanos, en troques, que en Valencia (do Sil) había un tal Aioz (alcume) que en canto se sentía chamar así, corría tras os rapaces con non boas intencións… E xa, á derradeira, vouvos narrar unha anécdota que nos contaron hai tempo de primeira man. Resulta que chegou a Redondela, destinado polo traballo, un a quen avisaron de que tivera coidado porque alí a todos lles poñían por menos de nada un alcume. Daquela el tivo en conta o aviso e o primeiro día na taberna, tras trabar amizade cos que bebían alí, confesoulles que sabía do costume de alcumar a xente pero que el non estaba preocupado porque ía prevenido. E xa este primeiro día foi “bautizado”.  O prevenido foi o alcume que lle quedou. 

(Pontedeume, vista antiga. Gardamos moi boa lembranza da nosa etapa docente en terras eumesas)

 



[1] Pódese ver en: “Estudo dos alcumes de catro localidades galegas”, Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega "Frei Martín Sarmiento": Santiago de Compostela, 2, 3 e 4 de setembro de 2002 / Luz Méndez (ed. lit.), Gonzalo Navaza Blanco (ed. lit.), 2007.

Ningún comentario:

Publicar un comentario