xoves, 11 de outubro de 2018

A CORUÑA


A CORUÑA

 (Estatua de Porlier na Praza de España na Coruña. Descansa no cemiterio coruñés. Na Coruña atopou amigos liberais)


O día de san Miguel celebrouse a festa de Pastoriza en Arteixo e con ese gallo houbo música, baile, postos de venda de artesanía, roupa, melindres… e á noitiña houbo unha actuación teatral. Representouse a parte final da vida de Juan Díaz Porlier. 



Se abrides a páxina actual da Galipedia poderedes ler datos básicos da súa biografía. Recordade que un dos seus amigos, Sinforiano López, é tamén honrado na Coruña co nome dunha rúa. 



E igual non sabedes que a súa esforzada e sufrida esposa, Josefa Queipo de Llano, era parente do ilustre matemático lucense, Vicente Vázquez Queipo. E un terceiro dato que dificilmente coñeceredes moitos de vós: esoutro bo amigo que tiña en Pastoriza, José Rojo del Cañizal, era dono do pazo chamado de Villariza e a xente do pobo deu en chamar a esa familia liberal con posterioridade aos feitos dos que falamos, os rojillos.

 (Salvo a primeira, tomada de Internet, todas as fotos foron feitas polo fotógrafo Raúl Vázquez. Nótase a súa arte en todas elas)


O guion da obra foi feito por Henrique M. Rabuñal e Miguel Sande, sobre unha idea de Xabier Maceiras. A posta da escena foi cousa do grupo As Melandrainas, e os protagonistas (que me desculpen os demais actores, porque non sei os seus nomes) foron Ana Mª Castiñeira Ures, no papel de Josefa, e Roque Ruiz Soto no papel de Porlier. 

O que si sei é que traballaron un montón, para facer os traxes e as espléndidas armas. A obra representouse no adro do santuario de Santa María de Pastoriza e foi un éxito de público. Titularon o espectáculo co nome Porlier en Pastoriza. E antes de empezar deron as grazas a Grilo, a Pila a costureira, aos donos do Mesón, a Repsol, ao Concello, á Deputación e a don José, o párroco de Pastoriza.



A min persoalmente impresionáronme –á parte do traballazo dos actores e da estupenda posta en escena de toda a tramoia relativa á forca…, a presenza impoñente dos cabalos, a mestría dos actores que os montaban e dos actores todos- un par de cousas: unha, a teimosía, a valente defensa dos ideais constitucionais por parte daquel home, inda a sabendas do moito que arriscaba (como sorprende saber que nesa época, principios e en xeral todo o século XIX, houbo varios pronunciamentos liberais, que ansia infinita de liberdade leva dentro o ser humano…), e dúas, a forma tremenda de ser degradado, quítanlle o título de mariscal que tan honrosamente gañara pola defensa de España na Guerra de Independencia, arríncanlle a roupa que o simbolizaba e afórcano vilmente… E logo nin se sabe en que parte do cemiterio herculino descansan os seus restos. Triste fin. 

Durante a representación, moito oímos a palabra España. Pronunciada con sentimento, repetidamente vítima dos mesmos males. Emporiso, a nobreza daquel matrimonio, a conciencia plena de que loitaban por unha boa causa en beneficio dos máis, perdura e sobreponse sobre a profunda saudade que produce sabermos que na historia se teceron e tecen moitas inxustizas.













xoves, 27 de setembro de 2018

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


              Tipos de mazás galegas
Mingán:
¨Pero de Míngaño¨ ou ¨Pero Mingán¨. Estendida por Coruña e Lugo. É de cor verde, ten a carne firme, branca e celmosa. Considerada unha das mellores.
(Mingán)
Ollo Mouro:
Da zona de Ortigueira. Ten cor parda,madura en outubro-novembro e conservase ata abril-maio.

(Ollo mouro)
Príncipe:
¨Mazá de ollo¨ou ¨Asturiana¨. Moi coñecida na zona de Ferrol. Ten cor amarelo-avermellado e ten a carne moi branda. É algo doce cun punto de adstrinxencia. Madura en outubro-novembro e consérvase ata marzo.

(Príncipe)
Príncipe grande:
Atópase na zona de Pontedeume. Ten cor vermella, a súa carne é branca, celmosa e semiaceda.

(Príncipe grande)
Camoesa:
Ten cor amarela e é doce.Á súa carne é branca con moita auga. Recóllese en setembro.

(Camoesa)
Xosé Antón:
É una mazá bicolor, a súa carne é branco-amarela,pouco aceda e pouco doce e moi aromática. Madura en outubro.

(Xosé Antón)
De peruco:
Ou ¨Repinaldo roxo¨. Ten unha cor amarelada e encarnada; a súa carne é branca amarelada, aceda e cun sabor singular. Maduración serodia e conservción ata abril.

(De peruco)

Coiro de sapo:
Moi estendida. Mazá de pel parda. Ao recoller incomible mais ao madurar convértese en branca e celmosa. Recóllese en outubro.

(Coiro de sapo)

Coruñesa:
Mazá de cor verde e carne branca con pouca sabor e aroma. Recóllese a principios de outubro.

(Coruñesa)
Anisete:
Tamén coñecidas como ¨De Santiago¨ ou ¨Agostina¨. Ten cor amarelo e o seu sabor é doce anisado. Medra a finales de xullo (Santiago) e agosto.

(Anisete)

Roxelia:
Tamén chamada ¨Sta. Filomena¨ Atópase na costa coruñesa e lucense. É amarela e con raias vermellas, algo aceda e doce. Sobre todo úsase para facer sidra.

(Roxelia)

Sangue de touro:
Moi estendida, a súa cor é vermella, ten a carne firme e algo verdosa. É algo adstrinxente. Recóllese a finais de outubro e consérvase ata febreiro.

(Sangre de touro)
Reineta raiada:
De Ferrol. É vermella, ten un sabor acedo e é adstrinxente. Ten alto rendemento para facer sidra.

(Raineta raiada)
Tres en cunca:
¨Cacharela¨ ou ¨de inverno¨
É unha mazá moi estendida, ten unha cor verde-amarela. A súa carne é aceda e agradable. Recóllese en novembro e consérvase ata abril.

(Tres en cunca)
Toca pandeiro:
Orixinaria do Salnés. É unha mazá bicolor, ten unha carne celmosa,un nivel alto de acidez e é moi pouco aromática. Recóllese en setembro.

(Toca pandeiro)
Tabardilla:
Moi rústica. Ten unha cor parda sobre fondo amarelo. É saborosa e celmosa. Madura en setembro-outubro e consérvase ata febreiro-marzo.

(Tabardilla)

 
                                                                Marta Lampón Sánchez, alumna de 2º de bacharelato do ‘Eusebio da Guarda’. (traballo de aula feito cando Marta cursaba cuarto da ESO)

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
(Nota:
Desde o punto de vista dun filólogo, ou dunha filóloga –neste caso concreto, unha filóloga a quen moito lle gustaron sempre as mazás, sobre todo as acedas, e a quen sempre lle magoa a perda inexorable de variedades e a invasión de castes vindas de fóra-, quizais a máis interesante de todas estas mazás sexa a camoesa. A palabra garda relación co ilustre apelido, o grande poeta portugués fillo de pais galegos? Moi probablemente, si garda. Non ten perda a entrada no dicionario de Corominas e Pascual, s. v. CAMUESA. Non descarta un par de posibilidades que tamén nós, na nosa modestia –toda vez que nos situamos na proximidade deses grandes filólogos-, compartimos. Primeiro, admite que o nome da mazá veña dun antropónimo (dun apelido: igual que a voz latina mazá tamén vén do nome do experto en agricultura que a “creara” ou cruzara ou inxertara [Caius Matius]); en segundo lugar, non nega a posibilidade de que a voz camoesa teña a orixe aquí, no vello territorio galaico-portugués, que de aquí pasase ao dominio central, castelán, e que de aí o tomase o catalán. Tampouco debemos esquecer aconsellarvos que leades no DdD (Diccionario de dicionarios de A. Santamarina) o que di Sarmiento sobre as mazás. Sempre é un pracer ler ese ilustrado. E xa á derradeira, coméntovos algo da documentación desa raíz: no CODOLGA vemos: Camoos (xa coa consoante nasal intervocálica ausente ou traspasada a nasalidade ao vocalismo) en 1078; Camuda como apelido no século XII; en 1266 documéntase no Corpus Xelmírez Ruy iuglar de camoez, e nese mesmo século hai variantes próximas: Iohan Fernandes de Camoes. É importante que vos diga que o territorio desta documentación é o sur de Galicia (Baixo Miño, Bispado de Tui, Baiona), porque teño entendido –así o lin nalgures- que os pais de Luis Vaz de Camoens baixan ao centro de Portugal desde o norte, zona de Vila Real…
Rematamos xa: hai refrán antigo en galego que di: Cúllete desas, que son camuesas!, que vén sendo equivalente ao modismo coloquial castelán ¡chúpate esta! Alude, en principio, ao líquido celmoso que deitan esas saborosas mazás, cada vez máis raras de ver. Esta nota é de Mª Rosario Soto).