TEMAS E
MOTIVOS (4)
OS
DRAGÓNS.
O dragón é un motivo mítico. Supoño que
suxeito a modas, como moitas outras cousas na literatura e na vida. Agora,
nestes mundos que corren, teño entendido que hai libros que son levados á
pantalla exitosamente nos que aparecen dragóns. Quizais por estaren inspirados
nunha época rica en mitoloxías, a Idade Media. Vós igual sabedes dicirme o
título da saga na que estou pensando.
De primeiras un estaría disposto a crer que o
dragón vén de Asia, dos ceos imperiais de Oriente. Non o negaría eu. Así e
todo, na Europa que ten como padroeiro a san Xurxo (Cristimil en Galicia, Cataluña,
Inglaterra, Rusia), ben coñecen o dragón vencido pola épica espada do heroe.
Na península ibérica, entre nós, o dragón
experimenta unha especie de pseudo-cristianización: entra en contacto cultural
co demo, co diabo, e desa endiañada
conexión parece xurdir o moi literario endriago.
Vouvos traer hoxe un exemplo magnífico, porque magnífica é a obra onde aparece
un dos máis antigos endriagos peninsulares. O Amadís de Gaula. Velaquí un libro que vos aconsello moito ler cando
teñades todo un verán para gozar da boa literatura. Rapazota, rapazote,
adolescente, muller ou home cumpridos, todo ser humano debería deleitarse un
ano da súa vida co Amadís. Creou escola,
tivo continuadores, e Cervantes respectouno e non o mandou ao lume naquela
expurgación feroz da primeira parte do Quijote.
No capítulo 73, na illa do diabo, aparece o Endriago contra o que loitará o
cabaleiro de cabaleiros. Dísenos que tiña escamas durísimas (como a camisa que
lle regala o tío a Frodo Bolsón: delicada e
dura como escamas de dragón), ás no lombo, e o terceiro atributo típico dos
dragóns: bota fogo pola boca, á par que destila un fétido e insufrible alento,
velenoso coma o aire de Mordor, na Terra Escura de Tolkien. Ah!, mágoa que nós
non teñamos unha industria cinematográfica poderosa para levar ao celuloide do
século XXI este Amadís do XV... E inda menos mal que logramos conservar a
versión en castelán, toda vez que a galego-portuguesa se perdeu.





